Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 33 Luns, 17 de febreiro de 2003 Páx. 1.722

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 30 de xaneiro de 2003 pola que se anuncia a convocatoria para presentar proxectos de fomento do uso do galego e de formación para os traballos dos equipos de normalización lingüística dos centros públicos de educación infantil, especial, de adultos, primaria, secundaria, bacharelato e formación profesional, adscritos á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

A Administración educativa de Galicia garante que os alumnos, conforme van acabando cada un dos ciclos nos que o ensino do galego é obrigatorio, vaian acadando un dominio, oral e escrito, similar dos idiomas galego e castelán, tal e como determina o artigo 14.3º da Lei 3/1983, de normalización lingüística.

Para poder conseguir iso, esta mesma lei encoméndalle á Xunta de Galicia a regulamentación no ensino do uso desas dúas linguas oficiais en Galicia. Esa regulamentación está establecida nos decretos 247/1995 e 66/1997.

Como órgano impulsor e dinamizador das medidas necesarias para levar a cabo o que dispoñen eses decretos e, consecuentemente, para conseguir que os alumnos acaden o dominio do galego que establece a Lei de normalización lingüística, cada centro ten que constituír un equipo de normalización lingüística. Este equipo é o que recollen os decretos 324/1996, do 26 de xullo (DOG do 9 de agosto) e 374/1996, do 17 de outubro (DOG do 21 de outubro), polos que se aproban os regulamentos orgánicos dos institutos de educación secundaria e das escolas de educación infantil e dos colexios de educación primaria, respectivamente, decretos que foron desenvolvidos, tamén respectivamente, polas ordes do 22 de xullo e 1 de agosto de 1997 (publicadas no DOG do 2 de setembro).

No curso escolar 2002/2003 a Administración educativa galega, á parte de manter este proxecto de fomento do uso do galego nos centros educativos, prevé a posibilidade, a través dunha partida adicional orzamentaria de complementa-los incentivos a aqueles centros que cumprindo os obxectivos que regulan os decretos 247/1995 e 66/1997, que regulan o uso do galego no ensino, destacan por estende-lo seu uso a outras áreas curriculares.

Por todo isto, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

DISPÓN:

Primeiro.

1. A presente orde ten por obxecto financiar proxectos de fomento do uso do galego e de formación en réxime de concorrencia competitiva destinados ós equipos de normalización lingüística dos centros públicos que imparten ensinanzas de educación infantil, especial, de adultos, primaria, secundaria,bacharelato e formación profesional de Galicia, adscritos á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, durante o ano 2003.

2. Os centros educativos incluídos no epígrafe anterior poderán solicitar financiamento a través de dúas modalidades non excluíntes:

Modalidade A: para tódolos centros educativos, que como en anos anteriores, presenten proxectos e traballos para os que se soliciten incentivos consonte os contidos establecidos na programación anual de actividades elaboradas e aprobadas por cada centro para acada-los obxectivos previstos nos plans específico e xeral para o uso do idioma galego (artigos 83º e 64º dos decretos 324/1996 e 374/1996, respectivamente).

Modalidade B: neste grupo só poderán participar aqueles centros que, ademais de participar na modalidade A e de cumpri-los mínimos establecidos nos decretos 247/1995 e 66/1997, que regulan o uso do galego no ensino, realicen outros obxectivos máis ambiciosos e que as súas actividades destaquen por encima das previstas e esixidas pola lexislación vixente; feito que deberán constatar cubrindo o anexo II desta orde e a certificación que figura canda o modelo de solicitude.

Segundo.-Nos proxectos de fomento do uso do galego e de formación atenderase preferentemente:

Na modalidade A:

1. A satisface-los gastos de adquisición e/ou elaboración de material didáctico, bibliográfico, fonográfico, videográfico e informático en galego.

2. A organizar programas e actividades, que teñan como finalidade o fomento do uso da lingua propia de Galicia entre os distintos compoñentes da comunidade educativa do centro.

Na modalidade B: ademais dos previstos nos epígrafes un e dous deste artigo, á realización de proxectos de carácter excepcional que impliquen un financiamento complementario.

Terceiro.-Os proxectos de fomento do uso do galego e de formación da modalidade A financiaranse con cargo á aplicación 07.06.353E.640.4 correspondente ós orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2003 (Lei 6/2002, do 27 de decembro), por unha contía máxima de 580.000 A (cincocentos oitenta mil euros), e os da modalidade B financiaranse con cargo á aplicación 07.06.353E.640.7 correspondente ós orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2003, por unha contía máxima de 100.000 A (cen mil euros).

De non existir proxectos suficientes, na moda-

lidade B, para cubri-la aplicación orzamentaria 07.06.353E.640.7, a diferencia resultante pasaría a engloba-la partida destinada ós proxectos da modalidade A.

Cuarto.-A contía concedida a cada proxecto, na modalidade A, non poderá supera-la cantidade máxima de 2.000 A (dous mil euros); na modalidade B, non poderá supera-la cantidade máxima de 1.000 A (mil euros); e, no caso de concorrer en ámbalas dúas modalidades, non poderá supera-la cantidade máxima de 2.300 A (dous mil trescentos euros).

Quinto.

1. Para acceder a este financiamento será necesario que o equipo de normalización lingüística estea formalmente constituído segundo o disposto nos artigos 82 do Decreto 324/1996 e 63 do Decreto 374/1996, e que o seu programa de actividades fose aprobado polo centro e enviado canda a programación xeral anual á inspección educativa.

2. Non poderán ser dotados de asignación económica ningunha aqueles centros que non xustificasen debidamente o financiamento que lle foi concedido para o ano académico 2001/2002 ó abeiro da Orde do 5 de outubro de 2001 (DOG nº 217, do 9 de novembro), ou que non cumpran o sinalado no epígrafe 6º.4 desta orde.

En canto ó disposto nos puntos 1 e 2 deste epígrafe, será a inspección educativa a que lle presente á correspondente comisión avaliativa citada no punto 6º desta orde o informe relativo a cada centro.

Sexto.

1. O prazo de presentación das solicitudes será o dos 20 días hábiles seguintes ó da publicación desta orde no DOG.

2. As solicitudes para participar en ámbalas dúas modalidades realizaranse utilizando os formularios que figuran como anexos a esta orde. Irán asinadas polo coordinador do equipo de normalización lingüística, co visto e prace do director do centro, e mandaranse á Delegación Provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria correspondente, sendo de aplicación o previsto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. Canda a solicitude, ben da modalidade A, ben da modalidade B, ou das dúas, presentarase un proxecto, asinado polo coordinador do equipo de normalización lingüística, co visto e prace do director do centro, no que se especifiquen, englobándoas no punto correspondente do artigo 2º, as actividades previstas para acada-los obxectivos que figuran nos plans específico e xeral para o uso do galego. Con cada unha das accións terá que figura-la súa cuantificación económica. No caso das actividades de prensa escolar, considerarase como mérito preferente o feito de que esas actividades se levasen a cabo tamén en anos anteriores. Se se dá esa circunstancia, deberase achegar canda a solicitude un exemplar do último dos números editados.

4. As actividades previstas no proxecto faranse necesariamente segundo o establecido na Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística (disposición adicional) e no Decreto 173/1982, do 17 de novembro, sobre normativización da lingua galega.

5. De observarse algunha falta na documentación, antes de realiza-la proposta de resolución, poráselles de manifesto ós solicitantes, para que, no prazo de dez días, poidan alegar e presenta-los documentos que estimen pertinentes.

Sétimo.-Para o exame e a avaliación das solicitudes constituirase en cada delegación provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria unha comisión integrada por:

-O delegado provincial, que a presidirá.

-Un representante do Servicio de Plans e Programas do Ensino da Lingua Galega, da Dirección Xeral de Política Lingüística.

-Un/unha representante da inspección educativa.

-O/a xefe/a do Gabinete de Normalización Lingüística.

-Un funcionario ou funcionaria da delegación provincial, que actuará de secretario.

Oitavo.-Unha vez examinadas e avaliadas as solicitudes, as comisións presentaranlle as propostas de asignación de contías ó conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, o cal resolverá.

Contra esta resolución os interesados poderán interpoñer recurso de reposición diante do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ó da súa notificación, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, ou ben, directamente, recurso contencioso-administrativo diante do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

As solicitudes entenderanse desestimadas de non recaer resolución expresa no prazo de seis meses, contados a partir da publicación desta convocatoria no DOG.

Noveno.

1. Para a concesión de incentivos ós proxectos de fomento do uso do galego as comisións de selección terán en conta a calidade do proxecto e o número de alumnos do centro, en ámbalas dúas modalidades. A calidade do proxecto será avaliada en tres tramos, de maior a menor, A, B, C, en función de:

-Nº de actividades previstas polo centro para fomenta-lo uso da lingua galega.

-Repercusión das actividades no incremento do uso da lingua galega.

-Custo e dificultade da actividade.

O número de alumnos valorarase en cinco tramos, de maior a menor, A: máis de 600 alumnos; B: de 400 a 600 alumnos; C: de 200 a 400 alumnos; D: de 100 a 200 alumnos; E: menos de 100 alumnos.

2. Excluiranse aquelas solicitudes que non se recibiron dentro de prazo.

Décimo.-Antes do 31 de decembro de 2003, cada equipo, coa conformidade da dirección do centro, terá que lles remitir ós gabinetes de normalización lingüística das delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria a seguinte documentación:

1. Unha memoria das actividades realizadas durante o ano 2003 para as que se lle concedeu a asignación económica.

2. Facturas orixinais, expedidas ó nome do propio centro educativo, correspondentes ás actividades programadas e os gastos totais de material destas.

3. Certificación orixinal na que consten os datos bancarios, selada e asinada pola entidade financeira correspondente.

Décimo primeiro.

1. O pagamento dos incentivos concedidos farao a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria a través das súas delegacións provinciais, logo da xustificación dos interesados, tal e como se indica no epígrafe 10º.

2. O importe dos incentivos non será superior ó 100% dos gastos, que leve consigo a realización do proxecto.

Décimo segundo.-O seguimento e a avaliación da realización dos proxectos de fomento da lingua galega que presenten os equipos e a verificación do cumprimento do establecido nos plans específico e xeral para o uso do galego nos centros levaraos a cabo a inspección educativa, consonte o disposto no artigo 11º do Decreto 247/1995.

Décimo terceiro.

1. A non entrega das memorias e dos xustificantes de gasto, ós que fai referencia o epígrafe 10º, no prazo sinalado poderá ser causa de revogación do incentivo concedido e producirá como efecto a súa denegación para o ano seguinte, procedendo o centro ó reintegro da cantidade percibida, sen prexuízo das responsabilidades que se poidan esixir.

2. O incumprimento total ou parcial dos proxectos poderá anular ou modifica-la contía do incentivo concedido.

3. Toda alteración das condicións que se tivesen en conta para a súa concesión poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Política Lingüística para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de xaneiro de 2003.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria