Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 53 Luns, 17 de marzo de 2003 Páx. 3.202

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ASUNTOS SOCIAIS, EMPREGO E RELACIÓNS LABORAIS

ORDE do 5 de marzo de 2003 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para a realización de actividades de información, orientación e busca de emprego.

A evolución do mercado de traballo e a persistencia do desemprego fan necesario articular medidas que inclúan accións de atención constante e especializada dirixidas a aqueles colectivos con dificultades de inserción laboral. O permanente cambio, froito das evolucións sociais, tecnolóxicas e organizativas, leva consigo unha dificultade engadida para as persoas que buscan un emprego, facendo necesario, a miúdo, procesos de orientación e asesoramento especializados, que presten colaboración ás persoas demandantes de emprego e lles faciliten o camiño cara ó mercado laboral.

No Real decreto 1375/1997, do 29 de agosto, establécese o traspaso á Comunidade Autónoma de Galicia da xestión realizada polo Instituto Nacional de Emprego, no ámbito do traballo, o emprego e a formación.

As directices de emprego da Unión Europea do ano 1999, e o Plan Nacional de Acción para o Emprego recollen como actuación prioritaria a mellora da capacidade de inserción laboral dos desempregados a través da información e a orientación profesional personalizada.

Con este obxectivo, a Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais pon en marcha un sistema de orientación laboral baseado en accións de información, orientación e busca activa de emprego, coa finalidade de mellora-la ocupabilidade dos demandantes de emprego. Este sistema prevé a colaboración de entidades especializadas para incrementa-la capacidade e a calidade das accións, o seu achegamento ós usuarios e a atención a colectivos específicos.

O Decreto 23/2003, do 20 de xaneiro, polo que se fixa a estructura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, crea Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, na que se encadra a Dirección Xeral de Formación e Colocación, sendo a esta dirección xeral á que lle corresponde levar a cabo, entre outras, as funcións en materia de políticas activas de emprego e exerce-las competencias en materia de formación ocupacional e intermediación no mercado de traballo, colocación e orientación laboral.

En virtude do exposto, e co fin de promove-las posibilidades de inserción laboral en Galicia, faise necesario articular unha vía de colaboración en materia de información e orientación laboral dos usuarios do Servicio Público de Emprego de Galicia, con entidades externas, que achegen os recursos humanos, técnicos e materiais necesarios para o desenvolvemento das citadas accións.

A presente orde axústase ó establecido no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, modificado pola Lei 7/2002, do 27 de decembro, na Lei 6/2002, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2003 e no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

O financiamento das axudas previstas na presente orde farase con cargo ós créditos das aplicacións 14.03.241A.482, 14.03.241A.460, 14.03.241A.440, 14.03.241A.470, 14.03.241B.482, 14.03.241B.472, 14.03.241B.481, 14.03.241B.471 e 14.03.241B.461, que figuran na Lei de orzamentos xerais da comunidade autónoma para 2003.

Dada audiencia ós axentes sociais representados no seo do Consello Galego de Relacións Laborais e solicitados os informes preceptivos na tramitación, por proposta da Dirección Xeral de Formación e Colocación e en uso das facultades que me son conferidas de acordo co artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Obxecto.

A presente orde ten por obxecto o establecemento das bases e a convocatoria pública para a concesión de subvencións, por parte da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais a entidades colaboradoras que realicen accións de información, orientación e busca de emprego, articuladas en itinerarios de inserción ocupacional e dirixidas a mellora-las posibilidades de ocupación dos demandantes de emprego inscritos no Servicio Público de Emprego de Galicia.

Artigo 2º.-Programa de información profesional. Accións.

1. A Dirección Xeral de Formación e Colocación, mediante o Servicio Galego de Colocación, directamente ou por medio de centros colaboradores distribuídos nas áreas funcionais determinadas, levará a cabo accións de información profesional, consistentes en:

a) Proporcionarlle información a cada usuario demandante de emprego acerca das actuacións que leva a cabo o Servicio Público de Emprego, directamente e a través dos seus centros colaboradores, así como das pautas básicas sobre a situación do mercado laboral.

b) Tratamento da demanda de emprego formulada perante o Servicio Público de Emprego de Galicia, mediante a revisión do currículum vitae dos demandantes de emprego que se dirixan ós centros colaboradores. Esta acción comporta a realización dunha entrevista individual e personalizada, a comprobación da validez dos datos que contén o currículo e dos documentos acreditativos achegados polo usuario do servicio, a posterior codificación destes datos e a súa introducción á base de datos do Servicio Galego de Colocación. A entrevista ten por finalidade comproba-la adecuación dos datos do currículo coa relación de ocupacións á que opta o demandante de emprego e asesoralo sobre esta ocupación ou outras alternativas.

Esta acción deberá facerse efectiva polos centros colaboradores do Servicio Galego de Colocación nun prazo máximo de dous días desde a realización da entrevista ocupacional ó demandante de emprego.

c) Renovación do currículo cando o solicite o demandante de emprego. Enténdese por renovación o mantemento do currículo dispoñible para o seu emparellamento.

d) Modificación do currículo. Independentemente do establecido nos puntos anteriores, o demandante de emprego poderalle solicitar en calquera momento ó centro que introduciu o seu currículo ou fixo a última modificación nel a rectificación ou modificación dos datos contidos no seu currículo. O centro deberá facer efectiva a rectificación ou modificación solicitada no prazo de dous días. A notificación á que fai referencia o artigo 16.4º da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, producirase por parte do centro asociado ó Servicio Galego de Colocación de xeito automático por medio da rede informática conectada.

2. As accións especificadas no presente artigo unicamente poderán ser realizadas polo persoal expresamente autorizado para este fin pola Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais.

Artigo 3º.-Programa de orientación profesional e busca de emprego. Accións.

1. A Dirección Xeral de Formación e Colocación, mediante o Servicio Galego de Colocación, directamente ou por medio de centros colaboradores distribuídos nas áreas funcionais determinadas, levará

a cabo accións de orientación profesional e busca de emprego dirixidas ós demandantes de emprego.

As ditas accións realizaranse de xeito personalizado, coa finalidade de avalia-lo perfil curricular de cada demandante, actuando ó mesmo tempo sobre as súas aptitudes e capacidades e establecendo actuacións tendentes a adecua-los seus intereses e motivacións á situación actual do mercado de traballo. Tamén poderán desenvolverse accións colectivas, dirixidas á adquisición das capacidades básicas que permitan ós demandantes articular itinerarios activos e eficaces na busca de emprego. Estas accións serán determinadas pola Dirección Xeral de Formación e Colocación, que especificará a duración delas, o número de usuarios de cada acción e a metodoloxía que hai que empregar.

2. Os centros colaboradores que leven a cabo accións de orientación profesional e busca de emprego deberán actualizar na base de datos do Servicio Público de Emprego de Galicia o currículum vitae dos demandantes de emprego que sexan direccionados ós ditos centros. Neste sentido, os centros colaboradores no programa de orientación laboral e busca de emprego estarán obrigados a respecta-lo disposto nos puntos a), b), c) e d) do artigo 2º.1 da presente orde.

3. As accións especificadas no presente artigo unicamente poderán ser realizadas polo persoal expresamente autorizado para este fin pola Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais.

Capítulo II

Dos beneficiarios das accións

Artigo 4º.-Beneficiarios dos programas de información, orientación e busca de emprego.

Serán beneficiarios de ámbolos programas tódolos demandantes de emprego inscritos no Servicio Público de Emprego, ben cando o soliciten expresamente ben cando lles sexa ofertado polo propio servicio a través de calquera dos seus departamentos.

Capítulo III

Das entidades colaboradoras

Artigo 5º.-Definición e requisitos.

1. Poderá ser entidade colaboradora co Servicio Galego de Colocación no programa de información profesional calquera entidade, pública ou privada, constituída baixo calquera forma xurídica cun ámbito de actuación relacionado co mercado laboral e sempre que así se recolla nos seus estatutos ou normas de constitución.

2. Poderán ser entidades colaboradoras co Servicio Galego de Colocación no programa de orientación laboral e busca de emprego as asociacións empresariais e sindicais máis representativas na comunidade autónoma, as entidades locais e as entidades sen ánimo de lucro que realicen accións de orientación laboral e busca de emprego segundo o disposto na presente orde. Todas elas deberán acreditar experiencia no ámbito da orientación profesional, selección de persoal e/ou valoración de postos de traballo.

3. As entidades definidas nos puntos 1 e 2 do presente artigo deberán reuni-los seguintes requisitos no momento de realiza-la solicitude:

a) Dispoñer de locais con despacho ou despachos axeitados para atención individual ós demandantes de emprego.

b) Dispoñer dun fax con numeración autónoma, independentemente do tipo de acceso utilizado (liña analóxica, acceso básico RDSI ou outros), co fin de garanti-la comunicación entre os servicios centrais do Servicio Galego de Colocación e a entidade colaboradora.

c) Dispoñer dunha liña ADSL, ou outra de calidade equivalente ou superior, con conexión dedicada á Rede Corporativa da Xunta de Galicia ou dun acceso básico RDSI.

d) Dispor dun ordenador persoal con protocolo de comunicacións TCP/IP e un hardware de comunicación que posibilite a conexión dos ordenadores persoais á Rede Corporativa da Xunta de Galicia de acordo cos estándares establecidos.

A conexión do ordenador á Rede Corporativa da Xunta deberá ser exclusiva. Unha vez establecida esta, non se poderá acceder a el, a través doutras canles de comunicación, por elementos situados en redes alleas á propia entidade.

Tanto o software de base instalado como as características do hardware do ordenador deberán posibilita-lo correcto funcionamento do aplicativo cliente do Servicio Galego de Colocación.

e) Dispor de acceso a Internet e correo electrónico.

4. Ademais dos requisitos especificados no punto anterior, as entidades que desexen colaborar coa Dirección Xeral de Formación e Colocación no programa de información profesional deberán acreditar experiencia en tarefas de intermediación no mercado laboral e xestión de bolsas de traballo.

5. Pola súa parte, as entidades que desexen colaborar coa Dirección Xeral de Formación e Colocación no programa de orientación profesional e busca de emprego deberán acreditar experiencia en materia de orientación profesional, motivación cara ó emprego, técnicas de busca de emprego, acompañamento para a inserción, selección de persoal e/ou valoración de postos de traballo.

6. Os centros que colaboren coa Dirección Xeral de Formación e Colocación no desenvolvemento da presente orde poderán levar a cabo as accións previstas no artigo 2º e as previstas no artigo 3º ou os dous tipos de actuación ó mesmo tempo, sempre que reúnan os requisitos esixidos para a realización das ditas accións.

Artigo 6º.-Solicitude.

1. As entidades que, reunindo os requisitos establecidos no artigo anterior, desexen obte-lo recoñecemento como centro colaborador do Servicio Galego de Colocación na área de información, orientación e busca de emprego, deberán formaliza-la correspon

dente solicitude, segundo o modelo oficial que se xunta como anexo I á presente orde, subscrita polo titular ou representante legal da entidade debidamente acreditado e dirixida ó director xeral de Formación e Colocación.

2. As solicitudes irán acompañadas da seguinte documentación:

a) Copia compulsada da escritura de constitución e dos estatutos da entidade.

b) Tarxeta de identificación fiscal.

c) Documentación acreditativa de representatividade suficiente para asina-la solicitude.

d) Título lexítimo que habilite para a posesión dos inmobles e instalacións correspondentes.

e) Licencia municipal de apertura.

f) Documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos esixidos no artigo 5º.3:

-Planos do local, selados e asinados polo representante legal da entidade, con indicación expresa do despacho ou despachos que se dedicarán á realización das accións de información e orientación, tendo en conta que a entidade solicitante deberá dipor de tantos despachos como persoas se adiquen a estas tarefas.

-Facturas conformadas ou documentos que acrediten a existencia dun fax con liña dedicada, conexión ADSL, RDSI ou equivalente, protocolo de comunicación TCP/IP e acceso a Internet.

g) Proxecto-memoria das accións que se van realizar, no que se indique:

-Recursos técnicos, humanos e materiais requiridos.

-Experiencia no desenvolvemento das accións solicitadas, detallando o tipo de accións realizadas, a metodoloxía empregada e o número de usuarios atendidos.

-Xustificación da necesidade das accións.

-Sistemas de avaliación dos servicios que se van prestar ós demandantes de emprego.

-Currículum vitae suficientemente acreditado da persoa ou persoas propostas para a realización das accións.

- Porcentaxe de inserción laboral dos usuarios das accións de información, orientación e busca de emprego que a entidade prevexa acadar no período subvencionado.

h) Orzamento de gastos relativo ó custo do persoal técnico e do persoal de apoio, referido a un período de 12 meses.

i) No caso de que a entidade solicitante desenvolva outras medidas de carácter ocupacional (formación profesional ocupacional, escolas obradoiro, obradoiros de emprego, asesoramento a emprendedores, etc.), documentación suficiente que o acredite

j) Datos da conta bancaria onde se desexe percibi-la subvención.

k) Declaración do conxunto de tódalas solicitudes de axudas presentadas ou concedidas para o mesmo proxecto das distintas administracións públicas ou de calquera dos seus organismos autónomos, entes ou sociedades.

3. As entidades que no momento de presenta-la súa solicitude posúan a condición de centros colaboradores do Servicio Galego de Colocación na área de información, orientación e busca de emprego estarán exentas de presenta-la documentación indicada nas letras a) b), c), d) e e) do punto 2 deste artigo. No suposto de que se producira algunha modificación na documentación que está en poder da Administración, estas entidades deberán remiti-la dita documentación convenientemente modificada.

4. Así mesmo, as entidades colaboradoras de titularidade dunha Administración pública estarán exentas da presentación do documento indicado na letra a) do punto 2 deste artigo.

5. Se a solicitude presentada non reúne os requisitos establecidos na presente orde, farase un único requirimento ó interesado para que, no prazo de 10 días hábiles, emende o erro ou xunte os documentos preceptivos. De non facelo así, teráselle por desistido da súa petición, logo de resolución, de acordo co disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

6. As solicitudes presentaranse no rexistro xeral da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 7º.-Prazo.

O prazo para a presentación de solicitudes será de 40 días hábiles, contados desde o día seguinte ó da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 8º.-Criterios de adxudicación.

A adxudicación das subvecións previstas na presente orde ás entidades que reúnan os requisitos esixidos no artigo 5º realizarase conforme os seguintes criterios de prioridade:

a) A cobertura existente dentro do Servicio Público de Emprego, segundo a área funcional e/ou concello no que se atope a entidade, en relación co número de habitantes e demandantes de emprego de cada zona.

b) Experiencia acreditada da entidade solicitante no desenvolvementro das accións que solicite realizar.

c) No caso de que a entidade solicitante posúa no momento da solicitude a condición de centro colaborador do Servicio Galego de Colocación, valoración do traballo desenvolvido.

d) Desenvolvemento por parte da entidade solicitante, de forma habitual e ordinaria, de tarefas de información e orientación profesional como actividade non lucrativa.

e) Desenvolvemento por parte da entidade solicitante, doutras medidas de carácter ocupacional complementarias ás definidas nesta orde, de xeito que unha mesma entidade poida ofrecer ós demandantes de emprego a maior oferta de actuacións ocupacionais necesarias, co fin de logra-la inserción e/ou mellora-las posibilidades de emprego dos usuarios atendidos.

f) Porcentaxe de inserción acadado cos usuarios do período anterior

g) Ter abordado a prospección e o estudio do mercado de traballo da área funcional na que se atopa a entidade.

Artigo 9º.-Tramitación.

1. A tramitación e instrucción dos expedientes realizarase na Dirección Xeral de Formación e Colocación conforme o disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

2. O director xeral de Formación e Colocación, por delegación da conselleira de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, dictará resolución motivada que lles será notificada ós interesados.

3. A resolución dos expedientes deberá producirse nun prazo de seis meses, contados desde o día seguinte ó da entrada da solicitude no correspondente rexistro. Transcorrido o devandito prazo sen que recaese resolución expresa, esta entenderase desestimatoria.

4. A resolución que finaliza os procedementos regulados na presente orde esgota a vía administrativa, polo que contra elas poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo perante o órgano xurisdiccional competente, na forma e prazo previstos no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contenciososo-administrativa.

Potestativamente, e con anterioridade á interposición do citado recurso contencioso-administrativo, poderá interpoñerse recurso de reposición perante o mesmo órgano que dictou o acto administrativo, na forma e prazos establecidos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, sen prexuízo da interposición de calquera outro recurso que se considere oportuno para a defensa dos dereitos e intereses das entidades solicitantes e outros posibles interesados.

Artigo 10º.-Obrigas dos centros colaboradores.

Calquera centro colaborador do Servicio Galego de Colocación na área de información, orientación e busca de emprego estará obrigado a:

a) Mante-las condicións relativas á instalación e a estructura de medios necesarios para a realización das accións acordadas.

b) Presentar trimestralmente información relativa ás accións realizadas, na que constará sempre a sinatura dos participantes e do técnico/a orientador/a, e que se presentará á Dirección Xeral de Formación e Colocación polos mecanismos que se establezan.

c) Remitir á oficina de emprego que lle corresponda a cada demandante, no prazo máximo de 3 meses, o expediente completo do usuario. Este expediente deberá conte-lo currículo asinado polo usuario, a fotocopia do seu DNI, os documentos relativos a calquera incidencia que se puidese dar no tratamento da demanda de emprego e as autorizacións necesarias para efectos do establecido na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal e demais normativa que a desenvolva. No caso de que o demandante de emprego realice algunha modificación nos seus datos, o centro terá igualmente a obriga de remiti-la dita modificación, asinada polo usuario e suficientemente acreditada, á oficina de emprego correspondente, no prazo máximo de 3 meses.

No caso de que a entidade colaboradora colabore coa Dirección Xeral de Formación e Colocación unicamente nas accións de orientación laboral e busca de emprego, o expediente completo dos usuarios atendidos deberá ser remitido ós servicios centrais do Servicio Galego de Colocación dentro do mesmo prazo establecido no parágrafo anterior.

d) Comunicar á Dirección Xeral de Formación e Colocación calquera alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención.

e) Obte-lo consentimento do usuario para o tratamento automatizado dos seus datos persoais para os efectos da intermediación no mercado de traballo.

f) Adopta-las medidas técnicas e organizativas necesarias para garanti-la seguridade dos datos de carácter persoal e evita-la súa alteración, perda ou o tratamento non autorizado, de acordo co disposto na Orde do 5 de decembro de 1996, pola que se regulan os ficheiros automatizados de datos de carácter persoal de nova creación.

g) Facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas ou polo Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

h) Poñer á disposición dos técnicos de información e orientación tódolos medios materiais necesarios para o correcto desenvolvemento das súas funcións e, en particular, os equipos informáticos precisos, así como acceso a Internet e correo electrónico.

i) Facilitar, no prazo máximo de 10 días, os datos que a Dirección Xeral de Formación e Colocación requira sobre o desenvolvemento e resultado das accións cos demandantes de emprego inscritos no Servicio Público de Emprego.

j) Utilizar axeitadamente as identificacións segundo as instruccións que estableza a Dirección Xeral de Formación e Colocación, e, en todo caso, incluír en

toda a documentación relativa ás accións de información, orientación e busca de emprego o logotipo da Unión Europea (Fondo Social Europeo) e da Xunta de Galicia (Consellería de Auntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais).

k) Obter autorización previa por parte da Dirección Xeral de Formación e Colocación para a difusión publicitaria das accións previstas nos artigos 2º e 3º desta orde, así como tamén respecta-las instruccións e utiliza-lo modelo de anuncio ou cartel publicitario que determine a Dirección Xeral de Formación e Colocación.

l) Manter á disposición do Servicio Galego de Colocación o expediente completo correspondente ó usuario demandante de emprego durante o período en que se executen as accións.

m) Informa-la Dirección Xeral de Formación e Colocación, e se é o caso, solicitar autorización, previamente e por escrito, sobre calquera cambio que se puidera producir nos datos expresados polo centro no inicio da súa colaboración.

n) Informa-los usuarios dos servicios de información, orientación e busca de emprego do cofinanciamento das accións por parte do Fondo Social Europeo, así como dos obxectivos destes fondos.

o) Non percibir retribución económica ningunha dos usuarios pola realización das accións desenvolvidas en colaboración coa Dirección Xeral de Formación e Colocación no marco desta disposición.

p) Informar previamente á Dirección Xeral de Formación e Colocación sobre se perciben compensacións económicas doutras administracións por levar a termo accións iguais ou análogas ás reguladas na presente orde.

q) Garda-lo segredo profesional respecto ós datos contidos nos ficheiros automatizados de titularidade da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais ou rexistrados en soportes físicos susceptibles de tratamento automatizado. Esta obriga subsistirá cando finalice a súa colaboración coa Dirección Xeral de Formación e Colocación, de acordo co establecido na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, e demais normativa que a desenvolva.

Os datos de carácter persoal obxecto do tratamento automatizado estarán sometidos no que respecta á súa comunicación, ó disposto no artigo 11 da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

r) Facilitar información á persoa demandante de emprego do estado dos seus datos de carácter persoal incluídos nos ficheiros automatizados, en calquera das formas expresadas no artigo 15.2º da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

s) En caso de cesamento das súas actividades, de perda da súa condición de centro colaborador co Servicio Galego de Colocación na área de información,

orientación e busca de emprego, ou de que a Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais lle suprimira este servicio, o centro remitirá os expedientes dos usuarios que estean vixentes ó centro ou entidade que lle indique a Dirección Xeral de Formación e Colocación.

t) Todas aqueloutras obrigas que se desprendan do articulado da presente orde.

Artigo 11º-Selección e contratación do persoal para a realización das accións.

1. A entidade colaboradora en materia de información, orientación e busca de emprego, unha vez dictada resolución estimativa, realizará, en colaboración coa Dirección Xeral de Formación e Colocación ou coa delegación provincial correspondente, a selección de técnicos para o desenvolvemento das accións referidas nos artigos 2º e 3º da presente orde. Os técnicos seleccionados poderán ter relación previa contractual coa entidade beneficiaria ou non, e, en todo caso, deberán posuí-lo título de diplomado ou licenciado universitario, preferentemente en psicoloxía, psicopedagoxía, pedagoxía, socioloxía ou educación social.

A entidade colaboradora deberá acredita-la experiencia do/s técnico/s seleccionados nas seguintes materias:

a) Para o persoal que desenvolva accións de información profesional, experiencia en materia de formación profesional e/ou ocupacional, intermediación laboral e xestión de bolsas de traballo.

b) Para o persoal que desenvolva accións de orientación profesional e busca de emprego, experiencia en materia de formación profesional e/ou ocupacional, orientación profesional, recursos humanos, motivación cara ó emprego, técnicas de busca de emprego, acompañamento para a inserción ou outras disciplinas que garden relación directa co mercado laboral.

2. Nos casos previstos nos puntos a) e b) anteriores, e no suposto de que a experiencia non poida ser acreditada, a selección realizarase en función das titulacións preferentes establecidas no punto 1 deste artigo, e, en todo caso, a persoa ou persoas seleccionadas deberán supera-los requisitos establecidos no baremo de selección existente ó respecto na Dirección Xeral de Formación e Colocación.

3. A Dirección Xeral de Formación e Colocación realizará, sempre que se estime necesario, a formación inicial dos técnicos seleccionados. Igualmente, organizará, con medios propios ou alleos, o perfeccionamento e actualización formativa dos técnicos que realizan as accións.

Capítulo IV

Das subvencións

Artigo 12º.-Contía.

1. As contías previstas na presente orde terán por obxecto subvenciona-las retribucións totais, incluída

a cotización empresarial á Seguridade Social do persoal necesario para a execución das accións.

a) Para os técnicos, titulados superiores ou medios, as retribucións establecidas na respectiva normativa de aplicación para cada categoría, nivel ou grupo profesional, ata un máximo de 26.7040,25 euros (4.443.213 pesetas) por ano.

b) Para o persoal de apoio, as retribucións establecidas na respectiva normativa de aplicación para cada categoría, nivel ou grupo profesional, ata un máximo de 18.692,97 euros (3.110.249 pesetas) por ano.

2. Igualmente subvencionarase ata un 10% do total da subvención aprobada en concepto de gastos xerais, materiais, técnicos, axudas de custo e desprazamentos que se xeren polo desenvolvemento das accións recollidas na presente orde.

Os dereitos de explotación dos proxectos e productos financiados con cargo a esta orde serán cedidos á Dirección Xeral de Formación e Colocación, que garantirá a súa difusión e transferibilidade.

Neste sentido, e sempre que lle sexa requirido, o representante legal da entidade solicitante da subvención comprometerase por escrito a realizar esa cesión, de acordo cos requisitos establecidos no texto refundido da Lei de propiedade intelectual, aprobado por Real decreto lexislativo 1/1996, do 12 de abril.

3. As retribucións refírense á prestación de servicios a xornada completa. As retribucións acomodaranse proporcionalmente á xornada que se desenvolva no caso de que a prestación de servicios sexa a tempo parcial.

Artigo 13º.-Gastos imputables.

1. En relación co artigo anterior, a acreditación dos diferentes conceptos de gastos subvecionables realizarase achegando a seguinte documentación:

a) Retribucións de persoal.

-Copia autenticada do contrato.

-Copia autenticada do TC1 e TC2 correspondentes ós meses imputados.

-Copia autenticada das nóminas correspondentes ós meses imputados.

-Copia autenticada do impreso de liquidación nominal do IRPF.

-Copia autenticada do documento (transferencia bancaria ou cheque nominativo) que xustifique o pagamento das nóminas do persoal.

b) Gastos imputables ás accións realizadas en concepto de gastos xerais, materiais e técnicos necesarios.

Considéranse gastos imputables neste capítulo:

-Gastos de elaboración de material técnico.

-Gastos en material de oficina, impresos e material funxible.

-Gastos xerais para a realización das accións: alugueres (leasing excluído), seguros de responsabilidade civil, mantemento (se non está incluído no aluguer), subministración de enerxía eléctrica, auga, combustible para calefacción (se non está incluído no aluguer), comunicacións (teléfonos, correos), limpeza, seguridade e vixilancia.

-Gastos que se orixinen por axudas de custo e desprazamentos necesarios para o desenvolvemento das accións, ata o máximo establecido para ambos conceptos nas normas regulamentarias da Xunta de Galicia, nas demais normas legais ou regulamentarias, nos correspondentes convenios colectivos de aplicación ou no contrato de traballo. Se as ditas contías foran superiores, as máximas subvencionables con cargo a esta orde serán as estipuladas nas normas regulamentarias da Xunta de Galicia.

A acreditación deste bloque de gastos farase mediante a achega das facturas correspondentes, orixinais ou copias compulsadas, tendo en conta que tódalas facturas achegadas como xustificantes deberán estar referidas de forma inequívoca á entidade subvencionada e ó período que abrangue a subvención.

2. Non terán a consideración de gastos imputables ás subvencións que se concedan con cargo á presente orde:

a) Gastos financeiros.

b) Gastos de asesoría.

c) Gastos relacionados co cumprimento dos requisitos para obte-la subvención.

d) Gastos de formación e/ou obtención de títulos ou cotas de colexios profesionais.

e) Os gastos imputados que foran documentados con facturas que non cumpran os requisitos legais aplicables.

f) Calquera outro tipo de gasto que, pola súa natureza ou relación co programa subvencionado non se corresponda co establecido nos puntos a) e b) do punto 1 deste artigo.

Artigo 14º.-Forma de pagamento.

1. O aboamento da subvención realizarase do seguinte xeito:

a) O 35 por 100 do importe da subvención concedida aboarase logo de presentación, por parte da entidade colaboradora, dos contratos de traballo do persoal que realizará as accións, certificado de alta en Seguridade Social do dito persoal e certificación do inicio das accións, na que se farán consta-los datos do persoal obxecto da subvención.

b) Do 65 por 100 restante, aboaranse dous prazos do 20 por 100 do total da subvención, cada un deles cando a entidade colaboradora teña certificada e xustificada, conforme o previsto no artigo 15º desta orde, a realización de gastos polos ditos importes.

c) Unha vez finalizadas as accións, transferirase o 25 por 100 restante ata completa-lo total da subvención concedida, unha vez xustificados os gastos polo importe restante.

d) En todo caso, as certificacións e xustificacións presentadas polas entidades colaboradoras deberán axustarse ó disposto no artigo 15 do o Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia

2. Poderanse aboar anticipos de ata o 75% da subvención concedida, unha vez que a entidade acredite o inicio das accións segundo o disposto no punto a) do punto 1 deste artigo, sempre que se constitúa unha garantía a favor da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais (Xunta de Galicia), nos termos e condicións sinalados no artigo 17 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Unha vez xustificado o importe total do anticipo concedido conforme o previsto no artigo 15º desta orde, e en todo caso durante o mes seguinte ó de finalización da execución das accións obxecto da subvención, a entidade colaboradora presentará liquidación final dos gastos realizados, no modelo que se dipoña pola Dirección Xeral de Formación e Colocación, consonte o establecido no artigo 17º da presente orde.

3. Cando algunha das xustificacións non puidera presentarse dentro do ano natural do exercicio orzamentario en que se concedeu a subvención, procederase a recoñece-la obriga con anterioridade ó 31 de decembro do dito ano natural e a realiza-lo pagamento unha vez presentada a xustificación, que en todo caso se corresponderá con accións e gastos realizados no exercicio en que se concedeu a subvención.

Artigo 15º.-Requisitos para o aboamento.

1. Antes de proceder ó cobramento das subvencións establecidas nesta orde, as entidades beneficiarias, se é o caso, terán que acreditar que se atopan ó corrente nas súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social, e non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da comunidade autónoma, agás que o beneficiario xunte á solicitude a debida autorización, segundo o modelo anexo II, para que a devandita información sexa solicitada polo órgano xestor das axudas.

2. Unha vez finalizadas as actividades, as entidades beneficiarias deberán acreditar mediante certificación selada e asinada polo representante da entidade, a realización das accións descritas.

3. Así mesmo, finalizadas as accións, e antes de proceder ó último pagamento, a entidade beneficiaria deberá presentar unha declaración de conxunto de tódalas solicitudes de axudas solicitadas ou concedidas para o mesmo proxecto das distintas administracións públicas ou de calquera dos seus organismos autónomos, entes ou sociedades.

Artigo 16º.-Prazo de execución das accións.

1. As accións poderanse executar ata o 31 de marzo do ano natural seguinte ó da súa concesión. Neste caso, o proxecto conxunto de actuacións deberá terse

iniciado antes do 31 de decembro do exercicio no que se concedeu a subvención.

2. No suposto anterior, procederase a imputar á anualidade futura as accións e gastos que se devenguen desde o 1 de xaneiro ó 31 de marzo do ano natural seguinte ó da concesión da subvención.

Artigo 17º.-Liquidación final.

1. Durante o mes seguinte ó de finalización da execucións das accións obxecto da subvención, a entidade colaboradora presentará liquidación final dos gastos realizados no modelo que dipoña a Dirección Xeral de Formación e Colocación, que conterá alomenos, os seguintes datos:

a) Memoria das accións realizadas, con especificación dos demadantes de emprego atendidos en cada unha delas.

b) Certificación de gastos realizados, onde deberán consta-los gastos de persoal e a relación de facturas, acompañada da documentación especificada no artigo 13º.1 desta orde.

2. Ás entidades que, transcorrido o prazo dun mes desde a finalización das accións, non presentasen a documentación de xustificación final dos gastos poderá serlles esixido o reintegro das cantidades percibidas en concepto de anticipo, consonte o disposto no artigo 19º desta orde.

En caso de que a xustificación fose incorrecta, requirirase a entidade para que corrixa os erros ou defectos observados no prazo de 10 días, advertíndolle de que, de non facelo, se procederá, se é o caso, a reclama-lo reintegro, total ou parcial, da axuda concedida, nos termos e coas condicións sinalados no artigo 78 da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Capítulo V

Seguimento e control

Artigo 18º.-Seguimento das accións.

1. Sen prexuízo das facultades inspectoras que teñan atribuídas outros órganos da Administración do Estado e da comunidade autónoma, a Consellería de Asuntos Socias, Emprego e Relacións Laborais poderá realiza-las comprobacións e verificacións que considere precisas para a constatación do cumprimento do disposto nesta orde e demais normativa vixente que resulten de aplicación.

Así mesmo, as delegacións provinciais da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais poderán realizar comprobacións e verificacións, presenciais e aleatorias, co obxecto de avaliar cuantitativa e cualitativamente o desenvolvemento das accións previstas na presente orde en calquera das entidades beneficiarias da subvención.

No caso de levarse a cabo visitas de seguimento por parte da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, os centros colaboradores na áreas de información, orientación e busca de emprego facilitarán o acceso ás instalacións nas que se realizan as accións, así como toda a documentación de carácter

técnico, administrativo, informático ou contable que teña relación coa subvención concedida e que se lles solicite.

Nas visitas de seguimento elaborarase un informe que asinarán o responsable da visita e o responsable da entidade. A sinatura do responsable da entidade non implicará a conformidade co contido do informe.

2. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, o incumprimento dalgunha das obrigas sinaladas nesta orde e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 19º.-Reintegro das subvencións.

1. Procederá o reintegro das cantidades percibidas nos seguintes casos:

a) Incumprimento da obriga de xustifica-la realización da actividade.

b) Incumprimento da finalidade para a que a axuda foi concedida.

c) Incumprimento por parte da entidade colaboradora das obrigas sinaladas nesta orde.

d) Obtención da subvención sen reuni-los requisitos esixidos na presente orde ou na normativa que a desenvolva.

2. Así mesmo, procederá o reintegro por parte da entidade colaboradora das cantidades que excedan da contía a percibir polas accións realizadas, unha vez deducidas outras subvencións ou axudas recibidas pola entidade colaboradora para a mesma finalidade, e en todo caso rexerá o diposto no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia

Artigo 20º.-Participación instituticional.

A participación dos axentes sociais efectuarase a través do Comité Autonómico de Emprego.

Disposicións adicionais

Primeira.-As accións incluídas na presente orde financiaranse con cargo ás consignacións orzamentarias que figuran nos orzamentos xerais da comunidade autónoma para 2003: 14.03.241A.482, cun importe de 5.520.912 euros (918.602.464 pesetas) na anualidade de 2003, e 3.864.638 euros (643.021.658 pesetas) na anualidade de 2004, 14.03.241A.460, cun importe de 1.007.080 euros (167.564.013 pesetas) na anualidade de 2003, e 704.956 euros (117.294.809 pesetas) na anualidade de 2004, 14.03.241A.440, cun importe de 424.627 euros (70.651.988 pesetas) na anualidade de 2003, e 272.238 euros (45.296.592 pesetas) na anualidade

de 2004, 14.03.241A.470 cun importe de 100.000 euros (16.638.600 pesetas) na anualidade de 2003, e 70.000 euros (11.647.020 pesetas) na anualidade de 2004, 14.03.241B.482, cun importe de 471.000 euros (78.367.806 pesetas) na anualidade de 2003, e 329.700 euros (54.857.464 pesetas) na anualidade de 2004, 14.03.241B.472.0 cun importe de 100.000 euros (16.638.600 pesetas) na anualidade de 2003, e 70.000 euros (11.647.020 pesetas) na anualidade de 2004, 14.03.241B.481, cun importe de 200.000 euros (33.277.200 pesetas) na anualidade de 2003, e 140.000 euros (23.294.040 pesetas) na anualidade de 2004, 14.03.241B.471, cun importe de 470.000 euros (78.201.420 pesetas) na anualidade de 2003, e 329.000 euros (54.740.994 pesetas) na anualidade de 2004, 14.03.241B.461, cun importe de 100.000 euros (16.638.600 pesetas) na anualidade de 2003, e 70.000 euros (11.647.020 pesetas) na anualidade de 2004.

Segunda.-A concesión das subvencións terá como límite global o crédito asignado para este fin nos orzamentos xerais da comunidade autónoma de cada ano, e o límite dos compromisos plurianuais que se adquiran ó abeiro do artigo 58.1º b) do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, logo da autorización do compromiso plurianual por parte do Consello da Xunta de Galicia.

Terceira.-Apróbase a delegación de atribucións da conselleira de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais no director xeral de Formación e Colocación para resolve-la concesión ou denegación das axudas e subvencións previstas nesta orde, así como para autoriza-los gastos e ordena-los correspondentes pagamentos.

Cuarta.-En todo o non disposto na presente disposición, será de aplicación a normativa do Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais relativa a orientación profesional para o emprego.

Quinta.-A presentación da solicitude para concorrer ás subvecións previstas nesta orde suporá a aceptación expresa de tódalas obrigas e condicións derivadas das bases recollidas no articulado da orde.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Formación e Colocación para que dicte, no ámbito das súas competencias, as resolucións e aclaracións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor ó día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de marzo de 2003.

Mª José Cimadevila Cea

Conselleira de Asuntos Sociais, Emprego

e Relacións Laborais

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA