Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 58 Luns, 24 de marzo de 2003 Páx. 3.516

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 17 de xaneiro de 2003, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón o rexistro, o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo do sector de industrias e comercio vitivinícolas.

Visto o texto do convenio colectivo do sector de industrias e comercio vitivinícolas, con nº de código 3600815, que tivo entrada nesta delegación provincial o día 14-1-2003, subscrito en representación da parte económica pola Asociación Provincial de Empresarios de Viños e Licores, e da parte social, polas centrais sindicais UGT e CIG, con data do 20-11-2002. De conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, existente nesta delegación provincial, e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 17 de xaneiro de 2003.

Antonio Coello Bufill

Delegado provincial de Pontevedra

Convenio colectivo provincial para as industrias

e comercios vitivinícolas de Pontevedra

Artigo 1º.-Ámbito funcional.

O presente convenio obriga a tódalas empresas que se rexan pola ordenanza laboral para as industrias vitivinícolas, aprobada por Resolución do 29 de abril de 1996, da Dirección Xeral de Traballo do Ministerio de Traballo e Seguridade Social. Quedan obrigadas tódalas empresas e traballadores da provincia de Pontevedra que se dediquen ó comercio e á elaboración de viños e licores.

Por outra banda, este convenio afecta ás empresas que se dediquen dunha forma exclusiva á actividade do comercio vinícola, que se regulará pola ordenanza laboral do comercio.

Artigo 2º.-Vixencia e prórrogas.

O presente convenio entrará en vigor o día da súa publicación no BOP, se ben os seus efectos económicos se retrotraerán ó 1 de abril de 2002. Farase efectivo ós 10 días da súa sinatura.

A súa duración será desde o día 1 de abril de 2002 ata o 31 de decembro de 2003, prorrogándose tacitamente de ano en ano ata a entrada en vigor do seguinte.

Artigo 3º.-Condicións máis beneficiosas.

Tódalas melloras contidas no presente convenio estableceranse co carácter de mínimas. Os pactos ou situacións actualmente existentes en calquera empresa, que impliquen condicións máis beneficiosas respecto ás acordadas no presente convenio, serán respectadas ad personam.

Artigo 4º.-Xornada de traballo.

A duración máxima da xornada ordinaria de traballo será de 40 horas semanais, sendo en todo caso repartida de luns a venres. En ningún caso superarán as 1.784 horas anuais de traballo efectivo.

Artigo 5º.-Horas extraordinarias.

Estas serán as mínimas e imprescindibles e para atender necesidades urxentes e inaprazables, necesitándose, en cada caso, a preceptiva autorización laboral; igualmente respectaranse os límites legais establecidos. Estas horas terán que ser negociadas pola empresa co persoal ou, de se-lo caso, co comité de empresa ou delegados de persoal.

Artigo 6º.-Licencias e permisos.

O traballador, avisando coa posible antelación e xustificando adecuadamente, poderá faltar ou ausentarse do traballo, con dereito a remuneración, por algún dos seguintes motivos e durante o tempo mínimo que a continuación se expón:

a) Matrimonio: 15 días naturais.

b) Intervención cirúrxica do cónxuxe, dos pais, de un ou outro cónxuxe, e fillos: 5 días naturais.

c) Parto da muller: 5 días naturais.

d) Morte do cónxuxe, fillo, pai ou nai dun ou outro cónxuxe, netos, avós ou irmáns: durante 2 días, que poderán ampliarse ata 3 máis cando o traballador necesite realizar un desprazamento para o efecto.

e) Morte do tío ou cuñado: 1 día.

f) Enfermidade grave do cónxuxe, fillo, pai ou nai dun ou outro cónxuxe, netos, avós ou irmáns: durante 2 días, que poderán ampliarse ata 3 máis, cando o traballador necesite realizar un desprazamento para o efecto.

g) Necesidades de atender asuntos propios que non admitan demora: de 1 a 5 días, outorgándose a licencia demostrada a súa necesidade.

h) Cumprimento dun deber de carácter público: polo tempo necesario e preciso.

Artigo 7º.-Excedencias.

1. A excedencia poderá ser voluntaria ou forzosa. A forzosa, que dará dereito á conservación do posto e ó cómputo da antigüidade da súa vixencia, concederase pola designación ou elección para un cargo público que imposibilite a asistencia ó traballo. O reingreso deberá ser solicitado dentro do mes seguinte ó cesamento no cargo público.

2. O traballador cun mínimo dun ano de antigüidade na empresa ten dereito a que se lle recoñeza a posibilidade de se situar en excedencia voluntaria por un prazo non menor de dous anos e non maior de cinco. Este dereito só poderá ser exercido outra vez polo mesmo traballador se transcorreron catro anos desde o remate da excedencia anterior.

3. Os traballadores terán dereito a un período de excedencia, non superior a tres anos, para atender cada fillo, natural ou adoptivo, contado desde a data de nacemento deste. Os sucesivos fillos darán dereito a un novo período de excedencia que, de se-lo caso, porá fin ó que se estivese a desfrutar. Cando o pai e a nai traballen, só un deles poderá exercer este dereito.

Durante o primeiro ano a partir do comezo de cada situación de excedencia, o traballador terá dereito á reserva do seu posto de traballo e a que o devandito período sexa computado para efectos de antigüidade. Unha vez rematado este, e ata o remate do período de excedencia, aplicaránselle, agás convenio colectivo ou individual en contrario, as normas que regulan a excedencia voluntaria.

4. Así mesmo, poderán solicita-lo seu paso á situación de excedencia na empresa os traballadores que exerzan funcións sindicais de ámbito provincial ou superior mentres dure o seu cargo representativo.

5. O traballador excedente só conserva un dereito preferente ó reingreso nas vacantes de igual ou semellante categoría á súa, que houbese ou se producisen na empresa.

6. A situación de excedencia poderá estenderse a outros supostos colectivamente acordados, co réxime e os efectos que alí se presupoñan.

Artigo 8º.-Gratificacións extraordinarias.

Todo o persoal afectado por este convenio terá dereito ás gratificacións extraordinarias de xullo a Nadal, cun importe, en cada unha delas, equivalente a unha mensualidade do salario base máis antigüidade.

Ó persoal que ingrese ou cese no transcurso dun ano aboaránselle estas gratificacións rateando o seu importe en relación co tempo de permanencia na empresa, polo cal a fracción de mes se computará como mes completo.

Todo iso sen prexuízo da paga extraordinaria que, en concepto de participación de beneficios, corresponda a todo o persoal dunha actividade que se regula pola ordenanza laboral do comercio.

Artigo 9º.-Condicións económicas.

Os salarios base serán establecidos na táboa salarial anexa, e terán a súa aplicación desde o 1 de abril de 2002 ó 31 de decembro de 2002, experimentando un incremento salarial do 3,5% en tódolos conceptos que rexen en cada centro de traballo. Para o ano 2003, o incremento será o IPC previsto polo Goberno máis un 0,5%. Unha vez coñecido o IPC real do ano 2003, se este non se corresponde co previsto polo Goberno, a diferencia existente sumarase ás táboas e demais conceptos económicos e percibiranse os atrasos con carácter retroactivo desde o 1 de xaneiro de 2003.

Artigo 10º.-Antigüidade.

En concepto de antigüidade establécense trienios do 8% do salario vixente en cada momento e para cada categoría, non podendo excede-la acumulación de incrementos por este concepto o 60%, como máximo, ós 25 ou máis anos.

Artigo 11º.-Vacacións.

O período anual será de 30 días naturais, e desfrutaranse en dous períodos de 15 días naturais. Un dos ditos períodos desfrutarase entre o 1 de maio e o 30 de setembro e o outro no resto do ano. Todo iso coa excepción de que en cada empresa, empresario e traballadores/as cheguen a outros acordos sobre fixación das vacacións.

O importe das vacacións deberá pagarse antes de comezar o desfrute destas e sobre a base do salario real.

A todo o persoal que antes ou durante o período de vacacións estea en situación de incapacidade laboral transitoria e non por accidente, suspenderánselles ata que o traballador ou traballadora sexa dado de alta novamente, co cal terá dereito ó seu desfrute ou á parte pendente.

Artigo 12º.-Complemento asistencial.

No caso de incapacidade laboral transitoria, derivada de enfermidade profesional ou accidente laboral, a empresa completará ata o 100% do salario do traballador, a prestación correspondente á Seguridade Social, durante un máximo de 12 meses.

Artigo 13º.-Axudas de custo.

A contía das axudas de custo será a seguinte:

Media axuda de custo: 15,50 euros.

Axuda de custo completa: 26,90 euros.

Terán dereito a elas quen, mediante orde expresa do empresario ou persoa que o represente, se vexa obrigado a realizar asuntos ou traballos de carácter profesional por conta e baixo dependencia da empresa, con desprazamentos a lugares distantes do centro de traballo que lle imposibilite o seu regreso ou

lle sexa preciso efectuar comidas fóra do seu propio domicilio ou teña necesidade de desprazarse a localidades onde tamén se lle esixa á misión encomendada unha permanencia que o obrigue a tomar aloxamento.

Artigo 14º.-Complemento de incapacidade.

Todo traballador ou traballadora que teña algún fillo subnormal, diminuído físico ou minusválido percibirá a contía de 55 euros mensuais por cada fillo que se atope na dita situación.

Artigo 15º.-Festividade da patroa.

Establécese como festa da patroa, co carácter de aboable e non recuperable, o día da festividade da Nosa Señora das Viñas, que se celebrará o día 10 de setembro, sendo gratificado o persoal con 120 euros no ano 2002 e 150 euros no 2003.

Artigo 16º-Complemento de locomoción.

En compensación dos gastos de locomoción que ten que face-lo traballador para chegar ó seu centro de traballo, aboaráselle a cada un deles ó seu servicio, a cantidade de 6,21 euros por día efectivamente traballado.

Artigo 17º.-Categorías.

Os choferes que conduzan camións de máis de 3.500 quilos equiparanse a oficial de primeira; os que conduzan camións ata 3.500 quilos terán a consideración de oficial de segunda.

Artigo 18º.-Roupa de traballo

As empresas veranse obrigadas a lles facilitar ós seus traballadores un mínimo de dúas pezas de roupa de traballo por ano. Ós choferes e repartidores facilitaránselles uniformes de traballo acondicionados ás temperaturas de verán e inverno, así como roupas de auga.

Para o persoal de fábrica ou bodega, a empresa facilitará o calzado regulamentario determinado polas normas de seguridade, que se repoñerá segundo as necesidades, así como luvas de seguridade.

Artigo 19º.-Retirada do carné de conducir e multas.

No caso da retirada do permiso de conducir pola autoridade competente, a empresa facilitaralle ó traballador un posto de traballo idóneo de acordo coa súa categoría profesional, sen que con iso mingüe o seu salario. As multas imputables ó traballador serán aboadas por este; no caso contrario, pagaraas a empresa. Esta tamén se fará responsable das multas orixinadas por exceso de carga, mal aparcamento no caso de carga e descarga e excesivos viaxeiros que teñan a condición de ser persoal ó servicio da empresa.

Artigo 20º.-Seguro de accidentes.

A empresa contratará un seguro de accidentes que no caso de morte lle asegure ós familiares dos traballadores afectados unha indemnización de 14.857 euros, e no caso de incapacidade total, de 25.883 euros.

Artigo 21º.-Xubilacións.

Establécese un premio de xubilación de 1.080 euros para o traballador que se xubile entre os 60 e 65 anos, e leve máis de 20 de antigüidade na empresa.

Artigo 22º.-Comisión paritaria.

Para o cumprimento do establecido no presente convenio, créase unha comisión paritaria con facultades de interpretación, conciliación e arbitraxe.

Artigo 23º.-Persoal de comercio.

Todo persoal que preste os seus servicios en actividades do comercio exclusivamente, estará regulado pola ordenanza laboral do comercio, actualizada o 4 de xuño de 1975, naqueles conceptos que esta ordenanza preceptúe condicións laborais de calquera tipo, superiores ás contidas no texto do presente convenio.

Artigo 24º.-Adhesión ó AGA.

As empresas afectadas por este convenio, ante discrepancias xurdidas de interpretación de cada un dos artigos, someteranse ó procedemento de arbitraxe do AGA.

Artigo 25º.-Partes asinantes.

Son partes asinantes do presente convenio, pola representación social, a Confederación Intersindical Galega (CIG) e a Unión Xeral de Traballadores (UGT), e, pola representación empresarial, a Asociación Patronal Vitivinícola e do Comercio de Viños da Provincia de Pontevedra.

Disposición adicional

Contratos de duración determinada.

Estes contratos non poderán ter unha duración superior a doce meses, e pasado o dito prazo, e sen necesidade de ningunha denuncia, o productor converterase automaticamente en fixo, excepto nos casos de reserva de praza por enfermidade ou deber inescusable de carácter público.

ANEXO

Táboa salarial

Ano 2002

CategoríasEuros

Grupo A. Técnicos/as titulados:
a) Con título superior653 A
b) Con título inferior626 A
c) Practicante576 A

Técnicos/as non titulados:
a) Encargado/a xeral de bodega ou fábrica600 A
b) Encargado/a de laboratorio576 A
c) Axudante de laboratorio552 A
d) Auxiliar552 A

Grupo B. Administrativos/as:
a) Xefe/a de primeira626 A
b) Xefe/a de segunda600 A
c) Oficial de primeira576 A
d) Oficial de segunda552 A
e) Auxiliar543 A

CategoríasEuros

f) Aprendiz de 1º ano480 A
g) Aprendiz de 2º ano494 A

Grupo C:
a) Cobrador/a543 A
b) Almaceneiro/a543 A
c) Pesador/a ou basculeiro/a543 A
d) Garda xurado543 A
e) Vixilante ou sereno543 A
f) Porteiro/a543 A
g) Ordenanza543 A
h) Telefonista543 A
i) Mozo ou recadeiro/a543 A
k) Persoal de limpeza543 A

Grupo D. Obreiros/as:
a) Profesionais de oficio:
-Capataz de bodega ou fábrica601 A
-Encargado/a de sección601 A
-Oficial de primeira576 A
-Oficial de segunda552 A
-Encargado/a de cuadrilla552 A
b) Peóns especializados:
-Categoría xeral543 A
-Embotelladora e etiquetadora543 A
c) Peóns:543 A