Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 60 Mércores, 26 de marzo de 2003 Páx. 3.714

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA E ASUNTOS MARÍTIMOS

ORDE do 18 de marzo de 2003 pola que se convocan axudas ós investimentos no ámbito da acuicultura en Galicia por segunda vez para o exercicio 2003.

Mediante orde da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura do 26 de xullo de 2000 (DOG nº 150, do 3 de agosto), modificada polas do 1 de decembro de 2000 (DOG nº 49, do 9 de marzo de 2001) e 26 de novembro do 2002 (DOG nº 231, do 29 de novembro), establécense as bases reguladoras aplicables á concesión de axudas a investimentos no ámbito da acuicultura en Galicia.

No seu artigo 15 disponse o prazo de presentación de solicitudes e documentación, que para as axudas que se deban resolver en 2003 corresponde ó mes de decembro de 2002.

O accidente do pretroleiro Prestige fronte ás costas galegas en novembro de 2002 causoulles danos de diversa consideración ós establecementos de acuicultura situados no ámbito xeográfico afectado polo vertido, danos ós que hai que engadi-los que se produciron nas embarcacións auxiliares pola realización das tarefas de limpeza no mar, nas que este subsector tivo un decisivo papel.

Estas circunstancias motivaron nalgúns casos a necesidade de realizar investimentos non previstos con anterioridade, á vez que dificultaron o acollemento dos xa previstos ás axudas destinadas para tal fin, ó coincidi-lo prazo de presentación de solicitudes co período de máxima actividade na realización das tarefas urxentes de limpeza.

Por outro lado, a Lei 6/2002, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, establece no seu artigo 43, respecto ás ordes de axudas e subvencións, que o prazo de fixación das solicitudes en ningún caso será inferior a corenta días hábiles.

Por todo o anterior,

DISPOÑO:

Artigo único.-Convócanse, por segunda vez para o exercicio orzamentario 2003 e con carácter extraordinario, axudas a investimentos no ámbito da acuicultura, que se rexerán polas bases e condicións e de acordo co procedemento establecido na Orde do 26 de xullo de 2000 (DOG nº 150, do 3 de agosto) modificada polas do 1 de decembro de 2000 (DOG nº 49, do 9 de marzo de 2001 ) e do 26 de novembro de 2002 (DOG nº 231, do 29 de novembro).

O prazo de presentación de solicitudes será de corenta días hábiles contados a partir do seguinte ó da publicación desta convocatoria.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de marzo de 2003.

Enrique César López Veiga

Conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos