Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 44 Martes, 04 de marzo de 2003 Páx. 2.628

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 19 de febreiro de 2003 pola que se clasifica como de interese cultural a Fundación Rogelio Groba.

Visto o expediente de clasificación da Fundación Rogelio Groba; con domicilio en Ponteareas (Pontevedra).

Supostos de feito.

1. A fundación formulou solicitude de clasificación para os efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A fundación foi constituída en escritura pública outorgada en Ponteareas (Pontevedra), o día 13 de decembro de 2002, ante o notario José Manuel Gómez Varela, co número tres mil trescentos corenta e nove do seu protocolo, por Rogelio Groba Groba, María Manuela Otero Suárez, María Dolores Groba Otero, Rogelio Celso Groba Otero e Clara Groba Otero; todos eles interveñen en nome e representación propia.

3. O obxecto da fundación é, segundo establece o artigo 6 dos seus estatutos, a protección, estudio, coidado e difusión da obra musical de Rogelio Groba Groba. Para este fin poderá sumarse a promoción da música culta, e en xeral, mediante as actividades que se consideren axeitadas ou convenientes en cada momento.

4. O padroado da fundación estará integrado por Rogelio Groba Groba como presidente, María Manuela Otero Suárez como vicepresidenta e María Dolores, Rogelio Celso e Clara Groba Otero como vocais.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de tódalas consellerías eleva ó conselleiro da Pre

sidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública proposta de clasificación como de interese cultural da Fundación Rogelio Groba, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, véndose cumpridos os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como de interese cultural e a súa adscrición á Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

Fundamentos de dereito.

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. De acordo co disposto no artigo 32.2º c) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, correspóndelle a esta consellería a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

3. Á vista do que antecede, pódense considerar cumpridas as finalidades tanto legais como regulamentarias establecidas para o caso, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 18 de febreiro de 2003.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril); a Lei 7/1983, do 22 de xuño, e a Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da anterior,

de réxime das fundacións de interese galego, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Clasificar como de interese cultural a Fundación Rogelio Groba e adscribila á Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Santiago de Compostela, 19 de febreiro de 2003.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia, Relacións

Institucionais e Administración Pública