Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 39 Martes, 25 de febreiro de 2003 Páx. 2.239

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

RESOLUCIÓN do 11 de febreiro de 2003, da Dirección Xeral de Montes e Industrias Forestais, sobre medidas para a prevención de incendios forestais durante o ano 2003.

De acordo co disposto na Lei 81/1968, do 5 de decembro, sobre incendios forestais, no seu vixente regulamento aprobado polo Decreto 3769/1972, do 23 de decembro de 1972, e no Real decreto 1535/1984, do 20 de xuño, polo que se lle transfiren á Comunidade Autónoma as competencias en materia de conservación da natureza, co obxecto de previ-la aparición e propagación de incendios nos montes galegos, esta dirección xeral establece as seguintes normas:

1. Ámbito de aplicación.

As disposicións ás que se refire esta resolución serán de aplicación en todo o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Prohibicións de carácter xeral.

-Botar mistos prendidos ou puntas de cigarros sen apagar en terreos con risco de incendio forestal.

-Botar lixo, restos industriais ou de calquera clase que supoña perigo de incendio forestal.

-Lanzar foguetes, globos ou calquera outro artefacto que poida producir ou conteña lume, salvo en festas locais e coas debidas precaucións e autorización municipal.

3. Época de máximo perigo.

Declárase época de máximo perigo de incendios a comprendida entre o 15 de xullo e o 30 de setembro deste ano.

Poderá considerarse igualmente época de máximo perigo aqueloutros períodos do ano nos que as condicións meteorolóxicas ou outras circunstancias agraven o risco de incendios.

4. Prohibicións en época de máximo perigo.

-Prender lume ó aire libre en toda clase de terreos forestais ou agrícolas, incluídos os traballos nos que se utilice o lume.

-Facer fogueiras por parte de excursionistas ou grupos de acampadas fóra das zonas habilitadas para tal fin. O resto do ano, os excursionistas ou grupos de acampadas que teñan que facer fogueiras elixirán os lugares sen risco de propagación do lume ó monte, preferentemente as zonas habilitadas para tal fin, adoptando as máximas precaucións e realizando sempre a fogueira no centro dun círculo, rodeándoa de polo menos 5 metros de raio, espido de vexetación, e asegurando a total extinción do lume antes de abandona-lo lugar.

5. Comunicacións e autorización de queima.

Fóra da época de máximo perigo, para a realización de traballos agrícolas e forestais nos que sexa imprescindible facer uso do lume, será obrigatorio:

5.1. Comunicacións. Para queima de residuos agrícolas amoreados, que se presentará cunha antelación mínima dun día.

5.2. Autorizacións. Para:

a) Queima de residuos forestais amoreados ou non.

b) Queimas controladas (mato, pastos, chousumes, etc.).

c) Calquera outro tipo de queima, agás as incluídas no punto 1.

Presentaranse cunha anticipación mínima de 2 días.

5.3. As comunicacións e solicitudes de autorización presentaranse, coa anticipación prefixada, nas oficinas provinciais do Servicio de Defensa contra Incendios Forestais, nas oficinas dos distritos forestais ou ós axentes forestais adscritos ós devanditos distritos.

5.4. As autorizacións para queima serán outorgadas, se procede, polo persoal correspondente do Servicio de Defensa contra Incendios Forestais (SDCIF) ou ben dos distritos forestais, establecéndose nelas o día ou días nos que se autoriza a realización da queima, e observando, en todo caso, as seguintes precaucións:

a) A queima non se iniciará antes de saí-lo sol e quedará totalmente extinguido 2 horas antes do momento da súa posta.

b) Previamente ó seu inicio, farase unha devasa mediante a eliminación manual ou mecánica da totalidade do material combustible nunha franxa de polo menos 5 m de largo, rodeando o perímetro que se vai queimar.

c) Non se poderá iniciar ningunha queima cando as condicións meteorolóxicas poidan dificulta-lo seu control, especialmente nos días de vento e se, iniciados os traballos, se producise a aparición deste, suspenderase inmediatamente a operación, procedendo a apaga-lo lume.

d) Non se abandonará a vixilancia da zona queimada, ata que o lume estea totalmente apagado e transcorresen 2 horas sen que se observen lapas ou brasas.

e) En toda queima autorizada deberase contar co persoal e co material suficiente para o seu debido control.

O S.D.C.I.F. poderá suspender temporalmente os permisos de queima, tanto comunicacións como autorizacións, se as condicións meteorolóxicas así o aconsellan.

6. Medidas preventivas de carácter xeral.

Segundo o establecido no artigo 3 e) da Lei 81/1968, de incendios forestais, deberán tomarse con carácter xeral, tal e como se recolle no seu posterior desenvolvemento regulamentario, as seguintes normas de seguridade:

-Manter limpos de residuos ou desperdicios e libres de obstáculos os camiños, pistas ou faixas cortalumes das explotacións forestais.

-Establecer unha faixa de seguridade de 15 m de largura mínima, no perímetro de vivendas, edificacións e instalacións de carácter industrial, en zona forestal.

-Manter limpas de residuos e vexetación seca os foxos e zonas de sermidume de camiños, estradas, vías férreas e liñas eléctricas.

7. Toda persoa que advirta a existencia ou a iniciación dun incendio forestal deberá intentar extinguilo coa máxima rapidez, se a distancia ó lume e a súa intensidade o permitisen; en caso contrario, deberá informar polo medio máis rápido posible ó Servicio de Defensa contra Incendios Forestais (teléfono 085, gratuíto) ó alcalde ou ó axente da autoridade máis próximo, tendo en conta que as oficinas telefónicas, telegráficas ou radiotelegráficas transmiten con carácter urxente e gratuíto os avisos de incendios forestais que reciben, sen máis requisito que a previa identificación de quen os facilita, segundo o establecido no artigo 10 da Lei de incendios forestais.

8. Serán denunciadas e sancionadas, se procede, as persoas que sen causa xustificada, se neguen ou se resistan a presta-la súa colaboración ou o seu auxilio á autoridade ou ós seus axentes para a extinción dun incendio despois de ser requiridos por iso, segundo o establecido no artigo 12.2º de Lei de incendios forestais.

9. Se con motivo dos traballos de extinción de incendios forestais fose necesario, a xuízo da autoridade que os dirixa, entrar en predios forestais ou agrícolas, así como utiliza-los camiños existentes e realiza-los traballos adecuados, incluso abrir devasas de urxencia ou anticipa-la queima de determinadas zonas que, dentro dunha normal previsión, se considere que van ser consumidas polo lume, aplicando un contralume, poderá facerse aínda cando non se poida contar coa autorización dos propietarios respectivos. Nestes casos informarase o antes posible á autoridade xudicial para os efectos que procedan, segundo o establecido no artigo 14.1º da Lei de incendios forestais.

10. As autoridades poderán tamén utiliza-las augas públicas ou privadas, aínda que se opoña o seu propietario, na cantidade que se precise para a extinción do incendio, e igualmente poderán utilizar redes de comunicación con carácter prioritario, segundo o establecido no artigo 14.2º da Lei de incendios forestais.

11. Os axentes forestais dos servicios da Dirección Xeral de Montes e Industrias Forestais quedan facultadas para controla-lo cumprimento desta resolución, así como para denunciar calquera transgresión desta; queda así mesmo facultado para iso o persoal pertencente ó S.D.C.I.F. e os distritos forestais.

12. Calquera transgresión desta resolución será sancionada coas multas establecidas na lexislación vixente, sen prexuízo da responsabilidade penal na que poida incorre-lo infractor ou os infractores.

Santiago de Compostela, 11 de febreiro de 2003.

Tomás Fernández-Couto Juanas

Director xeral de Montes e Industrias Forestais