Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 37 Venres, 21 de febreiro de 2003 Páx. 2.002

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA AGROALIMENTARIA E DESENVOLVEMENTO RURAL

DECRETO 161/2003, do 13 de febreiro, polo que se modifica o Decreto 50/2002, do 14 de febreiro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural e do Fondo Galego de Garantía Agraria.

A disposición adicional quinta da Lei 7/2002, do 27 de decembro, de medidas fiscais e de réxime administrativo, modificou a denominación do Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia, organismo autónomo de carácter comercial e financeiro adscrito á Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, que pasou a denominarse Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga).

Posteriormente, por Decreto 23/2003, do 20 de xaneiro, fixouse a estructura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, polo que procede á súa vez modifica-la estructura orgánica da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, aprobada por Decreto 50/2002, do 14 de febreiro, en razón da atribución a esta das funcións relativas ó desenvolvemento comarcal, coa creación da nova Dirección Xeral de Planificación e Desenvolvemento Comarcal.

En consecuencia, por proposta do conselleiro de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, co previo informe das consellerías da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública e Economía e Facenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día trece de febreiro de dous mil tres,

DISPOÑO:

Artigo único.

Modifícase o Decreto 50/2002, do 14 de febreiro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural e do Fondo Galego de Garantía Agraria, na forma que se reflicte nos seguintes puntos:

A) O artigo 1º terá a seguinte redacción:

«Artigo 1º

A Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, baixo a superior dirección do titular do departamento, é o órgano da Administración autonómica encargado de propoñer e executa-las directrices xerais do goberno sobre a política agroalimentaria que engloba as competencias sobre agricultura, gandería, infraestructuras rurais e industrias agroalimentarias, de acordo co establecido na Constitución española e o Estatuto de autonomía de Galicia.

Correspóndenlle así mesmo as competencias en materia de desenvolvemento comarcal. Ademais, a través do ente público Axencia Galega de Desenvolvemento Rural exerce as funcións de fomento e coordinación do desenvolvemento do territorio rural galego».

B) O artigo 2º terá a seguinte redacción:

«Artigo 2º

1. Para o exercicio das súas funcións, a Consellería de Política Agroalimentaria e de Desenvolvemento Rural estructúrase nos seguintes órganos:

I. O conselleiro.

II. A Secretaría Xeral.

III. A Dirección Xeral de Infraestructuras Agrarias.

IV. A Dirección Xeral de Producción e Sanidade Agropecuaria.

V. A Dirección Xeral de Industrias e Promoción Agroalimentaria.

VI. A Dirección Xeral de Planificación e Desenvolvemento Comarcal.

2. Adscríbense á Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural as seguintes entidades:

-O organismo autónomo Fondo Galego de Garantía Agraria.

-O ente público Axencia Galega de Desenvolvemento Rural».

C) Engádese un novo artigo, o artigo 9 bis, englobado no punto VI, correspondente á Dirección Xeral de Planificación e Desenvolvemento Comarcal, que terá a seguinte redacción:

«VI. Dirección Xeral de Planificación e Desenvolvemento Comarcal.

Artigo 9º bis

Á Dirección Xeral de Planificación e Desenvolvemento Comarcal correspóndenlle as funcións de impulso na elaboración, coordinación e seguimento do Plan de Desenvolvemento Comarcal. Neste sentido, son tarefas específicas desta dirección xeral as seguintes:

a) A coordinación xeral do Plan de Desenvolvemento Comarcal.

b) A elaboración da proposta dos plans de desenvolvemento das comarcas.

c) A proposta de avaliación anual e o seguimento dos ditos plans.

d) A avaliación das propostas de prórroga, revisión e modificación dos plans de desenvolvemento das camarcas.

e) A proposta de configuración das distintas comarcas nas que se divide o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

f) O informe previo á proposta da consellería de establecemento de áreas funcionais.

g) Determina-lo número e a localización dos centros comarcais de exposición e promoción de recursos».

D) Modifícanse tódalas mencións que o artigo 13 realiza ó Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia que se entenderán realizadas ó Fondo Galego de Garantía Agraria.

Disposición derrogatoria

Queda derrogada calquera disposición de rango igual ou inferior que se opoña ó establecido neste decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-As modificacións que se establecen neste decreto non supoñen incremento de gasto.

Segunda.-Facúltase o conselleiro de Política Agroa-

limentaria e Desenvolvemento Rural para dicta-las normas complementarias para o desenvolvemento e aplicación deste decreto.

Terceira.-Esta disposición entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, trece de febreiro de dous mil tres.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Juan Miguel Diz Guedes

Conselleiro de Política Agroalimentaria

e Desenvolvemento Rural

CONSELLERÍA DE POLÍTICA AGROALIMENTARIA E

DESENVOLVEMENTO RURAL