Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 52 Venres, 14 de marzo de 2003 Páx. 3.057

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA E ASUNTOS MARÍTIMOS

DECRETO 182/2003, do 13 de marzo, polo que se adoptan medidas excepcionais para facilita-lo abastecemento de semente de mexillón ós viveiros de cultivos mariños.

A Lei 6/ 1993, do 11 de maio, de pesca de Galicia, na sección terceira do capítulo V do seu título II, regula a actividade da acuicultura na zona marítima, dentro das competencias atribuídas nos artigos 27.15º e 28.5º polo Estatuto de autonomía de Galicia a esta comunidade autónoma. En desenvolvemento regulamentario da devandita lei, dictouse o Decreto 406/1996, do 7 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de viveiros de cultivos mariños nas augas de Galicia, modificado polo Decreto 147/2002, do 10 de maio.

O accidente do buque petroleiro Prestige o día 13 de novembro de 2002 obrigou a arbitrar diversas medidas transitorias e urxentes para palia-las repercusións da contaminación por hidrocarburos sobre a actividade de cultivos mariños.

A extracción de semente de mexillón en bancos naturais, regulada mediante Orde do 26 de outubro de 2000, é unha actividade básica para que o sector se poida abastecer de xuvenís con destino ó seu engorde posterior nos viveiros.

Debido ás especiais características da súa localización (zonas expostas do litoral con substrato rochoso), tramos de costa onde se asentan os bancos naturais de semente de mexillón, víronse afectados pola contaminación. Esta circunstancia alterou o período normal de extracción -do 1 de decembro ó 30 de abril-, obrigando a prohibi-la actividade en todo o litoral desde a data do accidente ata principios do mes de febreiro, reiniciándose con restricción desde ese momento.

Tendo en conta a situación creada, é preciso adoptar medidas que permitan aprovisiona-los viveiros dedicados ó cultivo do mexillón con semente de calidade e en cantidade suficiente, de forma que non se vexa gravemente alterado o ciclo normal de producción.

A colocación de cordas colectoras é unha alternativa á subministración de semente de mexillón procedente das rochas. O incremento do número de cordas colectoras permitidas por viveiro e a ampliación do prazo para a súa colocación son dúas medidas excepcionais que indubidablemente deberán contribuír a incrementa-la cantidade de semente dispoñible.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos e oídas as organizacións representativas do sector, de acordo co dictame do Consello Consultivo de Galicia e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día trece de marzo de dous mil tres

DISPOÑO:

Artigo 1º

Este decreto ten por obxecto adoptar medidas excepcionais para facilita-lo abastecemento de semente de mexillón durante a campaña de abastecemento do ano 2003.

Artigo 2º

De conformidade co disposto no artigo 1º deste decreto, suspéndese o artigo 36.2º, parágrafo primeiro, do Decreto 406/1996, do 7 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de viveiros de cultivos mariños nas augas de Galicia, na redacción dada polo Decreto 174/2002, do 10 de maio.

Artigo 3º

1. No período comprendido entre o 1 de marzo ata o 30 de setembro do ano 2003, autorízase a colocación de cordas colectoras de semente de mexi

llón en bateas, de modo que o seu número non exceda as 150 respecto ó máximo que lles corresponda.

2. Finalizada a campaña de abastecemento de semente de mexillón en cordas colectoras do ano 2003, a suspensión recollida no artigo 2º deste decreto quedará anulada sen máis trámite, rehabilitándose a redacción recollida no artigo 36.2º, parágrafo primeiro, do Decreto 406/1996, do 7 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de viveiros de cultivos mariños nas augas de Galicia, na redacción dada polo Decreto 174/2002, do 10 de maio.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro competente en materia de pesca para dicta-las disposicións necesarias para o desenvolvemento deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación.

Santiago de Compostela, trece de marzo de dous mil tres.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Enrique César López Veiga

Conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos