Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 37 Venres, 21 de febreiro de 2003 Páx. 2.007

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 29 de xaneiro de 2003 pola que se convocan premios extraordinarios de formación profesional correspondentes ó curso 2001/2002.

O Ministerio de Educación, Cultura e Deportes creou mediante a orde ECD/1696/2002, do 1 de xullo de 2002 os premios nacionais de formación profesional como recoñecemento ó alumnado que rematou os seus estudios de formación profesional específica de grao superior ou de formación profesional de segundo grao ata a extinción dos correspondentes plans de estudios.

Así mesmo, na citada orde, establécese no artigo terceiro que poderán concorrer ós premios nacionais os alumnos que resultasen merecedores dos premios extraordinarios convocados na súa Comunidade Autónoma nos termos que se establecen na citada orde.

Na súa virtude, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, facendo uso desta habilitación e das atribucións que ten conferidas,

DISPÓN:

Primeiro.-Obxecto.

Convócanse premios extraordinarios de formación profesional para o alumnado de formación profesional que finalizara os seus estudios no curso 2001/2002 nos centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia.

Segundo.-Número e recoñecemento.

1. Poderá concederse un premio extraordinario por cada familia de formación profesional específica de grao superior ou rama de formación profesional de segundo grao.

2. Os alumnos que obteñan o premio extraordinario recibirán un diploma acreditativo e anotaralles esta distinción no seu expediente académico o secretario do centro docente onde estea depositado o seu expediente académico. No caso dos alumnos que cursaron a formación profesional específica de grao superior, anotaráselles, ademais, a dita distinción nos libros de cualificación a través da dilixencia correspondente.

3. Os alumnos que obteñan o premio extraordinario de formación profesional poderán concorrer, logo de inscrición, ó correspondente premio nacional.

Terceiro.-Requisitos.

Poderán optar ós premios extraordinarios de formación profesional os alumnos que cumpran os seguintes requisitos:

1. Ter rematados nos centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia os estudios de formación profesional específica de grao superior ou os estudios de formación profesional de segundo grao no ano 2002.

2. Ter obtido unha cualificación final media de tódolos módulos ou materias igual ou superior a 8,5.

a) A cualificación final obterase como media aritmética das cualificacións obtidas nos módulos que compoñen o ciclo formativo. Para os efectos de cálculo da nota media, non será computado o módulo de formación en centros de traballo que se cualifica en termos de apto ou non apto nin os módulos que foran obxecto de validación.

b) No caso dos aspirantes que cursaran formación profesional de segundo grao, a cualificación final determinarase calculando a media aritmética das cualificacións das distintas materias que integran a correspondente especialidade de segundo grao de acordo co seguintes equivalencias:

Suficiente: 5,5 puntos.

Ben: 6,5 puntos.

Notable: 7,5 puntos.

Sobresaliente: 9 puntos.

Non serán tidas en conta para o cálculo da cualificación final as materias que foran validadas.

Cuarto.-Prazo e documentación.

1. Os alumnos que, reunindo os requisitos indicados, desexen optar ós premios extraordinarios, inscribiranse, no prazo dos 15 días naturais seguintes ó da publicación desta convocatoria, nas secretarías dos institutos de educación secundaria no que se atope o seu expediente académico.

2. Para formaliza-la inscrición deberán presenta-la seguinte documentación:

a) Instancia cuberta segundo o modelo do anexo I desta orde.

b) Certificación académica dos estudios obxecto de baremación.

c) Breve currículum vitae con indicación, se é o caso, dos premios ou bolsas que obtivese e outros méritos que desexe alegar, xunto coa documentación xustificativa correspondente.

d) Fotocopia do DNI.

3. No caso de que a solicitude de inscrición non reunise os requisitos precisos, requirirase o inte

resado no momento de presentala para que, no prazo de dous días hábiles, emende a falta ou xunte os documentos preceptivos, indicándoselle que, de non facelo, se considerará como desistido da súa petición ou, se é o caso, non se valorarán os méritos que non estean debidamente xustificados.

4. Ó día seguinte de remata-lo prazo de inscrición, os secretarios dos centros remitirán ó Servicio Provincial de Inspección Educativa da delegación provincial correspondente da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria as solicitudes de inscrición que estean no seu poder xunto coa documentación xustificativa correspondente e comunicarán por fax ó citado servicio a lista de alumnos inscritos coa indicación das familias ou ramas cursadas.

Quinto.-Tribunal de selección.

Para a análise e valoración das solicitudes constituirase un tribunal de selección integrado por funcionarios dos corpos de inspectores de educación e por profesores de ensino secundario das especialidades de formación profesional específica, designados pola Dirección Xeral de Centros e Ordenación Educativa.

Sexto.-Baremación das solicitudes.

1. Os premios concederanse en réxime de concorrencia competitiva. Na valoración final o tribunal terá en conta os seguintes méritos:

a) Nota media do expediente académico dos estudios de formación profesional específica ou de formación profesional de segundo grao.

b) Nota media dos estudios que lle permitiron o acceso os estudios de formación profesional específica ou de formación profesional de segundo grao (bacharelato, outro ciclo ou especialidade, nota da proba de acceso, etc...).

c) Outros méritos relacionados co título profesional.

2. Cada un dos epígrafes de méritos citados no punto anterior estarán expresados en valores numéricos do 1 ó 10 cunha cifra decimal.

3. A valoración final expresarase nun valor numérico con dúas cifras decimais e será o resultado de aplicar sucesivamente os valores de ponderación recollidos no anexo II.

4. Nos casos de empate, o tribunal resolverá tendo en conta os seguintes méritos e por esta orde:

a) Expediente académico dos estudios de formación profesional específica ou de formación profesional de segundo grao.

b) Cualificación do módulo de proxecto integrado, no caso de que este forme parte de tódolos ciclos da mesma familia profesional.

c) Expediente dos estudios que lle permitiron o acceso.

d) Elección dos estudios de formación profesional como primeira opción.

5. O tribunal poderá declarar deserto algún dos premios.

Sétimo.-Proposta de concesión dos premios e publicación da resolución de adxudicación.

1. Antes do 10 de marzo o tribunal de selección confeccionará unha acta provisional de puntuación final obtida por cada aspirante unha vez avaliados os méritos xustificados.

2. O tribunal fará pública a acta provisional coas puntuacións obtidas polos candidatos nas delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordena-

ción Universitaria e na páxina web da consellería, http://www.xunta.es/conselle/ceoug/dxcie/dxcie001.htm

3. Os interesados poderán reclamar por escrito contra a puntuación outorgada polo tribunal, mediante instancia dirixida ó presidente do tribunal de selección, no prazo de cinco días hábiles a partir do seguinte a aquel no que sexan públicas as actas provisionais.

4. Unha vez resoltas as reclamacións, o tribunal elaborará a acta coa proposta definitiva de adxudicación dos premios extraordinarios. O orixinal quedará arquivado na Inspección Central e serán remitidas copias á Dirección Xeral de Centros e Ordenación Educativa e á Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais.

5. De acordo coa proposta feita polo tribunal, o director xeral de Centros e Ordenación Educativa concederá os premios extraordinarios de formación profesional, mediante resolución que será publicada no Diario Oficial de Galicia.

6. O prazo máximo para notifica-la resolución deste procedemento será de seis meses desde o día seguinte ó da publicación desta convocatoria, tendo efectos desestimatorios a falta de resolución expresa nese período.

7. Contra a devandita resolución de adxudicación dos premios, poderase recorrer mediante recurso de alzada no prazo dun mes ante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, segundo os artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Oitavo.

Autorízase a Dirección Xeral de Centros e Ordenación Educativa para dictar cantas normas sexan oportunas para o desenvolvemento desta orde.

Noveno.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de xaneiro de 2003.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO II

Baremación do expediente e outros méritos

MéritoDocumento acreditativoPonderación parcialPonderación final

-Nota media do expediente académico dos estudios de formación profesional específica ou de formación profesional de segundo grao.Certificación oficial do instituto de educación secundaria.

80%

-Nota media dos estudios que lle permitiron o acceso ós estudios de formación profesional específica ou de formación profesional de segundo grao (bacharelato, outro ciclo ou especialidade, nota da proba de acceso, etc...).Certificación oficial do instituto de educación secundaria.

20%

90%

-Outros méritos relacionados co título profesional.Certificación oficial ou fotocopia compulsada do documento xustificativo.--

10%