Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 54 Martes, 18 de marzo de 2003 Páx. 3.269

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL E TURISMO

ORDE do 16 de xaneiro de 2003 pola que se convocan bolsas de formación en biblioteconomía mediante a colaboración titoriada en diversos centros bibliotecarios.

A Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo da Xunta de Galicia ten, de acordo co Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27, parágrafo 18, a competencia exclusiva en materia de bibliotecas que non sexan de titularidade estatal, competencia recollida na Lei 14/1989, do 11 de outubro, de bibliotecas e o seu posterior desenvolvemento regulamentario. En función desta responsabilidade é consciente de que un dos elementos fundamentais no funcionamento das bibliotecas é unha cualificación e formación técnica dos responsables destas. Por iso, a través da súa Dirección Xeral de Promoción Cultural, vén ocupándose mediante cursos de formación, da instrucción tanto básica como de perfeccionamento dos actuais e dos futuros bibliotecarios da Rede de Bibliotecas de Galicia. Esta formación, esencialmente teórica, non podería ser nunca completa se non se complementa coa realización de prácticas en bibliotecas que permitan, non só unha completa formación nas diversas áreas destes

centros, senón tamén un contacto diario e directo, durante un tempo suficiente, cos problemas e demandas reais dunha biblioteca ou centros de documentación.

Por esta razón, a Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, a través da Dirección Xeral de Promoción Cultural, realiza un plan de preparación de profesionais para a Rede de Bibliotecas de Galicia, a través de bolsas de formación mediante a colaboración titoriada en diversos centros dependentes desta.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1º

1. Convócanse bolsas de formación en biblioteconomía mediante colaboración titoriada na orga

nización e descrición de fondos e actividades de biblioteconomía en bibliotecas e centros de documentación, con cargo á aplicación orzamentaria 10.02.352.A.480.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2003, por un importe de cento vintecatro mil catrocentos euros (124.400 A), que queda condicionado á existencia de crédito adecuado e abondo para o seu financiamento.

2. O número de prazas convocadas será de vintetrés que serán adxudicadas mediante a aplicación do baremo indicado no artigo 5º desta convocatoria.

3. Os bolseiros realizarán as súas prácticas nos centros que sexan designados, e serán coordinados e dirixidos pola Dirección Xeral de Promoción Cultural da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo a través do persoal técnico debidamente cualificado, designado para tal efecto por aquela. A relación de centros nos que deberán realiza-las prácticas publicarase conxuntamente coa resolución de adxudicación das bolsas.

4. A bolsa terá unha duración de 9 meses contados a partir da data de incorporación que estableza a Dirección Xeral de Promoción Cultural da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

5. As persoas seleccionadas, logo de aceptaren as bolsas, quedarán obrigadas a:

-Incorporarse ós centros dentro dos 10 días naturais seguintes ó da notificación do outorgamento.

-Asistir ós centros onde resulten destinados no horario sinalado polos responsables destes, que non poderá exceder de sete horas e media diarias e con, alomenos, 48 horas continuadas de descanso semanal.

-Segui-las indicacións técnicas dos responsables dos que dependan.

-Entregarlles a estes, ó remata-lo período de desfrute da bolsa, informe técnico e material realizado, resultado das súas actividades.

-No momento da xustificación da execución total do proxecto e, en calquera caso, antes do último pagamento, o peticionario deberá presentar unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

-Obriga do beneficiario de facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Ó remata-la actividade, os titores dos bolseiros entregarán na Dirección Xeral de Promoción Cultural da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo un informe sobre o traballo realizado por estes.

Artigo 2º

1. Requisitos dos solicitantes:

-Titulación universitaria de grao medio ou superior.

-Non estar desfrutando doutra bolsa ou contrato remunerado durante o período de duración da bolsa.

-Non ter desfrutado anteriormente durante un período superior ós 3 meses estas mesmas bolsas de biblioteconomía convocadas pola Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, nin ter renunciado tras inicia-lo seu desfrute.

2. Presentación das solicitudes:

As solicitudes presentaranse conforme o modelo oficial que figura como anexo I desta orde, no rexistro xeral da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo ou nas súas delegacións provinciais. O prazo de presentación será de 40 días hábiles contados a partir do día seguinte ó da publicación no Diario Oficial de Galicia.

Sen prexuízo do establecido no parágrafo anterior, as solicitudes poderán presentarse, así mesmo, por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. Documentación que hai que presentar:

Os solicitantes, ademais da solicitude, deberán xunta-la documentación seguinte:

-Fotocopia do DNI.

-Declaración expresa de non ter emprego remunerado nin desfrutar doutra bolsa ou axuda, calquera que fose esta ou, no caso de telo, compromiso de renunciar a el e non o seguir tendo no momento en que se outorguen as bolsas.

-Fotocopia do expediente académico coas cualificacións obtidas nas diferentes materias.

-Anexo II cuberto e fotocopia dos méritos alegados.

-Unha memoria onde se expoña, cunha amplitude entre cinco e dez folios, o programa proposto de prácticas e o estudio para a duración da bolsa. Esta memoria deberá contar coas seguintes partes:

* Exposición sobre a rede de bibliotecas de Galicia.

* Exposición das diferentes posibilidades e propostas de prácticas en función dos elementos da rede.

* Desenvolvemento concreto dun proxecto de prácticas nunha biblioteca galega.

Os solicitantes serán, ademais, convocados por parte da Dirección Xeral de Promoción Cultural para a realización dunha entrevista persoal.

4. Unha vez outorgadas as bolsas, a Dirección Xeral de Promoción Cultural poderá solicitar dos seleccionados a presentación do orixinal ou fotocopia

compulsada dos méritos alegados, que deberán ser presentados nun prazo non superior a dez días.

No caso de non acepta-la bolsa, deberán comunicalo por escrito nun prazo non superior ós tres días despois da notificación. De non incorporarse no prazo sinalado sen causa suficiente ó xuízo da directora xeral de Promoción Cultural, ou de demostrarse falsidade, non correspondencia cos orixinais ou incorrección na documentación presentada, a directora xeral de Promoción Cultural poderá propoñe-lo seguinte ou seguintes candidatos por orde de puntuación, quedando sen efecto o nomeamento da persoa en cuestión.

Artigo 3º

As bolsas serán adxudicadas para a organización e descrición de fondos de bibliotecas e centros de documentación de Galicia. A relación destes e o número de prazas asignadas a cada un faranse públicos xunto coa resolución de adxudicación das bolsas.

Artigo 4º

O importe de cada unha das bolsas non excederá de 5.410 A polo total dos nove meses.

Artigo 5º

1. Os correspondentes servicios técnicos da Dirección Xeral de Promoción Cultural poderán reclamar dos solicitantes, se fose necesario, que emenden os defectos administrativos apreciados na documentación esixida, de acordo co artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, dándolles un prazo de 10 días hábiles desde a recepción do escrito de requirimento, para corrixi-los defectos.

2. A avaliación dos méritos alegados correspóndelle á Dirección Xeral de Promoción Cultural, e farase segundo as seguintes especificacións:

-Titulación universitaria de biblioteconomía en universidades galegas:

* Doutoramento: 7 puntos.

* Licenciatura: 6 puntos.

* Diplomatura: 5 puntos.

-Expediente: puntuarase en función do número de materias estudiadas relacionadas especificamente con bibliotecas ou centros de documentación, e da puntuación obtida en cada unha delas. Máximo: 14 puntos.

-Cursos de biblioteconomía, bibliografía, documentación, historia do libro e informática aplicada a bibliotecas, organizados exclusivamente por organismos públicos, universidades ou asociacións profesionais de bibliotecarios ou documentalistas:

a) Con acreditación expresa de duración igual ou superior a 250 horas: 1 punto ata un máximo de 2 puntos.

b) Con acreditación expresa de duración igual ou superior a 100 horas: 0,75 puntos ata un máximo de 1,50 puntos.

c) Con acreditación expresa de duración igual ou superior a 40 horas: 0,50 puntos ata un máximo de 1,50 puntos.

d) Con duración inferior a 40 horas: 0,25 puntos ata un máximo de 0,75 puntos.

-Cursos impartidos por outros organismos máximo 0,25 ata un máximo de 0,75 puntos. Nesta letra puntúanse os cursos en razón da súa duración e da idoneidade do organismo que os imparta.

-Impartición de cursos de bibliotecas ata 1,5 puntos en función das horas impartidas.

-Asistencia a congresos de biblioteconomía, bibliografía, documentación e historia do libro: 0,10 puntos ata un máximo de 1 punto.

-Presentación de comunicacións en congresos de biblioteconomía, bibliografía, documentación e historia do libro: 0,25 puntos ata un máximo de 1 punto.

-Publicacións relacionadas con biblioteconomía, bibliografía, documentación e historia do libro máximo 0,25 puntos por publicación ata un máximo de 1,5 puntos.

O mesmo mérito só se valorará unha vez: como comunicación, publicación ou asistencia a congresos.

-Cursos de galego:

* Iniciación: 2,5 puntos.

* Perfeccionamento: 3,5 puntos.

Ata un máximo de 3,5 puntos.

-Memoria: valorarase cun máximo de 8 puntos.

-Entrevista: valorarase cun máximo de 10 puntos.

Artigo 6º

1. A resolución da convocatoria correspóndelle ó conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo por proposta da directora xeral de Promoción Cultural. O acordo farase público nos taboleiros de anuncios da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo e nas súas delegacións provinciais nun prazo que non deberá exceder en ningún caso os dous meses tralo remate do prazo de presentación de instancias.

2. No suposto de que non recaese resolución expresa dentro do prazo máximo previsto, o sentido do silencio será negativo.

3. A resolución de adxudicación pon fin á vía administrativa, de acordo co artigo 109 da citada Lei 30/1992, e contra ela cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo perante o Tribunal Superior

de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, contados a partir da data de notificación efectiva desta ós interesados.

4. Unha vez rematado o período de desfrute da bolsa, as persoas non seleccionadas poderán solicita-la devolución da documentación presentada.

Artigo 7º

O pagamento da bolsa axustarase á normativa orzamentaria de aplicación.

Artigo 8º

1. No caso de que os beneficiarios das bolsas incumprisen algunha das condicións ou obrigas estipuladas nesta orde, a Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo instruirá expediente sancionador conforme o previsto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e poderá anula-los beneficios concedidos e solicita-la devolución das cantidades percibidas, se as houber, no prazo que establece o Regulamento xeral de recadación.

2. O persoal técnico e facultativo que dirixa os bolseiros poderá propoñerlle á Dirección Xeral de Promoción Cultural da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo a extinción da bolsa por falta de dedicación ou incumprimento das condicións sinaladas.

3. A Dirección Xeral de Promoción Cultural da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, ó remata-los traballos, expedirá certificación acreditativa das actividades realizadas, despois do informe favorable dos responsables.

Artigo 9º

Os adxudicatarios adquiren exclusivamente a condición de bolseiros, coas obrigas e dereitos desta conforme estas bases, sen ningún outro vínculo laboral ou administrativo.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a directora xeral de Promoción Cultural para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de xaneiro de 2003.

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura, Comunicación Social

e Turismo