A Comisión de Goberno, en sesión celebrada o día 6-3-2002, adoptou, entre outros, o seguinte acordo:
Primeiro.-Aprobar definitivamente o proxecto de urbanización do polígono P-8 Cantón de Cora do Plan Xeral de Ordenación Municipal, correspondente ó estudio de detalle aprobado definitivamente polo Pleno do Concello na sesión celebrada o día 27-12-2002 (DOG nº 604, do 17-1-2003, BOP nº 22, do 28-1-2003), promovido por Bogamar Galicia, S.L., Varinca, S.L. e Vaibem-Const., S.L., redactado polo arquitecto José María Dopico Suárez en data 7-1-2003, e visado polo COAG en data 20-2-2003, coas seguintes condicións:
-Deberá achegarse, antes do inicio das obras, medidas afectivas que hai que tomar para que non se produza unha parada nos bombeos en caso de falta de corrente eléctrica.
-Deberá achegarse, antes do inicio das obras, os cálculos lumínicos correspondentes, para garantir, polo menos, 10 luxes nos itinerarios peonís practicables. Se isto non fose posible, deberá cambia-la luminaria para dar cumprimento a este precepto do Decreto 8/1997 sobre accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas.
-Deberá realizarse o cambio de pavimento nas zonas peonís substituíndo o proxectado (baldosa hidráulica nas beirarrúas e formigón impreso nas ramplas) por adoquín de formigón tanto en beirarrúas como en ramplas).
-Antes do inicio das obras, toda vez que o proxecto incide na servidume de protección do dominio público marítimo terrestre, deberá obte-lo preceptivo permiso outorgado polo Servicio de Usos do Litoral da Coruña.
-No momento inmediatamente anterior ó do inicio das obras efectuarase un replanteo delas en coordinación dos técnicos do departamento de urbanismo.
-Ó remata-las obras de urbanización presentarase a documentación do su estado final de acordo coa rede topográfica municipal, así como o proxecto de iluminación pública cos correspondentes boletíns de instalacións eléctricas, visados pola Consellería de Industria e Comercio da Xunta de Galicia.
Segundo.-Antes do inicio das obras e como condición suspensiva dos efectos do presente acordo
de aprobación definitiva, o interesado deberá presentar un aval polo 100% do orzamento das obras, que ascende a 194.411,39 euros, como garantía de execución.
Terceiro.-Que se proceda á publicación do presente acordo no DOG, así como á notificación de cantos figuran no expediente como interesados.
Recursos: contra o presente acordo, definitivo en vía administrativa, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ó da presente notificación.
Así mesmo, poderá interpoñerse calquera outro recurso que se estime pertinente.
Mugardos, 12 de marzo de 2003.
Ramón Toimil Saavedra
Alcalde