Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 42 Venres, 28 de febreiro de 2003 Páx. 2.534

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN, DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 24 de xaneiro de 2003, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se autorizan as instalacións electromecánicas, se aproba o proxecto de execución e se recoñece a condición de instalación acollida ó réxime especial do parque eólico denominado Álabe-Terral. (Expediente 059/EOL).

Examinado o expediente instruído por pedimento de Acciona Eólica de Galicia, S.A. con enderezo para efectos de notificacións en parque empresarial La Moraleja, avda. de Europa nº 18, 28108 Alcobendas-Madrid, sobre autorización de instalacións e utilidade pública do parque eólico denominado Álabe-Terral; resultan os seguintes antecedentes de feito:

Primeiro.-O 28 de xuño de 2000, Juan Antonio Alonso Comerma, en nome e representación de Acciona Eólica de Galicia, S.A., solicitou a autorización administrativa, aprobación de proxecto de execución, recoñecemento da condición de instalación acollida ó réxime especial de producción de enerxía eléctrica, declaración de utilidade pública, en concreto, e aprobación do proxecto sectorial do parque eólico denominado Álabe-Terral, de 27,75 MW, achegando a documentación establecida para o efecto polo Decreto 2617/1966, do 20 de outubro, sobre autorización de instalacións eléctricas e 2619/1966, do 20 de outubro, sobre expropiación forzosa e sancións en materia de instalacións eléctricas, ambos de aplicación ó presente expediente en virtude do disposto na disposición transitoria undécima do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía

eléctrica e o Decreto 205/1995, do 6 de xullo, polo que se regula o aproveitamento da enerxía eólica na Comunidade Autónoma de Galicia, de aplicación ó presente expediente en virtude do disposto na disposición transitoria terceira do Decreto 302/2001, do 25 de outubro, polo que se regula o aproveitamento da enerxía eólica na Comunidade Autónoma de Galicia e o Real decreto 2818/1998, do 23 de decembro, sobre producción de enerxía eléctrica por instalacións abastecidas por recursos ou fontes de enerxía renovables, residuos e coxeración.

Segundo.-O proxecto someteuse a información pública para os efectos previstos no Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación de impacto ambiental para Galicia, Decreto 327/1991, do 4 de outubro, de avaliación de efectos ambientais para Galicia, artigos 53 e 54 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico; decretos 2167/1966 e 2619/1966, xa mencionados, artigo 25 da Lei 10/1995, de ordenación do territorio de Galicia e o Decreto 205/1995, polo que se regula o aproveitamento da enerxía eólica en Galicia, mediante resolución da Delegación Provincial de Lugo do 4 de setembro de 2000, publicada no BOP de Lugo do 20 de setembro de 2000, no DOG do 22 de setembro (e corrección de erros do citado anuncio o día 2 de outubro), o diario El Progreso do 20 de setembro, diario La Voz de Galicia do 22 de setembro, BOE do 20 de setembro de 2000 e nos taboleiros de anuncios dos concellos de Abadín e Mondoñedo e deuse coñecemento ós afectados mediante a oportuna notificación individual.

Durante o período de información pública presentáronse as seguintes alegacións:

1. Manuel Fernández Blanco, en representación de Cubiertas de Pizarra Reunidas y Agrupadas de Exportacion, S.A. (Cupire-Padesa) manifesta:

a) Oponse á autorización administrativa, declaración de utilidade pública, aprobación do proxecto de execución e proxecto sectorial das instalacións do parque que afecten ó permiso de investigación Tojiza 5531 do que é cotitular xunto coa empresa Revestimientos Naturales, S.L.

b) Indica que debe ser efectuado polos organismos afectados e dependentes da consellería, un estudio técnico que determine o risco que se podería ocasionar pola instalación do parque no lugar proposto se non respectase as distancias áticas respecto á zona de investigación e posterior explotación mineira.

c) En caso de que se concedese a declaración de utilidade pública, se denegue a urxente ocupación para os efectos de expropiación forzosa, seguíndose o procedemento xeral da Lei de expropiación forzosa, así como a inclusión do permiso de investigación na relación de bens e titulares afectados.

2. Aquilino Botana González, en representación do Monte Veciñal en Mano Común de Estelo, Braña e Toxiza manifesta que o parque eólico producirá efectos negativos sobre o ecosistema dos seus montes e sobre a rendibilidade silvícola destes e solicita que se exclúan da declaración de utilidade pública.

3. Rosa Vallejo González en representación da Asociación de Veciños de Vilaoriente da parroquia dos Remedios de Mondoñedo (Lugo) reclama que se lle solicite á empresa beneficiaria memoria complementaria da subestación de evacuación e que se teña ós seus representados como interesados en todo o que afecte ó monte de Estelo.

Terceiro.-O 22 de agosto de 2000 a Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio de Lugo emitiu informe favorable sobre o citado proxecto, coas seguintes características básicas:

Situación e coordenadas poligonais:

NomeMunicipioVértices

Álabe-TerralAbadín e MondoñedoXY

0.624.203,004.811.671,00

0.625.077,004.811.395,00

0.625.060,004.810.802,00

0.625.999,004.810.071,00

0.624.857,004.809.147,00

0.623.067,004.810.160,00

0.622.169,004.811.124,00

0.622.179,004.811.220,00

0.622.315,004.811.374,00

0.623.578,004.810.802,00

Nº de aeroxeradores37

Potencia unitaria por aeroxerador750 kW

XeradoresNEG-MICON NM750/44 e NM750/48

Potencia total instalada27,75 MW

Producción anual estimada73.350 MWh/ano

Investimento previsto22.226.150 euros

Características técnicas da infraestructura eléctrica de transformación e interconexión:

-37 centros de transformación de 1.000 kVA de potencia unitaria e relación de transformación 0,69/20 kV, instalados unitariamente en interior de torre de aeroxerador coa súa correspondente paramenta de seccionamento, manobra e protección.

-Liñas de media tensión subterráneas para evacuación de enerxía a 20 kV, de interconexión entre centros de transformación e centros de recollida de media tensión.

-5 centros de recollida de media tensión para optimización de transporte de enerxía dotados cada un de transformador para servicios auxiliares e da súa correspondente paramenta de seccionamento, manobra e protección.

-Liñas de media tensión subterráneas para evacuación de enerxía a 20 kV, de interconexión entre centros de transformación e centros de recollida de media tensión e subestación transformadora 20/132 kV.

-Subestación transformadora 20/132 kV para evacuación de enerxía producida no parque eólico Álabe-Terral, composta por un transformador principal 20/132 kV de 30 MVA ONAF de potencia nominal e un transformador para servicios auxiliares 20/0,4 kV de 100 kVA de potencia nominal cos correspondentes equipos de control, seccionadores, manobra, medida e protección.

Cuarto.-O 23 de agosto de 2001 o promotor presentou escrito na Delegación Provincial de Lugo solicitando a modificación do proxecto do citado parque eólico, reformando o sistema de recollida de enerxía eléctrica de media tensión, eliminando os centros de media tensión e reducindo as afeccións ás propiedades nas que se asentaban, modificándose con iso o orzamento de investimento previsto ó novo importe de 21.830.431 euros.

Quinto.-O 23 de novembro de 2001, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental resolveu formula-la declaración de impacto ambiental do citado parque eólico, no cal se fixan as posicións de 32 aeroxeradores quedando a posición dos aeroxeradores T-1201, T-1202, T-1203, T-1204 e T-1205 pendentes de relocalización e posterior informe.

Sexto.-O expediente incluíuse de forma automática dentro do conxunto de solicitudes presentadas á primeira convocatoria anual do artigo 15 do Decreto 302/2001. Por Resolución do 19 de abril de 2002 desta consellería acordouse que proseguise a tramitación administrativa de autorización deste parque eólico.

Sétimo.-O 15 de abril 2002, o promotor presentou documento na Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas propoñendo novas medidas correctoras, adaptadas ás esixencias da declaración de impacto ambiental, e solicitando o informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural ás obras de implantación dos aeroxeradores T-1201 a T-1205 e infraestructuras asociadas.

Oitavo.-O 14 de xuño de 2002, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural informou permitindo a execución das obras de implantación dos aeroxeradores T-1201 a T-1205 cunha serie de condicionantes que se van incluír na declaración de impacto ambiental.

Noveno.-O 1 de xullo 2002, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental resolveu modifica-la declaración de impacto ambiental do proxecto de parque eólico Álabe-Terral, permitindo executa-las obras proxectadas dos aeroxeradores T-1201 a T-1205 e as súas infraestructuras asociadas, cunha serie de condicionantes.

Fundamentos de dereito

Primeiro.-A Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas é competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia, Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, o Decreto 132/1982, do 4 de novembro e o Decreto 15/2002, do 24 de xaneiro e Decreto 8/2003, do 18 de xaneiro en relación co Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, Decreto 302/2001, do 25 de outubro, e o Real decreto 2818/1998, do 23 de decembro, xa citados.

Segundo.-Á vista das alegacións presentadas, da contestación dada a elas por parte da empresa pro

motora e do resto de documentación existente no expediente, queda de manifesto que:

1. Non se toman en conta as alegacións relativas á utilidade pública, estas serán tidas en conta cando se proceda á súa declaración.

2. Con respecto á alegación dos veciños de Vilaoriente (Mondoñedo), a liña eléctrica de evacuación de enerxía do parque eólico é obxecto dun proxecto específico e independente e en relación á titularidade do Monte Veciñal en Mano Común de Estelo, cabe dicir que a empresa beneficiaria tomará razón destas, non obstante, será durante o levantamento de actas ó que será oportunamente convocado, o momento no que pode demostra-la súa titularidade, achegando a documentación acreditativa necesaria, unha vez que sexa declarada a utilidade pública.

3. En relación coa alegación formulada por Manuel Fernández Blanco, en representación de Cubiertas de Pizarra Reunidas y Agrupadas de Exportación, S.A. (Cupire-Padesa), cabe manifestar que a prevalencia ou compatibilidade do permiso de investigación denominado Tojiza 5531, resolverase cando se declare a utilidade pública do parque eólico Álabe-Terral.

Terceiro.-No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites regulamentarios. Así mesmo, a instalación e o seu proxecto de execución reúnen tódolos requisitos técnicos esixibles.

Esta dirección xeral, de acordo co que antecede e no exercicio das competencias que ten atribuídas,

RESOLVE:

1. Autorizar a Acciona Eólica de Galicia, S.A., a instalación dos equipos electromecánicos do parque eólico denominado Álabe-Terral, que se van situar nos concellos de Abadín e Mondoñedo.

2. Aproba-lo proxecto de execución da dita instalación.

3. Recoñecer a esa instalación, a condición de instalación acollida ó réxime especial do R.D. 2818/1998, e incluíla no grupo b.2) do artigo 2 do dito real decreto.

Todo iso de acordo coas condicións seguintes:

Primeira.-Acciona Eólica de Galicia, S.A., para os efectos de garanti-lo cumprimento das súas obrigas, deberá constituír, no prazo dun mes contado desde o outorgamento da presente autorización, unha fianza de 436.608,62 euros, importe do 2% do orzamento que figura no expediente, para garanti-lo cumprimento das súas obrigas, conforme o disposto no artigo 19 do citado Decreto 302/2001, do 25 de outubro.

A dita fianza constituirase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 1.1º, punto 39 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, e será devolta unha vez se formalice a acta de posta en marcha das instalacións.

Segunda.-As instalacións que se autorizan terán que realizarse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto presentado pola empresa cun orzamento de 21.830.431 euros.

Terceira.-Para introducir modificacións nas instalacións que afecten a datos básicos do proxecto será necesaria a previa autorización desta Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas. Así mesmo, a Delegación Provincial de Innovación, de Industria e Comercio de Lugo poderá autoriza-las modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes, debendo comunicarlle a esta dirección xeral tódalas resolucións que dicte en aplicación da dita facultade. Queda condicionado o inicio das obras dos aeroxeradores T-1201 a T-1205 á elaboración dun proxecto arqueolóxico que deberá ser autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

Cuarta.-O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de dezaoito meses, contados a partir da data de ocupación dos terreos.

Unha vez construídas as instalacións autorizadas, a Delegación Provincial da Consellería de Innovación, de Industria e Comercio de Lugo inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuadas e verificará o cumprimento dos compromisos contraídos por Acciona Eólica de Galicia, S.A. no seu plan eólico.

Quinta.-Como requisito necesario para a aplicación á citada instalación do réxime especial, o promotor deberá inscribir esta no Rexistro de Instalacións de Producción de Enerxía Eléctrica en Réxime Especial da Comunidade Autónoma de Galicia, creado pola orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG do 14 de xullo), para o que acreditará o cumprimento das condicións previstas no artigo 12 do R.D. 2818/1998, presentando a documentación que figure nas instruccións que dicte esta dirección xeral en desenvolvemento da dita orde. O parque conectarase co sistema de captación e procesamento de datos de producción enerxética de Galicia regulado por Orde do 29 de xullo de 2002 (DOG do 13 de agosto).

Sexta.-Con carácter previo á posta en marcha das instalacións, o órgano competente verificará o cumprimento dos condicionados impostos nesta resolución, na declaración de impacto ambiental do 23 de novembro de 2001 e na modificación da declaración de impacto ambiental do 1 de xullo 2002, así como aquelas que no seu día se emitan conforme o disposto no artigo 7.1º do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación de impacto ambiental para Galicia.

Sétima.-A Administración reserva para si o dereito de deixar sen efecto a presente autorización por calquera das causas establecidas no artigo 34 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, por incumprimento das condicións impostas ou por calquera outra causa excepcional que o xustifique.

Oitava.-Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licencias ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, cabe interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Innovación, de Industria e Comercio no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da notificación desta resolución, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Santiago de Compostela, 24 de xaneiro de 2003.

Ramón Ordás Badía

Director xeral de Industria, Enerxía e Minas

CONSELLERÍA DE POLÍTICA AGROALIMENTARIA E

DESENVOLVEMENTO RURAL