Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 47 Venres, 07 de marzo de 2003 Páx. 2.794

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN, DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 30 de xaneiro de 2003 pola que se declara a utilidade pública, en concreto, do Parque Eólico Álabe-Terral, así como a súa prevalencia sobre o permiso de investigación Togiza, número 5531 e a compatibilidade co resto das actuacións mineiras previstas neste permiso e na súa concesión derivada Togiza, número 5531.2. (Expediente 059/EOL).

Examinado o expediente instruído por pedimento de Acciona Eólica Galicia, S.A., con enderezo para efectos de notificacións no parque empresarial La Moraleja; Avda. de Europa nº 18, 28108 Alcobendas-Madrid, sobre autorización de instalacións e utilidade pública do parque eólico denominado Álabe-Terral; resultan os seguintes.

Antecedentes de feito.

Primeiro.-O 28 de xuño de 2000, Juan Antonio Alonso Comerma, en nome e representación de Acciona Eólica de Galicia, S.A., solicitou a autorización administrativa, aprobación de proxecto de execución, recoñecemento da condición de instalación acollida ó réxime especial de producción de enerxía eléctrica, declaración de utilidade pública, en concreto, e aprobación do proxecto sectorial do parque eólico denominado Álabe-Terral, de 27,75 MW, achegando a documentación establecida para o efecto polo Decreto 2617/1966, do 20 de outubro, sobre autorización de instalacións eléctricas, e 2619/1966, do 20 de outubro, sobre expropiación forzosa e sancións en materia de instalacións eléctricas, ambos de aplicación a este expediente en virtude do disposto na disposición transitoria décimo primeira do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía

eléctrica, e o Decreto 205/1995, do 6 de xullo, polo que se regula o aproveitamento da enerxía eólica na Comunidade Autónoma de Galicia, de aplicación a este expediente en virtude do disposto na disposición transitoria terceira do Decreto 302/2001, do 25 de outubro, polo que se regula o aproveitamento da enerxía eólica na Comunidade Autónoma de Galicia, e o Real decreto 2818/1998, do 23 de decembro, sobre producción de enerxía eléctrica por instalacións abastecidas por recursos ou fontes de enerxía renovables, residuos e coxeración.

Segundo.-O proxecto someteuse a información pública para os efectos previstos no Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación de impacto ambiental para Galicia; Decreto 327/1991, do 4 de outubro, de avaliación de efectos ambientais para Galicia, artigos 53 e 54 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico; decretos 2167/1966 e 2619/1966, xa mencionados; artigo 25 da Lei 10/1995, de ordenación do territorio de Galicia, e o Decreto 205/1995, polo que se regula o aproveitamento da enerxía eólica

en Galicia, mediante Resolución da Delegación Provincial de Industria de Lugo do 4 de setembro de 2000, publicada no BOP de Lugo do 20 de setembro de 2000, no DOG do 22 de setembro de 2000 (e corrección de erros do citado anuncio o día 2 de outubro de 2000), o xornal El Progreso, do 20 de setembro de 2000, xornal La Voz de Galicia, do 22 de setembro de 2000, Boletín Oficial del Estado, do 20 de setembro de 2000, e nos taboleiros de anuncios dos concellos de Abadín e Mondoñedo, e deuse coñecemento ós afectados mediante a oportuna notificación individual.

Durante o período de información pública presentáronse as seguintes alegacións:

1. Manuel Fernández Blanco, en representación de Cubiertas de Pizarra Reunidas y Agrupadas de Exportación, S.A. (Cupire-Padesa) manifesta:

a) Oponse á autorización administrativa, declaración de utilidade pública, aprobación do proxecto de execución e proxecto sectorial das instalacións do parque que afecten o permiso de investigación Togiza, nº 5531, do que é cotitular xunto coa empresa Revestimientos Naturales, S.L.

b) Indica que os organismos afectados e dependentes da consellería deben efectuar un estudio técnico que determine o risco que se podería ocasionar pola instalación do parque no lugar proposto se non respectase as distancias áticas respecto á zona de investigación e posterior explotación mineira.

c) En caso de que se concedese a declaración de utilidade pública, se denegue a urxente ocupación para os efectos de expropiación forzosa, seguíndose o procedemento xeral da Lei de expropiación forzosa, así como a inclusión do permiso de investigación na relación de bens e titulares afectados.

2. Aquilino Botana González, en representación do Monte Veciñal en Man Común de Estelo, Braña e Toxiza, manifesta que o parque eólico producirá efectos negativos sobre o ecosistema dos seus montes e sobre a súa rendibilidade silvícola, e solicita que se exclúan da declaración de utilidade pública.

3. Rosa Vallejo González, en representación da Asociación de Veciños de Vilaoriente da parroquia dos Remedios, de Mondoñedo (Lugo), reclama que se lle solicite á empresa beneficiaria memoria complementaria da subestación de evacuación e que se teña ós seus representados como interesados en todo o que afecte o monte de Estelo.

Terceiro.-O 22 de agosto de 2000, a Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio de Lugo emitiu informe favorable sobre o citado proxecto.

Cuarto.-O 23 de agosto de 2001, o promotor presentou escrito na Delegación Provincial de Industria e Comercio de Lugo solicitando a modificación do proxecto do citado parque eólico, reformando o sistema de recollida de enerxía eléctrica de media tensión, eliminando os centros de media tensión e reducindo as afeccións ás propiedades nas que se asen

taban, modificándose con iso o orzamento de investimento previsto ó novo importe de 21.830.431 euros.

Quinto.-O 23 de novembro de 2001, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental resolveu formular a declaración de impacto ambiental do citado parque eólico, no cal se fixan as posicións de 32 aeroxeradores, quedando a posición dos aeroxeradores T-1201, T-1202, T-1203, T-1204 e T-1205 pendentes de relocalización e posterior informe.

Sexto.-Con data do 10 de xaneiro de 2002, a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas abre período de presentación de alegacións, en cumprimento do trámite de audiencia recollido no artigo 84 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, co obxecto de determina-la compatibilidade ou incompatibilidade da actividade de producción de enerxía eléctrica no parque eólico denominado Álabe-Terral, coa explotación dos recursos minerais existentes no ámbito territorial afectado. As partes presentaron durante o prazo establecido para o efecto as alegacións e xustificacións que consideraron pertinentes.

Sétimo.-O expediente incluíuse de forma automática dentro do conxunto de solicitudes presentadas á primeira convocatoria anual do artigo 15 do Decreto 302/2001. Por Resolución do 19 de abril de 2002 desta consellería acordouse que proseguise a tramitación administrativa de autorización deste parque eólico.

Oitavo.-O 15 de abril 2002, o promotor presentou documento na Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, propoñendo novas medidas correctoras, adaptadas ás esixencias da declaración de impacto ambiental, e solicitando o informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural ás obras de implantación dos aeroxeradores T-1201 a T-1205 e infraestructuras asociadas.

Noveno.-O 14 de xuño de 2002, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural emitiu informe no que permitía a execución das obras de implantación dos aeroxeradores T-1201 a T-1205 cunha serie de condicionantes que se deberían incluír na declaración de impacto ambiental.

Décimo.-O 1 de xullo 2002, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental resolveu modifica-la declaración de impacto ambiental do proxecto de Parque Eólico Álabe-Terral, permitindo executa-las obras proxectadas dos aeroxeradores T-1201 a T-1205 e as súas infraestructuras asociadas, cunha serie de condicionantes.

Décimo primeiro.-Con data do 11 de decembro de 2002, a Subdirección Xeral de Recursos Minerais, examinado o expediente, emite informe favorable sobre a compatibilidade da actividade de producción de enerxía eléctrica no parque eólico denominado Álabe-Terral, co permiso de investigación Togiza, nº 5531, en dúas zonas comprendidas entre os aeroxeradores T-1215 e T-1216 por un lado e

T-1225 e T-1232 por outro (considerando incluída na zona afectada toda a infraestructura eólica asociada a eles cunha marxe de protección de cen metros a cada lado dela), e a compatibilidade co resto das actuacións mineiras previstas neste permiso e na súa concesión derivada Togiza, nº 5531.2.

O citado informe manifesta textualmente:

Informe sobre o expediente de compatibilidade entre o Parque Eólico Álabe-Terral e diversos dereitos mineiros da provincia de Lugo.

1. Antecedentes.

Durante a tramitación da declaración de utilidade pública do Parque Eólico de Álabe-Terral, solicitado pola sociedade Acciona Eólica de Galicia, S.A., detectouse a posible interferencia das actuacións pretendidas neste proxecto coas previstas para outros dereitos mineiros solicitados e/ou existentes na zona, polo que esta dirección xeral abriu, o 10 de xaneiro de 2002, un trámite de audiencia coas partes interesadas, para así proceder a determina-la compatibilidade ou incompatibilidade dos aproveitamentos públicos en xogo.

Para a realización deste informe examináronse, ademais das alegacións presentadas polas partes dentro do trámite de audiencia, os seguintes documentos:

* Expediente e proxectos do Parque Eólico de Álabe-Terral.

* Expediente e proxectos da solicitude de concesión de explotación Togiza, nº 5531.2.

* Expediente e proxectos do permiso de investigación Togiza, nº 5531.

2. Resumo dos proxectos e alegacións presentadas.

Vanse resumir neste punto os proxectos e alegacións de cada unha das sociedades implicadas.

A. Acciona Eólica de Galicia, S.A.

O proxecto de Parque Eólico de Álabe-Terral ten as seguintes características:

Características técnicas do parque:

Nº de aeroxeradores: 37.

Potencia unitaria por aeroxerador: 750 kW.

Xeradores: NEG-MICON NM 750/44-48.

Potencia total instalada: 27,75 MW.

Producción neta anual prevista: 73.350 MWh/ano.

Investimento previsto: 22.226.150,14 A.

Características técnicas da infraestructura de xeración, transformación e interconexión:

* 37 aeroxeradores tipo NEG-MICON NM 750/44-48, de 750 kW de potencia nominal unitaria.

* 37 centros de transformación de 1.000 kVA de potencia unitaria e relación de transformación 0,68/20 kV, instalados unitariamente en interior de torre de aeroxerador, coa súa correspondente paramenta de seccionamento, manobra e protección.

* Liñas de media tensión subterráneas para evacuación de enerxía a 20 kV, de interconexión entre centros de transformación e centros de recollida de media tensión.

* 5 centros de recollida de media tensión para optimización de transporte de enerxía, dotados cada un de transformador para servicios auxiliares e da súa correspondente paramenta de seccionamento, manobra e protección.

* Liñas de media tensión subterráneas para evacuación de enerxía a 20 kV, de interconexión entre centros de recollida de media tensión e subestación transformadora 20/132 kV.

* Subestación transformadora 20/132 kV para evacuación da enerxía producida no Parque Eólico Álabe-Terral, composta por un transformador principal 20/132 kV de 30 MVA ONAF de potencia nominal e un transformador para servicios auxiliares 20/0,4 kV de 100 kVA de potencia nominal, cos correspondentes equipos de control, seccionamento, manobra, medida e protección.

Alegacións.

En resumo son as seguintes:

* En referencia ó permiso de investigación Togiza, nº 5531:

-Considera que os titulares do permiso tiveron un interese moi escaso en desenvolve-la investigación proxectada.

-Non terse realizado os labores de investigación coa actividade e intensidade aprobadas, polo que non se debe aproba-la prórroga do permiso solicitada.

-No suposto de prórroga do permiso, entende que a mínima extensión de terreo ocupada polo parque eólico non produciría ningún tipo de colisión co parque eólico.

* Sobre a solicitude de concesión de explotación Togiza, nº 5531.2:

-Non existirá ningunha interferencia entre os labores proxectados para esta concesión e a infraestructura eólica, sendo o único elemento común de ámbalas actuacións o uso dos accesos existentes que consideran compatible.

-Independentemente do exposto, considera que dado o proxecto mineiro se desenvolve nunha zona proposta para a súa inclusión na Rede Natura 2000, son mínimas as posibilidades dos titulares do dereito mineiro de obter unha declaración ambiental positiva, polo que non podería ser autorizada a explotación mineira.

* Finalmente, e como conclusión, solicita que se declare a compatibilidade do parque eólico cos dereitos mineiros existentes e que se denegue a prórroga do permiso de investigación Togiza, nº 5531.

B. Cupire-Padesa, S.A. y Revestimientos Naturales, S.L.

Titulares do permiso de investigación Togiza, nº 5531 e da solicitude de concesión de explotación Togiza, nº 5531.2.

Permiso de investigación Togiza, nº 5531.

* Outorgado o 11 de marzo de 1998, sobre 123 cuadrículas mineiras. O recurso obxecto da investigación é granito ornamental.

* Autorizouse unha prórroga parcial de dous anos con data do 22 de novembro de 2002.

Solicitude de concesión de explotación Togiza, nº 5531.2.

Características do proxecto:

* Pretende explotarse un xácigo de granito gris co fin de obter bloques de granito ornamental.

* As reservas definidas alcanzan os 119.900 m.

* Recóllense dous ocos de explotación e dúas entulleiras.

* Prevese unha duración da explotación de 30 anos, a un ritmo de 4.000 m anuais.

Alegacións.

Pódense resumir nos seguintes aspectos:

* Prioridade do permiso de investigación sobre o parque eólico por ter sido solicitado con anterioridade. En caso de non ser así, que se inclúan como afectados no procedemento expropiatorio e se denegue a urxente ocupación dos terreos.

* Considera que a proposta de Rede Natura 2000 non pode afecta-los seus dereitos mineiros por ser estes moi anteriores á formulación desa proposta.

* Petición de responsabilidade patrimonial da Administración por funcionamento anormal dos servicios públicos da administración mineira galega en caso de ser autorizado o parque eólico.

3. Conclusións.

Ó se-lo parque eólico o punto común do expediente, imos a examinar por separado a súa posible compatibilidade con cada un dos dereitos mineiros por separado.

A. Permiso de investigación Togiza, nº 5531.

O permiso de investigación, na superficie para a que foi prorrogado, afecta os aeroxeradores, segundo designación de proxecto, T-1215, T-1216 e os comprendidos entre o T-1225 e T-1232, ambos inclusive, ademais da súa infraestructura eléctrica asociada. Nesta zona os labores previstos son incompatibles, considerándose prevalente a actuación eólica pola superior importancia económica do investimento previsto, pois este supón 6.007.067 A (xa que son dez os aeroxeradores afectados, sendo o investimento previsto por aeroxerador de 600.706,7 A), mentres que o investimento previsto no permiso de investigación é de 18.933 A, unha cantidade moi inferior.

B. Solicitudes de concesión de explotación Togiza, nº 5531.2.

Dentro da superficie deste dereito encóntranse os aeroxeradores T-1206 e T-1207. Os devanditos aeroxeradores encóntranse a unha distancia superior ós 350 metros da entulleira 2, que é o labor mineiro previsto máis próximo e a máis de 800 metros do oco de explotación 2, polo que se consideran compatibles neste caso os labores mineiros e a infraestructura eólica.

En resumo, considérase que se debe declara-la prevalencia do parque Álabe-Terral sobre o permiso de investigación Togiza, nº 5531, en dúas zonas comprendidas entre os aeroxeradores T-1215 e T-1216 por un lado e T-1225 e T-1232 por outro (considerando incluída na zona afectada toda a infraestructura eólica asociada a eles cunha marxe de protección de cen metros a cada lado dela), e a compatibilidade co resto das actuacións mineiras previstas neste permiso e na súa concesión derivada Togiza, nº 5531.2.

Décimo segundo.-O 24 de xaneiro de 2003, a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas resolveu autoriza-la instalación dos equipos electromecánicos, aproba-lo correspondente proxecto de execución e recoñecerlle a esa instalación a condición de instalación acollida ó réxime especial do Real decreto 2818/1998, e incluíla no grupo b.2) do artigo 2 do dito real decreto, coas seguintes características básicas:

Localización e coordenadas poligonais:

Vértices
NomeMunicipioXY

Álabe-TerralAbadín e Mondoñedo0.624.203,004.811.671,00

0.625.077,004.811.395,00

0.625.060,004.810.802,00

0.625.999,004.810.071,00

0.624.857,004.809.147,00

0.623.067,004.810.160,00

0.622.169,004.811.124,00

0.622.179,004.811.220,00

0.622.315,004.811.374,00

0.623.578,004.810.802,00

Nº de aeroxeradores: 37.

Potencia unitaria por aeroxerador: 750 kW.

Xeradores: NEG-MICON NM750/44 e NM750/48.

Potencia total instalada: 27,75 MW.

Producción anual estimada: 73.350 MWh/ano.

Investimento previsto: 22.226.150 euros.

Características técnicas da infraestructura eléctrica de transformación e interconexión:

-37 centros de transformación de 1.000 kVA de potencia unitaria e relación de transformación 0,69/20 kV, instalados unitariamente en interior de torre de aeroxerador, coa súa correspondente paramenta de seccionamento, manobra e protección.

-Liñas de media tensión subterráneas para evacuación de enerxía a 20 kV, de interconexión entre centros de transformación e centros de recollida de media tensión.

-5 centros de recollida de media tensión para optimización de transporte de enerxía, dotados cada un de transformador para servicios auxiliares e da súa correspondente paramenta de seccionamento, manobra e protección.

-Liñas de media tensión subterráneas para evacuación de enerxía a 20 kV, de interconexión entre centros de transformación e centros de recollida de media tensión e subestación transformadora 20/132 kV.

-Subestación transformadora 20/132 kV para evacuación de enerxía producida no Parque Eólico Álabe-Terral, composta por un transformador principal 20/132 kV de 30 MVA ONAF de potencia nominal, e un transformador para servicios auxiliares 20/0,4 kV de 100 kVA de potencia nominal, cos correspondentes equipos de control, seccionadores, manobra, medida e protección.

Fundamentos de dereito.

Primeiro.-A Consellería de Innovación, de Industria e Comercio é competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia, Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, o Decreto 132/1982, do 4 de novembro, o Decreto 15/2002, do 24 de xaneiro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Industria e Comercio, modificado polo Decreto 8/2003, do 18 de xaneiro, en relación co Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, Decreto 302/2001, do 25 de outubro, e o Real decreto 2818/1998, do 23 de decembro, xa citados.

Segundo.-Á vista das alegacións presentadas, da contestación dada a elas por parte da empresa promotora, e do resto de documentación existente no expediente, queda de manifesto que:

1. En relación coa alegación formulada por Aquilino Botana González, en representación do Monte Veciñal en Man Común, cabe dicir que non se toman en consideración as alegacións referidas á valoración da afección das parcelas, por non ser obxecto desta fase do expediente; corresponde esta valoración á fase de prezo xusto. A afección ambiental foi tida en conta na declaración de impacto ambiental do citado parque eólico, e a declaración de utilidade pública faise en virtude dos artigos 52 e 54 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico.

2. Con respecto á alegación dos Veciños de Vilaoriente (Mondoñedo), a liña eléctrica de evacuación de enerxía do parque eólico é obxecto dun proxecto específico e independente, e en relación á titularidade do Monte Veciñal en Man Común de Estelo, cómpre dicir que a empresa beneficiaria tomará

razón delas; non obstante, será durante o levantamento de actas ó que será oportunamente convocado o momento no que pode demostra-la súa titularidade, achegando a documentación acreditativa necesaria.

3. En canto á resolución sobre a compatibilidade ou incompatibilidade da actividade de producción de enerxía eléctrica no parque eólico denominado Álabe-Terral coa explotación dos recursos minerais existentes no ámbito territorial, esta dirección xeral acepta o informe da Subdirección Xeral de Recursos Minerais, con data do 11 de decembro de 2002, e que serve de motivación a esta resolución neste extremo ó incorporarse ó texto dela, tal e como establece o artigo 89.5º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Terceiro.-No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites regulamentarios. Así mesmo, a instalación e o seu proxecto de execución reúnen tódolos requisitos técnicos esixibles.

Esta consellería, de acordo co que antecede e no exercicio das competencias que ten atribuídas,

RESOLVE:

1. Declara-la utilidade pública, en concreto, das instalacións do Parque Eólico Álabe-Terral, o que leva implícita a necesidade de ocupación dos bens e dereitos e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

2. Declara-la prevalencia do Parque Eólico Álabe-Terral sobre o permiso de investigación Togiza, nº 5531, en dúas zonas comprendidas entre os aeroxeradores T-1215 e T-1216 por un lado e T-1225 y T-1232 por outro (considerando incluída na zona afectada toda a infraestructura eólica asociada a eles cunha marxe de protección de cen metros a cada lado dela), e a compatibilidade co resto das actuacións mineiras previstas neste permiso e na súa concesión derivada Togiza, nº 5531.2.

Contra esta resolución, que é definitiva na vía administrativa, cabe interpoñer, se é o caso, recurso potestativo de reposición de acordo co establecido no artigo 116 da Lei 30/1992, modificado pola Lei 4/1999, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ó da súa notificación, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir da citada data, de acordo co establecido no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 30 de xaneiro de 2003.

P.D. (Orde 21-1-2003, DOG nº 17, do 27 de xaneiro)

Jesús Vázquez San Luis

Secretario xeral da Consellería de Innovación,

de Industria e Comercio