Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 53 Luns, 17 de marzo de 2003 Páx. 3.199

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA, XUVENTUDE E VOLUNTARIADO

ORDE do 12 de marzo de 2003 pola que se regulan os servicios e adxudicación de estadías nas residencias de tempo libre dependentes da Consellería de Familia, Xuventude e Voluntariado.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27.23º, asígnalle á Comunidade Autónoma competencia exclusiva en materia de asistencia social.

A Lei 4/1993, do 14 de abril, de servicios sociais, inclúe no seu artigo 5.3º, como unha das áreas de actuación do sistema de servicios sociais, os servicios de familia, infancia e menores e a Consellería de Familia, Xuventude e Voluntariado é quen ten as competencias neste sector.

Considerando que a institución familiar é a matriz natural na configuración do lecer e dispoñendo a Consellería de Familia, Xuventude e Voluntariado dos equi

pamentos materiais das residencias de tempo libre de Panxón e O Carballiño, é polo que se ofertan por esta orde quendas de estadías nas devanditas residencias, co fin de favorece-la comunicación e participación persoal e sociofamiliar.

Na súa virtude, en uso das facultades que teño atribuídas,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto regula-lo procedemento de adxudicación de estadías e servicios das residencias de tempo libre de Panxón e O Carballiño, sitas nas localidades de Panxón (Pontevedra) e O Carballiño (Ourense) respectivamente, e dependentes da Consellería de Familia, Xuventude e Voluntariado.

Artigo 2º.-Destinatarios.

Poderán ser destinatarios tódalas persoas maiores de idade ou menores sempre que vaian acompañados dos seus pais ou titores legais.

Artigo 3º.-Tipos de servicio.

1. Servicio de residencia.

O servicio de residencia consistirá no aloxamento e manutención en réxime de pensión completa durante a quenda adxudicada ó beneficiario.

As quendas e tempadas ofertadas detállanse no anexo II desta orde.

2. Servicios para non residentes.

Poderán desfrutar do servicio de comedor os familiares e amigos dos residentes que veñan visita-la instalación, segundo as normas para a provisión de prazas que determine o director/a de cada residencia, e sen prexuízo da lóxica prioridade que se lles outorgue e se lles garanta ós residentes.

3. Os prezos, tanto para os servicios de residencia como para os non residentes, establécense para tal efecto segundo o Decreto 169/2003, do 13 de febreiro, polo que se fixan as tarifas de prezos relativas ás residencias de tempo libre. As quendas e tempadas para o ano 2003 detállanse no anexo II.

Artigo 4º.-Solicitudes e documentación.

Farase unha soa solicitude por quenda e unidade familiar, segundo o modelo oficial do anexo I e xuntarase, así mesmo, a fotocopia do DNI do solicitante.

Non se admitirán as solicitudes que inclúan persoas que disfrutaran dalgunha quenda na mesma residencia nalgún dos dous anos anteriores.

As solicitudes de estadías deberán dirixirse por escrito ó director/a da residencia de tempo libre.

Artigo 5º.-Lugar e prazo de presentación de solicitudes.

As solicitudes remitiranse ás residencias de tempo libre de Panxón e O Carballiño, sen prexuízo do disposto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O prazo de presentación de solicitudes abrirase o día seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e rematará o 15 de abril de 2003.

Artigo 6º.-Requirimento de emenda.

Os directores das respectivas residencias comprobarán que os expedientes reúnen tódolos requisitos esixidos nesta orde e procederán a reclamarlles por escrito ós interesados a falta ou os documentos preceptivos para poder resolve-lo expediente, co apercibimento de que, se así non se fixese nun prazo de 10 días, se terá por desistida a súa petición de acordo co artigo 71.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, logo de resolución do delegado/a provincial competente, que deberá dictarse nos termos previstos no artigo 42 da mesma lei.

Artigo 7º.-Adxudicación de estadías.

A distribución das prazas será compartida nun 50% entre a residencia e as centrais sindicais, en razón da súa representatividade na Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo cos resultados obtidos nas últimas eleccións sindicais.

A adxudicación de estadías efectuarase por sorteo de datas, que será público e terá lugar ante o/a delegado/a da Consellería de Familia, Xuventude e Voluntariado, tendo en conta as datas de recepción e rexistro nas residencias de tempo libre, contando desde o día seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia ata o 15 de abril. Todas estas datas entran en sorteo e delas sairá unha que será pola que se iniciará a adxudicación das prazas, ata cubri-lo total de cuartos dispoñibles. As prazas que queden vacantes por renuncias posteriores á súa adxudicación ofertaránselles ós solicitantes que non obtivesen praza, seguíndose para iso a orde de adxudicación establecida no sorteo.

Non se adxudicarán prazas por máis dunha quenda durante a tempada de verán.

Artigo 8º.-Resolución.

Correspóndelle ó/á delegado/a provincial competente a resolución das adxudicacións das estadías, que levantará acta do devandito sorteo e lles remitirá o resultado ós respectivos directores das residencias. Estes notificaranlles ós interesados antes do 15 de maio de 2003 a quenda e tempada concedida ou a non adxudicación, se é o caso.

Contra as anteditas resolucións poderase interpoñer recurso de alzada perante a conselleira de Familia, Xuventude e Voluntariado no prazo dun mes que comezará a contar desde o día seguinte ó da súa notificación.

Artigo 9º.-Pagamento do prezo da estadía.

Os beneficiarios realizarán o depósito da totalidade do prezo da estadía 45 días antes do inicio da quenda adxudicada. Este depósito terase en conta á hora de xira-lo recibo definitivo.

Artigo 10º.-Anulación de estadías e reintegro de pagamentos.

No caso de que o adxudicatario anulase as estadías, as cantidades depositadas seranlle devoltas logo da reclamación do interesado unha vez instruído e resolto o expediente correspondente, de acordo coas porcentaxes que se detallan a continuación:

-Anulación ata 30 días antes da data do comezo do desfrute das estadías: 100%.

-Anulación entre 29 e 15 días antes da data de comezo do desfrute das estadías: 75%.

-Anulación entre 14 e 3 días antes da data de comezo do desfrute das estadías: 50%.

-Anulación con menos de 3 días ou unha vez comezado o desfrute das estadías: 25%.

A anulación de reservas efectuarase por carta certificada, e para calcula-la porcentaxe da devolución de cantidades tomarase como data a de rexistro de entrada na residencia; a residencia non se fará en ningún caso responsable dos eventuais atrasos que se poidan producir no envío da devandita documentación.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a directora xeral de Familia para dicta-las normas necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de marzo de 2003.

Pilar Rojo Noguera

Conselleira de Familia, Xuventude e Voluntariado