Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 39 Martes, 25 de febreiro de 2003 Páx. 2.240

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 13 de febreiro de 2003 pola que se convocan dous cursos de linguaxe de signos para persoal de corporacións locais da Comunidade Autónoma galega.

Dentro do plan de actividades da EGAP para 2003, e a través do Centro de Estudios Locais de Galicia, conforme coas funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da escola, e pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, de modificación da anterior, convócanse os cursos que figuran no anexo, dirixidos ó persoal de corporacións locais da Comunidade Autónoma galega, que deberán desenvolverse de acordo coas seguintes bases:

Primeira.-Solicitudes.

O persoal que desexe participar nos cursos programados no anexo I, deberá solicitalo coa presentación da instancia que segundo modelo oficial figura como anexo II a esta resolución, e cubrila en tódolos seus epígrafes.

As solicitudes irán dirixidas ó director da EGAP, e presentaranse no rexistro da Escola Galega de Administración Pública, r/ Madrid, 2-4, 15707 Santiago de Compostela, ou tramitaranse por calquera das outras formas previstas no artigo 38.4.º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Admitiranse tamén inscricións por telefax: 981 54 63 30, sen prexuízo da necesidade de remisión da solicitude orixinal por correo ordinario.

Segunda.-Prazo.

O prazo de presentación de solicitudes rematará o 1 de abril.

Terceira.-Selección.

Os criterios de selección suxeitaranse ás directrices sinaladas na Resolución do 27 de xuño de 1994, pola que se fan públicos os criterios de participación nas actividades da EGAP (DOG nº 149, do 3 de agosto).

Seguidamente, efectuarase a selección dos participantes e esta notificaráselles directamente ós admitidos e publicarase na páxina web: www.egap.xunta.es.

Cuarta.-Modificacións.

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolve-las incidencias que puidesen xurdir no desenvolvemento dos cursos, así como a de anulalos se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

Quinta.-Certificado de asistencia.

Outorgaráselles certificado de asistencia ós alumnos que participen con reguralidade nos cursos, e é obrigatoria a asistencia a tódalas sesións. Toda inasistencia deberá ser xustificada convenientemente, sen que poida exceder en ningún caso do 15% das horas lectivas programadas.

Unha inasistencia superior ó 15% das horas lectivas programadas, aínda que sexa xustificada, impedirá a expedición do correspondente certificado.

Santiago de Compostela, 13 de febreiro de 2003.

Domingo Bello Janeiro

Director da Escola Galega

de Administración Pública

ANEXO I

Curso: introducción á linguaxe de signos.

1. Obxectivos.

Desenvolver alternativas de comunicación na atención ó público.

2. Destinatarios.

Persoal de corporacións locais das unidades de información e atención directa ó cidadán.

3. Desenvolvemento.

3.1. Duración: 30 horas.

3.2. Lugares: Santiago de Compostela, sede da EGAP.

3.3. Datas: 22, 23, 24, 28, 29 e 30 de abril; 5, 6, 7 e 8 de maio de 2003.

3.4. Horarios: das 17 ás 20 horas.

3.5. Prazas: 20.

4. Contido.

-Coñecemento básico da linguaxe de signos.

-Desenvolvemento de técnicas para favorece-la comunicación.

Curso: comunicación en linguaxe de signos (nivel avanzado).

1. Obxectivos.

Perfecciona-las alternativas de comunicación na atención ó público.

2. Destinatarios.

Persoal ó servicio da Administración local con funcións de atención ó publico, integrado nos grupos C, D e E.

3. Desenvolvemento.

3.1. Duración: 51 horas.

3.2. Lugar: Santiago de Compostela, sede da EGAP.

3.3. Datas: 12, 13, 14, 15, 19, 20, 21, 22, 26, 27 e 28 de maio; 2, 3, 4, 5, 9 e 10 de xuño de 2003.

3.4. Horarios: das 17 ás 20 horas.

3.5. Prazas: 20.

4. Contido.

-Conceptos básicos.

-Participación activa alumnos (role-playing; feed-back e escenificacións).