Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 40 Mércores, 26 de febreiro de 2003 Páx. 2.329

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E ADMINISTRACIÓN LOCAL

DECRETO 166/2003, do 31 de xaneiro, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, pola Deputación Provincial de Lugo, dos bens e dereitos necesarios para a realización da obra número 248, Plan Operativo Local Navia de Suarna-Navia-Freixís-Silvouta, alargamento e mellora desde o punto quilométrico 2,10 ó 4,90 (concello de Navia de Suarna).

A Deputación Provincial de Lugo, en sesión do día 5 de xullo de 2002, aprobou o proxecto da obra número 248, Plan Operativo Local Navia de Suarna-Navia-Freixís-Silvouta, alargamento e mellora desde o punto quilométrico 2,10 ó 4,90, e na sesión do 30 de setembro de 2002, acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Por parte da Deputación Provincial de Lugo foi remitida a documentación complementaria para a correcta tramitación do expediente con data de entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 30 de decembro de 2002.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

A Dirección Xeral de Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable. Este informe tivo entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día vinteseis de novembro de dous mil dous.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, xa que segundo sinala a Deputación Provincial de Lugo, a estrada Navia-Freixís-Silvouta é unha das principais vías de acceso á zona dos Ancares; atravesa unha zona moi accidentada, con curvas de raio moi pechado que dificultan de forma moi grande a circulación de vehículos, dificultade que se acrecenta nos períodos en que a neve fai a súa aparición, polo que se fai necesaria a actuación para a prevención de posibles accidentes a resolución de problemas de incomunicación e alleamento, dada a actual limitación da vía existente.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de deli

beración do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día trinta e un de xaneiro de dous mil tres,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, pola Deputación Provincial de Lugo, para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución da obra número 248, Plan Operativo Local Navia de Suarna-Navia-Freixís-Silvouta, alargamento e mellora desde o punto quilométrico 2,10 ó 4,90.

Santiago de Compostela, trinta e un de xaneiro de dous mil tres.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais