Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 57 Venres, 21 de marzo de 2003 Páx. 3.450

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 17 de marzo de 2003 pola que se convoca unha Xornada sobre promoción da acción voluntaria: por un voluntariado de calidade.

Dentro do Plan de actividades da Escola Galega de Administración Pública para 2003, e de acordo coas funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da escola, e pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, de modificación da anterior, convócase a Xornada sobre promoción da acción voluntaria: por un voluntariado de calidade, convocatoria que se desenvolverá conforme as seguintes bases:

1. Obxectivos.

Profundar sobre o papel das entidades de acción voluntaria e impulsa-lo traballo en rede co obxecto de garantir un voluntariado de calidade.

2. Contido.

Trataranse estes temas:

-Papel das administracións no desenvolvemento da acción voluntaria. Límites da súa intervención.

-As entidades de acción voluntaria. Marco normativo. Ética e voluntariado.

-Mesa-coloquio: por un voluntariado de calidade. Modelos de planificación e xestión das entidades de iniciativa social. O papel das novas tecnoloxías na acción voluntaria.

-Importancia de redes e coordinadoras no desenvolvemento da acción voluntaria.

-A formación e sensibilización como eixes da acción voluntaria. Novas canteiras de voluntariado.

3. Destinatarios.

Persoal ó servicio da Xunta de Galicia e da Administración local galega e interesados en xeral.

4. Desenvolvemento.

-Horario: mañá e tarde.

-Lugar e data: a xornada convocada desenvolverase no salón de actos do edificio administrativo da Xunta de Galicia en Vigo (praza da Estrela-Concepción Arenal, nº 8 da citada cidade), o día 9 de abril de 2003.

5. Inscrición.

-Prazo: remata o luns, día 7 de abril de 2003.

-Tramitación de solicitudes: as solicitudes irán dirixidas ó director da Escola Galega de Administración Pública, polígono das Fontiñas, rúa de Madrid, 2-4, 15707, Santiago de Compostela, segundo o modelo que figura como anexo a esta convocatoria, e presentaranse no rexistro xeral da EGAP ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de

novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Admitiranse tamén inscricións por telefax: 981 54 63 30.

-Número de prazas: limitado á capacidade do local.

-Inscricións fóra de prazo: só se admitirán, de quedaren prazas baleiras, coa condición de que se cumpran os requisitos xerais antes indicados.

Os peticionarios poderán obter confirmación da súa posible admisión, chamando por teléfono, o día 8 de abril, das 8.30 ás 14.30 horas, ós seguintes números: 981 54 62 39/44 ou 981 54 60 40.

6. Modificacións.

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolve-las incidencias que puidesen xurdir no desenvolvemento da xornada, así como o de cancelala, se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

7. Certificación de asistencia.

Entregaráselles, ó remate desta xornada, a aquelas persoas inscritas que concorresen asiduamente a elas, cando a súa asistencia sexa igual ou superior ó 85% das horas lectivas programadas, e expresarase neste documento a natureza da actividade e as datas da súa realización.

Santiago de Compostela, 17 de marzo de 2003.

Domingo Bello Janeiro

Director da Escola Galega de Administración

Pública

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA