Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 53 Luns, 17 de marzo de 2003 Páx. 3.187

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA AGROALIMENTARIA E DESENVOLVEMENTO RURAL

ORDE do 7 de marzo de 2003 pola que se establecen bolsas de prácticas para estudiantes que realizan ensinanzas de formación profesional agraria.

A normativa vixente en materia de ensinanzas de formación profesional específica recolle a obligatoriedade de realizar prácticas na especialidade que se curse para que os alumnos adquiran e melloren os coñecementos prácticos dela.

Co fin de darlles facilidades ós alumnos que cursen ensinanzas de formación profesional da familia agraria, a Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, no uso das súas competencias, convoca bolsas para a realización de prácticas nas explotacións dos seus centros de formación e experimentación agraria coa finalidade de que os estudiantes que realizan ciclos formativos da familia profesional agraria adquiran e melloren os coñecementos prácticos nos temas propios dos seus estudios, que lles permitan unha máis fácil incorporación ó mundo laboral. Estas prácticas realizaranse en centros nos que a súa orientación responda á especialidade cursada.

En consecuencia, e de acordo co disposto no artigo 30.I.1 e 3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e

en uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 23 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Estas bolsas teñen por obxectivo paliar, na medida do posible, os gastos dos alumnos que realizan estudios de formación profesional agraria, ocasionados polo desprazamento e manutención durante as xornadas correspondentes á realización das prácticas nas explotacións.

Artigo 2º.-Finalidade.

Realización de traballos prácticos supervisados na explotación agraria dos centros de formación e experimentación agraria ofertados, para amplia-los seus coñecementos e mellora-lo seu adestramento en materias propias dos seus estudios.

Artigo 3º.-Beneficiarios.

As bolsas reguladas por esta orde poderán ser solicitadas por alumnos que durante este curso 2002-2003 estean cursando ensinanzas profesionais de grao medio ou superior nas especialidades da familia agraria nos centros de formación e experimentación agraria da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural ou nos centros dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Artigo 4º.-Carácter das bolsas.

As bolsas terán carácter de prácticas á formación recibida, e non implican relación laboral nin administrativa entre os beneficiarios e a Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural aínda que si a necesaria dependencia administrativa en relación co horario, normas de réxime interno e funcionamento da unidade administrativa onde se realicen as prácticas.

As bolsas tampouco darán lugar á súa inclusión na Seguridade Social; sen embargo suscribiráselles unha póliza colectiva de seguro de accidentes durante o período de prácticas, que cubrirá os accidentes de traballo e responsabilidade civil correspondente.

Artigo 5º.-Tipo de bolsas.

Convócanse dos (2) tipos de bolsas en función das horas de prácticas e número de xornadas nas que estas se realizan.

Tipo A: 23 bolsas para a realización de 300 horas de prácticas cada unha, durante 40 xornadas mínimas, nos meses de maio a decembro, para alumnos que conclúan os seus estudios no curso 2002/2003.

Tipo B: 29 bolsas para a realización de 150 horas de prácticas cada unha, durante 20 xornadas mínimas, nos meses de xuño, xullo, agosto e setembro, para alumnos que acabaron o primeiro curso.

As bolsas poden ser reconvertidas nun ou noutro tipo, en función das solicitudes e sempre que non se modifique o montante global orzado.

Non obstante o anterior, se a contía total das solicitudes superase o crédito dispoñible, queda autorizada a secretaría xeral para reaxusta-lo número de xornadas solicitadas, de forma que a súa contía non exceda o crédito dispoñible. Neste caso comunicaráselles ós/ás interesados/as a modificación efectuada.

Artigo 6º.-Requisitos e contía das axudas.

Serán requisitos indispensables para solicitar estas axudas:

-Que os alumnos solicitantes estean matriculados de 1º ou 2º curso, da especialidade correspondente ás prácticas que solicitan, nalgún dos centros de formación e experimentación agraria da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural ou en centros dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

-Que os alumnos solicitantes presenten un certificado do expediente académico correspondente á última avaliación do curso 2002-2003.

-Que as solicitudes reciban informe do director do centro onde se presentan.

A contía das axudas establécese en función do número de horas prácticas.

Axudas tipo A: 880 euros para a realización de 300 horas de prácticas, durante 40 xornadas mínimas.

Axudas tipo B: 440 euros para a realización de 150 horas de prácticas, durante 20 xornadas mínimas.

-O incumprimento das obrigas sinaladas ou de calquera das condicións establecidas para a concesión das bolsas reguladas nesta orde, dará lugar ó reintegro total ou parcial destas.

Artigo 7º.-Oferta de prazas.

Os centros de formación e experimentación agraria que se relacionan ofertan as seguintes prazas para a realización de prácticas, en función do número de alumnos que poidan acoller para darlles adecuado tratamento formativo.

As prazas convocadas poderán transferirse dun centro para outro en caso de necesidade xustificada.

Centro de Formación e Experimentación AgrariaEspecialidadesNº prazas

tipo A

Nº prazas

tipo B

Guísamo (A Coruña)Explotacións intensivas

Xardinería

36

Sergude (A Coruña)Explotacións extensivas.

Traballos forestais.

Xestión e organización de empresas agropecuarias.

46

Becerreá (Lugo)Traballos forestais.

Explotacións extensivas.

Xestión e organización dos recursos naturais e paisaxísticos.

45

Monforte de Lemos (Lugo)Explotacións extensivas.44

Pedro Murias (Lugo)Explotacións extensivas.22

Lourizán (Pontevedra)Xestión e organización dos recursos naturais e paisaxísticos.

Traballos forestais.

66

TOTAL2329

Artigo 8º.-Formalización de solicitudes.

As solicitudes irán dirixidas ó conselleiro de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural e poderán ser presentadas polos interesados nos centros onde estean matriculados, ou ben no rexistro xeral da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, nas súas delegacións provinciais ou da forma prevista no artígo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, segundo modelo do anexo I.

O prazo de presentación de solicitudes será desde a publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia ata o día 30 de abril deste ano.

De acordo co artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificado pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, unha vez recibidas as solicitudes dentro do prazo establecido, o conselleiro de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural resolverá no prazo de vinte días.

Transcorrido o prazo máximo para emitir resolución sen que a Administración a adoptase, os interesados poderán entender denegada a súa solicitude por silencio administrativo.

Contra a resolución pola que se aprobe ou denegue a solicitude da bolsa poderá interporse recurso de reposición ante o conselleiro de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural no prazo dun mes se o acto fose expreso, ou de tres meses se non o fose, ou ben impugnar directamente o acto ante a orde xurisdiccional contencioso-administrativa.

Artigo 9º.-Documentación.

As solicitudes presentaranse segundo o modelo do anexo que se xunta, coa seguinte documentación:

-Tipo de bolsa á que se aspira.

-Fotocopia do DNI do interesado.

-Declaración do interesado na que faga constar que cumpre cos requisitos sinalados no artigo 6º da convocatoria.

-Declaración do conxunto de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas para o mesmo curso polas distintas administracións públicas.

-Certificación das cualificacións do último curso ou última avaliación no curso matriculado.

Os directores de centros que teñan ofertadas prazas para a realización de prácticas presentarán no Centro de Formación, Investigación e Tecnoloxía Agraria de Galicia un expediente coa relación detallada de tódalas solicitudes presentadas para a realización de prácticas nel, xunto coas solicitudes e o resto da documentación esixida nesta convocatoria de cada un dos solicitantes.

Artigo 10º

1. Selección.

O estudio e proposta de aprobación de solicitudes será realizada por unha comisión de valoración presidida polo director do Centro de Formación, Investigación e Tecnoloxía Agraria de Galicia, e na que se integrarán como secretario e vocais:

-O xefe do Servicio de Formación Agraria.

-Dous directores de centros onde se imparten ensinanzas de formación agraria, propostos polo secretario xeral da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural.

-O xefe da Sección de Programas e Seguimento, que actuará como secretario.

2. A selección realizarase de acordo coa puntuación obtida, unha vez aplicados os baremos que se indican en cada liña:

a) Por expediente académico correspondente á última avaliación realizada (media da avaliación).

Sobresaliente: 5 puntos.

Notable: 3 puntos.

Aprobado: 2 puntos.

b) Por traballos de prácticas realizados de forma voluntaria durante o curso 2001-2002 nos centros de formación e experimentación agraria e non remunerados economicamente:

Por cada xornada de traballo en prácticas: 1 punto.

c) Por curso terminado:

1º curso: 5 puntos.

2º curso: 10 puntos.

Artigo 11º.-Adxudicación e pagamento.

A comisión de valoración, vistas as solicitudes presentadas e o crédito dispoñible, fará chega-la correspondente proposta de adxudicación e listaxe de suplentes ó secretario xeral.

1. As bolsas serán adxudicadas polo conselleiro de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural por proposta do secretario xeral.

2. A secretaría xeral comunicaralles ós/ás interesados/as e ós centros a concesión ou denegación das axudas e, se é o caso, a modificación da contía solicitada, segundo esablece o artigo 5º.

3. A bolsa de prácticas establecida nesta orde será incompatible con calquera outra destinada ós mesmos fins.

4. O pagamento farase nunha única entrega, unha vez recibido o informe do xefe da unidade correspondente sobre o bo desenvolvemento das prácticas.

5. No caso de que o adxudicatario deixe de levar a cabo a asistencia á unidade onde realice as prácticas, deixará de percibi-la cantidade correspondente.

En todo caso, ó finaliza-lo período de prácticas o director do centro certificará ante a secretaría xeral a total realización desta actividade.

Artigo 12º

O importe destas bolsas sufragarase con cargo á aplicación orzamentaria 09.01.322.S.480.1, de axudas para bolsas de prácticas, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2003, por un importe de 33.000 euros.

Cada centro cubrirá unha póliza colectiva de seguro de accidentes e responsabilidade civil para os alumnos que realicen prácticas nel.

Os beneficiarios están obrigados a facilitar toda a información que lles requiran a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da bolsa e, en todo caso, a obtención concorrente de bolsas ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión.

Disposición derradeira

Facúltase o secretario xeral para dicta-las resolucións necesarias para o mellor cumprimento desta orde, que entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de marzo de 2003.

Juan Miguel Diz Guedes

Conselleiro de Política Agroalimentaria

e Desenvolvemento Rural

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL

E TURISMO