Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 58 Luns, 24 de marzo de 2003 Páx. 3.519

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

UNIVERSIDADE DE SANTIAGO DE COMPOSTELA

RESOLUCIÓN do 11 de marzo de 2003, dos rectores das universidades de Santiago de Compostela, Vigo e A Coruña, pola que se acorda a publicación do convenio de colaboración entre as tres universidades galegas para a creación do Parque Científico-Tecnolóxico Universitario de Galicia mediante consorcio.

As universidades públicas galegas asinaron o 28 de decembro de 2001 un convenio de colaboración para a creación dun consorcio destinado ó desenvolvemento, creación de infraestructuras e organización do Parque Científico-Tecnolóxico Universitario de Galicia, e aprobaron ó mesmo tempo, os estatutos do consorcio.

Estes acordos foron elevados a escritura pública o 26 de febreiro do 2002 perante o notario de Santiago de Compostela, Enrique Roger Amat co nº 99 do seu protocolo.

Procede, en consecuencia, publica-lo acordo de vontades para a creación do Parque Científico-Tecnolóxico Universitario de Galicia, mediante a constitución dun consorcio con personalidade xurídica plena e diferente das tres universidades que a crean, e ordena-la súa publicación no Diario Oficial da Comunidade Autónoma de Galicia.

Por todo o anterior, os rectores das universidades de Santiago de Compostela, Vigo e A Coruña,

RESOLVEN:

Publicar no Diario Oficial de Galicia o convenio de colaboración entre as universidades de Santiago

de Compostela, Vigo e A Coruña para a constitución dun consorcio para o desenvolvemento, creación de infraestructuras e organización do Parque Científico-Tecnolóxico Universitario de Galicia, así como os estatutos do referido consorcio.

Santiago de Compostela, 11 de marzo de 2003.

Senén Barro AmeneiroDomingo Docampo Amoedo

Rector da UniversidadeRector da Universidade de Vigo

de Santiago de Compostela

José Luis Meilán Gil

Rector da Universidade da Coruña

Convenio de colaboración entre as universidades de Santiago de Compostela, Vigo e A Coruña para a creación dun Parque Científico-Tecnolóxico Universitario de Galicia mediante consorcio

Santiago de Compostela, 28 de decembro de 2001.

REUNIDOS

Dunha parte.

Darío Villanueva Prieto, rector da Universidade de Santiago de Compostela, en representación desta institución ó abeiro do artigo 78 dos estatutos da Universidade de Santiago de Compostela.

Doutra parte.

Domingo Docampo Amoedo, rector da Universidade de Vigo, en virtude de competencia atribuída polo artigo 97 dos estatutos da Universidade de Vigo.

E doutra parte.

José Luís Meilán Gil, rector da Universidade da Coruña; en uso das atribucións que lle confire o artigo 65.1.g) dos estatutos da Universidade da Coruña.

EXPOÑEN

O desenvolvemento da innovación universitaria nos últimos anos e a conciencia adquirida de que esta ten resultados útiles para a sociedade mediante a creación de empresas de base tecnolóxica ou innovadora, contribuíu a crear estructuras que faciliten o proceso de cambio da mentalidade simplemente investigadora, a transformación dos seus resultados en empresas que axuden ó desenvolvemento empresarial de Galicia e produzan riqueza.

A propia Lei de reforma universitaria (LRU) establece entre as funcións das universidades, o apoio científico e técnico ó desenvolvemento social e económico, tanto nacional como das comunidades autónomas nas que se insiren as institucións de educación superior (artigo 1.2º), ó considerar, na súa exposición de motivos que a institución social mellor preparada para asumi-lo reto do desenvolvemento científico-técnico é a universidade, que presta un auténtico servicio público ós intereses xerais de toda a comunidade nacional e das súas respectivas comunidades autónomas.

A coordinación entre as entidades de ensino superior de Galicia en materia de transferencia de resultados de investigación é unha preocupación común ás universidades galegas, que motiva a necesidade da unificación de criterios e infraestructuras tendentes a este fin.

Neste contexto considérase axeitado unificar, nun único órgano con personalidade xurídica propia, as accións tendentes á creación e desenvolvemento de transferencia de tecnoloxía universitaria á empresa, a través de parques empresariais universitarios que transformen a innovación universitaria en empresas que xeren riqueza e desenvolvemento social, devolvéndolle á sociedade o que esta achegara mediante as axudas e subvencións á investigación.

Para este fin, as universidades de Santiago de Compostela, Vigo e A Coruña acordan a constitución dun consorcio para dotarse dun Parque Científico Tecnolóxico Universitario de Galicia, de acordo coa seguintes

CLÁUSULAS

Primeira.-A Universidade de Santiago de Compostela, a Universidade de Vigo e a Universidade da Coruña, constitúen un consorcio, de conformidade co establecido no artigo 6.5º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Segunda.-O consorcio terá personalidade xurídica de seu, independente das entidades consorciadas.

Terceira.-O obxecto consorcial será o desenvolvemento, creación de infraestructuras e organización do Parque Científico-Tecnolóxico Universitario de Galicia coas finalidades específicas que se establecen nos estatutos da entidade.

Cuarta.-O consorcio rexerase polos seus estatutos que se aproban polo presente documento e se engaden como anexo ó convenio.

Quinta.-Créase unha comisión de seguimento e interpretación do convenio conformado polos rectores das universidades de Vigo, Santiago de Compostela e A Coruña. As súas funcións serán as de seguimento, resolución dos problemas derivados da súa execución, impulso, propostas de mellora e resolución de conflictos entre as partes.

Sexta.-O presente convenio terá carácter indefinido.

Sétima.-Serán causas de resolución do convenio, a non realización da súa finalidade, así como calquera outro incumprimento grave das cláusulas establecidas. Neste suposto, logo da reunión da comisión de seguimento, poderá darse por resolto e procederase á liquidación conforme o título VII dos estatutos consorciais.

Oitava.-En materia de interpretación e resolución do convenio, e por tratarse de administracións públicas, a competencia xurisdiccional corresponderá á

Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

O que en proba de conformidade asinan as partes en triplicado exemplar no lugar e data indicado up supra.

Pola Universidade de Santiago de Compostela, Darío Villanueva Prieto. Pola Universidade de Vigo, Domingo Docampo Amoedo. Pola Universidade da Coruña, José Luís Meilán Gil.

Estatutos do consorcio do Parque Científico-Tecnolóxico Universitario de Galicia

TÍTULO I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Disposicións xerais.

A Universidade de Santiago de Compostela, a Universidade de Vigo e a Universidade da Coruña constitúen, con personalidade xurídica propia, un consorcio, de conformidade co establecido no artigo 6.5º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 2º.-Denominación e domicilio.

O consorcio denomínase Consorcio Parque Científico-Tecnolóxico Universitario de Galicia, e terá o seu domicilio en Santiago de Compostela, edificio Cactus-Campus Sur, e sedes nas universidades da Coruña e Vigo.

O Consello de Goberno do Consorcio será competente para acorda-la creación de sucursais, delegacións, axencias, representacións ou outras dependencias do consorcio en España ou no estranxeiro para a mellor realización das súas actividades. Tamén será competente para modifica-lo seu domicilio.

Artigo 3º.-Obxecto.

O consorcio, cun prazo de duración indefinida, terá como obxecto o desenvolvemento, infraestructura e organización do Parque Científico-Tecnolóxico Universitario de Galicia, que conforman as universidades de Santiago de Compostela, Vigo e da Coruña. En particular e para estes efectos o consorcio cumprirá as finalidades seguintes:

a) Constituír un centro de referencia en materia de parques científico-tecnolóxicos na Comunidade Autónoma galega.

b) Participación en programas de creación de infraestructuras en materia de parques científicos e tecnolóxicos, I+D+I, empresas innovadoras, etc. que coadxuven ó desenvolvemento, nestas materias, das entidades consorciadas.

c) Incrementa-la transferencia de tecnoloxía universitaria á sociedade galega.

d) Promover plans de cooperación tecnolóxica e empresarial entre as universidades galegas e o seu contorno socioeconómico e empresarial, así como

a coordinación coas administracións competentes, para crear servicios comúns nesta materia.

e) Promove-la realización de estudios, propostas, informes, etc. en materia de tecnoloxía universitaria, de transferencia empresarial de resultados de investigación e todas aquelas relacionadas coas competencias do consorcio, así como elaborar propostas ás entidades ou administracións competentes en materia de investigación aplicada.

f) Promove-la coordinación entre as universidades galegas e a Comunidade Autónoma en materia de transferencia empresarial de tecnoloxía universitaria.

g) Fomenta-lo desenvolvemento das infraestructuras universitarias para facilita-la investigación e a creación de empresas de base tecnolóxica e innovadora.

h) Calquera outra que se lle encomende en relación co seu ámbito de aplicación.

Artigo 4º.-Membros.

1. Son membros iniciais do consorcio a Universidade de Santiago de Compostela, a Universidade de Vigo e a Universidade da Coruña a partes iguais.

2. Poderán formar parte do consorcio outras universidades ou entidades públicas sempre que a súa incorporación permita un mellor cumprimento dos seus fins.

3. A incorporación de novos socios requirirá o acordo unánime do Consello de Goberno e nel determinarase a cota de participación no consorcio. A aceptación dun novo membro implicará a aceptación sen reservas dos presentes estatutos.

4. O abandono dun membro do consorcio deberá ser comunicado polo menos con seis meses de antelación á data de efectividade e aceptada polo Consello de Goberno do Consorcio debendo, en todo caso, cumprir integramente coas obrigacións anteriormente aprobadas polo consorcio.

Artigo 5º.-Personalidade xurídica.

O consorcio regulado nestes estatutos constitúe unha entidade xurídica pública, dotada de personalidade xurídica plena e independente da dos seus membros.

Artigo 6º.-Réxime xurídico aplicable.

O consorcio, como entidade pública que é, réxese polos presentes estatutos, polo Regulamento de réxime interno do Consello de Goberno e supletoriamente:

a) Polo dereito público que resulte de aplicación ás entidades públicas participantes, en especial á organización e funcionamento dos órganos de goberno, de contratos e de réxime orzamentario.

b) Polo dereito privado, cando remita a este ou a iso non se opoña a normativa anterior.

Artigo 7º.-Atribucións.

Para o cumprimento das finalidades descritas no artigo 3º, o consorcio ten, entre outras, as seguintes atribucións:

a) Convoca-los procesos conxuntos ou separados de selección de contratistas para a realización de infraestructuras do parque científico-tecnolóxico en cada universidade ou das entidades participantes.

b) A elaboración de estudios xerais sobre as necesidades comúns.

c) A promoción e coordinación dos proxectos e actividades que se leven a cabo en cumprimento dos fins consorciais.

d) A captación, aceptación, ordenación de cantos recursos económicos sexan precisos para o financiamento dos obxectivos e fins propios do consorcio e das súas entidades consorciadas.

e) A conclusión de cantos contratos ou convenios con persoas físicas ou xurídicas sexan necesarios para o desenvolvemento das súas funcións.

f) A creación de entidades instrumentais para a consecución dos seus fins.

g) A subscrición de contratos-programa entre o consorcio e cada entidade consorciada ou entre o propio consorcio e outras administracións públicas.

h) Calquera outra que, con suxeición á lexislación vixente, poidan garanti-lo completo cumprimento dos seus fins.

TÍTULO II

Capítulo I

Órganos de goberno

Artigo 8º.-Órganos de goberno.

O consorcio estará rexido polos seguintes órganos de goberno:

a) Consello de Goberno.

b) Presidente.

c) Secretario.

O Consello de Goberno será o órgano superior de goberno do consorcio.

Serán membros do Consello de Goberno tres representantes designados por cada unha das universidades constituíntes do consorcio.

No caso de incorporarse novos socios poderá reaxustarse o número de representantes de cada entidade consorciada.

A presidencia do Consello de Goberno será desempeñada cada ano por un dos representantes das universidades consorciadas, elixido na primeira sesión que se celebre, e na que se establecerá a quenda rotativa.

Artigo 9º.-Mandato.

A duración do mandato dos membros do Consello de Goberno será de catro anos, sen prexuízo de poder

ser reelixido pola entidade que representa por períodos sucesivos. Non obstante o anterior, a perda da condición pola que foi elixido na entidade que representa, determina automaticamente a perda da condición de membro do consello.

Capítulo II

Artigo 10º.-Competencias dos órganos de goberno.

1. Son competencias do Consello de Goberno:

a) A aprobación do programa xeral de actividades.

b) A aprobación e liquidación do orzamento ordinario.

c) A aprobación de programas de investimento.

d) A adquisición de bens mobles e inmobles destinados ó cumprimento do obxecto do consorcio.

e) A aprobación de cantos convenios sexan precisos para o cumprimento dos seus fins.

f) O artellamento de programas que reciban achegas do sector público comunitario, estatal, autonómico ou local, e dos sectores privados, universitarios ou organizacións internacionais.

g) A aprobación e adxudicación de cantos contratos sexan precisos para o cumprimento dos seus fins.

h) A autorización e disposición de gastos e pagamentos dentro dos límites orzamentarios, agás delegación expresa.

i) A aprobación de incorporación ó consorcio doutras universidades ou entidades públicas ou privadas, de acordo co previsto nestes estatutos.

k) A aprobación das accións administrativas e xudiciais.

l) Interpreta-los estatutos do consorcio e establece-las normas de réxime interno e as complementarias que sexan precisas, de acordo coa lexislación vixente.

m) Acorda-la modificación dos estatutos, a separación de membros do consorcio por incumprimento, ou a extinción do consorcio.

n) A aprobación de normas de réxime interno do consorcio.

o) Calquera outra de índole xeral e análogas ás anteriores conforme a lexislación vixente.

Poderá nomearse unha comisión executiva de conformidade coas normas de réxime interno do consorcio á que se lle poderán delegar parte das funcións do Consello de Goberno, así como as decisións en materia de xestión ordinaria que afecten á totalidade das entidades consorciadas.

2. Son competencias do presidente do Consello de Goberno:

a) Representar legalmente o consorcio nos actos, convenios e contratos en que este debe intervir e ante as autoridades e tribunais de toda clase, para o que poderá outorga-los poderes que estime oportunos.

b) Velar polo estricto cumprimento dos preceptos destes estatutos, dos acordos adoptados polo Consello de Goberno, en xeral das normas aplicables en cada caso.

c) Executa-los acordos adoptados polo Consello de Goberno.

d) Ordena-los pagamentos.

e) Aproba-las transferencias e as xeracións de crédito.

f) Ordena-la convocatoria das sesións do Consello de Goberno, fixa-la orde do día, presidir e dirixi-las deliberacións.

g) Autorizar, co seu visto e prace, as actas das reunións e as contas e o inventario de bens.

h) Todas aquelas que lle foran delegadas polo Consello de Goberno.

As facultades do presidente do Consello de Goberno, relacionadas coa xestión e administración do consorcio, para a dirección constante e inmediata da súa actividade poderán ser conferidas, mediante apoderamento do mencionado presidente, a favor do director xeral ou da persoa que aquel libremente determine.

O presidente do consello poderá ser substituído temporalmente por ausencia ou enfermidade e para asuntos de simple trámite polo secretario, facendo constar esta circunstancia.

3. Será secretario do consorcio o secretario xeral da universidade que actúe exercendo a presidencia. O secretario actuará con voz e sen voto e terá como funcións levantar acta dos acordos, expedir certificacións e convoca-las reunións por orde do presidente.

Artigo 11º.-Sesións.

O Consello de Goberno reunirase, polo menos, unha vez ó semestre en sesión ordinaria e sempre que o presidente o estime oportuno ou o soliciten, polo menos, o 30% dos conselleiros.

As convocatorias para as sesións do consello, xa sexan as ordinarias ou as extraordinarias, faraas o presidente, ou quen teña delegadas as súas funcións, mediante notificación persoal e escrita a cada conselleiro, dirixida ó enderezo previamente indicado por este.

As sesións convocaranse con, polo menos, seis días de anticipación á data en que deba celebrarse, agás nos casos de recoñecida urxencia a xuízo do presidente. Na convocatoria indicaranse os puntos que se van tratar, o día e a hora, e terán lugar no domicilio social do consorcio, agás que expresamente se indique outro.

Así mesmo, o presidente do consello poderá convocar ás súas sesións a calquera persoa que estime oportuno para os temas relacionados con algún punto da orde do día.

Entenderase validamente constituído o Consello de Goberno para tomar acordos cando en primeira convocatoria concorran á sesión o presidente, o secretario e a maioría dos seus membros, e entre eles, necesariamente o presidente e o secretario.

En segunda convocatoria, a constitución do consello será válida cando asistan un tercio dos seus membros, e entre eles o presidente e o secretario.

Nas citacións ós membros do Consello de Goberno sinalarase o día e a hora da primeira e segunda convocatoria, debendo mediar entre esta e a primeira, un prazo mínimo de media hora.

O Consello de Goberno adoptará os seus acordos por maioría cualificada de dous tercios dos conselleiros presentes, sen que a abstención ou reserva dalgún dos seus membros integrantes impoña a suspensión ou inexecución do acordo adoptado de xeito maioritario.

As normas de réxime interno e estes estatutos determinarán os acordos que esixan da unanimidade dos seus membros.

Artigo 12º.-Sesións especiais.

Cando estean reunidos e presentes a totalidade dos membros do Consello de Goberno do Consorcio, poderán constituírse en Consello de Goberno. Neste mesmo acto procederán a fixa-la orde do día do consello e diso levantarase a correspondente acta.

Artigo 13º.-Votos.

Os votos dos membros do Consello de Goberno poderán delegarse tanto en representantes da entidade que representan como doutra entidade distinta. A delegación deberá constar expresamente e por escrito e o voto delegado considerarase para os efectos de quórum.

A ponderación dos votos poderá modificarse, logo de acordo do Consello de Goberno, en función da integración de novos socios ou da participación no capital do consorcio. O acordo de ampliación ou de incorporación de novos socios incluirá a cota de participación nos órganos de goberno.

Artigo 14º.-Réxime supletorio e de impugnacións.

Os acordos e os actos do Consello de Goberno do Consorcio no non previsto nestes estatutos, axustaranse ó establecido nas normas sobre réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. As súas decisións esgotarán a vía administrativa e contra estas só poderá interpoñerse recurso ante a xurisdicción contencioso-administrativa.

TÍTULO III

Relacións entre o consorcio e as entidades

consorciadas

Artigo 15º

1. O consorcio dentro do seu ámbito promoverá accións destinadas ó desenvolvemento de iniciativas comúns ou particulares de cada unha das entidades

consorciadas. Neste último caso o Consello de Goberno determinará a distribución de bens, servicios e fórmulas de xestión de créditos destinados a este obxectivo.

2. As accións encomendadas ó consorcio poderán ser executadas directamente por este ou ben a través de cada unha das entidades consorciadas, de conformidade co que acorde o Consello de Goberno ou se estableza en normas de réxime interno. A xestión económica poderá realizarse conforme se establece no artigo 20º.

TÍTULO IV

Patrimonio e réxime económico

Artigo 16º.-Patrimonio.

O patrimonio do consorcio pode estar constituído por toda clase de bens, mobles e inmobles, e dereitos de calquera natureza, sen outras limitacións que as establecidas polas leis.

Artigo 17º.-Destino e alleamento do patrimonio.

Os bens inmobles, instalacións ou bens de natureza moble e dereitos que constitúen a dotación do consorcio destinaranse con carácter permanente ó cumprimento directo das finalidades do consorcio, e só poderán allearse a título oneroso e nas condicións establecidas para as entidades públicas.

Artigo 18º.-Recursos.

Os recursos do consorcio están constituídos por:

-As achegas e subvencións outorgadas polas entidades integradas no consorcio.

-As achegas, subvencións, auxilios e donativos doutras entidades públicas ou privadas e as transmisións a título gratuíto que ó seu favor fagan os particulares.

-Os ingresos producto das cotas de utilización dos servicios polos usuarios.

-Calquera outro que lle corresponda recibir.

Artigo 19º.-Orzamento.

O Consello de Goberno aprobará anualmente o orzamento ordinario do consorcio, e igualmente a liquidación de cada un dos orzamentos anuais, así como o estado de contas e balances.

Artigo 20º.-Delegación de pagamentos.

Por acordo do Consello de Goberno poderá delegarse en cada unha das entidades que o compoñen, o pagamento dos compromisos adquiridos polo consorcio. O dito pagamento constituirá efecto liberatorio para o consorcio.

Así mesmo, o consorcio poderá delegar en entidades instrumentais das propias universidades a xestión e organización ordinaria do consorcio.

Artigo 21º.-Participación.

As distintas entidades consorciadas achegarán, en partes iguais, os importes necesarios para o funcionamento ordinario da institución.

No resto das actuacións, o Consello de Goberno determinará a porcentaxe de participación de cada parte. A porcentaxe de participación determinará o grao de responsabilidade de cada entidade.

A responsabilidade polo exercicio de accións comúns será mancomunada en función da achega de cada parte.

TÍTULO V

Órganos de xestión ou de administración

Artigo 22º.-Da administración, xestión e asesoramento.

O consorcio poderá organizarse administrativamente segundo decida o Consello de Goberno, e pode nomear un comité científico e un consello asesor para a avaliación de proxectos ou para as actividades que desenvolva o consorcio.

Artigo 23º.-Director xeral.

O Consello de Goberno poderá nomear, a pedimento do presidente, un director xeral que se ocupe da xestión ordinaria do consorcio. Este director desenvolverá todas estas funcións, para o exercicio das cales o Consello de Goberno ou o presidente o poidan apoderar, de conformidade cos presentes estatutos, en especial co previsto no artigo 10.3º, e co que dispón a lexislación vixente. O director xeral asistirá as sesións do Consello de Goberno con voz pero sen voto.

Artigo 24º.-Persoal técnico e administrativo.

O consorcio, se o Consello de Goberno o considera necesario, poderá dispoñer de persoal administrativo e técnico que terá as categorías, retribucións, dereitos e obrigas que o propio consello estableza. Así mesmo, cada entidade consorciada poderá destinar temporalmente persoal propio para a realización de actividades do consorcio.

TÍTULO VI

Separación de membros por incumprimento

Artigo 25º

O incumprimento grave e reiterado dos presentes estatutos, das súas normas de desenvolvemento e dos acordos dos órganos de goberno do consorcio poderá dar lugar á separación dos membros. Para estes efectos, deberá darse audiencia previa á entidade incumpridora, o acordo tomarao o Consello de Goberno por maioría absoluta dos representantes das restantes entidades. En todo caso deberá cumpri-las obrigas que tivesen contraído.

TÍTULO VII

Modificación e extinción

Artigo 26º.-Modificación dos estatutos.

O Consello de Goberno poderá acorda-la modificación dos estatutos do consorcio sempre que resulte adecuada en interese deste, así como se fose necesario para o mellor cumprimento das finalidades fundacionais.

O acordo de modificación deberá adoptarse de conformidade co disposto no artigo 1.1º dos presentes estatutos.

Artigo 27º.-Liquidación.

En caso de retirada dalgunha das entidades que forman parte do consorcio, procederase á liquidación da súa achega tendo en conta a obriga de asumi-los compromisos adquiridos con anterioridade.

No suposto de que tódalas entidades desexen extinguir o consorcio requirirase:

a) O acordo unánime do Consello de Goberno.

b) O nomeamento dunha comisión liquidadora que se encargará da concreción das cantidades resultantes de cada entidade en función do achegado por cada parte e a distribución do inventario común.

c) Ratificación do acordo da comisión liquidadora polo Consello de Goberno e comunicación ás entidades participantes.

Disposición adicional

O Consello de Goberno deberá constituírse nun prazo máximo de tres meses desde a sinatura do convenio de creación.