Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 40 Mércores, 26 de febreiro de 2003 Páx. 2.329

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E ADMINISTRACIÓN LOCAL

DECRETO 167/2003, do 31 de xaneiro, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, polo Concello do Vicedo (Lugo), dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto de saneamento, depuración e abastecemento de auga no Vicedo e San Miguel de Negradas.

O Concello do Vicedo, en sesión do día vintedous de marzo de dous mil dous, aprobou o proxecto de saneamento, depuración e abastecemento de auga no Vicedo e San Miguel de Negradas, e na sesión do dezaoito de outubro de dous mil dous, acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

A Dirección Xeral de Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable. Este informe tivo entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local o día vinte de xaneiro de dous mil tres.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, xa que, segundo sinala o concello, na actualidade as redes de saneamento efectúan os vertidos sen depurar no núcleo do Vicedo, desencadeándose así mesmo avarías, polo que é necesario diminuír no posible as deficiencias antes expostas dado que poderían

ocasionar problemas de carácter hixiénico e ambiental, e dotar dunha rede de saneamento e sistema de depuración a parte dos núcleos da localidade do Vicedo e San Miguel de Negradas, o que redundaría notablemente na mellora das condicións anteriormente indicadas.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia, segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Administración Local e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día trinta e un de xaneiro de dous mil tres,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, polo Concello do Vicedo, para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de saneamento, depuración e abastecemento de auga no Vicedo e San Miguel de Negradas.

Santiago de Compostela, trinta e un de xaneiro de dous mil tres.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior e Administración Local