Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 58 Luns, 24 de marzo de 2003 Páx. 3.507

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 17 de xaneiro de 2003, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón o rexistro, o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo da empresa Real Club Celta, S.A.D.

Visto o texto do convenio colectivo da empresa Real Club Celta, S.A.D., con nº de código 3602212 que tivo entrada nesta delegación provincial o día 3-1-2003, subscrito en representación da parte económica por unha representación da empresa, e da parte social, polo delegado de persoal, en data 24-12-2002. De conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Real decreto lexislativo 1/1995 do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, existente nesta delegación provincial, e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 17 de xaneiro de 2003.

Antonio Coello Bufill

Delegado provincial de Pontevedra

Convenio colectivo da empresa

Real Club Celta, S.A.D.

Artigo 1º.-Ámbito territorial.

O presente convenio colectivo será de aplicación na empresa Real Club Celta, S.A.D., con domicilio social na avda. Balaídos, s/n, abrangue tanto o domicilio social como as demais dependencias dentro da área metropolitana de Vigo.

Artigo 2º.-Ámbito funcional.

Este convenio abarca tódalas actividades existentes actualmente para o desenvolvemento das funcións propias da sociedade e do seu obxecto soial. As condicións aquí pactadas terán o carácter de mínimas obrigatorias.

Artigo 3º.-Ámbito persoal.

Enténdense comprendidos baixo o ámbito de aplicación deste convenio tódolos traballadores e traballadoras dependentes desta empresa, así como os que ingresen no futuro, excluíndose aqueles que segundo a lei poidan saírse do seu ámbito.

Artigo 4º.-Vixencia.

Este convenio colectivo entrará en vigor, para tódolos efectos a partir do 1 de xaneiro de 2002 e ata o 31 de decembro de 2002. Ó remate da vixencia do presente convenio colectivo manterán a súa vixencia todas e cada unha das cláusulas ata a entrada en vigor do seguinte convenio.

Artigo 5º.-Denuncia.

O presente convenio deberá ser denunciado por algunha das partes con dous meses de antelación ó seu vencemento. De non efectuarse ningunha denuncia, quedará prorrogado excepto nos conceptos salariais, que se verán actualizados no IPC que para o ano anterior estableza o INE.

Artigo 6º.-Salarios.

Os salarios para o presente convenio serán os establecidos para cada categoría na táboa anexa. Non haberá discriminacións salariais por razóns de sexo e suprimiranse as diferencias dentro da mesma categoría.

A subida salarial para o ano 2002 será de 42,07 euros.

As categorías de dependenta e telefonista, terán incrementos superiores ata chegar á súa equiparación total no ano 2003 coa categoría de auxiliar administrativa. Así mesmo, o auxiliar do preparador e conserxe tenderán á súa equiparación co peón.

Artigo 7º.-Revisión salarial.

No caso de que o IPC rexistrara, o 31 de decembro de 2002 un incremento superior ó 3,5%, efectuarase unha revisión salarial tan pronto se constate oficialmente esta circunstancia, no exceso sobre a indicada cifra. Tal incremento aboarase con efectos do primeiro de xaneiro de 2002.

Artigo 8º.-Xornada de traballo.

-Persoal de oficina administrativo:

De luns a venres: de 10 horas a 14 horas, de 17 horas a 20 horas.

Sábado ou véspera de partido de 10.30 a 14 horas. Os domingos de partido entrarán hora e media antes de que este teña lugar.

O persoal que traballe o sábado de partido terá dereito a un descanso na semana seguinte dunha tarde. A semana que cadre festivo non se descansará.

Para a xornada de verán estableceranse quendas pola tarde, para que a oficina permaneza aberta. O que acuda pola mañán non acudirá pola tarde, e o que acuda pola tarde non acudirá pola mañá. Estas quendas están supeditadas a un mínimo de 4 persoas para realizalas, de xeito que cada persoa traballe 1 semana cada catro semanas.

-Persoal oficina socios:

De luns a venres: de 10 a 14 horas, de 17 a 20 horas.

Na semana que haxa partido, os sábados traballarase de 10.30 a 14 horas, e os domingos de 10.30 a 14 horas, así como hora e media antes de que teña lugar o partido.

Pola tarde, dependendo se o partido é máis tarde, acudirase 2 ou 3 horas antes do seu comezo. O persoal que desenvolva o seu traballo na oficina de socios terá dereito a un descanso rotativo tódalas semanas. A semana que cadre festivo nos se descansará.

-Persoal de campo:

De luns a venres: de 9 horas a 13 horas, de 16 horas a 19 horas. Sábados: de 9 horas a 14 horas.

Este horario na semana de partido.

Os días de partido acudirán dúas horas antes do comezo do mesmo.

Nas semanas que non haxa partido o horario será:

De luns a venres: de 9 horas a 14 horas, de 16 horas a 19 horas.

-Persoal de limpeza.

De luns a vernes: de 8 horas a 15 horas.

Sábados de partido: de 9 horas a 14 horas.

Sábados sen partido: de 9 horas a 12 horas.

-Persoal de lavandería.

De luns a venres: de 9 horas a 14 horas, de 17.30 horas 19.30 horas.

Sábados: de 9 horas a 14 horas. Respectaranse as melloras que as traballadoras actuais teñan pactadas.

-Persoal de tendas.

De luns a vernes: de 10 horas a 14 horas, de 17 horas a 20 horas.

Sábados: de 10 horas a 13.30 horas, de 17 horas a 20 horas.

Domingos de partido, pola mañán de 11.30 horas a 13.30 horas, e antes e despois do partido 1.15 horas.

Descansarán unha tarde tódalas semanas.

-Xornada de verán para todo o persoal:

Desde o 15 de xuño ó 30 de xullo, todo o persoal realizará xornada de mañá, de 9 horas a 15 horas.

A xornada de verán non é de aplicación ó persoal das tendas.

Na primeira quincena de agosto haberá unha reunión da comisión paritaria co fin de ve-las necesidades do club, torneos, trofeos, campaña de socios, etc... co fin de estudia-la posibilidade de continuar coa xornada de verán os 15 primeiros de agosto.

Artigo 9º.-Horas extraordinarias.

As partes asinantes do presente convenio acordan reducir ó mínimo indispensable as horas extraordinarias.

Terán consideración de horas extraordinarias todas aquelas que excedan da xornada laboral legalmente establecida.

A empresa informará mensualmente o representante dos traballadores do número de horas extraordinarias feitas, especificando as causas e o persoal que as levou a cabo.

En ningún caso as horas extraordinarias poderán supera-lo límite máximo establecido legalmente. En canto ó aboamento ou desfrute das horas extraordinarias, optarase entre aboalas cun incremento do 75% sobre o salario que lle correspondería a cada hora ordinaria ou compensalas por tempos equivalentes de descanso retribuído incrementados, polo menos, na porcentaxe antes indicada.

As horas extraordinarias mediante descanso deberán ser compensadas dentro dos dous meses seguintes á súa realización.

Artigo 10º.-Vacacións.

As vacacións serán de 30 días naturais nos meses de xuño a setembro. O calendario de vacacións fixarase na empresa con dous meses de antelación ó comezo do seu desfrute.

Os períodos de vacacións estipularanse de común acordo entre os/as traballadores/as e a dirección. O seu aboamento realizarase ó seu inicio, na contía de salario real que corresponda por tódolos conceptos salariais.

O desfrute das vacacións será de xeito rotativo entre o persoal. Todo o persoal que antes ou durante o período de vacacións estea en situación de I.T. terá dereito ó desfrute delas ou da parte pendente.

Artigo 11º.-Pagas extraordinarias.

Establécense catro pagas extraordinarias. Todas elas se aboarán na contía correspondente a 30 días a salario real, pagadeiras cada unha delas os días 10 de marzo, 25 de xullo, 15 de outubro e 15 de decembro.

O persoal que ingresou ou deixara de presta-los seus servicios na empresa, calquera que fose a causa, durante o transcurso do ano, terá dereito á parte proporcional destas pagas en relación ó tempo traballado.

Así mesmo, e no suposto de que o clube obtivese un ou máis títulos (campión de liga, campión da Copa S.M. O Rei, campión de Europa, Recopa ou UEFA), así como ascenso de categoría, terase dereito a unha paga extraordinaria por tal motivo na mesma contía có resto das pagas extraordinarias.

Artigo 12º.-Antigüidade.

Os aumentos por antigüidade serán calculados por trienios desde o ingreso na empresa. Estes trienios aboaranse a razón do 8% sobre os salarios do convenio vixente e comezarán a percibirse o mesmo mes no que se cumpra o trienio. De calquera xeito, ningún traballador/a poderá percibir neste concepto contías superiores ás que establece o Estatuto dos traballadores.

De tódolos xeitos respectaranse as condicións máis favorables que veñan desfrutando os afectados polo presente convenio nesa materia.

Artigo 12º bis.-Premio de antigüidade.

Insignia de prata do clube, que se lles outorgará a tódolos traballadores/as que leven na empresa 25 anos ininterrompidos.

Insignia de ouro, outorgaráselles ós traballadores/as que leven na empresa 30 anos ininterrompidos.

Estas medallas terán tamén unha dotación económica de 3 meses de salario para a de prata e de 5 meses para a de ouro.

Artigo 13º.-Licencias.

Os/as traballadores/as, logo de aviso e xustificación, terán dereito a permisos retribuídos durante o tempo e os supostos seguintes:

a) Matrimonio: 16 días.

b) Nacemento de fillo: 3 días laborables.

c) Enfermidade grave, ou morte de parentes ata segundo grao de consanguinidade ou afinidade, dous días e cinco se existise desprazamento fóra da provincia.

d) Traslado de domicilio: 2 días.

e) O tempo necesario para consulta médica de especialistas da Seguridade Social cando, coincidindo o horario de consulta co de traballo, precise esta consulta polo facultativo de medicina xeral, debendo o/a traballador/a presenta-lo volante xustificativo da devandita prescrición médica. Nos demais casos ata un límite de 18 horas ano.

f) As traballadoras por lactanción dun fillo menor de nove meses, terán dereito a unha hora de ausencia do traballo, que poderán dividir en dúas fraccións.

Este permiso poderá ser gozado indistintamente pola nai ou polo pai no caso de ámbolos dous traballen.

A concreción horaria e a determinación do período de aproveitamento do permiso de lactación e da reducción de xornada, corresponderá ó traballador/a, dentro da súa xornada ordinaria. O/a traballador/a deberá avisa-lo empresario con 15 días de antelación da data en que se reincorporará á súa xornada ordinaria.

As discrepancias xurdidas entre empresario e traballador/a sobre a concreción horaria e a determinación dos períodos de aproveitamento previstos serán resoltos pola xurisdicción competente a través do procedemento establecido no artigo 138 bis da Lei de procedemento laboral.

Quen por razóns de garda legal teña ó seu coidado directo algún menor de 6 anos ou minusválido físico, psíquico ou sensorial, que non desenvolva unha actividade retribuída, terá dereito a unha reducción da xornada de traballo, coa desminución proporcional do salario entre, alomenos, un tercio e un máximo da metade da duración daquela.

g) Polo tempo indispensable, para o cumplimento dun deber inescusable de carácter público ou persoal.

h) Por asuntos persoais ou particulares do traballador/a poderá solicitar permiso retribuído de cinco días e sen retribuír ata un máximo de trinta, de común acordo entre empresa e o traballador/a e sempre que na sección non haxa outra persoa na mesma situación.

i) As tardes dos días 24 e 31 de decembro e o 5 de xaneiro, non serán laborables para tódolos efectos. Nos casos de partido non se cobrarían as horas.

k) Morte de parente de primeiro grao: 5 días.

l) Todo traballador/a que se teña que presentar por unha citación xudicial terá dereito a dispor do tempo necesario para asistir a ela, igualmente retribuída pola empresa.

m) O tempo necesario para facer exames.

n) Casamento dun fillo/a: 1 día.

ñ) O non expresamente regulado aplicarase o disposto no Estatuto dos traballadores.

Artigo 14º.-Desprazamentos.

Se por necesidade ou conveniencia da empresa e por requerimento desta, o traballador tivese que desprazarse empregando o seu propio vehículo e con aceptación voluntaria deste, aboaráselle a cantidade de 0.18 euros por km.

Artigo 15º.-Complemento de nocturnidade.

As horas traballadas durante o período comprendido entre as 10 da noite e as 6 da mañá, terán unha retribución específica incrementada nun 30% do salario base.

Artigo 16º.-Excedencias.

Todo traballador/a fixo cunha antigüidade, alomenos, dun ano na empresa terá dereito a que se lle recoñeza a posibilidade de situarse en excedencia voluntaria por un prazo non inferior a dous anos e non maior de cinco anos. Este dereito só poderá ser exercido outra vez, polo mesmo traballador/a, se transcorreron catro anos desde o remate da anterior excedencia.

As traballadoras e traballadores terán dereito a un período de excedencia, de duración non superior a tres anos, para atende-lo coidado de cada fillo/a, tanto que o sexa por natureza ou por adopción, nos supostos de acollemento tanto permanente como preadoptivo, contado a partir da data de nacemento ou, se é o caso, da resolución xudicial ou administrativa.

Os sucesivos fillos darán dereito a un novo período de excedencia, o seu inicio dará fin á que, se é caso, se viñese gozando. Cando o pai ou a nai traballen, só un deles poderá exercer este dereito.

O período no que o traballador/a permaneza na situación de excedencia conforme o establecido neste artigo será computable para efectos de antigüidade e o traballador/a terá dereito a asistencia de cursos de formación profesional na súa participación, deberán ser convocado polo empresario, especialmente con ocasión da súa reincorporación. Durante o primeiro ano terá dereito á reserva do seu posto de traballo. Transcorrido este prazo, a reserva quedará referida a un posto de traballo do mesmo grupo profesional ou categoría equivalente.

No non regulado no presente precepto aplicarase o disposto no artigo 46 do Estatuto dos traballadores e demais normas vixentes sobre a materia.

Sen prexuízo do anterior en casos excepcionais, de común acordo, a empresa e o traballador/a poderán considera-la concesión de situacións de excedencia fóra das legalmente reguladas.

Artigo 17º.-Cambio de postos de traballo por embarazo. Suspensión con reserva do posto de traballo.

No suposto de parto, a suspensión terá unha duración de 16 semanas, que se desfrutarán de maneira ininterrompida, ampliables no suposto de parto múltiple en dúas semanas máis por cada fillo/a a partir do segundo. O período de suspensión distribuirase

a opción da interesada sempre que seis semanas sexan inmediatamente posteriores ó parto. No caso de falecemento da nai, o pai poderá facer uso da totalidade ou, se é o caso, da parte que falte do período de suspensión.

Non obstante o anterior, e sen prexuízo das seis semanas inmediatas posteriores ó parto, de descanso obrigatorio para a nai, no caso de que o pai e nai traballen, esta, ó iniciarse o período de descanso por maternidade, poderá optar porque o pai desfrute dunha parte determinada e ininterrompida do período de descanso posterior ó parto, ben de forma simultánea ou sucesiva co da nai, salvo que no momento da súa efectividade na incorporación ó traballo da nai supoña un risco para a súa saúde.

Nos supostos de adopción e acollemento tanto preadoptivo como permanente, de menores de ata seis anos, a suspensión terá unha duración de dezaseis semanas ininterrompidas, ampliable no suposto de adopción ou acollemento múltiple en dúas semanas máis por cada fillo a partir do segundo, contadas á elección do traballador/a, ben a partir da decisión administrativa ou xudicial de acollemento, ben a partir da resolución xudicial pola que se constitúe a adopción. A duración da suspensión será, así mesmo, de dezaseis semanas no supostos de adopción e acollemento de menores maiores de seis anos de idade cando se trata de menores discapacitados ou minusválidos ou que polas súas circunstancias e experiencias personais ou que por provir do estranxeiro, teñan especiais dificultades de inserción social e familiar debidamente acreditadas polos servicios sociais competentes. No caso de que a nai e o pai traballen, o período de suspensión distribuirase a opción dos interesados, que poderán

desfruta-los de xeito simultáneo ou sucesivo, sempre con períodos ininterrompidos e cos límites sinalados.

Nos casos de desfrute simultáneo de períodos de descanso, a suma destes non poderá excederse das dezaseis semanas previstas, nos puntos anteriores ou das que correspondan no caso de parto múltiple.

Os períodos ós que se refire o presente artigo poderán desfrutarse en réxime de xornada completa ou a tempo parcial, logo de acordo entre os empresarios e os traballadores/as afectados/as, no termos que regulamentariamente se determinen.

Nos supostos de adopción internacional, cando sexa necesario o desprazamento previo dos pais ó país de orixe do adoptado, o período de suspensión, previsto para cada caso no presente artigo, poderá iniciarse ata catro semanas antes da resolución pola que se constitúe á adopción.

Artigo 18º.-Protección á maternidade.

1. A avaliación dos riscos a que se refire o artigo 16 da lei deberá comprende-la determinación da natureza, o grao e a duración da exposición das traballadoras en situación de embarazo ou parto recente a axentes, procedementos ou condicións de traballo que poidan influír negativamente na saúde das tra

balladoras ou do feto, en calquera actividade susceptible de presentar un risco específico. Se os resultados da avaliación revelasen un risco para a seguridade e a saúde ou unha posible repercusión sobre o embarazo ou a lactación das citadas traballadoras, o empresario adoptará as medidas necesarias para evita-la exposición a este risco, a través dunha adaptación das condicións ou do tempo de traballo da traballadora afectada. Estas medidas incluirán, cando resulte necesario, a non realización de traballo nocturno ou de traballo a quendas.

2. Cando a adaptación das condicións ou do tempo de traballo non resultase posible ou, a pesar de tal adaptación, as condicións dun posto de traballo poideran influír negativamente na saúde da traballadora embarazada ou do feto, e así o certifiquen os servicios médicos do Instituto Nacional da Seguridade Social ou das mutuas, co informe do médico do Servicio Nacional da Saúde que asista facultativamente a traballadora, esta deberá desenvolver un posto de traballo ou función diferente e compatible co seu estado. O empresario deberá determinar, logo da consulta cos representantes dos traballadores, a relación dos postos de traballo exentos de riscos para estes efectos.

O cambio de posto ou función levarase a cabo de conformidade cos regulamentos e criterios que se apliquen nos supostos de mobilidade funcional e terá efectos ata o momento no que o estado de saúde da traballadora permita a súa reincorporación ó anterior posto.

No suposto de que, mesmo aplicando os regulamentos sinalados no parágrafo anterior, non existise posto de traballo ou función compatible, a traballadora poderá ser destinada a un posto non correspondente ó seu grupo ou categoría equivalente, se ben conservará o dereito ó conxunto de retribucións do seu posto de orixe.

3. Se este cambio de posto non resultara técnica ou obxectivamente posible, ou non poida razoablemente esixirse por motivos xustificados, poderá declararse o paso da traballadora afectada á situación de suspensión do contrato por risco durante o embarazo, prevista no artigo 45.1.d) do Estatuto dos traballadores, durante o período necesario para a protección da súa seguridade ou da súa saúde e mentres persista a imposibilidade de reincorporarse ó seu posto anterior ou a outro posto compatible co seu estado.

4. O disposto nos números 1 e 2 deste artigo será tamén de aplicación durante o período de lactación, se as condicións de traballo puideran influír negativamente na saúde da muller ou do fillo/a e así o certifique o médico que, no réxime da Seguridade Social aplicable, asista facultativamente a traballadora.

5. As traballadoras embarazadas terán dereito a ausentarse do traballo, con dereito a remuneración, para a realización de exames prenatais e técnicas de preparación ó parto, logo de aviso ó empresario

e xustificación da necesidade da súa realización dentro da xornada de traballo.

Artigo 19º.-Situación protexida.

Os efectos da prestación económica por risco durante o embarazo, as mulleres embarazadas terán dereito a que se lles cambie de posto de traballo a outro máis acorde co seu estado, non estando obrigadas en ningún caso a desempeña-las súas funcións en lugares radiactivos, infecciosos ou perigosos para o seu embarazo.

Esta situación dará lugar a unha suspensión do contrato de traballo cunha duración máxima de dezaseis semanas, remitíndonos ó Decreto lei do 3 de marzo de 1989. Durante o período citado, a traballadora terá dereito ó aboamento das prestacións económicas correspondentes, con cargo á Seguridade Social e complementadas ata o 100% do salario como para o caso de baixas por enfermidade ou accidente.

Ó traballador/a ó que, por causa de accidente ocorrido na prestación de traballo para empresa, lle sexa recoñecida polo tribunal médico de incapacidades unha incapacidade parcial ou unha incapacidade permanente total para o seu traballo habitual, a empresa poderá asignarlle un posto de traballo en calquera dos centros de traballo que teña o Real Club Celta, que se adapte á nova aptitude do traballador/a sempre que exista praza vacante, na que o traballador/a terá prioridade sobre calquera contratación eventual.

Artigo 20º.-Roupa de traballo.

A empresa está obrigada a lle subministrar ó persoal de limpeza dous mandís ó inicio do ano; o persoal de campo dotaráselle de dúas fundas e un chándal. Tanto uns coma os outros percibirán calzado axeitado para as súas respectivas funcións.

Se o traballo o requirise, entregaranse luvas e traxes de auga.

Artigo 21º.-Recoñecemento médico.

A empresa está obrigada a solicitar no primeiro trimestre do ano, informando previamente o representante dos traballadores, un recoñecemento médico anual para tódolos traballadores da empresa. O tempo investido no citado recoñecemento será por conta da empresa que, cando sexa necesario, facilitará así mesmo os medios de transporte para o desprazamento.

Artigo 22º.-Seguridade e hixiene.

A empresa obrígase ó cumprimento inescusable das normas de seguridade e hixiene no traballo en materia de aseos, vestiarios, dotacións sanitarias, duchas, etc... de conformidade coa ordenanza xeral de seguridade e hixiene e a nova Lei de prevención de riscos laborais.

Artigo 23º.-Traballos tóxicos, penosos ou perigosos.

Sinálase expresamente que os traballadores afectados polo presente convenio quedarán expresamen

te excluídos e non estarán, polo tanto, obrigados a realizar traballos que teñan a consideración de tóxicos, penosos ou perigosos.

Artigo 24º.-Complemento por IT.

A empresa estará obrigada a complementar ata o 100% do salario fixado no convenio desde o primeiro día de baixa.

Artigo 25º.-Premio de xubilación.

Todo traballador/a que cese na empresa, tanto por xubilación como por pasar a situación de invalidez permanente, que teña máis de 5 anos de vínculo coa empresa, esta aboaralle o equivalente a 6 meses de traballo. Este premio percibirao o seu viúvo/a se o traballador morre antes de xubilarse e, no seu defecto, os orfos menores de 18 anos ou de máis de 18 anos, se non posúen traballo. Tamén terá dereito a un pase gratuíto para a grada de tribuna.

Artigo 26º.-Xubilación anticipada ós 64 anos.

A empresa poderá acordar conxuntamente cos traballadores, xubilacións anticipadas ós 64 anos, de conformidade co Real decreto 1194/1985, e Real decreto lei 14/1981. En tal suposto, a empresa deberá cubri-la contratación dun traballador demandante de emprego mediante un contrato da mesma natureza.

Artigo 27º.-Xubilación forzosa.

Establécese a xubilación forzosa ós 65 anos de idade dos traballadores e traballadoras que teñan cuberto o período legal de carencia para obtela ou no momento que a alcancen.

Quedan excluídos do disposto no parágrafo anterior aqueles traballadores/as que cumpran os requisitos da idade e carencia con anterioridade á entrada en vigor do presente convenio.

A empresa fará fixos os traballadores e traballadoras con contrato temporal á súa finalización, se durante a vixencia se produce un cesamento na empresa por mor da xubilación forzosa. No caso de existir varios traballadores e traballadoras temporais no momento do cesamento, a comisión paritaria decidirá qué persoa é a máis idónea para ocupa-lo posto.

Artigo 28º.-Axuda familiar especial.

Aplicarase unha axuda familiar especial anual de 360,61 euros por cada fillo/a que teña recoñecido o dereito de diminuído físico ou psíquico polo INSS e que non se atope traballando. O traballador achegará a documentación acreditativa para o aboamento desta axuda, que se pagará a razón de 30,05 euros mensuais.

Os traballadores/as poderán optar mediante comunicación expresa dirixida á dirección da empresa polo abonamento íntegro e de unha soa vez da expresada axuda familiar.

Artigo 29º.-Dereitos sindicais.

Cota sindical: os traballadores poderán solicitar da empresa o desconto en nómina da cota sindical.

Esta solicitude farase por escrito no que conste a central sindical e o seu número de conta onde a empresa ingresará as cotas retidas ós afiliados.

Créditos horarios: o delegado de persoal, como representante legal dos traballadores, pode dispor dun crédito horario mensual retribuído para o exercicio das súas funcións. Este crédito será de 20 horas mensuais. No suposto de que non se consuma este crédito horario, acumularáse para o seguinte mes, tanto en parte como na súa totalidade.

Asemblea: dentro das formalidades previstas no Estatuto dos traballadores, a empresa facilitará o exercicio do dereito de reunión durante a xornada laboral e durante 30 minutos ó mes.

Artigo 30º.-Pluriemprego.

Calquera persoa que realice traballos na empresa, mesmo que estes sexan esporádicos, deberá estar debidamente contratada e coa súa correspondente alta na Seguridade Social, sendo competencia do delegado de persoal controlar e vixia-lo cumprimento da lei neste aspecto.

Artigo 31º.-Superior e inferior categoría.

Ningún traballador/a estará obrigado a realizar traballos de inferior categoría; sen embargo, por circunstancias excepcionais e debidamente acreditadas de carácter perentorio ou imprevisibles, a empresa poderá destinar un traballador/a a tarefas correspondentes a unha categoría inferior á súa, só polo tempo imprescindible, manténdolle a retribución e demais dereitos derivados da súa categoría profesional, e comunicándollo ó delegado/a de persoal.

Cando se desepeñen traballos de categoría superior, o traballador/a terá dereito a diferencia retributiva entre a súa categoría e a función que nese momento efectivamente realice durante o tempo que dure o traballo encomendado.

O/a traballador/a que faga función de categoría superior á que lle corresponda e tivera recoñecida, por un período superior a seis meses durante un ano ou oito durante dous anos, poderá reclamar ante a dirección da empresa a clasificación profesional axeitada.

Artigo 32º.-Seguro colectivo.

Durante a vixencia deste convenio, a empresa concertará un seguro colectivo de accidente, con primas íntegras ó seu cargo, mediante pólizas que cubran as seguintes indemnizacións:

a) Accidente laboral ou común con resultado de morte: 42.070,85 euros.

b) Accidente laboral ou común con resultado de invalidez permanente, absoluta ou grande invalidez: 78.131,58 euros.

O traballador facilitará o nome do beneficiario. Para o persoal de nova incorporación, a póliza de seguros deberá concertarse nun prazo dun mes a partir da contratación.

Inserirase unha copia das pólizas no taboleiro de anuncios.

Artigo 33º.-Capacidade diminuída.

Todos aqueles traballadores que, por accidente ou enfermidade con reducción das súas facultades físicas ou intelectuais, sufran unha capacidade diminuída, terán preferencia para ocupa-los postos máis aptos en relación coas súas condicións, sempre que teñan aptitude ou idoneidade para o novo posto.

Artigo 34º.-Complemento de transporte.

Todo o persoal afectado polo presente convenio percibirá durante a súa vixencia 18,03 euros mensuais en concepto de gastos de locomoción.

Artigo 35º.-Complemento de domingos.

O persoal que desenvolva o seu traballo en domingo percibirá un complemento deste concepto de 32 euros por domingo. Os que acudan hora e media antes percibirán 14 euros por este concepto.

Artigo 36º.-Fondo de solidariedade.

Crearase un fundo de 18.030,37 euros, para repartir entre os traballadores/as do clube segundo as súas necesidades. O regulamento, a distribución e o reintegro do devandito fondo estará a cargo da comisión paritaria, que o elaborará nun prazo de trinta días a partir da sinatura do convenio.

Artigo 37º.-Réxime disciplinario para o acoso sexual.

Todo comportamento ou situación que atente contra o respecto á intimidade e/ou contra a liberdade dos/as traballadores/as, conductas de acoso sexual verbal ou físico, serán conceptuadas como faltas moi graves, graves ou leves en función da repercusión do feito. Nos supostos en que se leve a cabo servíndose da súa relación xerárquica coa persoa e/ou con persoas con contrato laboral non indefinido, a sanción aplicarase no seu grao máximo.

O comité de empresa, os/as delegados/as de persoal, sección sindical e a dirección da empresa, velarán polo dereito á intimidade do traballador/a afectado/a, procurando silencia-la súa identidade, cando así sexa preciso.

Artigo 38º.-Criterios xerais de emprego e contratación.

As partes asinantes do presente convenio consideran como obxetivo prioritario o mantemento do emprego e a creación de novos postos de traballo, comprométense a propiciar, dentro de marcos negociados, as medidas necesarias para a consecución deste obxectivo na empresa.

Artigo 39º.-Contrato de traballo.

1. O contrato de traballo será subscrito entre a empresa e o traballador por escrito, con entrega a este dun exemplar dentro dos 15 días seguintes á súa incorporación, conforme a calquera dos modelos aprobados por disposición de carácter normativo, que necesariamente deberá ser inscrito na oficina de emprego.

Farase constar en tódolos contratos de traballo o contido xeral das condicións que se pacten e o grupo profesional ou categoría na que quede encadrado o traballador e, en todo caso, o contido mínimo do contrato.

Considérase como contido mínimo do contrato a fixación nel de:

A identificación completa das partes contratantes, a localización xeográfica e denominación, de se-lo caso, do centro de traballo ó que queda adscrito o traballador, o domicilio da sede social da empresa, o grupo, nivel ou categoría profesional, especialidade, oficio ou posto de traballo no que quede adscrito o traballador, a retribución total anual inicialmente pactada e a expresión e a identificación do convenio colectivo aplicable.

Entregarase unha copia básica dos contratos que se formalicen por escrito á representación dos traballadores.

As empresas notificarán ós representantes legais dos traballadores as prórrogas dos contratos de traballo dos cales se lles entregou a copia básica entregou, así como as denuncias correspondentes.

Os períodos de proba para o persoal de novo ingreso serán os seguintes:

Técnicos titulados: 6 meses.

Técnicos non titulados: 2 meses.

Administrativos: 1 mes.

Subalternos: 1 mes.

Profesionais de oficio: 1 mes.

Peóns, especialistas, contratos de formación: 2 se-

manas.

No non regulado aplicarase ó disposto no artigo 14 do Estatuto dos traballadores.

2. Contrato para o fomento da contratación indefinida.

As partes asinantes do presente convenio acordan declarar vixente e de aplicación a Lei 63/1997 e 64/1997, do 26 de decembro, que regula estes contratos.

Artigo 40º.-Contratación eventual.

As partes asinantes do presente convenio, de cara a unha maior estabilidade no emprego, acordan fomenta-la contratación indefinida, establecendo como cadro de persoal eventual máximo un 35%.

1. Contrato en prácticas.

O contrato de traballo en prácticas só poderá concertarse con quen estea en posesión de título universitario ou de formación profesional de grao medio ou superior, ou títulos oficialmente recoñecidos como equivalentes, que habiliten para o exercicio profesional, dentro dos 4 anos, ou de 6 cando o contrato se concerte cun traballador minusválido, seguintes á terminación dos correspondentes estudios.

O posto de traballo será o adecuado para a finalidade de facilita-la práctica profesional do traballador, para perfecciona-los seus coñecementos e adaptalos ó nivel de estudios cursados.

A duración non será inferior a 6 meses nin superior a 24.

O período de proba será de 15 días para os traballadores en posesión de título de grado medio e 1 mes para os de grao superior.

Ningún traballador poderá estar contratado en prácticas na empresa por tempo superior a 24 meses en virtude da mesma titulación.

A retribución mínima dos traballadores contratados baixo esta modalidade será do 65% durante o primeiro ano e do 78% durante o segundo do salario fixado no convenio, para un traballador que desempeñe o mesmo ou equivalente posto de traballo.

A empresa poderá realizar esta modalidade de contratación nun máximo de tres contratos.

2. Contratos de formación.

Terá como obxectivo a adquisición da formación teórica e práctica necesaria para o adecuado desempeño dun traballo cualificado.

Poderán ser obxecto deste contrato os traballos incluídos neste convenio, non podéndose formalizar contratos para a formación para categoría inferior á de especialista.

O contrato para a formación terá unha duración máxima de dous anos.

Cando o contrato para a formación se realice por un prazo inferior ó máximo establecido no parágrafo anterior, poderase prorrogar antes da súa terminación, por acordo de ámbalas partes unha ou máis veces, por períodos non inferiores a 6 meses, sen que o tempo acumulado, incluíndo as prórrogas, poida exceder do referido prazo máximo. O aviso previo de finalización do contrato deberá axustarse ós prazos e forma que indique o convenio.

A idade do traballador estará comprendida entre os 16 e 20 anos, inclusive.

O traballador disporá do 25% da xornada para a formación teórica.

Esta formación deberá ser impartida polos centros de formación autorizados.

Cada tutor non poderá dispoñer de máis de dous traballadores en formación.

A retribución será o SMI máis 30,05 euros para o primeiro ano. Para o segundo ano, será o salario do primeiro ano mais 30,05 euros, sempre en proporción ó tempo de traballo efectivo.

A contía máxima para a formalización destes contratos na empresa será a mesma que para os contratos en prácticas.

3. Contratos a tempo parcial.

Tódolos contratos a tempo parcial terán unha prestación efectiva superior a 20 horas e inferior ó 77% da xornada semanal. Estes traballadores non poderán realizar horas extraordinarias, excepto as motivadas por forza maior, de acordo co artigo 35.3º do ET e gozarán dos mesmos dereitos que os traballadores a tempo completo.

4. Contrato por obra ou servicio determinado.

No contrato de traballo farase constar, de forma clara e precisa, se o contrato é de obra ou servicio, cunha completa identificación da obra ou servicio para o cal se contrata o traballador.

Con carácter xeral será para un só traballo, con independencia da súa duración, e finalizará cando finalicen os traballos da categoría do traballador no dito posto.

Artigo 41º.-Subcontratación.

A empresa, cando subcontrate con outras a execución de obras ou servicios, responderá ante os traballadores das empresas subcontratistas nos termos establecidos no artigo 42 do Estatuto dos traballadores, quedando referido o límite de responsabilidade da dita disposición ás obrigas de natureza salarial e cotizacións á Seguridade Social.

Artigo 42º.-Empresas de traballo temporal.

A empresa non poderá contrata-los servicios das ETT, excluíndo os supostos de substitución por IT, vacacións e licencias.

Artigo 43º.-Aviso previo final de contrato.

Ä finalización do contrato de traballo, a empresa estará obrigada a notifica-lo cesamento ó traballador, por escrito e con 15 días de antelación á data de finalización ou extinción dos contratos de duración igual ou superior a seis meses.

A empresa entregaralle ó traballador copia da liquidación con cinco días laborables de antelación ó cesamento.

Nas liquidacións que teñan lugar por finalización ou rescisión do contrato ou outras causas, farase constar que o traballador non perderá o dereito a cobra-lo que a empresa lles teña que pagar ós traballadores en concepto de revisións, atrasos ou calquera outro tipo de variación na retribución, que corresponda ó tempo no que o traballador presta os seus servicios.

Os traballadores que desexen cesar voluntariamente no servicio da empresa estarán obrigados a poñe-lo en coñecemento desta cumprindo os seguintes prazos de preaviso:

-Técnicos: 30 días.

-Empregados e operarios: 15 días.

Artigo 44º.-Indemnizacións contratos indefinidos.

A empresa aboará mensualmente ós traballadores con contratos non indefinidos, en concepto de indem

nización, unha compensación de eventualidade equivalente ó importe de 8 días por ano traballado. Este importe mensual figura no anexo I deste convenio.

Artigo 45º.-Dereitos lingüísticos e normalización do galego.

Os traballadores teñen dereito a desenvolve-la súa actividade laboral e profesional en lingua galega, como lingua propia de Galicia (artigo 5.1º do Estatuto de autonomía), e a recibir formación lingüística para mellora-lo servicio ó público no seu posto de traballo.

Na empresa, a dirección e os representantes dos traballadores e traballadores fomentarán o uso da lingua galega nas actividades internas e nas súas relacións.

Artigo 46º.-Lexislación subsidiaria.

En todo o non expresamente regulado neste convenio aplicarase o previsto no Estatuto dos traballadores, Lei orgánica de liberdade sindical e ordenanza.

Artigo 47º.-Comisión paritaria.

Como órgano de interpretación, conciliación e arbitraxe do presente convenio, créase unha comisión mixta paritaria integrada por cada un dos membros da comisión negociadora do convenio.

Esta comisión reunirase a petición de calquera das partes interesadas, reuníndose obrigatoriamente nun prazo máximo de 15 días despois de ser solicitada.

ANO 2002

CATEGORÍASSOLDOCOMPLEMENTO

SECRETARIA XERAL2.241,61

ADESTRADOR1.620,87311,50

2º ADESTRADOR1.451,4489,25

ADESTRADOR CELTA B1.244,09

PREP. FÍSICO 1º EQUIPO1.451,44

AUXILIAR PREP. FÍSICO713,70

DELEGADO EQUIPO828,79

ASESOR926,85532,90

OBSERVADOR741,75130,54

XEFE ADMINISTRACIÓN1.178,98605,45

D. COMERCIAL E MARKET.1.244,09

PROMOTOR COMERCIAL898,81

AXUD. PROM. COMERCIAL697,17

RELACIÓNS PÚBLICAS973,64

CAIXEIRA XEFE1.056,49210,35

ADMIST. CAIXEIRA975,8736,06

ADMINISTRATIVO/A931,5618,03

AUX. ADMINISTRT.796,60

TÉCNICO INFORMÁTICO931,56

PERS. LIMPEZA883,26128,45

CONSERXE740,29

UTILEIRO ESPECIALISTA883,26140,87

AXUD. UTILEIRO726,31

ENCARG. INSTALACIÓNS959,7066,11

RESPONSABLE INSTALAC.959,70

COIDADOR INSTALACIÓNS922,27101,46

FISIOTERAPEUTA 1 EQUIPO1.244,09

FISIOTERAPEUTA850,43

AUX. FISIOTERAPEUTA781,31

CHOFER883,26103,39

TÉCNICO DEPORTIVO1.269,51823,01

CATEGORÍASSOLDOCOMPLEMENTO

TITULADO SUPERIOR1.470,61

DEPENDENTA741,16

AXUD. DEPENDENTA595,00

PEÓN754,26

TELEFONISTA761,45