Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 40 Mércores, 26 de febreiro de 2003 Páx. 2.312

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA E ASUNTOS MARÍTIMOS

ORDE do 24 de febreiro de 2003 pola que se establecen medidas específicas para compensar determinados danos producidos nos barcos de pesca e auxiliares de acuicultura como consecuencia dos vertidos do fuel do petroleiro Prestige.

O accidente do buque Prestige, do pasado novembro, provocou unha contaminación mariña por fuel

que obrigou a prohibi-la actividade pesqueira e marisqueira en determinadas zonas da costa de Galicia.

A Administración da Comunidade Autónoma estableceu unha parada temporal da actividade e artellou unha serie de medidas transitorias e urxentes para compensar, parcialmente, as perdas nos ingresos previstos.

Artelláronse axudas ós armadores, ós tripulantes e ós mariscadores, ós redeiros e colaboradores familiares de embarcacións, ó persoal laboral das confrarías, ós operarios das lonxas e fábricas de xeo e ós comercializadores de primeiro nivel que puidesen amosa-la súa dependencia do recurso afectado; ás confrarías de pescadores máis as súas federacións provinciais, e ós armadores das embarcacións pesqueiras e auxiliares de acuicultura que participen nos labores de limpeza da zona afectada.

O Regulamento (CE) nº 2372/2002 do Consello do 20 de decembro de 2002 polo que se establecen medidas específicas para compensa-los sectores pesqueiros, marisqueiros e acuícolas españois afectados polas verteduras de fuel do petroleiro Prestige, establece no seu artigo 2.1º b), a posibilidade de adoptar medidas específicas para fomenta-la reposición das artes de pesca e doutros equipos auxiliares, así como a reparación dos barcos afectados e a substitución dos elementos danados.

Así mesmo faise necesario amplia-las coberturas do mencionado regulamento, instrumentalizando unha medida que anticipe o valor das indemnizacións que correspondan a aqueles armadores que, no desenvolvemento lícito da súa actividade, sufriran desperfectos nos seus barcos ou nos seus equipamentos como consecuencia do accidente do buque Prestige.

Visto o anterior,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Beneficiarios.

Poderán acollerse ás axudas establecidas nesta orde aqueles armadores das embarcacións pesqueiras e auxiliares de acuicultura que sufrisen algún desperfecto na súa embarcación ou nas súas artes de pesca ou equipos auxiliares, por mor da contaminación producida polo accidente do buque Prestige.

Artigo 2º.-Vixencia e contía.

O período cuberto por esta orde será desde o día 18 de novembro de 2002, e durante un máximo de seis meses, podendo ser prorrogables, no caso de que as circunstancias o recomenden.

O prazo de presentación das solicitudes estará aberto durante este período.

A contía que poderá percibir cada armador das embarcacións pesqueiras e auxiliares de acuicultura será, como máximo, o 40% dos gastos nos que incorrese, como consecuencia da reposición das artes de pesca e doutros equipos auxiliares, así como a reparación do barco afectado e a substitución dos elementos danados.

A tramitación destas axudas realizaranse conforme o Decreto 160/2002, do 9 de xaneiro, polo que se desenvolve o procedemento de xestión do fondo creado pola disposición adicional décimo cuarta da Lei 6/2002, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2003.

Artigo 3º.-Axudas complementarias.

Non obstante o disposto no parágrafo terceiro do artigo 2º, poderase complementa-la axuda ata chegar á totalidade dos gastos nos que se incorrese, en concepto de anticipo da indemnización que lle puidese corresponder do Fidac ou outro organismo pagador das indemnizacións.

Para poder ter acceso a este complemento, o beneficiario deberá asinar un documento de subrogación de dereitos de indemnizacións por este motivo, ante a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, conforme o modelo que se xunta como anexo II.

Artigo 4º.-Solicitudes.

Para acollerse ás referidas axudas, os afectados deberán presentar unha solicitude dirixida ó conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos (anexo I) acompañada da seguinte documentación:

-Fotocopia do DNI ou tarxeta de identificación fiscal do propietario do buque.

-Copia compulsada da acta notarial, acta de inspección subscrita por funcionario público da Administración do Estado ou da Comunidade Autónoma de Galicia, ou polo representantes do Fondo Internacional de Danos debido á Contaminación por Hidrocarburos (Fidac), na que se debe indica-la data e hora do levantamento desta, a identificación dos bens afectados e a descrición dos danos.

-Documento de subrogación conforme o anexo II.

-Facturas orixinais do investimento realizado.

-Certificación da entidade bancaria que acredite o número de conta do beneficiario para o aboamento da axuda.

-A documentación complementaria aclaratoria da anterior que poida ser requirida polo órgano xestor.

Artigo 5º.-Resolución.

Á vista das solicitudes presentadas, e logo da proposta da Dirección Xeral de Estructuras e Mercados da Pesca, resolverá o conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos.

Disposición adicional

As medidas que se establecen nesta norma en ningún caso supoñen recoñecemento de responsabilidade da Comunidade Autónoma polos referidos danos.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de febreiro de 2003.

Enrique César López Veiga

Conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos

ANEXO II

Escrito de subrogación

En Santiago de Compostela o...

Dunha parte, Enrique César López Veiga, conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos, en virtude das facultades conferidas no artigo 34.10º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente e doutra..., manifestan:

1. Que... está interesado en acollerse ós anticipos de indemnización regulados na orde da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, pagadeira polo Fondo Internacional de Indemnización de Danos debidos á Contaminación por Hidrocarburos (Fidac).

2. Que... presentou ante a oficina de reclamacións do Fidac, folla/s de reclamacións por un importe total de... que constitúen o valor total da reposición das artes de pesca e doutros equipos auxiliares ou reparación do barco afectado e a substitución dos elementos danados polo que podería resultar nun futuro do dereito a percibir unha indemnización de danos e prexuízos pagados polo Fidac.

3. Que é interese da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos en execución do disposto no artigo 2 da orde e subrogarse no dereitos e accións que estes puideran corresponderlle.

Tendo convida a citada cesión e subsiguiente subrogación, lévana a efecto polo presente contrato de acordo coas seguintes estipulacións:

1. ..., en canto posible acredor dunha indemnización por danos debidos á contaminación de hidrocarburos, cede á Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos e esta acepta tódolos dereitos e accións de calquera tipo que puideran corresponderlle sobre a futura indemnización, subrogándose esta última na súa posición xurídica.

2. ... obrígase a reintegrarlle á Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos o importe do anticipo da indemnización, nos seguintes supostos:

a) Cando o Fidac non lle recoñeza ó interesado a condición de prexudicado e lle denegue as cantidades reclamadas en concepto de danos e prexuízos.

b) Cando o importe da indemnización feita efectiva polo Fidac sexa inferior ó importe anticipado pola Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos.

Neste caso o interesado deberá reintegra-la diferencia existente entre a indemnización efectivamente percibida e o importe do anticipo de indemnización realizado.

3. En todo o non previsto neste contrato haberá que aterse ó disposto en:

a) O Código Civil respecto da cesión e subrogación de créditos.

b) Na Orde do 27 de decembro de 1990 da Consellería de Economía e Facenda, sobre devolución de ingresos indebidos respecto ó reintegro de anticipos.