Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 57 Venres, 21 de marzo de 2003 Páx. 3.450

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA, XUVENTUDE E VOLUNTARIADO

ORDE do 14 de marzo de 2003 sobre delegación de competencias nos delegados provinciais da Consellería de Familia, Xuventude e Voluntariado.

A actividade administrativa da Consellería de Familia, Xuventude e Voluntariado supón unha concentración de funcións arredor da súa titular que aconsella, dado o seu volume, recorrer á delegación de competencias nos delegados provinciais respectivos da consellería sen esquece-lo debido respecto ós principios que informan a actividade administrativa e que a nosa Constitución recolle no seu artigo 103.1º.

A delegación de competencias permite a axilización administrativa necesaria e redunda en beneficio dos cidadáns, dentro do máis rigoroso respecto ás garantías xurídicas que a tutela dos intereses públicos esixe.

Na súa virtude, facendo uso das facultades que me confiren os artigos 43.3º e 44 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, e o artigo 13 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Deléganse nos delegados provinciais da Consellería de Familia, Xuventude e Voluntariado, no seu respectivo ámbito territorial, as seguintes competencias:

a) A contratación de servicios relativos a gastos correntes con cargo ó capítulo II dos orzamentos de gastos da Comunidade Autónoma.

b) A contratación de subministracións de bens funxibles, con cargo ó capítulo II, necesarios para o funcionamento diario dos centros e servicios xestionados polos órganos periféricos.

c) A realización de tódolos trámites previos e o asinamento dos contratos individuais para o ingreso de menores de características especiais en centros sen convenio e para o ingreso en garderías infantís, así como toda a xestión ulterior das obrigas xurdidas do seu asinamento.

d) En relación ós puntos a), b) e c) desta orde, a autorización dos gastos xerais dos servicios dentro do ámbito territorial da respectiva delegación, ata o límite dos créditos autorizados e non reservados á aprobación do Consello da Xunta de Galicia, así como a autorización e disposición de créditos e de recoñecemento de obrigas e a facultade de solicitar da Consellería de Economía e Facenda a ordenación dos pagamentos correspondentes.

e) A competencia para efectua-las contratacións de persoal interino que se realicen ó abeiro da normativa vixente, as cales serán tramitadas e subscritas por eles.

f) As autorizacións das comisións de servicio con dereito a indemnización no ámbito provincial a todo o persoal adscrito ás delegacións.

Artigo 2º

As resolucións administrativas que se adopten facendo uso das delegacións contidas nesta orde farán constar expresamente esta circunstancia e consideraranse dictadas pola autoridade que as conferiu.

Artigo 3º

En calquera momento a conselleira poderá revogar ou avoca-lo exercicio das competencias delegadas por esta orde, das que quedan excluídas, en todo caso, as recollidas no artigo 13.2º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, e no artigo 44.2º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e o seu presidente, na súa redacción dada pola Lei 11/1998, do 20 de outubro.

Disposición derrogatoria

Queda derrogada a Orde do 19 de xaneiro de 1998 sobre delegación de atribucións nos delegados provinciais e cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ó establecido nesta orde.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de marzo de 2003.

Pilar Rojo Noguera

Conselleira de Familia, Xuventude e Voluntariado