Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 41 Xoves, 27 de febreiro de 2003 Páx. 2.385

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE

ORDE do 25 de febreiro de 2003 pola que se determinan os servicios mínimos dirixidos a garanti-los servicios esenciais, durante a folga convocada polas organizacións sindicais CIG, CC.OO., UGT e Cemsatse, desde as 11 ás 11.30 horas, os días 27 de febreiro, 6, 13, 20 e 27 de marzo; 3, 10 e 24 de abril; 8, 15, 22 e 29 de maio de 2003, que afecta a todo o persoal dependente da Xerencia de Atención Primaria de Ourense.

O artigo 28.2º da Constitución española recoñece, como dereito fundamental da persoa, o dereito á folga.

O exercicio deste dereito na Administración e nas empresas, entidades e institucións públicas ou privadas, que presten servicios públicos ou de recoñecida e inaprazable necesidade, no ámbito e competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, está condicionado ó mantemento dos servicios esenciais fixados no artigo 2 do Decreto 155/1998, do 9 de xuño (DOG nº 116, do 20 de xuño), entre os que se atopa a sanidade.

O exercicio público da prestación da asistencia sanitaria non se pode ver afectado gravemente polo lexítimo dereito do exercicio de folga, xa que aquel é considerado e recoñecido prioritariamente en relación a este.

O artigo 3 do citado decreto faculta os conselleiros competentes, por razón dos servicios esenciais afectados, para que, mediante orde e ante cada situación de folga, decidan o mínimo de actividade necesaria para asegura-lo mantemento de tales servicios, así como para determina-lo persoal necesario para a súa prestación.

Convocada folga polas organizacións sindicais CIG, CC.OO., UGT e Cemsatse, desde as 11 ás 11.30 horas, os días 27 de febreiro, 6, 13, 20 e 27 de marzo; 3, 10 e 24 de abril; 8, 15, 22 e 29 de maio de 2003, que afecta a todo o persoal dependente da Xerencia de Atención Primaria de Ourense, oído o comité de folga,

DISPOÑO:

Artigo 1º

A folga convocada desde as 11 ás 11.30 horas, os días 27 de febreiro, 6, 13, 20 e 27 de marzo; 3, 10 e 24 de abril; 8, 15, 22 e 29 de maio de 2003, que afecta a todo persoal dependente da Xerencia de Atención Primaria de Ourense, enténdese condicionada ó mantemento dos servicios mínimos segundo os criterios que se dispoñen nesta orde.

Os servicios mínimos que se fixan resultan totalmente imprescindibles para mante-la adecuada cobertura dos servicios esenciais de asistencia sanitaria nos centros sanitarios, para evitar que se produzan graves prexuízos ós usuarios.

Tales mínimos responden á necesidade de compatibiliza-lo respecto ineludible ó exercicio do dereito á folga coa atención ós usuarios, que, baixo ningún concepto, poden quedar desasistidos polas características do servicio dispensado.

Os servicios mínimos que se fixan resultan totalmente imprescindibles para mante-la adecuada cobertura dos servicios esenciais de asistencia sanitaria nos centros sanitarios, para evitar que se produzan graves prexuízos ós usuarios.

A actividade de asistencia sanitaria en atención primaria no horario ordinario comprende a atención programada, máis a atención urxente e inaprazable que se produza; tendo en conta que os días en que está convocada a folga son laborables, e que o horario de funcionamento dos PAC é das 15 ás 8 horas do día seguinte, e no UN é das 17 ás 9 horas do día seguinte, cómpre garanti-lo 100% da atención urxente e inaprazable durante a folga, das 11 ás 11.30 horas. En consecuencia, e tendo en conta a demanda de atención urxente e inaprazable para os cidadáns, é imprevisible, sen que se poida facer planificación da demanda, senón que a dita actividade se planifica para garanti-la asistencia, os servicios mínimos deben se-los seguintes:

Persoal facultativo:

-Cobertura do 100% da actividade urxente en cada categoría.

-En centros de ata oito profesionais: 1 efectivo de cada categoría.

-En centros de nove ou máis profesionais: 2 efectivos de cada categoría.

Persoal sanitario non facultativo.

-Cobertura do 100% da actividade urxente en cada categoría.

-En centros de ata oito profesionais: 1 efectivo.

-En centro de nove ou máis profesionais: 2 efectivos.

Persoal non sanitario.

A actividade do persoal non sanitario nos centros de saúde de atención primaria complementa a actividade asistencial, e participa do principio do traballo en equipo.

Ademais, resulta imprescindible mante-la continuidade da organización, sen rupturas ou efectos traumáticos evitando calquera prexuízo ou discriminación daqueles que se poidan ver afectados durante a folga, polo que os servicios mínimos que se deben nomear para garantí-la atención urxente ou inaprazable e para mante-la continuidade da organización son os seguintes:

*1 efectivo cando a designación corresponda a persoal de servicios xerais e dous no caso de que coincida na categoría de celadores ou auxiliares administrativos (1 celador e 1 auxiliar administrativo).

*Servicios de mantemento: un número equivalente ós domingos ou festivos.

*Servicios administrativos na sede da xerencia e para o efectivo control das incidencias derivadas

da folga: o 40% dos efectivos do servicio de persoal e das secretarías de dirección.

*Almacén e contabilidade: o 25% do persoal en cada unha das unidades.

* Outras áreas de traballo ou servicios: establecerase, con carácter xeral, un número equivalente ós domingos ou festivos.

Artigo 2º

A designación nominal, que deberá recaer nos profesionais de xeito rotatorio, será determinada polo director-xerente e notificada ós profesionais designados.

Artigo 3º

Os paros e alteracións no traballo por parte do persoal necesario para o mantemento dos servicios mínimos serán considerados ilegais para os efectos do establecido no artigo 16.1º do Real decreto lei 17/1977, do 4 de marzo (BOE nº 58, do 9 de marzo).

Artigo 4º

O disposto nos artigos anteriores non significará ningún tipo de limitación dos dereitos que a normativa reguladora da folga lle recoñece ó persoal nesta situación, nin tampouco sobre a tramitación e efectos das peticións que a motiven.

Artigo 5º

Sen prexuízo do que establecen os artigos anteriores, deberanse observa-las normas legais e regulamentarias vixentes en materia de garantías dos usuarios dos establecementos sanitarios.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de febreiro de 2003.

José Mª Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade