Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 53 Luns, 17 de marzo de 2003 Páx. 3.195

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA, XUVENTUDE E VOLUNTARIADO

ORDE do 7 de marzo de 2003 pola que se convoca e se aproban as bases polas que se regula a concesión de axudas para levar a cabo programas de educación familiar que desenvolverán as corporacións locais.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27.23º, asígnalle á Comunidade Autónoma competencia exclusiva en materia de asistencia social.

A Lei 4/1993, do 14 de abril, de servicios sociais, inclúe no seu artigo 5.3º, como unha das áreas de actuación, os servicios de familia, infancia e mocidade, e a Lei 3/1997, do 9 de xuño, galega da familia, da infancia e da adolescencia establece, no seu artigo 15 a), como unha medida de prevención de posibles situacións de risco, o apoio á infancia e á adolescencia a través de medidas técnicas dirixidas a cubri-las necesidades básicas e a mellora-lo contorno familiar.

Nos orzamentos xerais da Consellería de Familia, Xuventude e Voluntariado para o exercicio 2003 existe na aplicación orzamentaria 14.02.212A.460.0 un crédito de 657.086,53 euros consignado para as axudas que se establecen no articulado desta orde, que poderá verse incrementado con outras achegas da administración pública para o mesmo fin.

O texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, establece no seu artigo 78 o réxime xeral de concesión de axudas e subvencións con cargo ós orzamentos xerais da Comunidade Autónoma, e o Decreto 287/2000, do 21 de novembro, que o desenvolve, constitúen a normativa á que, en consecuencia, se adaptará esta orde, tendo en conta en todo caso os principios de publicidade, obxectividade e concorrencia, e os demais requisitos esixidos na Lei 6/2002, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2003.

Na súa virtude, en uso das facultades que teño atribuídas e para a debida aplicación dos créditos orzamentarios para o fin para o que foron establecidos,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto convocar e aproba-las bases polas que se rexe a concesión das axudas e subvencións para o financiamento de programas de educación familiar que desenvolverán as corporacións locais, ben a través dos seus servicios sociais, ou ben por equipos profesionais creados para esta finalidade.

Artigo 2º.-Destinatarios.

Poderán solicitar axudas aquelas corporacións locais que presenten un programa de educación familiar consistente na intervención, por parte de persoal especializado, en familias que se atopen en situacións de risco de marxinación social, co obxecto de facilitarlle-la adquisición de habilidades de atención, coidado e educación necesarias para o axeitado desenvolvemento dos menores (pautas de alimentación, hixiene, educativas, habilidades sociais, etc.), así como a capacidade de autoorganización do núcleo familiar.

Artigo 3º.-Normas xerais sobre as subvencións.

a) As corporacións locais deberán participar no financiamento do programa, cun 30% do seu orzamento total. Para tales efectos, a corporación local presentará certificación acreditativa de que nos seus orzamentos existe partida orzamentaria suficiente para esta finalidade. No caso de que a contía subvencionada sexa inferior ó orzamento total que inicialmente consta na solicitude, o tanto por cento que achegará a corporación local poderase reducir en igual medida.

b) A suma de subvencións outorgadas coa mesma finalidade por todo tipo de organismos públicos ou privados para a execución do programa, en ningún caso poderá supera-lo 100% do importe total do gasto efectuado.

c) O persoal especializado que contrate a corporación local para desenvolve-lo programa de educación familiar deberá ter unha das seguintes titulacións: diplomado en EXB, psicólogo, pedagogo, psicopedagogo, educador social ou traballador social.

d) Os programas que se presenten deberán axustarse ás instruccións establecidas no anexo II desta orde.

Artigo 4º.-Prórroga das axudas ás corporacións locais que continúen cun programa subvencionado no ano anterior.

As axudas outorgadas ás corporacións locais que foran beneficiarias durante o exercicio de 2002 considéranse prorrogadas para o exercicio 2003, sen prexuízo do seu posible incremento segundo as dispoñibilidades orzamentarias, sempre que se cumpran as seguintes condicións:

-O orzamento do programa non poderá ser inferior ó do exercicio anterior.

-O mantemento dos recursos humanos asignados ó programa no exercicio anterior.

-O proxecto do ano anterior debe acadar unha valoración favorable.

Artigo 5º.-Prioridades na concesión de subvencións.

Para as solicitudes que non sexan de prórroga establécense as seguintes prioridades:

a) Terán prioridade aquelas corporacións que colaboren coa Consellería de Familia, Xuventude e Voluntariado noutras iniciativas, especialmente as que desenvolvan programas para a execución de medidas xudiciais de servicios en beneficio da comunidade e liberdade vixiada, no ámbito de menores.

b) Valoraranse especialmente os proxectos que abrangan o maior número de beneficiarios posible, así como aqueles nos que, na súa execución, participen asociacións de voluntariado social.

c) Daráselle prioridade ós proxectos que desenvolvan o programa ininterrompidamente durante todo o ano, de ser posible en xornada de mañá e tarde.

Artigo 6º.-Lugar e prazo de presentación das solicitudes.

As solicitudes das axudas, tanto as que se refiran a programas novos como as que teñan por obxecto a prórroga do programa desenvolvido o ano anterior nas condicións establecidas no artigo 4 desta orde, formularanse segundo o modelo oficial que se achega como anexo I a esta orde, e deberán vir acompañadas do proxecto do programa e unha declaración de conxunto de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas, para este mesmo fin, das distintas administracións públicas competentes.

Esta documentación presentarase nas delegacións provinciais da Consellería de Familia, Xuventude e Voluntariado, sen prexuízo do disposto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O prazo de presentación de solicitudes será de 40 días hábiles contado a partir do día seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 7º.-Tramitación dos expedientes.

As respectivas delegacións provinciais comprobarán que os expedientes reúnen tódolos requisitos esixidos nesta orde e procederán a reclamarlles por escrito ós interesados a falta ou os documentos preceptivos para poder completa-lo expediente, co apercibimento de que se así non se fixese nun prazo de dez días, terase por desistida a súa petición, de acordo co artigo 71.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime

xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, logo de resolución que deberá dictarse nos termos previstos no artigo 42 da mesma lei.

Así mesmo, realizarase o trámite de audiencia nos termos previstos no artigo 9 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro.

Artigo 8º.-Resolución.

1. Correspóndelle ó delegado provincial da Consellería de Familia, Xuventude e Voluntariado, por proposta da comisión de valoración, a resolución destas axudas por delegación da conselleira de Familia, Xuventude e Voluntariado de conformidade co establecido no artigo 78 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro. A antedita resolución terá lugar no prazo de tres meses, contados a partir do día seguinte ó de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e seralle notificada á corporación local pola delegación provincial da Consellería de Familia, Xuventude e Voluntariado. Transcorrido o dito prazo sen recaer resolución expresa, as solicitudes teranse por desestimadas.

2. A composición da comisión de valoración será a seguinte:

Presidente: o/a xefe/a de Servicio de Familia e Infancia.

Vocais: tres funcionarios da respectiva delegación provincial designados polo/a delegado/a provincial.

Actuará como secretario un dos vocais. Poderá asistir con voz pero sen voto un representante da intervención territorial.

3. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

4. As resolucións recaídas neste procedemento esgotan a vía administrativa, e contra elas pode interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o órgano da xurisdicción contencioso-administrativa competente, no prazo de dous meses a partir do día seguinte ó da notificación da dita resolución, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa.

Non obstante, as corporacións locais poderán requirir previamente ante o delegado provincial a anulación, revogación ou modificación da resolución mediante escrito razoado, no prazo de dous meses contados desde a súa notificación. O requirimento entenderase rexeitado se non se contestara dentro do mes seguinte á súa recepción.

Artigo 9º.-Xustificación e pagamento.

Unha vez dictada a resolución pola que se concede a subvención, procederase á xustificación e pagamento na forma que se indica a continuación:

1. As subvencións poderanse facer efectivas de conformidade co establecido no artigo 16.2º un do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve

o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia da seguinte forma: para aquelas que non superen o importe de 6.010 euros poderá anticiparse ata un 80% da contía outorgada, mediante a correspondente certificación de inicio de actividades, librándose o 20% restante unha vez presentada pola corporación local certificación expedida polo órgano competente de que foi realizada a actividade e que especifique a cantidade exacta do gasto realizado no programa que, en todo caso, será igual ou superior á axuda concedida máis a achega da corporación local esixida no artigo 3º a) desta orde. Nos demais casos, poderá facerse efectivo o pagamento da axuda do seguinte xeito:

a) Un primeiro pagamento do 30% da totalidade da subvención, no momento da súa concesión. Para facer efectivo este anticipo deberá presentarse como medio provisional de xustificación unha certificación emitida polo órgano competente da corporación do inicio das actividades.

b) Ata o 80% do total concedido (o seguinte 50% da subvención despois do anticipo) mediante pagamentos parciais, sempre que se presenten as correspondentes certificacións de gastos que deberán incluí-lo recibido en concepto de anticipo, agás no caso de que se poida xustificar que a corporación ten realizado un gasto igual ou superior á cantidade concedida máis a achega da corporación local esixida no artigo 3º a) desta orde; neste caso, procederase ó aboamento do 100% da subvención tal e como se especifica no punto seguinte.

c) O 20% restante, unha vez presentada pola corporación certificación expedida polo órgano competente de que foi realizada a actividade e que especifique a cantidade exacta do gasto realizado no programa que, en todo caso, será igual ou superior á axuda concedida máis a achega da corporación local esixida no artigo 3º a) desta orde.

En todo caso, a dita corporación deberá emitir, no prazo de 20 días contados a partir da recepción da cantidade correspondente, certificación acreditativa de que foi rexistrado na súa contabilidade o ingreso da subvención, figurando o destino final para o que foi concedida.

2. Aquelas corporacións locais que, ó abeiro da orde desta consellería do 28 de decembro de 2001, obtivesen subvención para o mesmo programa que se conceda mediante esta orde, para poder percibi-lo anticipo a que se refire o punto 2 deste artigo, deberán ter xustificado previamente a totalidade da subvención concedida para o ano 2002.

3. Coa última certificación do gasto, xuntarase unha memoria xustificativa da execución do programa de acordo co modelo que figura no anexo III, así como unha declaración complementaria do conxunto de axudas solicitadas, tanto as aprobadas e concedidas, como as pendentes de resolución, para este mesmo programa, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

Artigo 10º.-Seguimento do programa.

1. Correspóndelle á Consellería de Familia, Xuventude e Voluntariado a facultade de supervisión e control sobre a execución e o destino da axuda á finalidade para a que se concedeu, podendo levarse a cabo comprobacións directas sobre a execución do programa.

2. As corporacións locais beneficiarias de axudas quedan obrigadas a remitirlle a calquera órgano competente da Consellería de Familia, Xuventude e Voluntariado cantos informes e documentos se consideren precisos para acredita-lo cumprimento da finalidade da subvención concedida. Así mesmo, deberán facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

3. Nos casos en que fose necesaria a coordinación con outros programas asistenciais ou sociais xa existentes, os órganos competentes da Consellería de Familia, Xuventude e Voluntariado, poderán solicita-la efectiva colaboración do persoal encargado da execución dos programas de educación familiar.

Disposicións adicionais

Primeira.-A concesión das axudas reguladas nesta orde terá como límite global o crédito asignado nos orzamentos xerais para este fin.

As actuacións que se subvencionan deberán realizarse dentro do exercicio económico de 2003.

Segunda.-O incumprimento total ou parcial de calquera das condicións establecidas nesta orde ou a concorrencia dalgunha das causas previstas no artigo 78.9º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, constituirá causa determinante de revogación da axuda e do seu reintegro polo beneficiario ou solicitante, xunto cos xuros de demora.

Terceira.-Os beneficiarios destas axudas quedan suxeitos ó réxime disciplinario previsto no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado por Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

Cuarta.-Apróbase a delegación de competencias da conselleira de Familia, Xuventude e Voluntariado nos delegados/as provinciais desta consellería, no ámbito das súas respectivas competencias, para resolve-la concesión, denegación, modificación ou outras incidencias das subvencións previstas nesta orde.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a directora xeral da Familia para dicta-las resolucións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de marzo de 2003.

Pilar Rojo Noguera

Conselleira de Familia, Xuventude e Voluntariado