Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 40 Mércores, 26 de febreiro de 2003 Páx. 2.322

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 18 de decembro de 2002, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón o rexistro, o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo do sector de maioristas de froitas e productos hortícolas.

Visto o texto do convenio colectivo do sector de maioristas de froitas e productos hortícolas, con nº de código 3601835, que tivo entrada nesta delegación provincial o día 13-12-2002, subscrito en representación da parte económica pola Asociación Provincial de Comerciantes Maioristas de Froitas e Productos Hortícolas de Pontevedra, e da parte social, pola central sindical CIG, en data 28-11-2002. De conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982,

do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, que consta nesta delegación provincial, e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 18 de decembro de 2002.

Antonio Coello Bufill

Delegado provincial de Pontevedra

Convenio colectivo de traballo para o sector de comerciantes maioristas de froita e productos hortícolas da provincia de Pontevedra

Artigo 1º.-Ámbito territorial e funcional.

Este convenio será de aplicación a tódalas empresas dedicadas ó comercio de froitas e productos hortícolas no ámbito da provincia de Pontevedra.

Artigo 2º.-Ámbito persoal.

Este convenio afectará a tódolos traballadores e traballadoras encadrados nas ditas empresas, a excepción dos sinalados no artigo 2 do Estatuto dos traballadores.

Artigo 3º.-Duración e vixencia.

Este convenio colectivo terá unha vixencia desde o 1 de xaneiro de 2001 ata o 31 de decembro de 2005.

Con independencia da súa publicación no BOP, o convenio entrará en vigor ós 15 días da súa sinatura, se ben os efectos económicos dos salarios pactados para o primeiro ano se retrotraerán ó 1 de xullo de 2002.

Entenderase prorrogado de ano en ano, agás denuncia de calquera das partes con tres meses de antelación, polo menos, á data do seu remate. A dita renuncia deberá facerse por escrito á outra parte afectada polo convenio.

Artigo 4º.-Condicións máis beneficiosas.

O persoal que con anterioridade a este convenio, viñese gozando de condicións máis beneficiosas no seu conxunto e en cómputo anual que as establecidas nel, deberá conservalas.

Artigo 5º.-Compensación de melloras.

As melloras que se establecen neste convenio poderán compensar ou absorber, no que acaden, aquelas melloras que voluntariamente tivesen establecidas as empresas, ou as que no futuro puideran establecerse por disposición legal de carácter obrigatorio.

Artigo 6º.-Xornada de traballo.

A xornada laboral ordinaria será de 40 horas semanais e 1.816 horas anuais de traballo efectivo.

A distribución da xornada ó longo da semana farase de xeito que o persoal goce de 36 horas ininterrompidas de descanso semanal, entre as 12 horas do venres e as 5 horas da mañá do luns.

Será facultade do empresario, segundo as necesidades de organización da empresa, a fixación de descanso semanal do persoal dentro dos límites indicados no parágrafo anterior.

Artigo 7º.-Vacacións.

Tódolos traballadores e traballadoras gozarán anualmente dunhas vacacións retribuídas consonte as seguintes condicións:

1. Terán unha duración de 31 días naturais, independentemente da categoría de cada traballador/a,

que se gozarán en dous períodos de tempo; un de 16 días naturais no período de verán (de xuño a setembro) e 15 días en inverno (de outubro a decembro e de xaneiro a maio), ámbolos dous inclusive.

O calendario de vacacións fixarase en cada empresa. O traballador/a coñecerá as datas que lle correspondan, polo menos dous meses antes de comeza-lo período delas, e anunciarase no taboleiro de anuncios do centro de traballo.

2. Cando o traballador/a cese no transcurso do ano, terá dereito á parte proporcional das vacacións.

3. Os traballadores/as que non poidan ter vacacións nese momento por atoparse xa con anterioridade ó período de vacacións en situación de IT por accidente, maternidade ou hospitalización, terán dereito a gozar delas sempre que se dea de alta antes de remata-lo 31 de decembro do ano en curso, e sempre que o desfrute sexa dentro do ano natural.

Artigo 8º.-Horas extraordinarias.

As horas extraordinarias rexeranse polo establecido no artigo 35 do Estatuto dos traballadores, podendo acorda-lo empresario e traballador/a en cada caso, o seu aboamento cun 75% de incremento sobre o salario dunha hora ordinaria, ou compensación por tempo equivalente de descanso retribuído, incrementado polo menos na porcentaxe antes indicada.

Artigo 9º.-Licencias e permisos.

O traballador/a, logo de aviso e xustificación, poderá ausentarse do traballo con dereito a remuneración, por algún dos motivos e o tempo seguinte:

a) Quince días naturais en caso de casamento.

b) Cinco días naturais en caso de nacemento de fillo/a ou enfermidade grave, hospitalización, accidente ou pasamento de parentes ata 1º grao de consanguinidade ou afinidade, 3 días naturais en caso de enfermidade grave, hospitalización, accidente ou pasamento de parentes ata 2º grao de consanguinidade ou afinidade.

Cando con tal motivo, o traballador/a teña que facer un desprazamento para o efecto, o prazo será de 4 días naturais.

c) Un día por traslado de domicilio habitual.

d) Polo tempo indispensable para o cumprimento dun deber inescusable de carácter público e persoal. Cando conste nunha norma legal ou convencional un período determinado, seguirase o que se dispón en canto á duración da ausencia e a súa compensación económica.

Cando o cumprimento do deber antes referido, supoña a imposibilidade da prestación do traballo debido en máis do 20% das horas laborais nun período de tres meses, poderá a empresa pasa-lo traballador/a afectado á situación de excedencia regulada no artigo 46 do Estatuto dos traballadores.

No suposto de que o traballador/a polo cumprimento do deber ou desempeño do cargo perciba unha indemnización, descontarase o importe dela do salario a que tivera dereito na empresa.

e) Para realizar funcións sindicais ou de representación do persoal nos termos establecidos legal ou convencionalmente.

f) Neste apartado transcríbese para efectos informativos o disposto no ET no artigo 37.5º e 6º (conforme a redacción do artigo 2.2º e 3º da Lei 39/1999, sobre a conciliación da vida familiar e laboral) de tal xeito que deberá modificarse automaticamente ó mesmo tempo e na mesma liña en que o faga o texto legal citado.

As traballadoras por lactación dun fillo menor dun ano, terán dereito a unha hora de ausencia do traballo, que poderán dividir en dúas fraccións. A muller pola súa vontade, poderá substituír este dereito por unha reducción da xornada normal nunha hora coa mesma finalidade. Este permiso poderá ser gozado indistintamente pola nai ou polo pai no caso de que ámbolos dous traballen.

A concreción horaria e a determinación do período do permiso de lactación e da reducción de xornada, corresponderá ó traballador/a, dentro da súa xornada ordinaria. O traballador/a deberá avisa-lo empresario con 15 días de antelación á data en que se reincorporará a súa xornada ordinaria.

As discrepancias xurdidas entre empresario e traballador/a sobre a concreción horaria e a determinación dos períodos establecidos para a lactación previstos serán resoltos pola xurisdicción competente a través do procedemento establecido no artigo 138 bis da Lei de procedemento laboral.

Quen por razóns de garda legal teña ó seu coidado directo algún menor de 6 anos ou minusválido físico, psíquico ou sensorial, que non desenvolva unha actividade retribuída, terá dereito a unha reducción da xornada de traballo, coa diminución proporcional do salario entre, polo menos, un tercio e un máximo da metade da duración daquela.

Terá o mesmo dereito quen precise encargarse do coidado directo dun familiar, ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade, que por razóns de idade, accidente ou enfermidade non poida valerse por si mesmo, e que non desenvolva actividade retribuída.

A reducción de xornada completada neste punto constitúe un dereito individual, dos traballadores/as, homes ou mulleres. Así e todo, se dous ou máis traballadores da mesma empresa xerasen este dereito polo mesmo suxeito causante, o empresario poderá limita-lo seu exercicio simultáneo por razóns xustificadas de funcionamento da empresa.

A referencia que o punto b) deste artigo fai ó cónxuxe, entenderase, así mesmo, ó compañeiro/a que en situación estable e acreditada no rexistro dun concello conviva co traballador/a.

Artigo 10º.-Excedencia.

Para efectos informativos, neste artigo, transcribimos algúns parágrafos do artigo 46 do Estatuto dos traballadores, o cal regula as excedencias seguintes:

Poderán solicita-la excedencia voluntaria tódolos traballadores e traballadoras da empresa sempre que leven, polo menos, un ano de servicio.

A excedencia voluntaria concederase por un prazo non inferior a dous anos nin superior a cinco. Este dereito só poderá ser exercido outra vez polo mesmo traballador/a se transcorresen catro anos desde o final da anterior excedencia; para ningún efecto se computará o tempo que os traballadores/as permanecesen nesta situación.

Ó remate da situación de excedencia o persoal terá dereito a ocupa-la primeira vacante que se produza na súa categoría, se non houbese traballadores/as en situación de excedencia forzosa.

Perderase o dereito de reingreso na empresa se non é solicitado polo interesado, antes de remata-lo prazo que lle foi concedido.

Darán lugar á excedencia forzosa calquera das seguintes causas:

a) Nomeamento para cargo que teña que facer por decreto, por designación ou por cargo electivo.

b) Enfermidade.

c) Para efectos informativos transcríbese o disposto no artigo 46.3º do ET (conforme a redacción establecida no artigo 4 da Lei 39/1999, sobre conciliación da vida familiar e laboral) de tal xeito que se modificará automaticamente na forma en que se modifique o texto legal.

As traballadoras e traballadores terán dereito a un período de excedencia de duración non superior a tres anos, para atende-lo coidado de cada fillo/a, tanto que o sexa por natureza ou por adopción, nos supostos de acollemento tanto permanente como preadoptivo, a contar desde a data de nacemento ou, se é o caso, da resolución xudicial ou administrativa.

Tamén terán dereito a un período de excedencia, de duración non superior a un ano, agás que se estableza unha duración maior por negociación colectiva, os traballadores/as para atende-lo coidado dun familiar, ata o 2º grao de consanguinidade ou afinidade, que por razón de idade, accidente ou enfermidade non poida valerse por si mesmo, e non desenvolva actividade retribuída.

A excedencia contemplada neste punto, constitúe un dereito individual dos traballadores/as, homes ou mulleres, así e todo, se dous ou máis traballadores/as da mesma empresa xerasen este dereito polo mesmo suxeito causante, o empresario poderá limita-lo seu exercicio simultáneo por razóns xustificadas de funcionamento da empresa.

Cando un novo suxeito causante dera dereito a un novo período de excedencia, o inicio dela dará fin ó que, se é o caso, se viñese gozando.

O período en que o traballador/a permaneza en situación de excedencia, segundo o establecido neste artigo, será computable para os efectos de antigüidade, e o traballador/a terá dereito á asistencia a cursos de formación profesional, á participación dos cales deberá ser convocado polo empresario, especialmente con ocasión da súa reincorporación. Durante o primeiro ano terán dereito a reserva do seu posto de traballo. Transcorrido o dito prazo a reserva quedará referida a un posto de traballo do mesmo grupo profesional ou categoría equivalente.

Artigo 11º.-Festas do patrón.

Establécese como festa do patrón, con carácter retribuído non recuperable, o segundo sábado de maio de cada ano.

Aqueles traballadores/as que teñan establecido o descanso semanal nese sábado terán dereito a desfrutar do descanso noutro día durante o mes de maio, que se fixará de común acordo entre empresario e traballadores/as.

Artigo 12º.-Pagas extras.

Todo o persoal afectado percibirá tres pagas extraordinarias consistentes nunha mensualidade dos salarios bases vixentes en cada momento, máis a antigüidade.

Estas serán aboadas:

a) Paga de verán: o día 15 de xullo.

b) Paga de decembro: o día 22 de decembro.

c) Paga de beneficios: aboarase durante o 1º trimestre do ano.

Logo do acordo entre empresario e traballador/a poderase face-lo rateo de calquera das pagas extraordinarias.

Artigo 13º.-Retribucións.

O salario base para cada un dos anos de vixencia do convenio será o que figura na táboa anexa correspondente.

Artigo 14º.-Antigüidade.

Con efecto do 31 de decembro de 2005 acórdase a supresión do concepto de antigüidade, para aqueles/as traballadores/as que viñeran disfrutando de dito complemento. Sen embargo os traballadores/as, manterán e consolidarán os importes ós que tiveran dereito polo complemento persoal de antigüidade na devandita data, pasándose a chamar complemento de antigüidade por dereitos adquiridos a 31-12-2005.

Este importe engadirase á parte proporcional que o traballador/a tivera percibida e non aboada.

A antigüidade consolidada complemento de antigüidade, así calculada, incrementarase nos vindeiros convenios na mesma porcentaxe que o fagan as táboas económicas.

A cambio da conxelación da antigüidade aboaranse ós traballadores/as que teñan a mesma 4 pagas, que se farán efectivas no mes de decembro de 2005.

Estas catro pagas non poderán ser abonadas a aqueles traballadores que se incorporan á empresa a partir do 1 de xaneiro de 1998, xa que en dita data estaba conxelado este concepto.

Artigo 15º.-Complemento de incapacidade.

Tódolos traballadores/as que teñan algún fillo/a diminuído físico ou psíquico percibirá a contía de 54,10 euros desde o 1 de xullo de 2002 ata o 31 de decembro de 2003, 56,54 euros no ano 2004 e 59,09 euros no ano 2005, con carácter mensual por cada fillo/a que se atope nas ditas circunstancias.

Artigo 16º.-Complemento de transporte.

Os traballadores/as afectados/as por este convenio terán dereito a percibir un complemento de transporte de 37,02 euros cada mes, desde o 1 de xullo de 2002 ata o 31 de decembro de 2003; 38,69 euros mensuais no ano 2004; e 40,43 euros mensuais no ano 2005.

Este complemento terá carácter extrasalarial para tódolos efectos e non se percibirá durante o período de vacacións dos traballadores/as.

Artigo 17º.-Baixa por incapacidade temporal.

Durante a situación de baixa por incapacidade temporal, as empresas completarán ata o 100% do salario base do convenio máis a antigüidade, se é o caso, á correspondente prestación económica á Seguridade Social, coa seguinte salvidade: o traballador/a deberá ter cuberto o período de cotización que lle dá dereito a tal prestación, como marca a lexislación vixente.

Artigo 18º.-Suspensión con reserva do posto de traballo.

Para efectos informativos transcríbese o disposto no artigo 48.4º do ET (conforme a redacción establecida no artigo 5 da Lei 39/1999, sobre conciliación da vida familiar e laboral) de tal xeito que se modificará automaticamente na forma en que se modifique o texto legal.

No suposto de parto, a suspensión terá unha duración de dezaseis semanas, que se gozarán de maneira ininterrompida, ampliables no suposto de parto múltiple en dúas semanas máis por cada fillo/a a partir do segundo. O período de suspensión distribuirase a opción da interesada sempre que seis semanas sexan inmediatamente posteriores ó parto. No caso de falecemento da nai, ou pai poderá facer uso da totalidade ou, se é o caso, da parte que reste do período de suspensión.

Malia o anterior, e sen prexuízo das seis semanas inmediatas posteriores ó parto de descanso obrigatorio para a nai, no caso de que o pai e nai traballen, esta, ó iniciarse o período de descanso por maternidade, poderá optar porque o pai teña dereito a unha parte determinada e ininterrompida do período

de descanso posterior ó parto, ben de forma simultánea ou sucesiva co da nai, agás que no momento da súa efectividade na incorporación ó traballo da nai supoña un risco para a súa saúde.

Nos supostos de adopción e acollemento tanto preadoptivo como permanente de menores de ata seis anos, a suspensión terá unha duración de dezaseis semanas ininterrompidas, ampliables no suposto de adopción ou acollemento múltiple en dúas semanas máis por cada fillo a partir do segundo, contadas á elección do traballador/a, ben a partir da decisión administrativa ou xudicial de acollemento, ben a partir da resolución xudicial pola que se constitúe a adopción. A duración da suspensión será, así mesmo, de dezaseis semanas no suposto de adopción e acollemento de menores maiores de seis anos de idade cando se trata de menores discapacitados ou minusválidos ou que polas súas circunstancias e experiencias persoais ou que por provir do estranxeiro, teñan especiais dificultades de inserción social e familiar debidamente acreditadas polos servicios sociais competentes. No caso de que a nai e o pai traballen, o período de suspensión distribuirase a opción dos interesados, que poderán gozalos de

xeito simultáneo ou sucesivo, sempre con períodos ininterrompidos e cos límites sinalados.

Nos casos de goce simultáneo de períodos de descanso, a suma deles non poderá excederse das dezaseis semanas previstas nos puntos anteriores ou das que correspondan no caso de parto múltiple.

Os períodos ós que se refiren este artigo poderán gozarse en réxime de xornada completa ou a tempo parcial, logo de acordo entre os empresarios e os traballadores/as afectados/as, no termos que regulamentariamente se determinen.

Nos supostos de adopción internacional cando sexa necesario o desprazamento previo dos pais ó país de orixe do adoptado, o período de suspensión, previsto para cada caso neste artigo, poderá iniciarse ata catro semanas antes da resolución pola que se constitúe á adopción.

Artigo 19º.-Protección a maternidade.

A efectos informativos transcríbese o disposto no artigo 26 da Lei de prevención de riscos laborais, conforme a redacción establecida no artigo 10 da Lei 39/1999, sobre conciliación da vida familiar e laboral, de tal xeito que se modificará automaticamente na forma en que se modifique o texto legal.

1. A avaliación dos riscos ó que se refire o artigo 16 da lei deberá comprende-la determinación da natureza, o grao e a duración da exposición das traballadoras en situación de embarazo ou parto recente a axentes, procedementos ou condicións de traballo que poidan influír negativamente na saúde das traballadoras ou do feto, en calquera actividade susceptible de presentar un risco específico. Se os resultados da avaliación revelasen un risco para a segu

ridade e a saúde ou unha posible repercusión sobre o embarazo ou a lactación das citadas traballadoras, o empresario adoptará as medidas necesarias para evitar a exposición ó dito risco, a través dunha adaptación das condicións ou do tempo de traballo da traballadora afectada. Estas medidas incluirán, cando resulte necesario, a non realización de traballo nocturno ou de traballo a quendas.

2. Cando a adaptación das condicións ou do tempo de traballo non resultase posible ou, a pesar de tal adaptación, as condicións dun posto de traballo puideran influír negativamente na saúde da traballadora embarazada ou do feto, e así o certifiquen os servicios médicos do Instituto Nacional da Seguridade Social ou das mutuas, co informe do médico do Servicio Nacional da Saúde que asista facultativamente a traballadora, esta deberá desenvolver un posto de traballo ou función diferente e compatible co seu estado. O empresario deberá determinar, logo de consulta cos representantes dos traballadores, a relación dos postos de traballo exentos de riscos para estes efectos.

O cambio de posto ou función levarase a cabo de conformidade coas regras e criterios que se apliquen nos supostos de mobilidade funcional e terá efectos ata o momento no que o estado de saúde da traballadora permita a súa reincorporación ó anterior posto.

No suposto de que, aínda aplicando as regras sinaladas no parágrafo anterior, non existise posto de traballo ou función compatible, a traballadora poderá ser destinada a un posto non correspondente ó seu grupo ou categoría equivalente, se ben conservará o dereito ó conxunto de retribucións do seu posto de orixe.

3. Se o dito cambio de posto non resultara técnica ou obxectivamente posible, ou non poida razoablemente esixirse por motivos xustificados, poderá declararse o paso da traballadora afectada á situación de suspensión do contrato por risco durante o embarazo, contemplada no artigo 45.1º d) do Estatuto dos traballadores, durante o período necesario para a protección da súa seguridade ou da súa saúde e mentres persista a imposibilidade de reincorporarse ó seu posto anterior ou a outro posto compatible co seu estado.

4. O disposto nos números 1 e 2 deste artigo será tamén de aplicación durante o período de lactación, se as condicións de traballo puideran influír negativamente na saúde da muller ou do fillo/a e así o certifique o médico que, no réxime da Seguridade Social aplicable, asista facultativamente á traballadora.

5. As traballadoras embarazadas terán dereito a ausentarse do traballo, con dereito a remuneración, para a realización de exames prenatais e técnicas de preparación ó parto, logo de aviso ó empresario

e xustificación da necesidade da súa realización dentro da xornada de traballo.

Artigo 20º.-Risco durante o embarazo. Situación protexida.

A efectos informativos transcríbese o disposto no artigo 134 da Lei xeral da Seguridade Social (conforme a redacción establecida no artigo 14 da Lei 39/1999, sobre conciliación da vida familiar e laboral) de tal xeito que se modificará automaticamente na forma en que se modifique o texto legal.

-Os efectos da prestación económica por risco durante o embarazo:

As mulleres embarazadas terán dereito a que se lles cambie de posto de traballo a outro máis acorde co seu estado, non estando obrigadas en ningún caso a desempeña-las súas funcións en lugares radioactivos, infecciosos ou perigosos para o seu embarazo.

Esta situación dará lugar a unha suspensión do contrato de traballo cunha duración máxima de dezaseis semanas, remitíndonos ó Decreto lei do 3 de marzo de 1989. Durante o período citado a traballadora terá dereito ó aboamento das prestacións económicas correspondentes, con cargo á Seguridade Social e complementada ata o 100% do salario como para o caso de baixas por enfermidade ou accidente.

Artigo 21º.-Roupa de traballo.

As empresas veranse obrigadas a facilitar ós seus traballadores/as un mínimo de dúas pezas de traballo por ano. O seu uso será obrigatorio. Así mesmo, o persoal terá a obriga de conservalas en bo estado. O/a traballador/a estará obrigado a comprala ó seu cargo cando por abandono ou neglixencia imputable a el/ela, a estrague de xeito claro.

Artigo 22º.-Período de proba.

Poderá pactarse nos contratos de traballo un período de proba, que en ningún caso poderá exceder de 6 meses para os técnicos titulados, nin de tres meses para os demais traballadores/as, agás para os non cualificados, sendo neste caso a duración máxima de 15 días laborais.

Artigo 23º.-Retirada carné de conducir e multas.

No caso de retirada do carné de conducir e multas por causas non imputables ó traballador/a, a empresa facilitará ó conductor afectado un posto de traballo idóneo, de acordo coa súa categoría profesional sen que con iso vexa minguado o seu salario.

Artigo 24º.-Prestación por quilometraxe.

Todos aqueles traballadores/as que teñan que realizar desprazamentos en vehículo propio en tarefas ou traballos encomendados directamente pola empresa, percibirán 0,16 céntimos de euro por km, respectándose as condicións máis beneficiosas que viñesen tendo anteriormente á sinatura deste convenio.

O anterior enténdese que non afecta a un traslado voluntario a outro centro de traballo.

Artigo 25º.-Cesamentos.

Todo empregado terá dereito a rescindi-lo seu contrato de traballo, sen estar obrigado a alega-las causas da súa determinación, para iso o persoal comunicaralle á dirección da empresa a data do seu cesamento, cunha antelación mínima de 15 días.

Cando un traballador/a pretenda a rescisión do contrato deberá seguir prestando os seus servicios en tanto non transcorra o prazo sinalado neste artigo.

O abandono do posto de traballo sen que transcorrera o prazo sinalado será penalizado cunha sanción económica equivalente ó salario base dos días que falten desde o abandono do servicio ata a data en que, cumprido o trámite do aviso previo, lle correspondese o cesamento.

Artigo 26º.-Xubilación.

As empresas e traballadores/as poderán pactar, logo da existencia de común acordo por ámbalas partes, xubilacións anticipadas ós 64 anos, de conformidade co disposto no Real decreto 1104/1985, do 17 de xullo, debendo as empresas substituílos simultaneamente ó seu cesamento por xubilación polos traballadores/as nas condicións previstas no citado real decreto.

Artigo 27º.-Premios de fidelidade.

Se ó producirse o cesamento, o traballador/a acreditase unha antigüidade na empresa de máis de 30 anos, percibirá por parte desta, nun único pagamento, un premio de fidelidade consistente nunha mensualidade do salario do convenio.

Artigo 28º.-Capacidade diminuída.

Todo traballador/a que por calquera causa xustificada, accidente de traballo, enfermidade laboral ou común, non puidera seguir desenvolvendo o posto de traballo para o que foi contratado/a, a empresa estará na obriga de outorgarlle un dereito preferente de ocupación nas vacantes que existan, sempre e cando as características do posto habilitado sexan aptas ás condicións físicas ou intelectuais do traballador/a.

Artigo 29º.-Axuda escolar.

Co fin de contribuír ó pagamento dos estudios dos fillos/as dos traballadores/as das empresas, establécese como axuda escolar a cantidade de: 19,83 euros desde 1 de xullo de 2002 ata o 31 de decembro de 2003; 20,72 euros no ano 2004, e 21,65 euros anuais por cada fillo menor de 17 anos que curse estudios regrados, e que se farán efectivos durante o mes de setembro de cada ano.

Artigo 30º.-Afiliación sindical.

A empresa ten o deber de respecta-lo dereito do traballador/traballadora á afiliación sindical libre.

As empresas deducirán das nóminas as cotas correspondentes ós afiliados/afiliadas ás centrais sindicais. O traballador/a interesado/a na realización de tal operación remitirá á empresa un escrito no que se exprese con claridade a orde de desconto, o sindicato a quen pertence, e a contía da cota correspondente.

Artigo 31º.-Traballo en domingos.

Durante os domingos non se poderá realizar actividade algunha de venda, estando permitidas unicamente as tarefas de carga e descarga de mercadorías.

Esta cláusula terá carácter obrigacional e será de aplicación exclusiva para os cinco anos de vixencia do convenio 2001, 2002, 2003, 2004 e 2005, rematando automaticamente a súa vixencia ó 31 de decembro de 2005, de acordo co previsto no artigo 86 do Estatuto dos traballadores.

Artigo 32º.-Recoñecementos médicos.

Tódalas empresas vinculadas a este convenio estarán obrigadas a realizar un recoñecemento médico anual para todo o persoal. O recoñecemento médico consistirá como mínimo en: audiometría, control da vista, análise de sangue e urina, espirometría e exploración clínica; e deberá realizarse nos nove primeiros meses do ano.

O tempo empregado no recoñecemento será aboado pola empresa.

Artigo 33º.-Contrato eventual por circunstancias da producción.

Os contratos por acumulación de tarefas dentro da competencia que establece o artigo 15 do Estatuto dos traballadores, poderá ter unha duración máxima de 12 meses nun período de 18 meses.

Artigo 34º.-Contratación indefinida.

Establécese o acordo de que tódalas empresas afectadas por este convenio terán como mínimo un cadro de persoal do 25% contratado indefinidamen

te. Esta medida deberá ser regulada nos tres meses seguintes á sinatura do convenio.

Artigo 35º.-Declaración de principios.

Os representantes sociais asinan este convenio comprometéndose formalmente a realizar unha maior productividade que axude a supervivencia de tódalas empresas do sector. Por outra banda, a representación económica observará o estricto cumprimento do convenio, mellorando as condicións laborais de todo tipo e en xeral, a dos traballadores/as ó seu servicio. Ambas recoñecen e son conscientes de que forman un todo para que a empresa poida proporciona-los elementos que correspondan a cada unha delas.

Artigo 36º.-Comisión paritaria.

Para a interpretación e cumprimento das cláusulas deste convenio, e en xeral, para entender en cantas cuestións se deriven da aplicación del, establécese unha comisión paritaria, integrada por un número igual de representantes empresariais e das centrais sindicais asinantes do convenio, a razón de 2 membros por cada organización. A nomeada comisión elixirá o seu presidente, que non poderá ser membro do citado órgano.

Así mesmo, acórdase a constitución dunha comisión integrada por representantes de ámbalas dúas partes, no prazo máximo de tres meses desde a sinatura do convenio para o estudio e valoración da situación actual do sector e posibles alternativas.

Artigo 37º.-Lexislación subsidiaria.

En todo o non expresamente disposto neste convenio será de aplicación a lexislación vixente en cada momento.

Artigo 38º.-Partes asinantes.

Son partes asinantes deste convenio colectivo, a central sindical CIG, en representación dos traballadores/as, e a Asociación de Comerciantes Maioristas de Froitas e Productos Hortícolas de Pontevedra, en representación dos empresarios do sector.

ANEXO

CategoríasPesetas

(anos 2002/2003)

Euros

(anos 2002/2003)

Pesetas

(ano 2004)

Euros

(ano 2004)

Pesetas

(ano 2005)

Euros

(ano 2005)

Xefe administrativo127.076763,74132.795798,11138.771834,03

Contable-caixeiro/a122.623736,98128.141770,14133.907804,80

Oficial administrativo122.623736,98128.141770,14133.907804,80

Auxiliar administrativo de 18 anos104.096625,63108.781653,78113.676683,21

Auxiliar administrativo de 22 anos en adiante109.241656,55114.157686,10119.294716,97

Encargado de establecemento ou almacén127.076763,74132.795798,11138.771834,03

Dependente109.241656,55114.157686,10119.294716,97

Conductor de 1ª118.163710,17123.480742,13129.037775,53

Conductor de 2ª111.471669,95116.487700,10121.729731,60

Conductor repartidor112.456675,88117.517706,29122.805738,07

Mozo especializado109.241656,55114.157686,10119.294716,97

Mozo107.010643,14111.826672,09116.858702,33

Cobrador, conxerxe, vixilante,

traballador de formación

102.554616,36107.169644,10111.992673,08

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E ADMINISTRACIÓN

LOCAL