Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 40 Mércores, 26 de febreiro de 2003 Páx. 2.331

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA, XUVENTUDE E VOLUNTARIADO

DECRETO 169/2003, do 13 de febreiro, polo que se establecen os prezos públicos de residencias de tempo libre.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 44.4º, establece que a facenda da Comunidade Autónoma esta constituída, entre outros rendementos, polos procedentes de prestación de servicios directos pola Comunidade Autónoma, sexan de propia creación ou como consecuencia de traspasos de servicios estatais. A Lei orgánica 8/1980, do 22 de setembro, de financiamento das comunidades autónomas, pronúnciase no seu artigo 4 no mesmo sentido.

A Lei 13/1991, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, regula tanto o concepto como a forma de fixación dos prezos e dispón, no seu artigo 12, que a súa contía se acordará por decreto por proposta da consellería da que dependa o centro, á que se lle xuntará unha memoria económica.

O Decreto 73/1994, do 25 de marzo, regulaba os prezos públicos das residencias de tempo libre, de Panxón e do Carballiño, que agora é preciso actualizar para acomodalos á alza de prezos que desde entón se produciu.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Familia, Xuventude e Voluntariado logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día trece de febreiro de dous mil tres,

DISPOÑO:

Artigo único.-As tarifas esixibles polos prezos relativos ás residencias de tempo libre do Carballiño e Panxón, xestionadas pola Consellería de Familia, Xuventude e Voluntariado, serán as que se fixan no anexo deste decreto.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ó disposto neste decreto, e, en particular, ó Decreto 73/1994, do 25 de marzo.

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, trece de febreiro de dous mil tres.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Pilar Rojo Noguera

Conselleira de Familia, Xuventude e Voluntariado

ANEXO

1. Estadía e manutención dos residentes.

a) Tempada baixa (abril, maio, outubro, novembro e decembro).

-17 euros por persoa/día en cuartos de dúas ou máis camas.

-20 euros por persoa/día en cuarto individual.

b) Tempada media (xuño e 2ª quincena de setembro).

-20 euros por persoa/día en cuartos de dúas ou máis camas.

-23 euros por persoa/día en cuarto individual.

c) Tempada alta (xullo, agosto e 1ª quincena de setembro).

-27 por persoa/día.

1.1. Prezo do aloxamento na véspera da incorporación.

-15 euros/cuarto.

1.2. Descontos.

-Nenos menores de dous anos que non utilicen os servicios de comedor ou durman no cuartos dos seus responsables: exentos.

-Os nenos comprendidos entre 2 e os 12 anos, 50% sobre o importe das estadías.

-Familias numerosas: 30% sobre o prezo final que resulte da súa estadía.

-As persoas maiores de 60 anos en tempada baixa e media: 10%.

-Grupos integrados por adultos e nenos maiores de 12 anos, que excedan de 25 prazas, para a mesma residencia e data en tempada baixa e media: 10%.

Os descontos que se especifican anteriormente considéranse incompatibles entre si.

2. Servicio de comedor para visitantes.

-Xantar: 8 euros.

-Cea: 6 euros.

-Almorzo: 2 euros.

-O prezo destes servicios soltos sufrirá un incremento do 10% os domingos e festivos.

3. Recarga.

25% por persoa e día en estadías inferiores a 7 días.