Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 47 Venres, 07 de marzo de 2003 Páx. 2.778

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA E ASUNTOS MARÍTIMOS

ORDE do 6 de marzo de 2003 pola que se amplía o prazo de presentación de estatutos polas confrarías de pescadores e as súas federacións.

A disposición transitoria primeira do Decreto 261/2002, do 30 de xullo, polo que se aproban as normas reguladoras das confrarías de pescadores e as súas federacións, establecía o prazo de seis meses para a adaptación dos seus estatutos ó citado decreto.

O accidente do buque petroleiro Prestige, do pasado novembro, provocou unha contaminación mariña por fuel que obrigou a prohibi-la actividade pesqueira e marisqueira no litoral galego.

Como consecuencia deste sinistro, a maioría dos profesionais do mar que integran as confrarías de pescadores dedicouse a tarefas relacionadas coa loita contra a contaminación mariña ou deixaron de realizar calquera labor, non podéndose debater no seo destas corporacións de dereito público os estatutos para a súa adaptación á nova normativa.

Ante esta situación, e dado o carácter excepcional do acontecido, faise necesario proceder á ampliación do prazo para presenta-los estatutos adaptados á nova normativa en materia de confrarías de pescadores e as súas federacións.

Visto o anterior,

DISPOÑO:

Artigo único.-Amplíase o prazo de adaptación dos estatutos das confrarías de pescadores e das súas federacións ó Decreto 261/2002, do 30 de xullo, polo que se aproban as normas reguladoras das confrarías de pescadores e as súas federacións ata o 31 de xaneiro de 2004.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de marzo de 2003.

Enrique César López Veiga

Conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos