Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 56 Xoves, 20 de marzo de 2003 Páx. 3.395

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 6 de marzo de 2003 pola que se convoca un curso sobre o portal dos concellos de Galicia: Eido local, dirixido ó persoal das corporacións locais da Comunidade Autónoma galega.

Dentro do plan de actividades da EGAP para o 2003 e a través do Centro de Estudios Locais de Galicia, conforme coas funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da escola, e pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, de modificación da anterior, convócase un curso sobre o portal dos concellos de Galicia: Eido local, dirixido ó persoal das corporacións locais da Comunidade Autónoma galega, que deberá desenvolverse de acordo coas seguintes bases:

Primeira.-Obxectivos.

Forma-lo persoal das corporacións locais da Comunidade Autónoma sobre a utilización dos contidos e servicios dispoñibles no portal Eido local coa finalidade de facer completamente real o uso da Internet como vía de comunicación entre a Administración local, os seus cidadáns e a Administración autonómica e posibilitando que as xestións administrativas e as comunicacións poidan realizarse telematicamente.

Segunda.-Destinatarios.

Persoal das corporacións locais da Comunidade Autónoma de Galicia.

Terceira.-Desenvolvemento.

3.1. Número de edicións: 11.

3.2. Duración: 10 horas cada edición.

3.3. Lugares: 2 edicións por provincia e 3 en Santiago de Compostela.

Santiago de Compostela: aula de informática do 2º andar da Escola Galega de Administración Pública, rúa Madrid, 2-4.

A Coruña: aula de informática do edificio administrativo de servicios múltiples, praza Luis Seoane, s/n.

Lugo: aula de informática do edificio administrativo. Baixo 2º, rolda da Muralla, 70.

Ourense: aula de informática da Delegación da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, avda. da Habana, 79.

Pontevedra: aula de informática da Delegación da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, rúa Benito Corbal, 47, planta baixa.

3.4. Datas:

Santiago de Compostela:

1ª edición: 2 ó 5 de xuño.

2ª edición: 9 ó 12 de xuño.

3ª edición: 16 ó 19 de xuño.

A Coruña:

1ª edición: 26 ó 29 de maio.

2ª edición: 23 ó 26 de xuño.

Lugo:

1ª edición: 9 ó 12 de xuño.

2ª edición: 16 ó 19 de xuño.

Ourense:

1ª edición: 2 ó 5 de xuño.

2ª edición: 16 ó 19 de xuño.

Pontevedra:

1ª edición: 2 ó 5 de xuño.

2ª edición: 9 ó 12 de xuño.

3.5. Horarios: de 17 a 19.30 horas.

3.6. Prazas: 20 por edición.

Cuarta.-Criterios de selección.

A selección dos participantes farase establecendo as seguintes prioridades:

1. Persoal das corporacións locais da comunidade autónoma, que pertenza a un concello actualmente adherido ó convenio de colaboración, asinado o 15 de febreiro de 1996 e á posteriormente addenda a este, asinada o 17 de setembro de 2001, entre a Consellería da Presidencia e Administración Pública, a Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para a implantación e desenvolvemento dos servicios informáticos e de telecomunicacións o que permite o acceso ós servicios de consulta e xestión administrativa proporcionados polo portal.

No caso de que nunha provincia ou en Santiago de Compostela o número de solicitantes supere o número de prazas ofertadas (60 para Santiago e 40 para cada unha das provincias), establecerase a seguinte prioridade:

a) Persoal dado de alta como usuario do Eido local que realiza ou realizará a través do portal algunha das seguintes tarefas, establecéndose a preferencia en función da seguinte orde:

1. Tramitación electrónica de expedientes.

2. Envíos ó DOG.

3. Envíos ó DXAL.

4. Xestión de usuarios.

5. Xestión de contidos.

6. Resto de usuarios.

Estas funcións acreditaranse mediante certificación expedida polo alcalde do concello segundo modelo que se achega.

En caso de igualdade de condicións establecerase a preferencia en función da antigüidade de adhesión do seu concello ó convenio (data de publicación no DOG do comezo de actividade como Servicio de Portelo Único, do máis antigo ó máis recente), admitíndose, en principio, un representante por cada concello e en función do nº de prazas: 2 representantes, 3, etc. ata cubrir tódalas prazas.

b) Persoal non dado de alta como usuario do Eido local. Establecerase a preferencia en función da antigüidade de adhesión do seu concello ó convenio (data de publicación no DOG do comezo de actividade como Servicio de Portelo Único, do máis antigo ó máis recente), admitíndose, en principio, un representante por cada concello en función do nº de prazas: 2 representantes, 3, etc. ata cubrir tódalas prazas.

2. Persoal das corporacións locais da comunidade autónoma que pertenza a un concello que non estea adherido ó convenio anteriormente citado, pero que estea interesado no coñecemento da funcionalidade do portal.

No caso de que nunha provincia ou en Santiago de Compostela o número de solicitantes supere o número de prazas ofertadas (60 para Santiago de Compostela e 40 para cada unha das provincias), establecerase a prioridade en función do especificado na Resolución do 27 de xuño de 1994 pola que se fan públicos os criterios de participación nas actividades da EGAP (DOG nº 149, do 3 de agosto).

Unha vez efectuada a selección dos participantes, publicarase no taboleiro de anuncios da escola, nas páxinas web: www.egap.xunta.es e www.eidolocal.es e notificaráselles directamente ós admitidos.

Quinta.-Solicitudes.

O prazo de presentación de solicitudes comezará a contarse a partir do día seguinte ó da publicación

desta resolución no DOG e será de quince días naturais.

As solicitudes de admisión ó curso axustaranse ó modelo anexo a esta resolución, deberán formalizarse tódolos seus epígrafes e dirixiranse á Dirección Xeral de Organización e Sistemas Informáticos, Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, San Caetano, s/n; 15704 Santiago de Compostela.

As instancias serán presentadas, xunto coa documentación xustificativa dos méritos alegados no Rexistro da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, nos das súas delegacións, nos rexistros de Portelo Único ou en calquera das oficinas previstas no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Para axiliza-la xestión e control das solicitudes efectuadas, poderá face-la súa preinscrición no portal www.eidolocal.es ou adiantando a instancia por telefax: 981 54 52 74. A dita preinscricción non exime da presentación da instancia en calquera dos rexistros citados no parágrafo anterior e carece de efecto como data de solicitude.

Sexta.-Certificado de asistencia.

Outorgaráselles certificado de asistencia ós alumnos que participen con regularidade nos cursos e é obrigatoria a asistencia a tódalas sesións. Toda inasistencia deberá ser xustificada convenientemente, sen que poida exceder en ningún caso do 15% das horas lectivas programadas.

Unha inasistencia superior ó 15% das horas lectivas programadas, aínda que sexa xustificada, impedirá a expedición do correspondente certificado.

Unha vez rematadas tódalas edicións do curso publicarase a lista das cualificacións obtidas polos participantes nas páxinas web: www.egap.xunta.es e www.eidolocal.es e os diplomas-certificación de asistencia serán remitidas ós asistentes ó enderezo indicado na súa solicitude.

Sétima.-Modificacións.

O desenvolvemento dos cursos e o contido poderán ser modificados pola EGAP para adaptalos ás necesidades da Administración e ás contixencias que poidan xurdir.

Oitava.-Contido.

O portal dos concellos de Galicia en Internet (Eidolocal). Contidos e servicios dispoñibles en Eido local: zona de acceso público e zona de acceso privado ós concellos. Xestión de contidos por parte dos concellos. A certificación electrónica e a sinatura dixital.

Santiago de Compostela, 6 de marzo de 2003.

Domingo Bello Janeiro

Director da Escola Galega de Administración

Pública