Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 62 Venres, 28 de marzo de 2003 Páx. 3.827

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

DECRETO 194/2003, do 20 de marzo, polo que se aproba a estructura orgánica da Secretaría Xeral de Relacións coa Unión Europea e Cooperación Exterior.

O pulo da acción exterior de Galicia, nun escenario no que debe reafirmar máis que nunca a súa personalidade e imaxe ante organismos, entidades e autoridades foráneas para a defensa sen reparos dos seus intereses no mundo, aconsella concentrar tódolos recursos e iniciativas na materia nun único centro directivo que dependa funcionalmente da Presidencia da Xunta de Galicia polo cualificado das súas intervencións e organicamente da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, desagregando ese esforzo do non menos relevante de apoiar, estimular e asistir ás comunidades galegas en todo o que precisen, os seus dereitos son e serán os mesmos que os dos galegos residentes en Galicia por resulta-la condición de galeguidade inherente a todos, sen distinción de ningún tipo.

Deste xeito, a Secretaría Xeral de Relacións coa Unión Europea e Acción Exterior, que xa desde a súa creación sempre permaneceu adscrita ó presidente, debe asumi-las funcións que viña desempeñando a Dirección Xeral de Cooperación Exterior, pola súa vez encadrada na Consellería de Emigración e Cooperación Exterior. Así, a eficiencia na xestión dos recursos humanos, orzamentarios e loxísticos desa extinta dirección xeral por parte da agora denominada Secretaría Xeral de Relacións coa Unión Europea e Cooperación Exterior, en consonancia co determinado polo Decreto 22/2003, do 20 de xaneiro, permitirá amplificar máis que proporcionalmente a capacidade de intervención na totalidade das áreas foráneas aludidas.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte de marzo de dous mil tres,

DISPOÑO:

Artigo 1º

De conformidade co establecido polo Decreto 22/2003, do 20 de xaneiro, polo que se determinan os centros directivos dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, a Secretaría Xeral de Relacións coa Unión Europea e Cooperación Exterior quedará baixo a dependencia funcional, directa e inmediata da Presidencia da Xunta de Galicia en tanto que centro directivo de apoio, asistencia e asesoramento ó presidente en tódalas actuacións que, en materia de relacións coa Unión Europea, acción exterior, análise do contorno internacional que incida sobre

as súas competencias e cooperación ó desenvolvemento leve a cabo a Administración autonómica, xestionando ademais os procedementos que desas materias se deriven. A Secretaría Xeral terá rango de dirección xeral e dependerá organicamente da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública.

Artigo 2º

A Secretaría Xeral de Relacións coa Unión Europea e Cooperación Exterior exercerá as seguintes funcións:

a) A execución da actividade europea e exterior da Xunta de Galicia como órgano de apoio, asistencia e asesoramento ó seu presidente, sen prexuízo das competencias substantivas sectoriais que a cada departamento lle correspondan.

b) A cooperación institucional e técnica en apoio das actuacións da Administración autonómica en relación co proceso de integración europea, especialmente naquelas materias relacionadas coas políticas rexionais e sectoriais, así como das diferentes organizacións rexionais europeas non comunitarias.

c) A tramitación das notificacións de axudas públicas e das correspondentes ás actuacións inherentes ás queixas e infraccións comunitarias nas que o Ministerio de Asuntos Exteriores ou a Comisión Europea requiran un único centro notificador e de interlocución.

d) A representación da Comunidade Autónoma nos órganos de cooperación que sobre as cuestións xerais de integración europea, acción exterior e cooperación ó desenvolvemento existan entre a Administración xeral do Estado e as comunidades autónomas, sen prexuízo das competencias substantivas doutros órganos autonómicos.

e) O pulo da coordinación entre os departamentos da Xunta de Galicia para os asuntos relacionados coa Unión Europea e coa acción e cooperación exteriores.

f) A canalización da información que se xere no ámbito da Unión Europea e que sexa de interese para os distintos departamentos da Xunta de Galicia, en particular, e para a sociedade galega en xeral.

g) A elaboración dos plans e estratexias de acción exterior e de cooperación ó desenvolvemento, nos que se determinarán as prioridades xeográficas e sectoriais de actuación da Xunta de Galicia nesta materia, de conformidade co Programa cuadrienal de acción exterior (Procae).

h) Fomenta-la cooperación a favor dos países en vías de desenvolvemento entre os diferentes axentes de cooperación galegos, promovendo especialmente a participación do sector empresarial, a universidade e as entidades locais.

i) Promover relacións de cooperación con entidades e institucións non estatais ou subestatais estranxeiras de tipo asociativo, educativo ou fundacional, de carácter científico, productivo, social

ou cultural, sen prexuízo das funcións substantivas doutros departamentos ou centros directivos.

j) A participación de Galicia nos programas da Axencia Española de Cooperación Internacional en materia de cooperación para o desenvolvemento.

k) Estimular novas vías de cooperación que fixe como obxectivos o Procae, así como a xestión dos convenios específicos que se articulen para a consecución dos devanditos obxectivos.

l) A canalización e tramitación de accións tendentes ó acceso a licitacións internacionais en materias de cooperación ó desenvolvemento e interrexional.

m) O fomento da imaxe integral de Galicia no exterior.

n) Incentiva-la participación social e cívica nas accións de cooperación ó desenvolvemento mediante a realización ou financiamento de campañas de concienciación e sensibilización a favor dos pobos máis desfavorecidos.

o) Promove-la formación e capacitación de técnicos galegos no ámbito da cooperación exterior a través de bolsas ou programas formativos.

Artigo 3º

Para o exercicio das súas funcións, a Secretaría Xeral de Relacións coa Unión Europea e Cooperación Exterior estructúrase nas seguintes unidades administrativas:

1. Subdirección Xeral de Relacións coa Unión Europea.

1.1. Servicio de Asuntos Comunitarios.

2. Subdirección Xeral de Cooperación Exterior.

2.1. Servicio de Fomento da Cooperación ó Desenvolvemento.

2.2. Servicio de Iniciativas de Cooperación Exterior.

3. Subdirección Xeral de Análise e Programación.

3.1. Servicio de Estudios e Coordinación.

3.2. Servicio de Prospectiva e Apoio Técnico.

4. Servicio de Cooperación Interrexional Europea, baixo a dependencia directa do secretario xeral.

5. Servicio de Xestión, baixo a dependencia directa do secretario xeral.

Artigo 4º

Ás unidades administrativas mencionadas no artigo anterior corresponderánlle-las seguintes funcións:

1. Subdirección Xeral de Relacións coa Unión Europea:

a) O pulo, tramitación e coordinación das actuacións que se desenvolvan no ámbito da Unión Europea, tanto no que se refire á presencia directa da Xunta de Galicia nos órganos comunitarios, como

á participación da Comunidade Autónoma nos asuntos europeos en colaboración coa Administración xeral do Estado.

b) O fomento da cooperación entre os distintos departamentos da Xunta de Galicia nos asuntos comunitarios europeos.

c) A canalización e a difusión da información sobre os asuntos relacionados coa Unión Europea.

d) A participación da Comunidade Autónoma nos traballos do Consello de Europa.

1.1. Servicio de Asuntos Comunitarios:

a) O seguimento das actuacións levadas a cabo pola Xunta de Galicia dentro do marco dos organismos comunitarios e, en especial, no que se refire á participación do Comité das Rexións.

b) O pulo da participación autonómica nos comités ou grupos de traballo das institucións comunitarias.

c) O seguimento e información sobre programas comunitarios de interese para a Comunidade Autónoma e a asistencia procedemental na notificación de axudas públicas e queixas ou infraccións comunitarias.

2. Subdirección Xeral de Cooperación Exterior:

Asistirá ó secretario xeral nas súas competencias en materia de acción exterior fóra do ámbito europeo, así como no que atinxe á cooperación ó desenvolvemento, e exercerá a dirección dos servicios dela dependentes, que asumirán as seguintes funcións:

2.1. Servicio de Fomento da Cooperación ó Desenvolvemento:

a) O pulo da acción de cooperación ó desenvolvemento, de conformidade coas prioridades xeográficas e sectoriais de actuación da Xunta de Galicia nesta materia contidas no Procae.

b) Velar polo cumprimento de tódalas medidas precisas para executar fielmente as estratexias de cooperación ó desenvolvemento fixadas pola Administración autonómica e instrucción dos procedementos económicos e administrativos na materia, incluídos os sancionadores.

c) Cumpri-las obrigas que se deriven de acordos subscritos con organismos, entidades ou axencias, e velar polo cumprimento das obrigas das contrapartes ou outros partícipes.

d) Leva-los arquivos e rexistros administrativos que atinxen a axentes de cooperación.

2.2. Servicio de Iniciativas de Cooperación Exterior:

a) Asumi-la preparación dos asuntos ordinarios e de trámite que no seo da acción exterior autonómica teñan lugar fóra do ámbito comunitario ou interrexional europeo.

b) Integra-las medidas de acción exterior coas iniciativas de cooperación ó desenvolvemento para garanti-la súa plena coherencia e complementariedade.

c) Estreita-las relacións cos axentes galegos de cooperación ó desenvolvemento, proporcionándolles elementos de apoio nos campos educativo, formativo, organizativo ou outros conexos, fomentando á vez as súas relacións con homólogos exteriores.

d) Elaborar instrumentos pedagóxicos, divulgativos e de capacitación para harmoniza-las actuacións dos axentes galegos de cooperación coas mellores prácticas recoñecidas por organismos exteriores de referencia na materia, así como subministrar á subdirección as ferramentas e materiais que ó respecto lle demande.

3. Subdirección Xeral de Análise e Programación:

Terá como funcións específicas:

a) A realización de análise e informes sobre a conxuntura económica e política das áreas xeográficas determinadas polas directrices de acción exterior, preparando os documentos e propostas que se lle requiran para unha calibrada adopción de decisións polos departamentos sectoriais. Con esta fin tomará en consideración os índices económicos máis relevantes e a súa repercusión en Galicia.

b) O seguimento do proceso de programación da acción exterior, de conformidade coas pautas marcadas polo centro directivo, preparando os anteproxectos e proxectos con entidades subestatais que se lle encomenden, tendo en conta as achegas das restantes unidades e doutros centros directivos da Administración autonómica.

c) O pulo das medidas administrativas necesarias para implementar adecuadamente os acordos, protocolos e restantes instrumentos convencionais exteriores que subscribira a Comunidade Autónoma con entidades subestatais no exercicio das súas competencias estatutarias.

d) A posta en marcha dos mecanismos de apoio precisos para consegui-la compatibilización entre as políticas públicas autonómicas e as políticas sectoriais comunitarias.

e) A execución das restantes tarefas de coordinación, tramitación e apoio que lle sexan encomendadas pola Secretaría Xeral en relación coas funcións anteriormente descritas.

3.1. Servicio de Estudios e Coordinación:

Serán funcións baixo a súa responsabilidade:

a) Proporciona-los estudios preliminares, materiais e o acceso a fontes que posibiliten a correcta realización das análises e informes citados na letra a) do número precedente.

b) A actualización do inventario e elenco dos compromisos oficiais exteriores, cando destes se deriven dereitos e obrigas de natureza pública para a Xunta de Galicia, como consecuencia da sinatura de instrumentos convencionais de calquera índole.

c) A coordinación material das comunicacións oficiais coa Comisión Europea no que atinxen á aprobación de regulamentacións técnicas suxeitas ás pertinentes directivas comunitarias.

d) Auxiliar ás restantes unidades da Secretaría Xeral en tarefas instructoras e de réxime interior que teñan atribuídas segundo a vixente estructura orgánica, complementando as súas funcións no que fora preciso.

3.2. Servicio de Prospectiva e Apoio Técnico:

a) Identificar e elaborar alternativas técnicas e propostas diversas para axudar a prepara-las negociacións, xuntanzas e encontros de ámbito comunitario e da área de cooperación exterior nos que deba intervi-la Secretaría Xeral.

b) Asistir ás unidades da secretaría na preparación de todo tipo de documentos administrativos que incidan en áreas compartidas.

c) Reforza-las medidas de impulso e execución naqueles ámbitos nos que se detecten acumulacións de tarefas derivadas de continxencias exteriores.

d) Formula-los primeiros borradores e anteproxectos técnicos de iniciativas internas que precise o secretario xeral en execución das súas atribucións.

4. Servicio de Cooperación Interrexional Europea:

Baixo a dependencia directa do secretario xeral responsabilizarase das seguintes tarefas:

a) A dirección da oficina técnica da Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal, que implicará a coordinación e organización en colaboración coa Rexión Norte portuguesa das actividades das comisións sectoriais para a execución dos proxectos, o seu seguimento sistemático e a realización de propostas. A secretaría, organización de visitas e plenarios, divulgación da Comunidade de Traballo e as restantes actividades encomendadas pola súa presidencia, así como o fomento da iniciativa privada no incremento das relacións entre Galicia e o Norte de Portugal.

b) A proxección exterior da Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal, a través da súa coordinación coas estratexias e directrices acordadas nos organismos interrexionais sinalados.

c) A participación da Comunidade Autónoma nos organismos interrexionais non comunitarios de ámbito europeo dos que Galicia forme parte.

d) A difusión da cooperación interrexional europea fóra do marco institucional comunitario, asistindo ó secretario xeral nas funcións que a tal fin sexan precisas.

5. Servicio de Xestión:

Baixo a dependencia directa do secretario xeral encargarase dos seguintes cometidos:

a) O seguimento das relacións de carácter económico-financeiro derivadas dos programas de cooperación interrexional.

b) O asesoramento económico e orzamentario ó secretario xeral nos asuntos que atinxan ó centro directivo.

c) O seguimento da xestión da Fundación Galicia-Europa.

d) A xestión económica e administrativa e a habilitación da secretaría.

Disposición adicional

A Secretaría Xeral de Relacións coa Unión Europea e Cooperación Exterior sucede, sen solución de continuidade, á Secretaría Xeral de Relacións coa Unión Europea e Acción Exterior e á Dirección Xeral de Cooperación Exterior nos recursos, créditos e compromisos que tivesen aquelas asignados ou adquiridos, dando conta inmediata ós organismos, entidades, autoridades ou partícipes exteriores de tal circunstancia, para os efectos oportunos para a cumprimento dos dereitos e obrigas de dar, facer ou non facer validamente constituídos.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ó disposto neste decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública para dicta-las normas necesarias para a execución e desenvolvemento do establecido neste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte de marzo de dous mil tres.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais

e Administración Pública