Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 37 Venres, 21 de febreiro de 2003 Páx. 2.006

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 12 de febreiro de 2003 pola que se clasifica como de interese cultural a Fundación Derecho y Europa.

Visto o expediente de clasificación da Fundación Derecho y Europa, con domicilio en Ourense.

Supostos de feito:

1. A fundación formulou solicitude de clasificación para os efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Derecho y Europa foi constituída en escritura pública outorgada en Ourense o 25 de outubro de 2002, ante o notario Ernesto Alonso Rivera, co número dous mil catrocentos corenta e seis do seu protocolo por Jorge Robinat Elías, Dolores García Hervas, David de León Rey, José Luis Campo Alonso, Carmen Garcimartín Montero, interveñen no seu propio nome e dereito, facéndoo ademais David de León Rey en nome e representación de Enrique León Rey.

3. Segundo establece o artigo 6 dos estatutos, son fins da fundación a promoción, o desenvolvemento, a protección e o fomento dos estudios e investigacións sobre os fundamentos da civilización occidental, radicados na tradición da cultura europea, sobre as súas actividades sociais e culturais, e tamén a difusión dos referidos estudios a través de publicacións e outros medios e en xeral calquera outra actividade cultural de utilidade común que contribúa

ó desenvolvemento integral da persoa humana segundo a dignidade que lle é propia.

4. O padroado da fundación estará integrado por Jorge Robinat Elías como presidente, Enrique de León Rey e Dolores García Hervas como vicepresidentes, David de León Rey como secretario, e José Luis Campo Alonso, Carmen Garcimartín Montero e Nicolás Álvarez de las Asturias Bohorques Heredia como vocais.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de tódalas consellerías eleva ó conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, proposta de clasificación como de interese cultural da Fundación Derecho y Europa, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, véndose cumpridos os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como de interese cultural e á súa adscrición á Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

Fundamentos de dereito:

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. De acordo co disposto no artigo 32.2º c) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, corresponde a esta consellería a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, quen exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

3. Á vista do que antecede, pódense considerar cumpridas as finalidades tanto legais como regulamentarias establecidas para o caso, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 11 de febreiro de 2003.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril); a Lei 7/1983, do 22 de xuño e Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da anterior, de réxime das fundacións de interese galego, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Clasificar como de interese cultural a Fundación Derecho y Europa, adscribíndoa á Consellería de

Cultura, Comunicación Social e Turismo que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Santiago de Compostela, 12 de febreiro de 2003.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia, Relacións

Institucionais e Administración Pública