Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 42 Venres, 28 de febreiro de 2003 Páx. 2.506

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL E TURISMO

ORDE do 23 de xaneiro de 2003 pola que se convocan axudas a entidades sen ánimo de lucro para a promoción do uso da Internet.

O Decreto 8/1998, do 8 de xaneiro, polo que se desenvolve a estructura orgánica da Consellería de

Cultura, Comunicación Social e Turismo, atribúelle no seu artigo 7 á Dirección Xeral de Comunicación e Audiovisual, a dirección e coordinación das actuacións da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo en materia de telecomunicacións, audiovisual e multimedia, e tódolos aspectos que poidan derivar da aplicación das novas tecnoloxías da comunicación e a información a tódalas facetas da cultura e do patrimonio galego.

O desenvolvemento da sociedade da información e do coñecemento vén desencadeando un proceso de transformación social que modifica os valores e actitudes de comportamento co conseguinte cambio na sociedade do noso tempo, considerándose un dos elementos claves no desenvolvemento futuro non só da sociedade, senón tamén da cultura e a economía galega. Iso esixe aproveitar ó máximo as potencialidades das tecnoloxías da información para poñelas a disposición daquelas entidades que polas funcións que realizan e finalidade que perseguen necesitan facer uso delas para unha mellor eficacia no desenvolvemento das súas actividades.

Por iso preténdese poñer en marcha unha liña de subvencións que persiga como obxectivo a promoción do uso da Internet por parte daquelas entidades sen ánimo de lucro, que se traduza en axudas á renovación e adquisición do equipamento necesario para acceder ós servicios que ofrece a Internet.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Bases para a concesión das subvencions.

Artigo 1º.-Obxecto e partida orzamentaria.

Convócanse subvencións, mediante réxime de concorrencia competitiva, a entidades sen ánimo de lucro para a renovación e adquisición de equipamentos necesarios para o fomento da sociedade da información.

Polo tanto, para as mencionadas axudas resérvase a cantidade de 287.564 euros que se imputarán ó crédito dispoñible na aplicación orzamentaria 10.04.361A.780 dos orzamentos xerais da Comunidad Autónoma de Galicia para o ano 2003.

Artigo 2º.-Equipamento subvencionable.

1. Só para os efectos desta orde, poderán ser obxecto de axudas as adquisicións de PC, considerados como terminais interactivos e equipamentos de comunicación que permitan a conexión ós servicios da Internet.

2. O equipamento subvencionable terá como finalidade a formación, difusión e promoción da sociedade da información.

3. Quedan excluídos destas axudas a instalación e os gastos derivados do acceso e servicio da Internet.

Artigo 3º.-Beneficiarios.

Poderán optar a estas subvencións:

As entidades sen ánimo de lucro legalmente constituídas, que persigan como finalidade a realización de actividades de carácter social, cultural e outras de interese xeral que dispoñan dun establecemento aberto para a realización das devanditas actividades e teñan o seu domicilio social na Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 4º.-Motivos de exclusión.

Quedan excluídos os solicitantes que anteriormente recibisen algunha outra subvención da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo e non xustificasen o seu investimento.

Artigo 5º.-Contía.

1. A contía máxima da axuda será de ata un 65%, en termos xerais, do importe total da factura presentada, estendida pola entidade subministradora, incluíndo unicamente o valor do material subvencionable adquirido e excluíndo outro tipo de gastos (IVE, transporte, etc.).

2. A axuda máxima por PC será de 600 euros.

3. En todo caso o tope máximo da axuda concedida será de 6.000 euros por entidade solicitante.

Artigo 6º.-Solicitudes.

1. As solicitudes faranse mediante instancia dirixida ó conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo, segundo os modelos que figuran como anexos desta orde, e presentaranse no rexistro xeral da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo ou nos rexistros das delegacións provinciais, sen prexuízo dos procedementos establecidos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Ás solicitudes xuntarase a seguinte documentación:

a) Fotocopia da tarxeta de identicación fiscal da entidade.

b) Acta e estatutos de constitución, con acreditación da súa inscrición no rexistro correspondente.

c) Poder suficiente do representante da entidade solicitante.

d) Declaración de tódalas subvencións solicitadas ou concedidas para o mesmo fin das distintas administracións públicas.

e) Memoria detallada do equipamento así como o orzamento desagregado deste para o que se solicita a subvención.

f) Plan de actividades para o que vai dirixido o material.

g) Orzamento do exercicio corrente e balance de situación da entidade, sen incluí-las partidas das actuacións subvencionables tramitadas.

h) Declaración do número de membros da entidade solicitante

Artigo 7º.-Prazo de presentación de solicitudes.

As solicitudes deberán presentarse, segundo o modelo que figura no anexo, no prazo de corenta días hábiles contados a partir do día seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Se o último día do prazo resultase ser sábado ou festivo, poderase presenta-lo seguinte día hábil.

Artigo 8º.-Tramitación.

Os servicios competentes da Dirección Xeral de Comunicación e Audiovisual tramitarán as solicitudes e instrumentarán os procedementos necesarios para a concesión da subvención.

Artigo 9º.-Criterios de valoración.

Recibidas as solicitudes de subvención e demais documentación, serán analizadas e valoradas polos servicios competentes da Dirección Xeral de Comunicación e Audiovisual, de acordo cos seguintes criterios de valoración:

-Dimensión e ámbito de actuación da entidade solicitante.

-Que a entidade sen ánimo de lucro teña como finalidade o fomento dos valores e da identidade cultural e social de Galicia.

-Deseño dun plan de desenvolvemento da entidade na denominada sociedade da información.

-Situación nas zonas xeográficas de desenvolvemento tecnolóxico desfavorecido.

Artigo 10º.-Proposta.

Unha vez analizadas e valoradas as solicitudes, o director xeral de Cumunicación e Audiovisual elevará proposta ó conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo, que resolverá dentro das dispoñibilidades orzamentarias, poñendo fin á vía administrativa.

Artigo 11º.-Proposta de resolución.

Para os efectos establecidos no artigo 42.2º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, o prazo máximo para resolve-las solicitudes correspondentes ás accións especificadas nesta orde será de cinco meses, contados a partir do día seguinte ó da publicación desta convocatoria. De non notificarse resolución favorable neste prazo, entenderase desestimada a petición

correspondente, podendo interpoñer, con carácter potestativo, recurso de reposición ante o conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo no prazo dun mes, previo ó recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Toda alteración das condicions tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión.

Artigo 12º.-Prazo de aceptación.

Notificada a resolución de subvención, os beneficiarios deberán manifestar por escrito a súa aceptación, comprometéndose a executa-lo proxecto subvencionado no prazo e condicións establecidas. De non recibirse a aceptación no prazo de dez días naturais entenderase que o beneficiario renuncia á subvención concedida e procederase, sen máis trámite, ó arquivo do expediente.

Artigo 13º.-Pagamentos e xustificación.

Os beneficiarios da subvención quedarán obrigados a xustificar en todo caso antes do 1 de novembro do ano 2003, mediante a presentación dos xustificantes acreditativos, orixinal e dúas fotocopias, o pagamento da totalidade do investimento realizado.

Tralo anterior librarase a cantidade adxudicada de acordo co establecido na normativa orzamentaria que sexa aplicable, logo de presentación de certificación expedida pola entidade bancaria na que sinale o número de conta da entidade beneficiaria onde se deba realiza-lo pagamento.

Para proceder a calquera pagamento superior ós 1.500 euros, os beneficiarios deberán presentar certificacións acreditativas do cumprimento das obrigas tributarias estatais e coa Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia, segundo o disposto no artigo 42.1º g) da Lei 6/2002, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o 2003 e no artigo 79 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro. As ditas certificacións serán expedidas para efectos de subvención.

Artigo 14º.-Obrigas do beneficiario.

Os beneficiarios das subvencións, una vez aceptadas estas, quedarán obrigados a destina-los fondos percibidos para o obxecto concreto para o que foron concedidos. A Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo poderá realiza-las oportunas comprobacións para o mellor coñecemento da efectiva realización do proxecto obxecto de axuda.

De igual maneira o beneficiario estará obrigado a facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Así mesmo, no momento de xustificación da execución total do proxecto, o peticionario deberá presentar unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes, ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades. En ningún caso o importe das subvencións concedidas poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia coas concedidas a través doutras administracións públicas, supere o 100% do custo total da actividade subvencionada que deberá desenvolve-lo beneficiario.

Artigo 15º.-Perda da subvención.

O incumprimento por parte do beneficiario de calquera requisito desta orde facultará a Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo para instruír expediente sancionador, conforme o previsto no artigo 79 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, e na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común; se procede, anulará os beneficios concedidos e solicitará a devolución das cantidades percibidas, se as houber, segundo o procedemento que establece o Regulamento xeral de recadación.

Artigo 16º.-Resolución.

Contra os ditos actos resolutivos, que esgotan a vía administrativa, poderá o interesado interpoñer recurso contencioso-administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados desde a recepción da notificación da resolución ou, potestativamente, interpoñer no prazo dun mes desde a recepción da resolución, recurso de reposición ante o conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Comunicación e Audiovisual para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de xaneiro de 2003.

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura, Comunicación

Social e Turismo