Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 40 Mércores, 26 de febreiro de 2003 Páx. 2.331

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA, XUVENTUDE E VOLUNTARIADO

ORDE do 21 de febreiro de 2003 pola que se regula o procedemento de adxudicación de prazas nos centros de atención á primeira infancia dependentes da Consellería de Familia, Xuventude e Voluntariado para o curso 2003/2004.

A Comunidade Autónoma de Galicia ten competencia exclusiva en materia de asistencia social,

segundo o disposto no artigo 27.23º do seu Estatuto de autonomía.

A Lei 4/1993, do 14 de abril, de servicios sociais, atribúelle á Administración Autonómica competencia para a regulamentación dos centros de servicios sociais, entre os que se recollen os centros de atención á primeira infancia. Así mesmo, a Lei 3/1997, galega da familia, infancia e adolescencia, atribúelle á Xunta de Galicia a xestión dos centros de atención á primeira infancia dependentes da Administración autonómica.

Consonte o exposto, e facendo uso das facultades que me confire o artigo 34, da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

A presente orde ten por obxecto regula-lo procedemento de adxudicación de prazas nos centros de atención á primeira infancia, dependentes da Consellería de Familia, Xuventude e Voluntariado, tanto no relativo ás solicitudes de novo ingreso como ás de renovación de prazas e cobertura de vacantes que poidan producirse ó longo do curso.

Artigo 2º.-Destinatarios.

1. Poderán solicitar praza nos centros de atención á primeira infancia, os pais ou representantes legais dos nenos e nenas residentes na Comunidade Autónoma de Galicia que cumpran os seguintes requisitos de idade:

Idade mínima: ter cumpridos os tres meses na data de ingreso.

Idade máxima: non ter cumpridos os 3 anos de idade o 31 de decembro do ano no que se solicita a praza.

2. Non poderán presentarse solicitudes para o grupo 0-1 para aqueles centros que por razóns estructurais non conten con unidades para este tramo de idade.

3. Poderán integrarse nenos e nenas con discapacidade física, psíquica ou sensorial. O ingreso destes estará supeditado á existencia de condicións infraestructurais idóneas e de persoal axeitado e suficiente no cadro de persoal do centro. En ningún caso poderá haber máis dun neno ou nena de integración por aula. Para efectos de ratio, estas prazas contabilizaranse como dúas.

Os/as delegados/as provinciais da Consellería de Familia, Xuventude e Voluntariado, mediante resolución motivada, poderán eximir dos límites de idade de ingreso e permanencia no centro os nenos/as de integración.

Os equipos de valoración e orientación das delegacións provinciais da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais ou o órgano

correspondente na Administración do Estado ou nas respectivas comunidades autónomas, serán os competentes no diagnóstico destes nenos, de acordo coas súas propias normas de actuación. Así mesmo, poderán colaborar co persoal dos centros no referente ó seguimento e atención do/a menor durante a súa estancia no centro.

Artigo 3º.-Prazas de ingresos urxentes.

Reservarase un 5% das prazas de cada centro para supostos de máxima urxencia, entendendo por tales os ingresos de menores tutelados/as pola Consellería de Familia, Xuventude e Voluntariado, os fillos/as de mulleres que se atopen en casas de acollida ou de víctimas de maltrato acreditado segundo se establece no artigo 6º, e aqueloutros nos que concorran circunstancias socioeconómicas e familiares que requiran unha intervención inmediata. A adxudicación ou denegación de praza nestes supostos será resolta pola directora xeral de Familia nun prazo de 5 días contados a partir da data de presentación da solicitude. Transcorrido este prazo sen caer resolución expresa a solicitude terase por desestimada. Contra esta resolución, que non esgota a vía administrativa, cabe interpor recurso de alzada perante a conselleira de Familia, Xuventude e Voluntariado no prazo dun mes que comezará a contar desde o día seguinte ó da notificación da resolución.

Artigo 4º.-Servicios.

Os servicios dos centros desagréganse en dúas opcións: asistencia con comedor e asistencia sen comedor. Os usuarios que opten polo servicico de asistencia sen comedor, ateranse ós horarios establecidos no centro para estes efectos.

A opción de servicios elixida farase constar nos impresos de solicitude de novo ingreso ou renovación de praza, e deberá manterse durante todo o curso salvo circunstancias sobrevidas, debidamente acreditadas, que xustifiquen a necesidade de modificación da opción elixida inicialmente.

Artigo 5º.-Solicitudes.

O procedemento para a concesión de prazas iniciarase coa presentación das solicitudes por parte dos pais ou representantes legais dos nenos/as, segundo os modelos normalizados recollidos nesta orde:

Anexo I: reserva de praza.

Anexo II: novo ingreso.

Os impresos de solicitude (anexo I/anexoII) facilitaranse nos propios centros nos que se solicite praza ou nas delegacións provinciais desta consellería, debendo presentarse xunto coa documentación oportuna nas anteditas delegacións provinciais, sen prexuízo do disposto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

1. Reserva de praza.

Os pais ou representantes legais de nenos/as xa matriculados nestes centros que desexen renovar praza neles presentarán, entre o 3 e o 12 de marzo, á solicitude de reserva de praza (anexo I), na que deberán figurar os ingresos económicos actualizados. As variacións alegadas neste anexo serán cumpridamente xustificadas.

Non poderá renovar praza o solicitante que no momento de formaliza-la súa solicitude manteña algunha mensualidade impagada de calquera curso.

2. Novo ingreso.

a) O prazo para a presentación das solicitudes de novo ingreso, segundo o modelo oficial (anexo II), será do 17 ó 29 de marzo.

b) Poderase solicitar, no mesmo impreso, praza para dous centros, detallándoos por orde de preferencia.

A puntuación obtida no baremo de admisión determinará a orde de prelación na adxudicación de prazas para calquera das dúas opcións solicitadas.

c) Os solicitantes interesados en participar nas prazas de centros de atención á primeira infancia conveniadas con esta consellería a través do programa «cheque infantil», dirixido a aqueles que non obteñan praza na 1ª e 2ª opción solicitadas, deberán cubri-lo punto do anexo II destinado para este fin. De non cubrir este punto, quedarán excluídos da candidatura ó referido cheque.

Artigo 6º.-Documentación de novo ingreso.

1. Os pais ou representantes legais dos nenos/as presentarán a solicitude para o seu ingreso, achegándose con ela os seguintes documentos cotexados:

a) Fotocopia do libro de familia.

b) Xustificación de ingresos: copia da última nómina e da declaración do IRPF de cada membro da unidade familiar computable para efectos económicos, segundo se determina no artigo 14º desta orde.

No caso de non ter obriga de presentar declaración:

-Os solicitantes de devolución rápida (mod. 104) achegarán copia da comunicación que lles envía a Axencia Estatal de Administración Tributaria en aplicación do artigo 81 da Lei 40/1998, do 9 de decembro, do imposto sobre a renda das persoas físicas.

-As persoas non obrigadas a declarar e que non solicitan devolución rápida (mod. 104) achegarán certificación dos datos existentes na administración, expedida pola Axencia Estatal da Administración Tributaria, en aplicación do artigo 16 da Lei 1/1998, do 26 de febreiro, de dereitos e garantías dos contribuíntes.

c) Informe do equipo de valoración e orientación das delegacións provinciais da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais ou órgano correspondente na Administración do Estado ou nas respectivas comunidades autónomas, no que se motive a necesidade de integración, se é o caso.

d) Certificado de minusvalidez, se é o caso, só cando non sexa expedido pola Comunidade Autónoma de Galicia.

e) Outros documentos, se procede, nos que consten incidencias familiares, económicas e sociais puntuables no baremo:

-Cargas familiares.

-Invalidez ou minusvalidez dos pais, titores e/ou outros membros da unidade familiar, só no caso de certificados que non sexan expedidos pola Comunidade Autónoma de Galicia.

- Enfermidades crónicas ou outras afeccións alegadas polos membros da unidade familiar.

-Situación de desemprego dos pais ou titores.

-Outras situacións a ter en conta pola comisión de baremación.

f) No caso de mulleres maltratadas, informe dos servicios sociais de base e xustificación de ter presentado denuncia ante a autoridade competente.

2. De carecer dalgún dos documentos sinalados nos puntos a) e b) do número anterior, será necesario presentar calquera outro documento que acredite oficialmente a situación familiar ou económica segundo proceda.

Así mesmo, e de carecer de acreditación documental dalgunha das incidencias alegadas, poderase presentar informe dos servicios sociais do concello correspondente.

Artigo 7º.-Emenda.

No caso de que as solicitudes de reserva de praza ou novo ingreso non reúnan os requisitos esixidos, a delegación provincial desta consellería consonte ó artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, requirirá o interesado para que, nun prazo de 10 días, emende os erros detectados, con indicación de que, se así non se fixera, se terá por desistido da súa petición, logo de resolución en tal sentido.

Artigo 8º.-Baremo de admisión.

A selección das solicitudes efectuarase en función da puntuación acadada segundo o baremo establecido no anexo III, mediante o que se avaliarán os factores socioeconómicos, familiares e laborais da unidade familiar. En caso de obter igual puntuación, daráselle prioridade á renda per cápita máis baixa,

e trala aplicación deste criterio, terán preferencia as solicitudes de asistencia con servicio de comedor.

Entenderase por unidade familiar para estes efectos, o conxunto de persoas unidas por vínculos de matrimonio ou parentesco, ou as unidades de convivencia cando constitúan núcleos estables de vida en común.

Artigo 9º.-Comisión de baremación.

1. Aplicaráselles a tódalas solicitudes recibidas un procedemento de valoración. Con tal fin constituirase, en cada unha das delegacións, unha comisión provincial de baremación e selección coa seguinte composición:

Presidente: o/a xefe/a de Servicio de Familia e Infancia.

Vocais: o/a director/a do centro e un/unha representante dos pais dos/as nenos/as do centro do que se estean a barema-las solicitudes.

Secretario/a: un/unha funcionario/a da delegación provincial designado/a polo delegado/a provincial.

Os acordos tomaranse por maioría simple, e resolverá, en caso de empate, o/a presidente.

2. A dirección de cada centro convocará os pais a unha reunión, que se celebrará anualmente antes de remata-lo prazo de solicitudes de reserva de praza, co fin de proceder á elección, mediante votación e por maioría simple, do/a seu/súa representante na comisión de baremación e selección.

Artigo 10º.-Relación provisional.

A comisión, unha vez realizada a baremación, efectuará a proposta de selección, e publicará entre o 28 e o 30 de abril, a relación provisional de admitidos e lista de espera, coa puntuación obtida, correspondéndolle a resolución ó delegado provincial, xunto coa fixación de tarifa. Esta relación poderase consultar nas delegacións provinciais da consellería, así como na páxina web da Dirección Xeral de Familia (www.xunta.es/conselle/fm/dxf/inex.htm) e nos respectivos centros

Artigo 11º.-Reclamacións.

Os solicitantes poderán efectua-las reclamacións que coiden oportunas no prazo de dez días contados desde a data de publicación da relación provisional.

Estas reclamacións entenderanse resoltas coa publicación da lista definitiva.

Artigo 12º.-Relación definitiva.

1. Unha vez estudiadas pola comisión tódalas reclamacións presentadas e mediante resolución do/a delegado/a provincial, procederase á publicación, na última semana de maio, da relación definitiva de admitidos e da lista de espera coa puntuación obtida e tarifa correspondente a cada caso.

Esta relación poderase consultar nas delegacións provinciais da consellería,así como na páxina web da Dirección Xeral de Familia (www.xunta.es/conselle/fm/dxf/inex.htm) e nos respectivos centros. Contra esta resolución, que non esgota a vía administrativa, poderá interpoñerse recurso de alzada perante a conselleira de Familia, Xuventude e Voluntariado, no prazo dun mes que comezará a contar a partir do día seguinte ó da publicación da resolución.

2. Os solicitantes admitidos, disporán dun prazo de dez días, a partir da publicación da admisión, para confirmaren a súa praza presentando certificado médico do neno/a nas delegacións provinciais desta consellería sen prexuízo do disposto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Se non se presentase a devandita documentación no prazo sinalado, terase por decaída a solicitude da praza, logo de resolución en tal sentido.

3. Con carácter xeral, o prazo máximo para resolve-lo procedemento previsto nesta convocatoria, será de 6 meses contados a partir do día seguinte ó da publicación desta orde. Transcorrido o dito prazo sen recaer resolución expresa, as solicitudes teranse por desestimadas.

Artigo 13º.-Lista de espera.

1. A lista de espera estará constituída polo solicitantes que non obteñan praza na 1ª e 2ª opción, ordenados segundo a puntuación acadada no baremo de admisión.

2. As vacantes que se vaian producindo ó longo do curso serán cubertas por rigorosa orde de puntuación entre os solicitantes en lista de espera.

3. Os integrantes da lista de espera que se inscribisen como candidatos ó programa de «cheque infantil» serán excluídos da mesma ó adxudicárselle-la/as prazas participadas por este programa, aínda no caso de renunciaren a elas.

4. As solicitudes que por circunstancias sobrevidas debidamente xustificadas, non se presentaran nos prazos fixados nesta convocatoria, serán tramitadas e baremadas polas comisións provinciais de selección e baremación para a súa inclusión na lista de espera, segundo a puntuación obtida.

Artigo 14º.-Tarifas.

1. Para a determinación das tarifas aplicables seguirase o establecido no Decreto 70/2002, do 28 de febreiro, polo que se aproba o réxime de prezos dos centros de atención á primeira infancia dependentes desta consellería.

Para estes efectos, entenderase por renda per cápita mensual o resultado de dividir polo número de

persoas que compoñen a unidade familiar o cociente resultante de dividir por doce a suma dos ingresos totais da unidade familliar.

Entenderase por unidade familiar, para efectos económicos, a formada polos pais e fillos menores de dezaoito anos ou fillos maiores de dezaoito anos con minusvalidez superior ó 33%. No caso de familias monoparentais, e para efectos do cálculo da renda per cápita ó que se refire o parágrafo anterior incrementarase nun 0,8 o número real de membros que compoñen a unidade familiar.

2. Tódolos usuarios aboarán a contía de once mensualidades por curso, agás as excepcións contempladas na normativa reguladora destes centros.

3. Se por calquera motivo distinto ó período de vacacións anuais, o centro permanecese pechado durante un número superior a quince días hábiles consecutivos, non se aboará a tarifa que corresponda a este período.

4. A inasistencia do usuario durante un período determinado non supón reducción algunha nin exención da tarifa, mentres non se formalice a baixa correspondente.

Non obstante, e con carácter excepcional, aqueles usuarios que por motivos de saúde deixen de asistir ó centro temporalmente, estarán exentos de aboa-la cota mensual desde o primeiro día do segundo mes natural seguinte á data de comezo do período de ausencia. Esta suspensión temporal durará ata o día primeiro do mes natural no que o usuario se reincorpore ó centro. Nestes casos a solicitude de exención da tarifa, durante o período que corresponda, xunto coa acreditación documental da circunstancia que a motiva, deberá presentarse ante o/a delegado/a provincial.

Artigo 15º.-Revisión da tarifa.

Ó longo do curso poderase proceder á revisión da tarifa fixada inicialmente, cando concorran e se xustifiquen variacións socieconómicas na unidade familiar referidas ós seguintes casos:

a) Modificación das variables que determinan os descontos recollidos no decreto regulador de prezos destes centros (anexo III.3).

b) Variacións nos seus ingresos, sempre que estes sufrisen durante máis de seis meses consecutivos, e mantivesen na data de revisión de tarifa, unha diminución ou incremento do 25%, fronte ós ingresos declarados na solicitude de praza.

Neste sentido, o beneficiario queda obrigado a comunicar calquera variación que se produza ó respecto.

A modificación da tarifa, se é o caso, será resolta polo/a delegado/a provincial e aplicarase a partir da data da súa revisión.

Artigo 16º.-Baixas.

Causarase baixa nos centros de atención á primeira infancia por algunha das circunstancias seguintes:

1. Por cumprimento da idade máxima regulamentaria de permanencia no centro.

2. Por solicitude dos pais ou representantes legais.

3. Pola falta de pagamento da cota establecida durante dous meses consecutivos ou tres alternos, calquera que sexa o curso escolar ó que se refire a débeda.

4. Por comprobación de falsidade nos documentos ou datos achegados.

5. Por incompatibilidade ou inadaptación absoluta para permanecer no centro.

6. Por falta de asistencia continuada durante un mes sen causa xustificada.

As baixas comprendidas no número 5 anterior resolveraas, por proposta do/a delegado/a provincial unha vez oídas a dirección do centro e mailos pais ou representantes legais do neno/a, a Dirección Xeral de Familia. Nos demais supostos, será competente o/a delegado/a provincial.

As baixas producidas ó longo do curso escolar, por calquera dos motivos anteriormente expostos cubriranse coas solicitudes que quedasen en lista de espera en cada grupo de idade, por rigorosa orde de puntuación.

Artigo 17º.-Participación dos pais.

Desde a dirección dos centros fomentarase a colaboración dos pais co centro e as relacións co persoal deste, así como a súa participación nos órganos colexiados que puideran crearse.

Disposición derrogatoria

Quedan sen efecto tódalas disposicións anteriores de igual ou inferior rango que se opoñan ó disposto na presente orde, especialmente a Orde do 8 de marzo de 2002.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a directora xeral de Familia para que dicte, no ámbito das súas competencias, as resolucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de febreiro de 2003.

Pilar Rojo Noguera

Conselleira de Familia, Xuventude e Voluntariado

ANEXO III

Baremo de aplicación ás solicitudes de admisión nos centros infantís

1. Situación sociofamiliar.

1.1. Por cada membro menor de 18 anos a cargo da unidade familiar, incluído/a o/a solicitante: 4 puntos.

1.2. Por cada membro maior de 18 anos a cargo da unidade familiar, sen ingresos económicos, agás os pais do/a solicitante: 4 puntos.

1.3. Por discapacidade física, psíquica ou sensorial, enfermidade crónica que requira internamento periódico, alcoholismo ou drogodependencia (segundo o grao):

-Pai: ata 5 puntos.

-Nai: ata 5 puntos.

-Outros membros da unidade familiar: ata 5 puntos.

1.4. Por ausencia do fogar familiar (viuvez, separación, divorcio, familia monoparental, etc.):

-Pai: 6 puntos.

-Nai: 6 puntos.

1.5. Por irmán/á-áns/ás con praza renovada no centro nun grupo de idade superior á do/a neno/a para o que se solicita praza: 5 puntos.

1.6. Pola condición de familia numerosa: 6 puntos.

1.7. Calquera outra circunstancia sociofamiliar que sexa susceptible de valoración a xuízo da comisión e adecuadamente acreditada: ata 5 puntos.

2. Situación laboral familiar.

2.1. Situación laboral de ocupación de ámbolos dous membros parentais: 6 puntos.

2.2. Situación laboral de desemprego sen prestación económica:

-Pai: 4 puntos.

-Nai: 4 puntos.

2.3. Situación laboral de desemprego con prestación económica:

-Pai: 3 puntos.

-Nai: 3 puntos.

2.4. Traballos sen cualificar fóra do fogar sen percepción económica fixa:

-Pai: 3 puntos.

-Nai: 3 puntos.

No caso de familias monoparentais adxudicaráselle-la puntuación do epígrafe correspondente computando por dous, exceptúado o número 2.1, no que a puntuación da familia monoparental se asimila á formada por dous membros.

3. Situación económica.

RPC mensual da unidade familiar (pais e fillos), referida ó salario mínimo interprofesional vixente:

-Inferior ó 50% do SMI: +3 puntos.

-Entre o 50% e o 75% do SMI: +2 puntos.

-Superior ó 75% e inferior ó 100% do SMI: +1 punto.

-Entre o 100% e o 125% do SMI: -1 punto.

-Superior ó 125% e inferior ó 150% do SMI: -2 puntos.

-Superior ó 150% do SMI: -3 puntos.

* En caso de obter igual puntuación, daráselle prioridade á renda per cápita máis baixa.