Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 56 Xoves, 20 de marzo de 2003 Páx. 3.398

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 13 de marzo de 2003 pola que se convoca un curso de formación en materia estatística.

En cumprimento da Lei 10/2001, do 17 de setembro, do Plan Galego de Estatística 2002-2006 e para a execución da meta instrumental recollida no anexo 2 da Lei como Área 2. Formación especializada e perfeccionamento profesional, subscribiuse un convenio de colaboración entre o Instituto Galego de Estatística e a Escola Galega de Administración Pública, que ten por obxecto o desenvolvemento dun curso, en cumprimento da xestión da citada meta instrumental. Para tal fin convócase o curso referido no anexo I desta resolución, que se desenvolverá conforme as seguintes bases:

Primeira.-Solicitudes.

1. O persoal que desexe participar no curso programado deberá solicitalo coa presentación da instancia que, como modelo oficial, se recolle no anexo II desta resolución.

2. Á solicitude deberáselle acompaña-la certificación, que, como modelo, aparece no anexo III, na que conste o tipo de traballo que se realiza en execución das actividades estatísticas contidas no Programa Estatístico do ano 2003 ou a utilización de rexistros administrativos, realización de enquisas, censos ou padrón, que teña por obxecto a elaboración de estatísticas de interese para a Administración pública galega.

3. As solicitudes irán dirixidas ó director da Escola Galega de Administración Pública (EGAP) e presentaranse no rexistro desta, rúa de Madrid 2-4, 15707 Santiago de Compostela, ou nas dependencias que se sinalan no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

4. O prazo de presentación de solicitudes rematará 20 días naturais antes da data de comezo do curso.

Segunda.-Acceso ás actividades.

Poderá participa-lo persoal que cumpra os requisitos esixidos no referido anexo I.

Terceira.-Certificados de asistencia.

É obrigatoria a asistencia a tódalas sesións do curso. Toda ausencia deberá ser xustificada debidamente polo interesado. A falta de asistencia, aínda que sexa xustificada, de máis do 15% das horas lectivas programadas impedirá a expedición da certificación de asistencia e dará lugar á baixa no curso coa perda de tódolos dereitos.

Cuarta.-Modificacións.

Os órganos convocantes resérvanse a facultade de interpretar e resolve-las incidencias que puidesen xurdir no desenvolvemento do curso, así como de cancelalo se o escaso número de solicitudes ou outras causas sobrevidas imposibilitasen a súa realización.

As ditas circunstancias comunicaránselles, de se-lo caso, ós solicitantes.

Santiago de Compostela, 13 de marzo de 2003.

Domingo Bello Janeiro

Director da Escola Galega de Administración

Pública

ANEXO I

I. Curso teórico-práctico de estatística oficial.

1. Obxectivos.

Proporcionar formación especializada e perfeccionamento profesional, para o coñecemento da estatística pública, a correcta utilización dos instrumentos adecuados para a recollida de datos, o seu tratamento e posterior utilización na elaboración de informes.

2. Destinatarios.

Persoal de calquera Administración da Comunidade Autónoma de Galicia que, no desempeño do seu posto de traballo, realice funcións relacionadas coa estatística, nos termos indicados na base 2ª da convocatoria.

3. Selección.

Conforme os seguintes criterios:

1. Relación das tarefas desempeñadas en execución das actividades estatísticas contidas no Programa Estatístico do ano 2003.

2. Relación das tarefas desempeñadas na xestión de rexistros administrativos, realización de enquisas, censos ou padróns.

3. Acreditación do nivel de coñecementos en materia estatística.

Excluiranse os solicitantes que xa tiveran feito un curso de similar contido.

En calquera caso, os criterios de selección suxeitaranse ás directrices sinaladas na Resolución do 27 de xuño de 1994, pola que se fan públicos os criterios de participación nas actividades da EGAP (DOG nº 149, do 3 de agosto).

A relación de seleccionados para participar no curso expoñerase nos taboleiros do IGE e da EGAP.

4. Desenvolvemento.

4.1. Duración: 30 horas.

4.2. Lugar: Instituto Galego de Estatística, complexo administrativo San Lázaro, rúa San Lázaro s/n, 15703 Santiago de Compostela.

4.3. Datas: 12, 13, 14, 15, 19, 20, 21, 22, 26, e 27 de maio.

4.4. Horario: de 16.30 ás 19.30 horas.

4.5. Prazas: máximo de 20.

5. Contido.

O sistema estatístico público. Organización e normativa. Fontes estatísticas. Presentación e utilidade da información estatística. Ferramentas informáticas. Estatística descritiva. Fases no desenvolvemento de operacións estatísticas.