Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 40 Mércores, 26 de febreiro de 2003 Páx. 2.312

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA E ASUNTOS MARÍTIMOS

ORDE do 24 de febreiro de 2003 pola que se modifica a do 30 de xaneiro de 2003 pola que se establecen novas medidas transitorias para facer fronte ás consecuencias do accidente do buque Prestige.

A Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos publicou a Orde de 30 de xaneiro de 2003 pola que se establecen novas medidas transitorias para facer fronte ás consecuencias do accidente do buque Prestige. No seu artigo 1 establece unha axuda única ós armadores enrolados, tripulantes e mariscadores así como ós armadores propietarios de buques, para favorece-la incorporación paulatina á actividade profesional pesqueira e marisqueira que se estaba a reiniciar por mor da resolución do conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos, do 30 de xaneiro de 2003, que levantou a prohibición da actividade marisqueira en distintas zonas afectadas polo accidente do buque Prestige.

Así mesmo, na súa disposición transitoria establécese que as axudas poderán ser modificadas, ampliadas ou prorrogadas por resolución expresa do conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos, e caso de manterse ou variarse as circunstancias que o orixinaron.

Tendo en conta que a mellora da situación nas augas interiores da Comunidade Autónoma está a favorecer que a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos levante a prohibición de pescar en determinadas zonas e para determinadas artes de pesca, faise necesario amplia-lo período de vixencia esta

blecido na mencionada orde e favorece-lo retorno paulatino á actividade normal.

É polo que

DISPOÑO:

Artigo único.-Amplíase a vixencia da Orde do 30 de xaneiro de 2003 pola que se establecen novas medidas transitorias para facer fronte ás consecuencias do accidente do buque Prestige, durante o mes de marzo para a concesión dunha axuda única a armadores enrolados e tripulantes así como ós armadores propietarios de buques, para favorece-lo programa de reinicio das actividades, naquelas zonas e para aquelas artes de pesca nas que se levanta a prohibición de pescar.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de febreiro de 2003.

Enrique César López Veiga

Conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos