Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 37 Venres, 21 de febreiro de 2003 Páx. 2.005

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 12 de febreiro de 2003 pola que se clasifica como de interese cultural a Fundación Reveriano Soutullo Otero.

Visto o expediente de clasificación da Fundación Reveriano Soutullo Otero, con domicilio en Santiago de Compostela.

Supostos de feito:

1. A fundación formulou solicitude de clasificación para os efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Reveriano Soutullo Otero foi constituída en escritura pública outorgada en Madrid, o día 29 de novembro de 2002, ante o notario Víctor-Manuel Garrido de Palma, co número tres mil nove do seu protocolo por María-Rosa Arija Soutullo, María-Victoria Gómez Soutullo, Ángeles Soutullo Cuadrado, e Jorge Soutullo Sánchez interveñen no seu propio nome e dereito, e ademais interveñen como mandatarios verbais de Arturo Sánchez Soutullo, Francisco Soutullo Cuadrado, Alejandro Soutullo Castro, Silvia Soutullo Castro, María Luísa Arija Soutullo, María del Carmen Arija Soutullo, Manuel Arija Soutullo, Tomás Gómez Soutullo, Antonio Gómez Soutullo, Miguel Ángel Gómez Soutullo, María Concepción Soutullo Burcet, María Victoria Soutullo Burcet, Nélida Soutullo Pérez, Guillermo Polanco Soutullo, Jaime Polanco Soutullo, Sergio Polanco Soutullo, Javier Polanco Soutullo, Alejandro Polanco Soutullo, Belén Polanco Soutullo, María Polanco Soutullo, Enrique Polanco Soutullo e Juan Schlosser Arija.

3. A fundación, segundo establece o artigo 6 dos estatutos, ten por obxecto:

a) O estudio, investigación e divulgación da obra do compositor Reveriano Soutullo Otero.

b) A recuperación das partituras non localizadas do compositor, así como a creación de arquivos da súa obra.

c) A creación dun espacio ou museo onde se conserve o patrimonio familiar relacionado con Reveriano Soutullo Otero, así como un arquivo de partituras, gravacións da súa obra, críticas teatrais, bibliografías...

d) A promoción de certames, premios musicais e de investigación no campo da música.

e) A promoción da música en xeral, como medio de educación e cultura, e en particular da música de compositores galegos, da música de carácter lírico, da música de bandas e agrupacións corais.

f) Promover publicacións periódicas ou puntuais para a consecución dos fins.

4. O padroado da fundación estará integrado por María-Rosa Arija Soutullo como presidenta, María Victoria Gómez Soutullo como vicepresidenta, Ángeles Soutullo Cuadrado como secretaria, e Nélida Soutullo Pérez, María Concepción Soutullo Burcet, Enrique Polanco Soutullo e Jorge Soutullo Sánchez como vocais.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de tódalas consellerías eleva ó conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, proposta de clasificación como de interese cultural da Fundación Reveriano Soutullo Otero, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, véndose cumpridos os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como de interese cultural e a súa adscrición á Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

Fundamentos de dereito:

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. De acordo co disposto no artigo 32.2º c) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, corresponde a esta consellería a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, quen exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

3. Á vista do que antecede, pódense considerar cumpridas as finalidades tanto legais como regulamentarias establecidas para o caso, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 11 de febreiro de 2003.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril); a Lei 7/1983, do 22 de xuño e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da anterior, de réxime das fundacións de interese galego, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Clasificar como de interese cultural a Fundación Reveriano Soutullo Otero, adscribíndoa á Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Santiago de Compostela, 12 de febreiro de 2003.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia, Relacións

Institucionais e Administración Pública