Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 39 Martes, 25 de febreiro de 2003 Páx. 2.259

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

RESOLUCIÓN do 29 de outubro de 2002, da Dirección Xeral de Urbanismo, sobre aprobación definitiva do proxecto de expropiación forzosa, polo procedemento de taxación conxunta, dos bens e dereitos necesarios para a execución da segunda fase do Plan parcial do parque empresarial do Concello de Bueu.

Antecedentes.

Primeiro.-O Instituto Galego da Vivenda e Solo, con data do 14-11-2002, remite o expediente de

expropiación forzosa, polo procedemento de taxación conxunta, dos bens e dereitos afectados pola execución da segunda fase do Plan parcial do parque empresarial de Bueu, de conformidade co disposto polo artigo 145 da Lei 1/1997, do 24 de marzo, do solo de Galicia (LSG).

Segundo.-O Instituto Galego da Vivenda e Solo, mediante Resolución do 19 de xullo de 2002, acordou aprobar inicialmente o proxecto de expropiación polo procedemento de taxación conxunta e sometelo a información pública polo prazo dun mes, anunciándose no xornal Faro de Vigo do 3 de agosto e no DOG do 2 de agosto de 2002.

Terceiro.-A taxación foi notificada individualmente ós que aparecían como titulares de bens e dereitos no expediente, dándolles traslado literal da correspondente folla de aprecio e da proposta de fixación dos criterios de valoración, para que formularan alegacións no prazo dun mes, contado a partir da data de notificación, tal e como sinala o artigo 145.4º da Lei do solo de Galicia.

Cuarto.-O Instituto Galego da Vivenda e Solo emitiu informe individualizado sobre cada unha das alegacións presentadas polos interesados, de conformidade co artigo 145.6º da Lei do solo de Galicia, e remite o expediente de expropiación forzosa a esta consellería para a súa aprobación definitiva.

Fundamentos xurídicos.

Primeiro.-O proxecto de expropiación forzosa tramitouse polo procedemento de taxación conxunta de conformidade co disposto no artigo 145 da Lei do solo de Galicia.

Segundo.-O proxecto de expropiación abrangue parte da segunda fase (63.743 m) do Plan parcial do parque empresarial de Bueu, vindo a ocupar unha superficie total de 29.733,80 m.

O citado plan parcial foi aprobado definitivamente pola Comisión Provincial de Urbanismo con data do 29 de xullo de 1993, no que se determina como sistema de actuación o de expropiación.

En virtude do disposto polos artigos 33 da Lei 6/1998, do 13 de abril, sobre réxime do solo e valoracións, e 54, en relación co 124 e 145 da Lei 1/1997, do 24 de marzo, do solo de Galicia, a dita aprobación implica a declaración de utilidade pública das obras e a necesidade de ocupación dos terreos incluídos no ámbito do plan parcial, resultando lexitimada a expropiación proposta.

Terceiro.-O expediente tramitado conta coa documentación preceptiva esixida polo artigo 145.1º da Lei 1/1997, do solo de Galicia:

Determinación do ámbito territorial, cos documentos que o identifican en canto á situación, superficie e lindeiros.

Fixación dos prezos coa valoración razoada do solo, segundo a súa cualificación urbanística.

Follas de prezo xusto individualizado de cada predio.

Follas de prezo xusto que correspondan a outras indemnizacións, se é o caso.

A relación de propietarios, predios e superficies afectados é a seguinte:

Nº predioSuperficie (m)Titular

23.600,90Jorge Aquino Acuña

311.775,35Visones Tobal, S.L.

410.966,50Visones Tobal, S.L.

51.977,40José Antonio Fernández Pérez

61.413,65Construcciones y Montajes Pérez

del Río, S.L.

Cuarto.-Os criterios de valoración fixados no proxecto de expropiación axústanse ós establecidos polos artigos 23 e seguintes da Lei 6/1998, sobre réxime do solo e valoracións.

Quinto.-A competencia para aproba-lo expediente de expropiación forzosa polo procedemento de taxación conxunta correspóndelle, por delegación, ó director xeral de Urbanismo, de acordo co artigo 1 da Orde do 30 de decembro de 1999, do conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda (DOG do 10 de xaneiro de 2000), pola que se delegan atribucións en materia de urbanismo.

Na súa virtude, vista a Lei 1/1997, do 24 de marzo, do solo de Galicia, a Lei 6/1998, do 13 de abril, sobre réxime do solo e valoracións, e as demais disposicións aplicables, proponse adopta-la seguinte resolución,

Primeiro.-Aprobar definitivamente o proxecto de expropiación forzosa polo procedemento de taxación conxunta dos bens e dereitos necesarios para a execución de parte da segunda fase do Plan parcial do parque empresarial de Bueu, para os efectos previstos polos artigos 145 e 146 da Lei 1/1997, do 24 de marzo, do solo de Galicia, con estimación ou desestimación das alegacións nos termos que aparecen nos informes de contestación a estas que constan no expediente.

Esta aprobación definitiva do expediente implica a declaración de urxencia da ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de expropiación de conformidade co establecido no artigo 146.1º da Lei do solo de Galicia.

En consecuencia, o pagamento ou depósito do importe da valoración establecida producirá os efectos previstos nos números 6, 7 e 8 do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, sen prexuízo de que continúe a tramitación do procedemento para a definitiva fixación do prezo xusto (artigo 146.2º da Lei do solo de Galicia).

Segundo.-Notifica-lo contido desta resolución aprobatoria do expediente ó Instituto Galego da Vivenda e Solo e de xeito individualizado a tódolos que aparezan como titulares de bens ou dereitos afectados que figuran no expediente, ós que se lles xuntará a correspondente folla de valoración, conferíndolles un prazo de vinte días, contados a partir do día seguinte ó do recibo desta resolución, para que poidan manifestar por escrito ante esta Dirección Xeral de Urbanismo, a súa desconformidade coa

valoración establecida no expediente aprobado, conforme dispón o artigo 145.7º da Lei do solo de Galicia, advertíndolles que transcorrido o citado prazo de vinte días sen que se formule oposición á valoración, entenderase aceptada a que se fixou no acto aprobatorio do expediente, entendéndose determinado o prezo xusto definitivamente e de conformidade co artigo 145.8º da Lei 1/1997, do solo de Galicia.

Terceiro.-Publica-la presente resolución no Diario Oficial de Galicia e no taboleiro de edictos do concello.

Así mesmo, a publicación e exposición no taboleiro de edictos do concello servirá de notificación ós propietarios descoñecidos dos que se ignore o lugar de notificación, ou ben, tramitada a notificación, non se puidese realizar. Todo isto, de acordo co disposto no artigo 59.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Contra esta resolución que pon fin á vía administrativa poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ó da notificación desta resolución (artigo 116 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro), ou recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ó da notifidación (artigo 46.1º da Lei 29/1998, da xurisdicción contencioso-administrativa). Para o caso de que se interpoña o recurso potestativo de reposición, ata que sexa resolto expresamente ou se produza a desestimación presunta, non se poderá interpoñe-lo recurso contencioso-administrativo.

Todo isto, sen prexuízo de que, no caso de desconformidade coa valoración establecida, os interesados dispoñen dun prazo de vinte días para manifestala, como se indicou no punto 2 desta resolución, nos termos establecidos polo artigo 145.8º da Lei 1/1997, do solo de Galicia.

Pontevedra, 29 de outubro de 2002.

José Jesús Cudeiro Mazaira

Director xeral de Urbanismo