Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 57 Venres, 21 de marzo de 2003 Páx. 3.448

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA AGROALIMENTARIA E DESENVOLVEMENTO RURAL

DECRETO 187/2003, do 6 de marzo, polo que se acordan as cesións en propiedade, a título gratuíto, dos predios números 1431 e 1436, da zona de concentración parcelaria de San Martiño de Fontecada (Santa Comba).

O artigo 31.3º da Lei 12/2001, do 10 de setembro, de modificación da de concentración parcelaria para

Galicia, sinala que a consellería competente en materia de agricultura está autorizada a exerce-las funcións dominicais sobre o fondo de terras segundo o establecido na lexislación patrimonial, sen prexuízo do informe previo da Consellería de Economía e Facenda para os actos de disposición sobre bens inmobles.

O Concello de Santa Comba solicitou a cesión en propiedade de dous inmobles situados no seu termo municipal, os predios sobrantes nº 1431 e 1436 das zonas de concentración parcelaria de San Martiño de Fontecada, que pertence á Comunidade Autónoma de Galicia en virtude do disposto no artigo 31 da Lei 10/1985, de concentración parcelaria para Galicia.

Por orde da Consellería de Política Agroalimenteria e Desenvolvemento Rural do 22 de maio de 2002 (DOG nº 116, do 18 de xuño) declarouse a alienabilidade dos anteditos inmobles.

A Secretaría Xeral da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural tramitou o expediente de cesión de acordo co previsto nos artigos 83 e seguintes do regulamento que desenvolve a Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Por todo o exposto, de conformidade coa proposta do conselleiro de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día seis de marzo de dous mil tres,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Acórdase a cesión en propiedade, a título gratuíto, a favor do Concello de Santa Comba dos seguintes bens inmobles:

1. Predio nº 1431 da zona de concentración parcelaria de San Martiño de Fontecada, municipio de Santa Comba, que ten unha superficie de 18.010 m, que estrema: norte, Francisco Fernández Ramos (1.370) e José Carreira Ramos (1.371); sur, camiño; leste, camiño; oeste, Florinda Capelo Maneiro (1.433); Inscrito no Rexistro da Propiedade de Negreira no tomo 1.027, libro 192, folio 198, predio nº 19.898.

2. Predio nº 1436 da zona de concentración parcelaria de San Martiño de Fontecada, municipio de Santa Comba, que ten unha superficie de 38.710 m, que estrema: norte, camiño; sur, Domingo Calvelo Maceiras (1.442); leste, Hermosinda Ponte Riveiro (1.439), Dolores Santos Maceiras (1.440) e José Ponte Riveiro (1.441); e oeste, José Landeira Grille e outro (1.435). Inscrito no Rexistro da Propiedade de Negreira no tomo 1.027, libro 192, folio 200, predio nº19.900.

Artigo 2º

A cesión en propiedade relacionada no artigo anterior queda sometida ás seguintes cláusulas:

a) Os fins das cesións serán a dedicación dos predios nº 1431 e 1436 a fins e servicios de interese socio-cultural.

b) Se os bens cedidos non se aplicaran ó fin sinalado dentro do prazo dun ano, contado dende o outorgamento das respectivas escrituras públicas, ou deixasen de estalo con posterioridade, se descoidasen ou utilizasen con grave quebranto, ou se incumprisen as condicións do

acordo, consideraranse resoltas as cesións e os bens reverterán á Comunidade Autónoma de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 87 do regulamento da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma galega.

c) As cesións formalizaranse mediante escrituras públicas, debendo constar nelas os acordos de cesión e as aceptacións do cesionario, sendo os custos de outorgamento de conta do cesionario, así como os impostos derivados da transmisión, incluído se o houbese, o de incremento de valor de terreos.

Disposición derradeira

A Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, a través da Secretaría Xeral, realizará os trámites necesarios para a efectividade de canto se dispón no presente decreto.

Santiago de Compostela, seis de marzo de dous mil tres.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Juan Miguel Diz Guedes

Conselleiro de Política Agroalimentaria

e Desenvolvemento Rural