Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 43 Luns, 03 de marzo de 2003 Páx. 2.575

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 12 de decembro de 2002, da Delegación Provincial da Coruña, pola que se dispón o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo da Asemblea Provincial Cruz Vermella Española.

Visto o expediente do convenio colectivo da Asamblea Provincial Cruz Vermella Española (código convenio 1503971), que tivo entrada nesta delegación provincial o día 31-10-2002 e complementado o 22-11-2002, subscrito en representación da parte económica pola empresa, e, da parte social, polo comité de empresa o día 15-10-2002, de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios

da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro rexistro de convenios colectivos de traballo, desta delegación provincial, e notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

A Coruña, 12 de decembro de 2002.

Mª Reyes Carabel Pedreira

Delegada provincial da Coruña

Convenio colectivo

Asemblea Provincial Cruz Vermella Española

A Coruña 2002-2004

Capítulo I

Ámbito de aplicación

Artigo 1º.-Ámbito persoal e territorial.

Este convenio afectará a todo o persoal en réxime de contrato de traballo que preste os seus servicios nas dependencias da Oficina Provincial da Coruña de Cruz Vermella Española e nos restantes centros de traballo dependentes do dito organismo no ámbito da provincia.

Quedan expresamente excluídos do ámbito de aplicación deste convenio:

a) Os profesionais libres que presten a súa colaboración e servicios á Cruz Vermella Española, os cales se rexerán exclusivamente polos contratos formalizados para o efecto e polas disposicións reguladoras da súa respectiva profesión.

b) Os que presten os seus servicios de modo voluntario e non retribuído.

c) O persoal directivo da Oficina da Coruña da Cruz Vermella Española, que se rexerá polas disposicións referentes a el e as que se conteñan no regulamento orgánico da oficina. Para estes efectos considerarase persoal directivo os vicepresidentes, o secretario xeral e o xerente, persoal que rexerá as súas relacións laborais con contrato de carácter especial do persoal de alta dirección regulado no Real decreto 1382/1985 ás normas do cal ou á disposición que o substitúa se axustará.

d) O persoal dos centros de ensino sostidos total ou parcialmente con fondos públicos

Artigo 2º.-Vixencia e denuncia do convenio.

A vixencia deste convenio estenderase desde o 1-1-2002 ata o 31-12-2004, retrotraéndose os seus efectos á citada data de comezo independentemente de cal sexa a data de publicación deste.

O convenio poderá ser denunciado por calquera das partes dous meses antes do remate da súa vixencia. Esgotada a súa vixencia sen que se producise denuncia expresa, considerarase tacitamente prorrogado por períodos anuais sucesivos respecto á data en que remataba a súa vixencia, podendo calquera das partes proceder á súa denuncia durante este período. En caso de prórroga tácita, o convenio será obxecto dunha revisión salarial anual en función do IPC.

Artigo 3º.-Garantía ad personam.

Respectaranse as condicións superiores máis beneficiosas que, en cómputo anual, veñan percibindo os traballadores a título persoal no momento da entrada en vigor deste convenio.

Como as melloras económicas que se implantan neste convenio teñen o carácter de mínimas, estimadas no seu conxunto, subsistirán os pactos, cláusulas e situacións de feito preexistentes e/ou futuras, que signifiquen condicións máis beneficiosas para os traballadores.

Capítulo II

Organización do traballo

Artigo 4º.-Competencia e criterios relativos á organización do traballo.

A organización do traballo é facultade exclusiva da dirección, sen prexuízo dos dereitos e facultades de audiencia, consulta, información e negociación recoñecidos ós representantes dos traballadores. Corresponde a súa aplicación práctica ós órganos directivos da entidade afectada por este convenio.

O obxectivo da organización do traballo é alcanzar un nivel adecuado de eficacia dos servicios, baseado na óptima utilización dos recursos humanos e materiais adscritos a eles.

Serán criterios inspiradores da organización do traballo:

a) A planificación e ordenación dos recursos humanos.

b) A adecuación e suficiencia dos cadros de persoal ás necesidades do servicio.

c) A adecuada e eficaz adscrición profesional dos traballadores.

d) A profesionalización e promoción dos traballadores.

e) A racionalización, simplificación e mellora dos procesos e métodos de traballo.

Capítulo III

Inicio e extinción da relación laboral

Artigo 5º.-Ingreso do persoal.

Sen prexuízo do disposto no artigo 7º, o ingreso na Oficina Provincial da Coruña de Cruz Vermella Española efectuarase, de acordo coas disposicións vixentes na materia, a través das probas selectivas que se determinen, en cada caso, con base nos principios de obxectividade e idoneidade dos candidatos.

A totalidade dos contratos subscritos dentro dos ámbitos de aplicación deste convenio -tanto temporais como indefinidos- formalizaranse por escrito e rexistraranse na oficina de emprego dentro dos dez días seguintes, dando traslado da súa copia básica á representación legal dos traballadores e entregando unha das copias ó traballador en canto se obtivese o correspondente rexistro.

Artigo 6º.-Período de proba.

O persoal de novo ingreso estará sometido a un período de proba, no que as situacións de incapacidade temporal, maternidade e adopción ou acollemento, que afecten o traballador durante o período de proba, interrompen o seu cómputo sempre que se produza acordo entre ámbalas partes, e a súa duración será de seis meses para os grupos profesionais I e II, e de dous meses para o resto dos traballadores.

Transcorrido este período de proba, quedará automaticamente formalizada a incorporación, computándoselle ó traballador o período de proba transcorrido para tódolos efectos.

Durante este período, tanto a empresa como o traballador poderán pór fin á relación laboral sen que ningunha das partes teña por iso dereito a ningunha indemnización. O traballador terá os dereitos e obrigas correspondentes ó seu grupo profesional e ó posto de traballo que desempeñe como se for do cadro de persoal.

Artigo 7º.-Finalización da relación laboral.

A extinción da relación laboral por finalización de contrato, salvo os supostos de non superación do período de proba, deberá ser notificada ó traballador por escrito e, con polo menos, quince días de antelación. Por cada día en que se atrase esta comunicación aboaráselle ó traballador un día de salario.

O traballador que desexe causar baixa voluntaria deberá polo en comunicación da empresa de forma escrita e cunha antelación mínima de quince días. Descontaranse días de salario, de forma proporcional ó número de días non avisados previamente, soamente cando o anuncio da baixa se produza sen tempo suficiente para que a empresa organice o servicio afectado de forma adecuada.

Ó remate da relación laboral, calquera que sexa a súa causa, a empresa deberá pór á disposición do traballador a liquidación de haberes, detallada por conceptos, e a liquidación correspondente, con 48 horas de antelación, co obxecto de realiza-las consultas oportunas, aboándose a contía devengada o mesmo día da baixa. O traballador poderá solicita-la presencia dun representante legal para que asista á entrega da liquidación.

Capítulo IV

Promoción do persoal

Artigo 8º.-Promoción do persoal.

A provisión de vacantes que poida producirse axustarase en todo caso ós principios de obxectividade,

idoneidade dos candidatos e información, outorgando sempre prioridade á promoción interna fronte á contratación externa. O sistema de provisión de vacantes realizarase a través da fórmula de concurso interno aberto en primeiro termo ós traballadores e posteriormente ós voluntarios da institución.

A existencia dunha vacante será comunicada pola dirección á representación legal dos traballadores e publicarase a convocatoria no taboleiro de anuncios do persoal. Na convocatoria, que se dará a coñecer por tódolos medios posibles, farase consta-lo perfil do posto que se vai cubrir, o grupo profesional en que estea encadrado, así como os requisitos esixidos. Tódolos candidatos que desexen optar ó posto remitirán a súa solicitude, facendo consta-los seus méritos, á secretaría provincial, de quen depende a elección do candidato con base nos principios antes apuntados. Para iso teranse en conta os méritos profesionais, os coñecementos específicos requiridos no grupo profesional no que se convoque a praza, a capacidade dos aspirantes, etc., considerándose a antigüidade como un requisito máis pero sen que teña un carácter determinante.

Finalizado o proceso, comunicarase formalmente á representación dos traballadores a identidade do candidato ou candidatos elixidos e os criterios tidos en conta. No caso de que o proceso de elección interna quedara deserto por falta de candidatos ou por inadecuación destes ó posto obxecto da convocatoria, recorrerase a abrir un proceso de selección externa.

Periodicamente e, en todo caso, ó inicio de cada ano, a dirección facilitará ó comité de empresa as previsións da institución referidas ó número e características dos postos a cubrir para ese exercicio de acordo coas necesidades existentes en cada caso.

Capítulo V

Clasificación profesional

Artigo 9º.-Sistema de clasificación.

O sistema de clasificación que se recolle neste convenio estructúrase na existencia de tres grupos profesionais, cun contido técnico e funcional diferente, integrados por cinco niveis, e está orientado e dirixido a facilita-la mobilidade funcional e interdepartamental do persoal e a favorece-la súa promoción interna.

A pertenza a un determinado grupo profesional virá dada, fundamentalmente, polo posto de traballo que se ocupe e a formación requirida, ponderándose así mesmo outro tipo de factores tales como a experiencia, a iniciativa, a autonomía, a responsabilidade, a capacidade de mando, etc.

Artigo 10º.-Grupos profesionais.

1. Establécese un sistema de clasificación profesional integrado por cinco niveis e tres grupos funcionais. As táboas salariais da institución manterán a mesma estructura por niveis que aquí se cita. Así mesmo, a comisión paritaria comprométese a estu

diar no futuro un novo sistema de clasificación profesional no que os niveis de titulación poidan ter un peso específico menos determinante.

NiveisGrupo A

Técnicos titulados

e asimilados

Grupo B

Persoal de oficina

Grupo C

Persoal de

servicios xerais

IDirector de departamento

IICoordinador de área

IIIResponsable de programaResponsableResponsables

IVOutrosOficiais e aux.Oficiais

VAuxiliares

2. Criterios de asignación de grupos:

-Grupo A: son os que realizan tarefas de alta cualificación e complexidade que se poden adquirir con titulacións superiores e medias ou ben por unha ampla experiencia no posto desempeñado.

-Grupo B: os que polos seus coñecementos e experiencia realizan tarefas propias de oficinas técnicas ou ben administrativas e, en xeral, as específicas de postos de oficina.

-Grupo C: os que polo seu coñecemento e experiencia executan operacións relacionadas, directa ou indirectamente, con labores de mantemento, transporte, etc. e, en xeral, tarefas operativas propias dos servicios de axuda e asistencia, sen prexuízo de que poidan realizar pola súa vez tarefas de mando ou coordinación, en maior ou menor grao, así como funcións de carácter técnico relacionadas coa supervisión dos traballos en curso.

3. Criterios de asignación de niveis:

-Nivel I: traballadores que teñen responsabilidade directa na xestión dunha ou varias unidades funcionais da empresa ou realizan tarefas técnicas de máis alta complexidade ou cualificación. Toman decisións ou participan na súa elaboración,

Así como na definición de obxectivos concretos. Posúen un alto grao de iniciativa, autonomía e responsabilidade. Titulación media ou superior ou coñecementos equiparados pola empresa.

-Nivel II: traballadores que, cun alto grao de autonomía, iniciativa e responsabilidade, realizan tarefas técnicas complexas ou que teñen un alto contido intelectual ou de integración humana. Tamén aqueles responsables directos da coordinación e supervisión de funcións realizadas por un conxunto de colaboradores dentro dunha mesma unidade funcional. Con titulación universitaria de grao medio, superior ou coñecementos equivalentes equiparados pola empresa e complementada cunha experiencia dilatada no seu sector profesional.

-Nivel III: traballadores o exercicio profesional dos cales ten un contido medio nalgún dos seguintes campos: actividade intelectual, integración humana,

complexidade técnica e autonomía. En función da natureza do posto, poderá comportar funcións de mando e coordinación.

-Nivel IV: son traballadores que realizan tarefas para as que se necesitan coñecementos profesionais, aptitudes prácticas ou esixencias de razoamentos, comportando en todo caso responsabilidade na execución, aínda que con algún tipo de supervisión, e téndoselles recoñecido pola dirección a súa competencia profesional por medio dalgún dos mecanismos de promoción establecidos.

-Nivel V: traballadores que, aínda que realizan tarefas con instruccións precisas, necesitan coñecementos profesionais, aptitudes prácticas ou esixencias de razoamento, comportando en todo caso, responsabilidade na execución, aínda que con supervisión.

Artigo 11º.-Mobilidade funcional.

A dirección poderá acordar, no ámbito deste convenio, a mobilidade funcional entre postos de traballo dentro do grupo profesional ó que pertenza o traballador, coas únicas limitacións da titulación académica ou profesional esixida para exerce-la prestación laboral e das aptitudes de carácter profesional necesarias para o desempeño do posto de traballo, que poderán completarse, logo de realización, se isto for necesario, de procesos básicos de formación e adaptación.

A mobilidade efectuarase sen menoscabo da dignidade do traballador e sen prexuízo da súa formación e promoción profesional, tendo dereito á retribución correspondente ó posto que efectivamente desempeñe, agás nos casos de encomenda de funcións inferiores, nos que manterán a retribución de orixe.

Artigo 12º.-Funcións de distinto grupo profesional.

Por necesidades do servicio, cando concorran as causas sinaladas no art. 39.2º do Estatuto dos traballadores, a empresa poderá acordar polo tempo imprescindible a mobilidade funcional para a realización de funcións non correspondentes ó grupo profesional, coas únicas limitacións inherentes ás titulacións académicas ou ós coñecementos profesionais que se poidan requirir para o desempeño das funcións correspondentes.

a) O traballador que realice funcións de categoría superior ás que corresponda a categoría profesional que tivese recoñecida, por un período superior a seis meses durante un ano ou oito durante dous anos, pode reclamar ante a dirección da empresa a clasificación profesional adecuada.

b) Contra a negativa da empresa e logo do informe do comité de empresa, pode reclamar perante a xurisdicción competente.

c) Cando se desempeñan funcións de categoría superior, pero non proceda legal ou convencionalmente o ascenso, o traballador terá dereito á diferencia retributiva entre a categoría asignada e a función que efectivamente realice.

d) Se por necesidades perentorias ou imprevisibles da actividade productiva, a empresa precisase destinar un traballador a tarefas correspondentes a unha categoría inferior á súa, só poderá facelo polo tempo imprescindible, manténdolle a retribución e demais dereitos derivados da súa categoría profesional e comunicándollo ós representantes legais dos traballadores.

Artigo 13º.-Mobilidade xeográfica.

O traslado de traballadores que non fosen especificamente contratados para prestar servicios en centros de traballo móbiles ou itinerantes, que esixa cambios de residencia, requirirá a existencia de razóns económicas, técnicas, organizativas ou de producción que o xustifiquen. Entenderase que concorren estas causas cando a adopción das medidas propostas contribúa a mellora-la situación da empresa, a través dunha máis axustada organización dos seus recursos. A referida mobilidade xeográfica realizarase cos límites establecidos no art. 40 do Estatuto dos traballadores.

Capítulo VI

Xornada e vacacións

Artigo 14º.-Xornada.

A xornada laboral, con carácter xeral, será de 39 horas semanais, en cómputo anual. Isto implica que os distintos colectivos terán que se axustar ós réximes ou horarios de traballo que a dirección sinale en cada caso para unha mellor prestación dos servicios.

Establécese unha xornada intensiva estival, entre o 15 de xuño e o 15 de setembro, para todos aqueles servicios en que sexa viable técnica e organizativamente, de acordo coa súa planificación orzamentaria.

En todo caso, a comisión paritaria do convenio estudiará en detalle as xornadas laborais dos distintos colectivos co obxecto de conxugar da forma máis adecuada os intereses do persoal e as necesidades de cada servicio.

Artigo 15º.-Pausa durante a xornada de traballo.

Os traballadores incluídos dentro do ámbito subxectivo deste convenio, sempre que a duración da xornada diaria continuada sexa de, polo menos, cinco horas, terán dereito a unha pausa de vinte minutos durante a xornada de traballo, computable como de traballo efectivo. Esta interrupción poderá levarse a cabo soamente naqueles postos nos que non se vexa afectada nin alterada a prestación do servicio de que se trate.

Artigo 16º.-Horas extraordinarias.

A regulación deste artigo remítese ó disposto no artigo 35 do Estatuto dos traballadores. En todo caso, en consonancia coa política aplicada ata a data, evitarase a realización de horas extraordinarias que non teñan un carácter de urxencia ou por causa de forza maior. Para a súa compensación, que se realizará

preferentemente en tempo de descanso, aplicarase un coeficiente do 1,33%.

Artigo 17º.-Vacacións.

As vacacións anuais serán de vintedous días hábiles por cada ano completo de servicio, ou o período proporcional ó tempo de servicio efectivamente prestado, e serán desfrutados polos traballadores de forma obrigatoria dentro do ano natural de acordo coa planificación que se efectúe por parte da dirección e no marco da negociación coa representación dos traballadores. O persoal o contrato do cal se extinga no transcurso do ano terá dereito a desfrutar da parte proporcional en función do tempo transcorrido. Para estes efectos, os sábados non serán considerados como días hábiles, salvo nos réximes de traballo especiais.

Con suxeición ós criterios de organización e prestación dos diferentes servicios da institución, as vacacións anuais desfrutaranse, con carácter xeral, durante o período comprendido entre o 1 de xuño e o 30 de setembro, non podendo dividirse o período de vacacións completo en máis de dous ciclos, agás que isto fose compatible coas necesidades do servicio e así se autorizase expresamente desde a secretaría provincial. O calendario de vacacións deberá publicarse cunha antelación mínima de dous meses respecto á data do seu inicio.

Aquelas persoas ou colectivos que, por necesidades organizativas e de servicio, non poidan desfrutar, polo menos, un período de quince días no período de verán, desfrutarano necesariamente durante o ano seguinte, en sistema de rotación, con preferencia sobre o resto do persoal.

En caso de discrepancia entre traballadores dun mesmo servicio ou centro de traballo para a asignación de quendas de vacacións, estableceranse quendas rotatorias.

O rateo de vacacións mensual será de 2,5 días de vacacións por cada mes ou fracción de mes traballado, proporcionalmente, para efectos de liquidación por baixa na institución.

Capítulo VII

Permisos e licencias. Excedencias

Artigo 18º.-Permisos.

O traballador, logo de aviso e xustificación adecuada, terá dereito a desfrutar de permisos retribuídos polos tempos e causas seguintes:

-Quince días naturais en caso de matrimonio.

-Dous días nos casos de nacemento de fillo.

-Tres días (ampliables cando, en función das circunstancias, a empresa o considere oportuno), por enfermidade grave ou falecemento de parentes ata segundo grao de consanguinidade ou afinidade. Cando, con tal motivo, o traballador necesite facer un desprazamento para o efecto, o prazo será de catro días.

-O parentesco de afinidade comprende ó cónxuxe propio, ós cónxuxes dos fillos e netos e ós pais daqueles e ós avós e irmáns políticos.

-Un día por traslado do domicilio habitual dentro dunha mesma localidade e dous días en localidade distinta.

-Polo tempo indispensable, para o cumprimento dun deber inescusable de carácter público e persoal, comprendido o exercicio do sufraxio activo. Cando conste nunha norma legal ou convencional un período determinado, aplicarase o que esta dispoña en canto á duración da ausencia e á súa compensación económica. Cando o cumprimento do deber antes referido supoña a imposibilidade da prestación do traballo debido en máis do 20 por 100 das horas laborais nun período de tres meses, poderá a empresa pasar ó traballador afectado á situación de excedencia regulada no punto 1º do artigo 46 do Estatuto dos traballadores. No suposto de que o traballador polo cumprimento do deber ou desempeño do cargo, perciba unha indemnización, descontarase o importe desta ó salario a que tiver dereito na empresa.

-Para realizar funcións sindicais ou de representación do persoal nos termos establecidos legal ou convencionalmente.

-Polo tempo indispensable para a realización de exames prenatais e técnicas de preparación ó parto que deban realizarse dentro da xornada de traballo.

-Por lactación dun fillo menor de 9 meses, unha hora de ausencia do traballo, divisible en dúas fraccións.

-Por asistencia a consulta médica durante o horario de traballo, o tempo necesario acreditando debidamente este extremo co xustificante do servicio sanitario correspondente

-Recoñécense tamén dous días de asuntos propios para todo o persoal acollido a este convenio, non podéndose acumula-la vacacións nin festivos, nin podendo solicitalos máis de dúas persoas dunha mesma sección simultaneamente se isto implicase unha afectación do servicio.

Artigo 19º.-Excedencias.

a) Por interese particular:

A excedencia voluntaria por interese particular poderá ser solicitada polos traballadores cun ano, polo menos, de antigüidade desde a data do primeiro contrato coa institución.

A solicitude deberá cursarse como mínimo cun mes de antelación á data do inicio do desfrute da excedencia. O acordo adoptado por parte da empresa deberá emitirse no prazo de trinta días e comunicaráselle ó interesado e á representación dos traballadores. A duración desta situación non poderá ser inferior a un ano e o dereito a esta situación só poderá ser exercido outra vez polo mesmo traballador se transcorreron dous anos desde o final da anterior excedencia voluntaria.

Non poderá declararse a solicitude do traballador cando a este se lle instrúa expediente disciplinario, durante a tramitación deste e ata que non cumprise a sanción que se é o caso lle fose imposta.

b) Para o coidado de fillos, cónxuxe, ascendentes e descendentes:

1. Os traballadores terán dereito a un período de excedencia de duración non superior a 3 anos para atender ó coidado de cada fillo, tanto cando o sexa por natureza como por adopción, ou nos supostos de acollemento, tanto preadoptivo como permanente, contado desde a data de nacemento ou, se é o caso, da resolución xudicial ou administrativa.

Se o fillo é diminuído físico ou psíquico, e sempre que sexa debidamente acreditado, a duración da excedencia poderá ser de ata cinco anos.

A excedencia recollida neste punto constitúe un dereito individual dos traballadores, homes ou mulleres. Non obstante, se dous ou máis traballadores da mesma empresa xerasen este dereito polo mesmo suxeito causante, o empresario poderá limita-lo seu exercicio simultáneo por razóns xustificadas de funcionamento da empresa.

Cada sucesivo fillo dará dereito a un novo período de excedencia que, se é o caso, porá fin ó que se viñese desfrutando.

Os traballadores nesta situación terán dereito á reserva do posto de traballo durante o primeiro ano. Transcorrido este primeiro ano, a reserva serao a un posto do mesmo grupo profesional na mesma localidade. O período en que o traballador permaneza en situación de excedencia será computable para efectos de antigüidade e para a solicitude de excedencia voluntaria por interese particular, e o traballador terá dereito á asistencia a cursos de formación, especialmente con ocasión da súa reincorporación.

Se antes do remate do período de excedencia por coidado de fillos non solicita o reingreso ó servicio activo, con quince días de antelación, o traballador será declarado de oficio na situación de excedencia voluntaria por interese particular por un período mínimo de dous anos.

2. Para efectos do disposto neste artigo, o acollemento de menores producirá os mesmos efectos que a adopción durante o tempo da súa duración.

3. Os traballadores terán dereito a un período de excedencia de duración non superior a tres anos, para atende-lo coidado persoal do seu cónxuxe, persoa coa que convivan maritalmente e ó coidado dun familiar, ata segundo grao de consanguinidade ou afinidade, que por razóns de idade, accidente ou enfermidade non poida valerse por si mesmo, e non desempeñe actividade retribuída.

Os traballadores terán dereito a que se lles compute o tempo de permanencia nesta situación de excedencia para efectos de antigüidade e a reingresar ó servicio activo na mesma localidade na que prestaban servicios ó pasar a ela.

Artigo 20º.-Efectos da excedencia voluntaria sobre a antigüidade e a promoción.

Ós traballadores en situación de excedencia voluntaria, salvo nos casos de excedencia para o coidado de fillos, cónxuxe, ascendentes e descendentes, non lles será computable o tempo da súa vixencia para efectos de antigüidade nin promoción. En ningún caso devengarán dereitos económicos.

Artigo 21º.-Reingresos.

O traballador que solicite o seu reingreso tras unha excedencia terá dereito a ocupa-la primeira vacante a cobertura da cal resulte necesaria que se produza, de igual grupo profesional e, se é o caso, titulación e especialidade ás súas. Se non existise vacante no seu grupo e se a houbese en grupo profesional inferior, poderá optar a esta ou ben esperar a que se produza aquela.

No suposto de que optase por ocupar vacante de inferior grupo profesional, percibirá as retribucións correspondentes a esta, mantendo a opción a ocupa-la vacante que se produza no seu grupo profesional.

Capítulo VIII

Estructura salarial

Artigo 22º.-Estructura retributiva.

1. A estructura retributiva deste convenio estará composta polos seguintes conceptos:

a) Salario base.

b) Pagas extraordinarias.

c) Antigüidade.

d) Complementos retributivos.

Artigo 23º.-Salario base.

É a retribución que percibe cada traballador en virtude de cal sexa o seu encadramento profesional segundo o disposto nas táboas salariais que se xuntan como anexo a este convenio. Se a xornada efectivamente realizada fose inferior á pactada neste convenio, o salario base reducirase proporcionalmente.

Artigo 24º.-Pagas extraordinarias.

Os traballadores acollidos a este convenio percibirán dúas pagas extraordinarias que se devengarán na contía dunha mensualidade de salario base e antigüidade, aboándose nos meses de xuño e decembro.

Para efectos do cómputo do pagamento destas gratificacións, entenderase que a de xuño retribúe o período comprendido entre o 1 de xullo do ano anterior ó 30 de xuño do ano en curso decembro e 31 de maio, e a correspondente a decembro, o período de servicios entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro do ano en curso 1 de xuño e 30 de novembro. Non obstante, a partir do 1 de xaneiro de 2003, modificaranse os períodos de devengo, pasando a ser estes semestrais: do 1 de xaneiro ó 30 de xuño para a paga de verán e do 1 de xullo ó 31 de decembro para a paga de nadal.

Ó traballador que ingresase ou cesase no transcurso do ano aboaráselle a gratificación extraordinaria proporcionalmente ó tempo de servicios prestados do semestre de que se trate.

Artigo 25º.-Antigüidade.

Por cada trienio de tempo transcorrido na empresa, devengarase un complemento de antigüidade, de forma lineal, equivalente á media do 5% dos salarios base de tódolos traballadores afectados por este convenio, establecéndose un tope máximo do 60% do salario base.

Este sistema de cómputo da antigüidade, así como o seu devengo, comezará a rexer a partir da entrada en vigor deste convenio.

As cantidades totais percibidas ata o 31 de decembro de 2001 por cada traballador en concepto de antigüidade pasarán a constituír un complemento persoal de antigüidade.

Igualmente, recoñeceráselle a antigüidade devengada ó persoal afecto a programas de actividade, sempre e cando non transcorran máis de 30 días entre a finalización e o inicio da actividade.

Artigo 26º.-Complementos salariais de posto de traballo.

Son aqueles complementos que poderán percibi-los traballadores en función das especiais características do exercicio da actividade no posto asignado, e soamente durante o período de tempo en que estas se manteñan, polo que non terán carácter consolidable. Terán tal consideración os seguintes:

Complemento de dispoñibilidade.

Complemento de nocturnidade, domingos e festivos.

Complemento de perigosidade.

Complemento de transporte.

Complemento de dispoñibilidade. Retribúe a especial dispoñibilidade horaria dos servicios de auxilio, salvamento, socorro e similares fóra da xornada habitual de traballo. O importe deste complemento, de devengo mensual, será do 3% do salario base de cada categoría para os anos 2002 e 2003 e do 4% a partir de 2004.

Complemento de nocturnidade domingos e festivos. Retribúe o traballo realizado por aqueles colectivos cunha xornada laboral que se desenvolva en domingos festivos ou pola noite. O importe deste complemento, de devengo mensual, será do 3% do salario base de cada categoría para os anos 2002 e 2003 e do 4% a partir do 2004.

Complemento de perigosidade. Aboarase no mesmo importe que os anteriores naqueles postos que, se é o caso, defina o Comité de Seguridade e Saúde Laboral.

Complemento de transporte. Retribúe os gastos de transporte ocasionados a aqueles traballadores que desempeñan o seu traballo en centros ou domicilios

distintos durante a súa xornada laboral de forma continuada. O importe mensual establécese en dous tramos en función do número de desprazamentos e do custo dos medios de transporte utilizados: 21,04 A e 36,06 A. Este complemento aboarase ós colectivos que actualmente o reciben e a aqueles traballadores que se encontren en situacións similares.

Artigo 27º.-Compensación de gastos.

Se por necesidade do servicio tivese que desprazarse algún traballador fóra da localidade onde se encontre o centro de traballo do centro onde habitualmente presta os seus servicios, aboaránselle os gastos presentando as facturas correspondentes.

Se o desprazamento se realiza en vehículo propiedade do traballador, os gastos diarios quedarán limitados ós importes seguintes:

Almorzos: 3 A.

Comidas: 12 A.

Ceas: 12 A.

Km: 0,17 A.

Así mesmo aboaranse todo tipo de gastos o desembolso dos cales estea directamente relacionado co motivo do desprazamento, tales como taxis, aparcadoiro, etc.

Artigo 28º.-Revisión salarial.

A Oficina Provincial da Cruz Vermella garante unha mellora mínima do poder adquisitivo de tódolos seus traballadores dun punto con relación ó IPC oficial do Estado para o período de vixencia deste convenio, segundo as porcentaxes de revisión salarial que se refiren a seguir:

Ano 2002: IPC real.

Ano 2003: IPC + 0,25%.

Ano 2004: IPC + 0,50%.

Co obxecto de asegura-la exacta aplicación das porcentaxes enunciadas, ó comezo de cada exercicio actualizaranse os salarios na porcentaxe correspondente á previsión oficial do IPC definida polo Goberno, así como, se é o caso, a porcentaxe diferencial estipulada para ese exercicio. Desta suba informarase previamente á Comisión Nacional de Finanzas para o seu coñecemento e efecto. Ó remata-lo ano, unha vez coñecido o IPC resultante, se este fose superior á previsión inicialmente aplicada, procederase a actualizar novamente os salarios nesta mesma porcentaxe, aboándose os atrasos correspondentes ó período.

Capítulo IX

Seguridade e saúde laboral

Artigo 29º.-Seguridade laboral.

As partes asinantes deste convenio comprométense a cumprir estrictamente as disposicións contidas na Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais, fundamentalmente no relativo á avaliación de riscos en cada posto de traballo, plani

ficación da actividade preventiva e formación de todo o colectivo de traballadores nesta materia. Igualmente comprométense a potencia-lo funcionamento do Comité de Seguridade e Saúde Laboral para o mellor e máis eficaz desempeño das funcións que por lei lle están atribuídas.

Os delegados de prevención da empresa poderán dispor dos permisos necesarios para recibi-la formación que lles garanta o adecuado desempeño das súas funcións e por razóns de traballo propias da súa condición de delegados, debidamente xustificadas.

A empresa facilitará todo tipo de medios de protección persoal con relación ós riscos propios de cada actividade (guantes, botas, etc.).

Artigo 30º.-Saúde laboral.

Con periodicidade anual, levarase a cabo un recoñecemento médico do persoal, que terá carácter voluntario e gratuíto para tódolos traballadores, adecuado e específico ás especiais características que revistan as diferentes actividades laborais desempeñadas.

Por outro lado, aqueles traballadores que teñan trato directo cos usuarios dos servicios sociais, recibirán a información adecuada sobre as características do traballo. Co obxecto de salvagarda-lo dereito á saúde dos traballadores que prestan directamente os seus servicios a usuarios, a dirección informará o traballador das medidas preventivas que terán que observarse para evitar calquera risco de contaxio.

Artigo 31º.-Complemento de IT.

Nas situacións de IT por enfermidade común ou accidente non laboral, a oficina provincial completará as prestacións da seguridade social ata o 80% da retribución bruta do traballador desde o primeiro día da situación e ata o terceiro mes inclusive. No caso de accidente de traballo, enfermidade profesional e enfermidade común durante o tempo de hospitalización, de producirse esta, o complemento das prestacións será do 100% do salario bruto desde o primeiro día.

Artigo 32º.-Seguro de accidentes.

A oficina provincial concertará unha póliza de seguros de accidente a favor dos seus traballadores da cal se entregará copia á representación legal dos traballadores para o seu coñecemento e efectos.

Capítulo X

Varios

Artigo 33º.-Formación.

A Oficina Provincial da Cruz Vermella deberá facilita-la formación adecuada para promove-lo mellor e máis eficaz desenvolvemento profesional e persoal do colectivo de traballadores. Neste sentido, con carácter anual publicarase un plan de formación que recolla, de maneira xeral, unha previsión das accións formativas a realizar nese período. Esta formación realizarase durante a xornada laboral.

Sen prexuízo do anterior e co obxecto de atende-las carencias ou necesidades formativas que se detecten en cada caso, tódolos traballadores poderán dirixi-los seus propostas de formación ó Departamento de Recursos Humanos da Institución. Esta formación terá carácter recuperable ou se realizará fóra das horas de traballo.

Artigo 34º.-Responsabilidade civil.

A institución concertará unha póliza de seguros destinada a cubri-la eventual responsabilidade civil en que puideran incorre-los traballadores da institución no exercicio das súas funcións.

Artigo 35º.-Multas.

A oficina provincial sufragará as multas de tráfico que se impoñan ós traballadores que conduzan habitualmente os vehículos da institución, sempre que elas non fosen impostas por unha manifesta falta de dilixencia na conducción.

Artigo 36º.-Anticipos.

Recoñécese a posibilidade de conceder anticipos de salario sobre as cantidades devengadas por cada traballador, xustificándoo debidamente ante o Departamento de Recursos Humanos.

Capítulo XI

Réxime disciplinario

Artigo 37º.-Graduación das faltas.

1. Os traballadores poderán ser sancionados pola dirección da empresa, mediante a resolución correspondente, en virtude de incumprimentos das obrigas contractuais, de acordo coa graduación de faltas e sancións que se establecen neste epígrafe.

2. As faltas disciplinarias dos traballadores, cometidas con ocasión ou como consecuencia do traballo, poderán ser: leves, graves e moi graves.

a) Serán faltas leves as seguintes:

a.1. A leve incorrección co público e en xeral cos usuarios do servicio, así como cos compañeiros ou subordinados.

a.2. O atraso inxustificado, neglixencia ou descoido no cumprimento das súas tarefas.

a.3. Non comunicar coa debida antelación a falta ó traballo por causa xustificada, a non ser que se probe a imposibilidade de facelo.

a.4. A falta de asistencia ó traballo sen causa xustificada dun ou dous días ó mes.

a.5. O incumprimento non xustificado do horario de traballo entre tres e cinco ocasións ó mes.

a.6. O descoido na conservación dos locais, material e documentos da empresa.

a.7. En xeral, o incumprimento dos deberes por neglixencia ou descoido inescusable.

b) Serán faltas graves as seguintes:

b.1. A falta de disciplina no traballo ou do respecto debido ós superiores, compañeiros ou subordinados.

b.2. O incumprimento das ordes ou instruccións dos superiores relacionadas co traballo e das obrigas concretas do posto de traballo ou as neglixencias das que se deriven ou poidan derivarse prexuízos graves para o servicio.

b.3. A desconsideración co público no exercicio do traballo.

b.4. O incumprimento grave das obrigas en materia de prevención de riscos laborais contempladas na normativa vixente.

b.5. A falta de asistencia ó traballo sen causa xustificada de tres ou catro días no período dun mes.

b.6. O incumprimento non xustificado do horario de traballo entre seis e dez ocasións ó mes, cando acumulados supoñan un mínimo de dez horas mensuais.

b.7. O abandono do posto de traballo durante a xornada sen causa xustificada.

b.8. A simulación de enfermidade ou accidente.

b.9. A simulación de faltas doutros traballadores en relación cos seus deberes de puntualidade, asistencia e permanencia no traballo.

b.10. A diminución continuada e voluntaria no rendemento do traballo normal ou pactado.

b.11. A neglixencia que poida causar graves danos na conservación dos locais, material ou documentos da empresa.

b.12. O incumprimento dos prazos ou outras disposicións de procedemento en materia de incompatibilidades, cando non supoña o mantemento dunha situación de incompatibilidade.

b.13. A utilización ou difusión indebidas de datos ou asuntos dos que se teña coñecemento por razón do traballo.

b.14. Cometer falta leve, tendo anotadas e non canceladas, ou sen posibilidade de cancelar, polo menos dúas faltas leves.

b.15. O abuso de autoridade no desempeño das funcións encomendadas. Considerarase abuso de autoridade a comisión por un superior dun feito arbitrario, con infracción dun dereito do traballador recoñecido legalmente por este convenio, Estatuto dos traballadores e demais leis vixentes, onde se derive un prexuízo notorio para o subordinado, xa sexa de orde material ou moral.

c) Serán faltas moi graves as seguintes:

c.1. A fraude, a deslealdade e o abuso de confianza nas xestións encomendadas.

c.2. A manifesta insubordinación individual ou colectiva.

c.3. A notoria falta de rendemento que comporte inhibición no cumprimento das tarefas encomendadas.

c.4. O falseamento voluntario de datos e informacións do servicio.

c.5. A falta de asistencia ó traballo non xustificada durante cinco ou máis días ó mes.

c.6. O incumprimento non xustificado do horario de traballo durante máis de dez ocasións ó mes, ou durante máis de vinte ó trimestre.

c.7. Cometer falta grave, tendo anotadas e non canceladas, ou sen posibilidade de cancelar, polo menos dúas faltas graves.

c.8. O acoso sexual e/ou moral

c.9. Violar ou vulnera-la independencia política da institución por calquera medio.

c.10. A obstaculización ó exercicio das liberdades públicas e dereitos sindicais.

c.11. A obtención de beneficios económicos por razón do traballo alleos ó posto desempeñado.

c.12. O quebrantamento do segredo profesional; a manipulación de datos e programas con ánimo de falsificación ou a utilización dos medios técnicos da empresa para intereses particulares de tipo económico.

c.13. A embriaguez habitual ou toxicomanía se repercuten negativamente no traballo.

c.14. A tolerancia ou encubrimento dos xefes ou superiores respecto das faltas graves e moi graves cometidas polos subordinados.

c.15. O incumprimento moi grave das obrigas en materia de prevención de riscos laborais contempladas na normativa vixente, entendendo como tal cando deste poidan derivarse riscos para a saúde e a integridade física ou psíquica doutro traballador ou de terceiros.

Artigo 38º.-Sancións.

1. As sancións que poderán imporse, en función da cualificación das faltas, serán as seguintes:

a) Por faltas leves:

Amoestación por escrito.

Suspensión de emprego e soldo de ata dous días.

b) Por faltas graves:

Inhabilitación para a promoción ou ascensos así como para concorrer a probas selectivas por un período non superior a un ano.

Suspensión de emprego e soldo de tres días a tres meses.

c) Por faltas moi graves:

Suspensión de emprego e soldo de tres meses e un día a seis meses.

Inhabilitación para a promoción ou ascenso por un período dun ano e un día a cinco anos.

Traslado forzoso sen dereito a indemnización.

Despedimento.

Non se poderán impor sancións que consistan na reducción das vacacións ou outra minoración dos dereitos ó descanso do traballador ou multa de haber.

2. O alcance da sanción farase tendo en conta, entre outros factores, os seguintes:

a) O grao de intencionalidade, descoido ou neglixencia que se revele na conducta.

b) O dano ó interese da empresa, cuantificándoo incluso en termos económicos cando sexa posible.

c) A reiteración ou reincidencia.

En todo caso e con carácter xeral, a dirección aplicará a súa potestade sancionadora de forma restrictiva e de acordo co principio da moderación.

Artigo 39º.-Prescrición.

As faltas leves prescribirán ós dez días; as graves ós vinte días, e as moi graves ós sesenta días, contados todos eles a partir da data en que a empresa teña coñecemento da súa comisión e, en todo caso, ós seis meses de se ter cometido. Estes prazos quedarán interrompidos por calquera acto propio do expediente instruído ou información preliminar, incluída a audiencia previa ó interesado que poida instruírse, se é o caso.

Artigo 40º.-Cancelación.

Tódalas sancións impostas anotaranse no expediente persoal do sancionado, e cancelaranse de oficio ou por instancia de parte, unha vez transcorrido o prazo de tres meses cando se trate de falta leve, un ano se é falta grave e dous anos para as moi graves.

Capítulo XII

Acción sindical

Artigo 41º.-Garantías sindicais.

Os membros do comité de empresa, delegados de persoal e delegados sindicais gozarán das garantías que o Estatuto dos traballadores e a Lei orgánica de liberdade sindical lles recoñecen.

Artigo 42º.-Órganos de representación.

Os órganos de representación dos traballadores na empresa axustaranse ó establecido nos artigos 62 a 68 do texto refundido do Estatuto dos traballadores.

Capítulo XII

Comisión paritaria

Artigo 43º.-Comisión paritaria.

As partes negociadoras están de acordo en crear unha comisión paritaria que estará composta polo comité de empresa ou delegados de persoal e os representantes da empresa no mesmo número que os representantes dos traballadores, actuando de secretario o membro máis novo.

Esta comisión terá as seguintes funcións:

a) Interpretación, vixilancia e seguimento do pactado.

b) Velar polo mantemento da paz social durante a vixencia do contrato e no momento da denuncia, mentres se desenvolva a negociación colectiva.

c) Interpreta-lo convenio con carácter previo a calquera outro órgano administrativo ou xurisdiccional, e ofrece-la súa arbitraxe, se é o caso, en supostos de conflicto colectivo suscitados por aplicación de preceptos deste convenio, calquera das dúas partes asinantes del solicitará a inmediata reunión da comisión paritaria para efectos de ofrece-la súa mediación. Os promotores do conflicto deberán, en todo caso, remitir por escrito á comisión paritaria o detalle da controversia ou dúbida suscitada, e intentado sen efecto o obrigado trámite interpretativo ante a comisión ou transcorridos quince días hábiles desde a súa solicitude sen que se celebrase, quedará expedita a vía administrativa ou xurisdiccional correspondente. Os acordos da comisión, interpretativos deste convenio, terán a mesma eficacia que a da cláusula que fose interpretada.

d) Velar polo cumprimento das normas de seguridade e saúde, así como acorda-las medidas oportunas para a adopción dos métodos e mecanismos que sobre esta materia fosen necesarios.

e) Elaborar un estudio sobre a clasificación profesional no que se aborde a relación entre categorías profesionais, titulacións e responsabilidades ou características de cada posto de traballo.

f) Estudiar especificamente a problemática dos colectivos sometidos a condicións de traballo específicas, contando coas achegas do propio colectivo co obxecto de pór en marcha medidas concretas durante a vixencia do convenio.

g) Elabora-lo plan de formación anual da entidade.

Os acordos adoptaranse por unanimidade ou, no seu defecto, por maioría simple, e quedarán reflectidos nunha acta breve que subscribirán tódolos asistentes á reunión. Para a validez dos acordos requirirase a presencia de polo menos tres membros de cada representación.

Tódalas resolucións que a comisión deba emitir sobre consultas presentadas a ela, deberán producirse nun prazo máximo de dez días hábiles, a partir da súa recepción formal, xunto coa documentación correspondente.

As discrepancias e diferencias existentes no seo desta comisión someteranse ó AGA.

Táboa salarial 2002

Oficina provincial da Coruña

Grupo I. Titulado superior e asimilados
1.1Director departamento16.595,18
1.2Coordinador de área14.767,37
1.3Responsable de proxecto11.898,81
1.4Outro11.577,22

Grupo II. Titulado medio e asimilados
2.1Director departamento15.114,71
2.2Coordinador de área13.462,67
2.3Responsable de proxecto11.779,84
2.4Outro10.934,04

Grupo III. Técnicos non titulados
3.1Director departamento13.883,38
3.2Coordinador de área12.863,58
3.3Responsable de proxecto11.401,20
3.4Outro9.230,18

Grupo IV. Administración
4.1Oficial administrativo12.394,58
4.2Oficial administrativo11.401,20
4.3Auxiliar8.961,09

Grupo V. Auxiliares e servicios xerais
5.1Mecánico-conductor11.779,84
5.2Patrón11.401,20
5.3Mantemento11.401,20
5.4Instalador9.230,18
5.5Operador8.414,17
5.6Conductor8.414,17
5.7Auxuliar de clínica e8.387,58
5.8Auxiliar axuda a6.983,76
5.9Ordenanza6.731,34
5.10Limpeza6.731,34
5.11Auxiliar de transporte6.336,71