Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 37 Venres, 21 de febreiro de 2003 Páx. 2.004

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 12 de febreiro de 2003 pola que se clasifica como benéfico-social a Fundación Lonxanet para la Pesca Sostenible.

Visto o expediente de clasificación da Fundación Lonxanet para la Pesca Sostenible, con domicilio na Coruña.

Supostos de feito:

1. A fundación, formulou solicitude de clasificación para os efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Lonxanet para la Pesca Sostenible foi constituída en escritura pública outorgada na Coruña, o día 20 de setembro de 2002, ante o notario José Manuel Lois Puente, co número dous mil setecentos trinta e sete do seu protocolo por Domingo Antonio García Allut e Francisco Javier Sanz Fernández, interveñen como presidente e secretario respectivamente do consello de administración da entidade mercantil denominada Lonxanet Directo, S.L.

3. Segundo establece o artigo 4 dos estatutos, son fins da fundación: a promoción da pesca sustentable, a divulgación dos valores da pesca artesanal e arqueolóxica, a preservación do ambiente mariño, o desenvolvemento dun turismo específico; todo en colaboración coas confrarías de pescadores ou institucións que as substitúan.

4. O padroado da fundación estará integrado por Antonio García Allut como presidente, Miguel de José Belzunce como vicepresidente, Francisco Javier Sanz Fernández como secretario, e José Manuel Cernadas Losada, Emilio Louro Lamela e Tomás Fajardo da Costa, como vocais.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de tódalas consellerías eleva ó conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública proposta de clasificación como benéfico-social da Fundación Lonxanet para la Pesca Sostenible, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, véndose cumpridos os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como benéfico-social e á súa adscrición á Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos.

Fundamentos de dereito:

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. De acordo co disposto no artigo 32.2º c) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, corresponde a esta consellería a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, quen exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

3. Á vista do que antecede, pódense considerar cumpridas as finalidades tanto legais como regulamentarias establecidas para o caso, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 11 de febreiro de 2003.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril); a Lei 7/1983, do 22 de xuño e a Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da anterior, de réxime das fundacións de interese galego, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Clasificar como benéfico-social a Fundación Lonxanet para la Pesca Sostenible, adscribíndoa á Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Santiago de Compostela, 12 de febreiro de 2003.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia, Relacións

Institucionais e Administración Pública