Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 57 Venres, 21 de marzo de 2003 Páx. 3.472

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN, INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 10 de febreiro de 2003, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se fai pública a declaración de impacto ambiental do proxecto Distribución de gas natural-Eixo Bergantiños, nos concellos de Arteixo, A Laracha e Carballo (A Coruña), promovido pola empresa Gas Directo, S.A.

En cumprimento do disposto no artígo 5 do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación do impacto ambiental para Galicia, faise pública a Resolución do 12 de novembro de 2002, da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental pola que se formula a declaración de impacto ambiental do proxecto Distribución de gas natural-Eixo Ber

gantiños, nos concellos de Arteixo, A Laracha e Carballo (A Coruña), promovido pola empresa Gas Directo, S.A. que se transcribe como anexo a esta resolución.

Santiago de Compostela, 10 de febreiro de 2003.

Ramón Ordás Badía

Director xeral de Industria, Enerxía e Minas

Declaración de impacto ambiental

Examinada a documentación que constitúe o expediente, entre a que se atopan os documentos titulados:

-Proxecto de autorización de instalacións. Modificado parcial do proxecto Eixo Bergantiños revisión 1.

-Estudio ambiental e proxecto de restauración ambiental Eixo Bergantiños (A Coruña).

-Addenda I á Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia. (Santiago de Compostela). Distribución de gas natural-Eixo Bergantiños.

A Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental resolve establecer pola presente DIA as seguintes condicións, ademais das incluídas na documentación presentada, de xeito que se asegure a minoración dos posibles impactos ambientais negativos, co fin de que a realización do proxecto poida considerarse ambientalmente viable.

No caso de que exista contradicción entre o indicado na documentación avaliada e o establecido na presente declaración, prevalecerá o disposto nesta última.

1. Ámbito da declaración.

A presente declaración refírese en exclusiva á instalación para subministración de gas natural para usos domésticos, comerciais e industriais nos termos municipais de Arteixo, A Laracha e Carballo.

A traza corresponderase co plano Planta xeral de trazado. Nº plano 2669CS0001 do documento titulado Addenda I á Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia. (Santiago de Compostela). Distribución de gas natural-Eixo Bergantiños.

2. Protección da atmosfera.

2.1. A maquinaria utilizada na obra cumprirá coa normativa de emisións de aplicación, debendo dispor de documentación acreditativa ó respecto.

2.2. Queda prohibida a queima de restos ou de calquera outro tipo de material sen autorización expresa.

2.3. Sobre a emisión de po e co fin de diminuí-la emisión á atmosfera, que se pode producir pola construcción das vías de acceso e polos labores de escavación, procederase en períodos de seca, á humectación das zonas onde se estean realizando estes traballos.

3. Protección das augas e leitos fluviais.

3.1. Para a afección ós cursos de auga e/ou zonas de policía cumprirase co disposto na autorización emitida por Augas de Galicia.

3.2. Deberase detalla-las obras recollidas no proxecto constructivo, así como todas aquelas obras complementarias destas, que estean situadas na zona de policía das marxes de tódolos leitos públicos afectados, segundo a definición recollida no artigo 6 da Lei de augas.

Así mesmo, deberase defini-lo procedemento constructivo que se ten previsto seguir para a adecuación da liña de distribución de gas ó seu paso polos leitos afectados, tendo presente que en todo caso esta deberá dispoñerse soterrada.

3.3. De forma previa á execución das obras, procederase ó replanteo e balizado da zona de traballo no ámbito dos puntos de paso sobre a rede fluvial, co obxecto de evitar afeccións innecesarias ós sistemas fluviais do territorio, quedando expresamente prohibida a utilización de marxes, ribeiras e zonas de servidume como lugar para o depósito de materiais, parques de maquinaria e, en xeral, todas aquelas actividades que supoñan un risco de contaminación das augas ou alteración innecesaria dos ecosistemas asociados.

3.4. Nos terreos próximos ós cursos de auga, instalaranse mallas ou outros dispositivos para evita-lo arrastre, co fin de evita-la incorporación de sólidos ós cursos de auga.

3.5. Non estando previsto no estudio de impacto presentado a reserva dunha zona para a fabricación de formigón, este, necesariamente, será provisto desde planta ou plantas fóra da obra, e que conten coas debidas autorizacións.

3.6. Os labores de mantemento e reparación da maquinaria durante a fase de construcción realizaranse en talleres autorizados, eliminando así o risco de derrames accidentais que poidan afecta-los cursos de auga.

4. Protección do solo.

4.1. Realizarase unha delimitación das zonas de obra, tal e como se indica no estudio ambiental, estando prohibido invadir terreos fóra dos inicialmente previstos.

4.2. Definiranse os vieiros que se utilizarán en obra, primando o uso da propia traza fronte ó de vieiros locais preexistentes e, de ámbolos dous, fronte á apertura de novos vieiros. Neste último caso, deberá xustificarse a súa necesidade, así como asegurar que non xeran impactos adicionais.

4.3. Delimitaranse os espacios destinados á acollida das instalacións auxiliares para a execución da obra (parque de maquinaria, zona de mantemento de maquinaria, se é o caso, zona de almacenamento de materiais, etcétera). Estas localizaranse en espacios carentes de valores ambientais relevantes e estarán dotadas dos equipamentos precisos para garantir que non se xeran impactos adicionais ós do proxecto a consecuencia do seu funcionamento, e virán reflictidos na documentación solicitada no punto 8.1 da DIA.

4.4. No caso de que se produzan sobrantes de terras, estes deberán ser levados a un lugar autorizado por órgano competente.

4.5. Os lugares de amoreamento temporal de terra vexetal estarán fóra do tránsito da maquinaria, para evita-la súa compactación, de tal xeito que non perda a súa calidade e poida ser empregada posteriormente nas accións de recuperación. As moreas non deberán supera-la altura de metro e medio, tal e como se indica no estudio de impacto ambiental.

4.6. Tódolos residuos xerados durante a fase de construcción, así como os materiais sobrantes de obra, serán xestionados de acordo coa súa natureza e retirados cando esta finalice, recibindo o tratamento disposto na lexislación vixente. Neste senso, primarase a reutilización ou reciclaxe fronte ó vertido. Ó finaliza-las obras a zona debe quedar totalmente limpa.

4.7. Na totalidade das zonas afectadas por movementos de terras e en todas aquelas superficies núas que se xeren a consecuencia do desenvolvemento das obras, aplicaranse coa maior brevidade posible os procedementos de revexetación.

4.8. Unha vez finalizadas as obras, desmantelaranse tódalas instalacións auxiliares e, no caso de que estas non estiveran localizadas sobre a traza, restauraranse e restituiranse as súas condicións preoperacionais.

5. Protección da vexetación.

5.1. Para calquera aproveitamento, utilización ou modificación da vexetación de ribeira aplicarase o disposto na Resolución do 27 de maio de 2002, da Consellería de Medio Ambiente, relativa á tramitación e resolución dos expedientes de autorización para sementeiras, plantacións e corta de árbores en terreos de dominio público hidráulico, e para o aproveitamento e utilización da vexetación arbórea ou arbustiva das ribeiras dos ríos.

5.2. Previamente á corta de arborado realizarase a correspondente comunicación de corta ou solicitude de autorización, segundo o caso, conforme o disposto no Regulamento de montes.

5.3. Será preciso xestiona-la biomasa vexetal eliminada, primando a súa valorización, tendo en conta que non se pode proceder á queima destes restos. No caso de que sexa depositada sobre o terreo, deberá procederse á súa trituración e espallado homoxéneo, para permitir unha rápida incorporación ó solo.

5.4. Procederase a revexetar tódolos terreos deteriorados ou deforestados pola execución das obras, de xeito que se acade a súa integración co contorno. As especies vexetais que se van empregar en cada zona corresponderanse, sempre que tecnicamente sexa factible, coas inventariadas previamente á execución do proxecto. A tal fin, deberase presentar un proxecto de revexetación de tódolos terreos afectados, segundo o requirido no punto 8.3 da DIA.

5.5. Aquelas vías que non vaian ser empregadas durante a fase de funcionamento do gasoducto debe

ranse reintegrar na paisaxe, revexetándoos en toda a súa extensión.

6. Protección dos valores arqueolóxicos.

6.1. Previo ó inicio das obras, elaborarase un proxecto arqueolóxico, que terá que ser autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, que deberá incluír:

* A sinalización, na fase previa ó inicio das obras de construcción, de tódolos elementos do patrimonio cultural (tanto arqueolóxicos como etnográficos) recollidos no EIA.

* O control e seguimento arqueolóxico das obras durante as fases de replanteo, de execución de obra e de restitución dos terreos, en todo o ámbito do gasoducto, de acordo coas medidas correctoras recollidas no estudio de impacto. Deberase realizar un control arqueolóxico intensivo das obras no contorno entre os V-65 e V-67, que afectan a zona do xacigo O Petón do Castro.

* Como anexo ó proxecto deberase recoller, na cartografía empregada polo persoal de obra durante o seu transcurso, un plano no que figurarán as áreas de risco arqueolóxico, coa localización dos elementos do patrimonio cultural xunto coas súas áreas de exclusión e cautela (obxecto do control e seguimento arqueolóxico). Este plano incorporará os textos necesarios para a súa comprensión.

7. Fase de abandono.

7.1. Ó longo da fase de abandono, unha vez rematada a vida útil do gasoducto, procederase, con carácter xeral, o baleirado da canal e desmontaxe e retirada dos elementos que poidan producir contaminación, debendo entregar tódolos residuos a xestor autorizado para a súa correcta eliminación e/ou reciclaxe. Así mesmo, restauraranse os accesos creados para uso exclusivo do gasoducto e a súa propia traza, integrándoas co contorno.

8. Documentación adicional.

Previamente ó inicio das obras, no prazo máximo de tres (3) meses desde a notificación da presente DIA, o promotor presentará perante o órgano substantivo, quen dará traslado a esta dirección xeral para a súa valoración e, se procede, imposición de medidas protectoras e/ou correctoras adicionais que se deriven, tres (3) exemplares da seguinte documentación:

8.1. Planos en planta dotado de coordenadas UTM, a escala 1/5.000 ou maior detalle, no que se reflicta:

* Traza definitiva do gasoducto.

* Vías, diferenciando os preexistentes dos de nova creación, os definitivos e os temporais.

* Delimitación das zonas para parque de maquinaria, amoreamentos de terra vexetal.

8.2. Definición detallada das obras da liña de distribución de gas no contorno dos cursos afectados, tendo en conta o indicado no punto 3.2 da presente DIA.

8.3. Proxecto de revexetación de tódolos terreos afectados polas obras, segundo o requirido no punto 5.4 da DIA.

8.4. Copia da autorización do proxecto arqueolóxico para a realización do control e seguimento arqueolóxico durante a fase de obras, conforme o indicado no punto 6.1 da presente DIA.

8.5. Identificación do responsable do control ambiental requirido no punto 10.3 desta declaración.

Unha vez feita esta avaliación, remitiráselle ó promotor o seu resultado, non podendo proceder ó inicio de obras ata que non conte co informe favorable desta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

Unha vez informado por esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental o cumprimento do indicado nos puntos anteriores, o promotor comunicará a esta dirección xeral a data de inicio das obras, remitindo, como mínimo 48 horas antes do seu comezo o cronograma estimado de obras, que conteña tódalas actividades que se van realizar, incluíndo a revexetación.

9. Programa de vixilancia e seguimento ambiental (PVSA).

O obxecto deste programa é o de garantir ó longo do tempo o cumprimento das medidas protectoras e correctoras recollidas na documentación avaliada e no condicionado desta declaración. Así mesmo, este programa permitirá detectar e cuantificar diferentes alteracións que non se puidesen prever na avaliación do proxecto, e levar a cabo novas medidas correctoras acordes coas novas problemáticas xurdidas.

Este programa ten como obxectivo incorporar procedementos de autocontrol por parte do promotor. Tódolos controis realizados no seguimento, así como tódalas incidencias que se produzan, rexistraranse no momento da súa avaliación nun libro-rexistro.

Tendo en conta o anterior, o promotor remitirá a esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, a través do órgano substantivo, coa periodicidade indicada, tres (3) copias da seguinte documentación:

9.1. Durante a execución das obras, presentarase:

Con carácter mensual:

a) Cronograma de obras debidamente actualizado, con tódalas actividades, resaltando as críticas.

Con carácter trimestral:

b) Informe, xunto coa reportaxe fotográfica, onde se reflicta o desenvolvemento dos traballos, recollendo así mesmo as incidencias, imprevistos e continxencias acontecidas en relación a tódolos aspectos incluídos nesta DIA. Nas fotografías deberase indica-la data e hora de toma. Así mesmo, indicarase no plano requirido no punto 8.1 o lugar onde se realizaron as fotografías.

c) Plano en planta, dotado de coordenadas U.T.M., a escala 1:5.000 ou maior detalle, onde se reflicta

o avance dos traballos e porcentaxe de execución das obras respecto ó total.

9.2. Ó final das obras, comunicarase a data prevista para a posta en funcionamento do gasoducto e presentarase un informe fin de obras co seguinte contido mínimo:

a) Definición dos imprevistos e continxencias acontecidas durante a realización das obras, en relación a tódolos aspectos incluídos nesta DIA, e descrición detallada do estado final da área afectada.

b) Plano en planta, dotado de coordenadas U.T.M., a escala 1:5.000 ou maior detalle, onde se reflictan tódalas accións de obra realizadas e os distintos elementos implantados.

c) Documentación acreditativa da entrega a xestor autorizado dos residuos xerados.

d) Reportaxe fotográfica, indicando nas fotografías a data e hora de toma, na que se recolla os aspectos máis salientables da actuación: cruzamento de ríos, estradas e ferrocarril, zonas próximas á poboacións, vías empregadas de acceso e servicio, estado de limpeza da área. Así mesmo, indicarase no plano requirido no punto 8.1 o punto desde o que se realizou a toma das fotografías.

9.3. Informe de seguimento ambiental, de periodicidade semestral contado desde o inicio da posta en servicio, durante os dous primeiros anos desta. Este informe incluirá, como mínimo, os seguintes contidos:

a) Informe, xunto coa de reportaxe fotográfica, indicando nas fotografías a data e hora de toma, no que se recollan os avances da recuperación de solos e vexetación, incluíndo os avances no proceso de rexeneración da cuberta vexetal en tódalas zonas afectadas polas obras. Tamén se indicará nun plano como o requirido no punto 8.1 o lugar onde se realizaron as fotografías.

Á vista dos resultados obtidos durante os dous primeiros anos de explotación do gasoducto, establecerase a periodicidade e contidos deste informe de seguimento ambiental.

9.4. Informe ambiental previo ó abandono: no prazo de seis (6) meses previos á finalización da explotación do gasoducto, remitirase un programa de abandono das instalacións, que conterá as accións previstas polo promotor en cumprimento do punto 7 da presente DIA.

9.5. Informe posterior ó abandono: no prazo máximo de dous (2) meses contados desde o fin das accións para o desmantelamento e abandono da instalación, enviarase informe que conteña a descrición detallada das accións que teñan carácter ambiental, especialmente no relativo a residuos perigosos, e restauración das superficies afectadas.

No caso de que se detecten, como resultado deste seguimento en calquera das súas fases, alteracións que superen os limiares establecidos nesta declaración ou na lexislación aplicable, comunicaranse inmediatamente a esta dirección xeral e proporanse as medidas correctoras precisas para corrixilas.

10. Condicións adicionais.

10.1. Para efectos de seguimento da presente declaración, o órgano substantivo comunicará a este órgano ambiental a data de notificación da DIA ó promotor.

10.2. As condicións sinaladas nesta DIA son de obrigado cumprimento para a empresa promotora. Sen embargo, o promotor poderá solicitar ó órgano ambiental a revisión das medidas indicadas, co obxecto de modificalas ou cambialas por outras, naqueles supostos que tecnoloxicamente presentasen graves dificultades para a súa implantación, ou implicasen modificacións importantes na actividade, e sempre e cando as novas medidas propostas permitan acada-los obxectivos e fins que se indican.

Nesta circunstancia, o promotor realizará a solicitude á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, a través do órgano substantivo, achegando documentación técnica que xustifique as novas medidas propostas. Esta solicitude remitirase no prazo máximo dun (1) mes despois de serlle notificada a presente DIA polo órgano substantivo. Unha vez recibida a solicitude e documentación mencionadas, o órgano ambiental procederá á súa avaliación, comunicando o acordo adoptado ó promotor, quen non poderá comeza-las obras antes de contar cun comunicado desta dirección xeral para o efecto.

10.3. Co obxecto de acada-la máxima coordinación e eficacia no cumprimento desta declaración, o promotor deberá designar un responsable do control deste, notificando o seu nomeamento ó órgano substantivo, quen o comunicará ó órgano ambiental.

10.4. Calquera cambio que se pretenda introducir respecto da documentación avaliada, deberá ser notificado previamente a esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, a través do órgano substantivo, quen o avaliará e informará se procede ou non a modificación da declaración ou a iniciación dun novo trámite de avaliación ambiental.

10.5. Previamente ó comezo das obras, o promotor deberá depositar un aval para garanti-lo cumprimento das medidas protectoras e para facer fronte ós posibles danos que se produzan ó medio. Proponse como importe do aval o 4% do orzamento de execución por contrata. O importe do aval poderá ser revisado se o promotor presenta un orzamento de execución por contrata dos labores de restauración no que se inclúa o programa de vixilancia e seguimento ambiental, as medidas protectoras e correctoras propostas no estudio e as derivadas do cumprimento das condicións impostas nesta declaración.

10.6. O órgano ambiental, por iniciativa propia ou por proposta do órgano substantivo, poderá establecer, en calquera momento e só para os efectos ambientais, condicionados adicionais a esta declaración en función dos resultados que se obteñan tanto no desenvolvemento das obras como da explotación, ou ante a manifestación de calquera tipo de impacto non contemplado actualmente.

10.7. Se unha vez emitida esta declaración se manifestase algún outro tipo de impacto, severo ou

crítico sobre o ambiente, o órgano substantivo, por propia iniciativa ou por solicitude da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, poderá suspender cautelarmente a actividade ata determina-las causas que xeran os mencionados impactos, e ata que estes se corrixan.

10.8. Así mesmo, o incumprimento total ou parcial por parte da empresa promotora, das condicións impostas nesta DIA, poderá ser causa suficiente para proceder á solicitude de paralización das obras ou peche cautelar e adopta-las medidas oportunas en cumprimento da lexislación vixente.

10.9. Esta resolución, adoptada por esta dirección xeral, non exime o promotor de solicitar tódolos permisos necesarios ós organismos competentes, incluído, se é o caso, no Plan Xeral de Ordenación Urbana ou Normas Subsidiarias.

10.10. O proxecto de referencia terase que someter á autorización do órgano urbanístico competente desta Administración autonómica, de acordo coa Lei 1/1997, do 24 de marzo, do solo de Galicia.

10.11. O promotor queda obrigado a cumprir tódalas disposicións que se dicten con posterioridade, en relación con este tipo de actividades.

10.12. Como queira que a publicación da DIA no Diario Oficial de Galicia é preceptiva segundo o disposto no artigo 5.7º Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación de impacto ambiental para Galicia, non poderán iniciarse os traballos ata que se cumpra este trámite.

ANEXO I

Resumo do proxecto

O proxecto consiste na instalación dunha rede de subministración de gas, a lonxitude percorrida pola conducción é de 25.217 m, discorrendo polos concellos de Arteixo, A Laracha e Carballo. A conducción cruza as estradas enlace A-55 con polígono de Sabón, autovía A-55, C-552, enlace A-55 A Laracha, acceso ó P.S.A., enlace A-55 ó polígono de Bertoa, e os seguintes cursos fluviais: río Allóns, regatos Loureda, Quenxe e Queo de Baixo.

-As instalacións están compostas por canalizacións de aceiro ó carbono de diámetro de 8'', con orixe no termo municipal de Arteixo e final no termo municipal de Carballo na provincia da Coruña.

As medidas preventivas, minimizadoras e correctoras propostas no EIA inclúen as seguintes:

* Limitación das actuacións á área estrictamente necesario.

* Preparación adecuada de franxa de traballo.

* Evita-lo vertido incontrolado de aceites, hidrocarburos e cementos.

* Coida-lo máximo o aspecto e execución da obras.

* Elixi-la época idónea para realiza-los traballos.

ANEXO II

Resultados das consultas a organismos

A Dirección Xeral de Conservación da Natureza emite informe no que conclúe:

Analizado o trazado proposto, observamos que non se afecta a ningún espacio natural protexido autonómico nin nacional.

Para conseguir unhas actuacións coa mínima afección ó medio natural, deberanse executa-las obras tal e como se describen no estudio, ademais de cumprir tódalas medidas preventivas e correctoras, así como o plan de seguimento e vixilancia ambiental e o proxecto de restauración ambiental.

En todo caso e para evita-la afección ó medio, deberanse respecta-las seguintes condicións:

* Delimitarase correctamente o terreo que será ocupado polos labores do proxecto, co fin de diminuí-la perda innecesaria e a alteración de formacións vexetais polo tránsito de maquinaria. Esta medida de corrección é imprescindible e de carácter preventivo.

* Extremaranse as precaucións na execución das obras nos cursos fluviais, para que estes, aínda que son de pouca entidade, se vexan afectados o menos posible. Minimizaranse os efectos sobre as augas continentais, non depositando materiais nin instalando o parque de maquinaria cerca dos cursos fluviais para que as escorrentas non produzan arrastres os leitos fluviais.

* No caso de corte de árbores, cinguirase á estrictamente necesaria para a execución da obra de acordo coas autorizacións necesarias.

* Nas zonas de elevada pendente, deberanse toma-las medidas adecuadas para que unha vez rematados os traballos, as choivas abondosas non produzan efectos erosivos por falta de vexetación que suxeite o solo.

* No caso de producirse algún imprevisto que ocasione un impacto negativo, tomaranse inmediatamente as medidas adecuadas para palia-la dita afección, poñéndoo en coñecemento do Servicio Provincial de Conservación da Natureza, quen decidirá sobre a conveniencia de solución a adoptar, así como as actuacións precisas para corrixi-los efectos provocados.

A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural emite informe favorable sobre o estudio de impacto sobre o proxecto Modificado parcial do Eixo Bergantiños. Revisión 1, e acepta-las medidas correctoras do estudio de impacto sobre o patrimonio cultural, cos seguintes condicionantes:

1. Previo ó inicio das obras, elaborarase un proxecto arqueolóxico que terá que ser autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural no que se incluirá:

* A sinalización, na fase previa ó inicio das obras de construcción, de tódolos elementos do patrimonio cultural (tanto arqueolóxicos como etnográficos) recollidos no EIA.

* O control e seguimento arqueolóxico das obras durante as fases de replanteo, de execución de obra e de restitución dos terreos, en todo o ámbito do gasoducto, de acordo coas medidas correctoras recollidas no estudio de impacto. Deberase realizar un control arqueolóxico intensivo das obras no contorno entre os V-65 e V-67, que afectan a zona de respeto do xacigo do Petón do Castro.

* Como anexo ó proxecto, deberase recoller, na cartografía empregada polo persoal de obra durante o seu transcurso, un plano no que figurarán as áreas de risco arqueolóxico, coa localización dos elementos do patrimonio cultural xunto coas súas áreas de exclusión e cautela (obxecto do control e seguimento arqueolóxico). Este plano incorporará os textos necesarios para a súa comprensión.

* Segundo os resultados das actuacións arqueolóxicas, en cada unha destas fases, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, como organismo competente na materia, decidirá sobre a conveniencia de establecer outras medidas de protección. Terase en conta que na fase de replanteo se revisarán os impactos e valorarase a aplicación das correspondentes medidas correctoras.

* Os traballos arqueolóxicos terán que ser levados a cabo por técnicos arqueólogos competentes, de acordo coa Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia.

O organismo Augas de Galicia emite informe no que indica que de acordo dos artigos 78 e 126 do Regulamento de dominio público hidráulico, o conxunto de actividades propostas no proxecto constructivo precisan da correspondente autorización de obras na zona de policía e no dominio público hidráulico dos leitos afectados, coas seguintes precisións:

* Deberanse concretar de forma detallada as obras recollidas no proxecto constructivo, así como toda aquelas obras complementarias destas, que estean situadas na zona de policía das marxes de tódolos leitos públicos afectados, segundo a definición desta recollida no artigo 6 da Lei de augas, posto que deben ser autorizadas de acordo co artigo 78 de Regulamento do dominio público hidráulico.

* Así mesmo, deberase defini-lo procedemento constructivo que se ten previsto seguir para a adecuación da liña de distribución de gas ó seu paso polos leitos afectados, tendo presente que en todo caso esta deberá dispoñerse soterrada.

* Neste sentido, tódalas obras proxectadas así como as operación complementarias derivadas do procedemento constructivo, que se leven a cabo dentro de dominio público hidráulico, deberanse notificar o organismo autónomo Augas de Galicia para a súa avaliación e tramitación da correspondente autorización, segundo o artigo 126 do Regulamento de dominio público hidráulico.

* Deberase evita-la afección ás augas subterráneas, de importante presencia na zona afectada polo trazado, tanto durante as operacións de adecuación a preparación das zonas de traballo como durante o seu desenvolvemento.

Neste sentido, tódolos residuos e materiais de refugallo xerados durante as operacións de execución das obras proxectadas deberán ser tratados adecuadamente segundo a lexislación vixente, podendo ser trasladados en determinados casos a vertedoiro autorizado.

* Non se poderán realizar captacións de augas tanto superficiais como subterráneas sen a correspondente concesión segundo o artigo 58 da Lei de augas, outorgada esta polo organismo autónomo Augas de Galicia. No caso de derivación temporal de augas superficiais por un prazo máximo de dous anos, tamén procede a solicitude da correspondente autorización segundo o preceptuado no artigo 76 do Regulamento de dominio público hidráulico.

* As zonas de amoreamento de terras procedentes das escavacións levadas a cabo antes e durante a execución das obras, deberán ser notificadas a este organismo naqueles casos que se afecten as zonas de policía ou a zona de dominio público hidráulico dos ríos, regatos e demais cursos de auga afectados. Neste caso para levar a cabo os recheos precisarase a correspondente autorización de Augas de Galicia segundo o establecido no artigo 9 do Regulamento de dominio público hidráulico.

A Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio da Coruña emite informe favorable.