Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 40 Mércores, 26 de febreiro de 2003 Páx. 2.330

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E ADMINISTRACIÓN LOCAL

DECRETO 168/2003, do 31 de xaneiro, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, pola Deputación Provincial da Coruña, dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras de ampliación e mellora do trazado da estrada provincial 1909 de Carballo a Caión e acceso á Lagoa, punto quilométrico 1,700 ó 6,000, punto quilométrico 6,000 ó 12,000 e punto quilométrico 12,000 ó 15,630 (concellos de Carballo e A Laracha).

A Deputación Provincial da Coruña, en sesión celebrada o día quince de xullo de dous mil dous, aprobou o proxecto da obra de ampliación e mellora do trazado da estrada provincial 1909 de Carballo a Caión e acceso á Lagoa, punto quilométrico 1,700 ó 6,000, punto quilométrico 6,000 ó 12,000 e punto quilométrico 12,000 ó 15,630, e na mesma sesión acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración

de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Por parte da Deputación Provincial da Coruña foi remitida a documentación complementaria para a correcta tramitación do expediente con data de entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local o día dezasete de xaneiro de dous mil tres.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

A Dirección Xeral de Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable. Este informe tivo entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local o día vinteseis de novembro de dous mil dous.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, xa que segundo sinala a deputación a actuación é necesaria ó fin de evita-lo altísimo risco de accidentes con perigo para a vida humana debido á existencia de curvas perigosas con pequeno raio, edificacións e vivendas pegadas á estrada, o estado do firme, o largo da calzada de dimensións inferiores ás necesidades dos vehículos e a intensidade media do tráfico.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Administración Local e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día trinta e un de xaneiro de dous mil tres.

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, pola Deputación Provincial da Coruña, para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto da obra de ampliación e mellora do trazado da estrada provincial 1909 de Carballo a Caión e acceso á Lagoa, punto quilométrico 1,700 ó 6,000, punto quilométrico 6,000 ó 12,000 e punto quilométrico 12,000 ó 15,630.

Santiago de Compostela, trinta e un de xaneiro de dous mil tres.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior e Administración Local