Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 32 Venres, 14 de febreiro de 2003 Páx. 1.694

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E ADMINISTRACIÓN LOCAL

ORDE do 31 de xaneiro de 2003 pola que se establece o procedemento de homologación dos modelos das máquinas de xogo tipo A especial.

A Lei 3/2002, do 29 de abril, modificou a Lei 14/1985, do 23 de outubro, reguladora dos xogos e apostas en Galicia, establecendo un novo tipo de máquinas de xogo denominadas tipo A especial e atribuíndo a súa homologación á dirección xeral con competencias na materia de xogos e apostas. Así mesmo o artigo 21 da Lei 14/1985, sinala a necesidade de incluír no catálogo de xogos aqueles xogos e apostas regulados na lei, especificando para cada tipo de xogo ou aposta as regras aplicables a eles, condicionamentos, prohibicións, elementos para a súa práctica, garantías contra fraudes, transparencia no seu desenvolvemento, medidas de control, etc., séndolle de aplicación, para tal efecto, as normas do Regulamento de máquinas recreativas e de azar, do 12 de febreiro de 1998, e as demais normas complementarias vixentes.

Por outra parte, a disposición transitoria terceira da Lei 3/2002, do 29 de abril, formula a previsión do desenvolvemento regulamentario para o réxime de autorización e explotación das máquinas de xogo de tipo A especial.

Polo tanto, en desenvolvemento da devandita normativa, é necesario establece-lo procedemento para

a homologación e inscrición no rexistro de modelos das novas máquinas de xogo e aproba-los documentos necesarios para as diversas autorizacións. Na súa virtude e por proposta da Dirección Xeral de Interior e Protección Civil,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Homologación.

1. A homologación será necesaria para a inscrición no rexistro de modelos dunha máquina de tipo «A especial» así como para obter as demais autorizacións no ámbito territorial de Galicia. A utilización de máquinas de xogo non homologadas constitúe infracción moi grave, segundo os artigos 28 da Lei 14/1985 e 68 do Regulamento de máquinas recreativas e de azar.

2. A competencia para a homologación correspóndelle ó director xeral de Interior e Protección Civil, segundo o disposto na disposición transitoria terceira da Lei 3/2002, do 29 de abril, de medidas de réxime fiscal e administrativo.

Artigo 2º.-Solicitude e documentación para a homologación e inscrición.

Poderán solicita-la homologación e inscrición das máquinas de xogo de tipo A especial no rexistro de modelos aquelas empresas inscritas no rexistro de empresas como fabricantes, importadoras ou distribuidoras de máquinas de xogo. Para tal efecto a documentación que se deberá presentar será a seguinte:

A) Solicitude de homologación e inscrición, segundo anexo I da presente orde, dirixida ó director xeral de Interior e Protección Civil.

B) Tres exemplares da ficha técnica, segundo o anexo II da presente orde, cos seguintes datos:

a) Fotografía nítida en cor coa parte frontal da máquina.

b) Nome comercial do modelo da máquina.

c) Dimensións da máquina.

d) Custo da partida.

e) Nome da empresa solicitante (fabricante, importadora ou distribuidora).

f) Número de inscrición no rexistro de empresas de Galicia.

g) Domicilio social.

h) Número e data da licencia de importación, se é o caso.

i) Memoria descritiva do xogo xunto co do manual de instruccións co que se comercializa.

C) Dous exemplares, subscritos por técnico competente, dos planos da máquina e do seu sistema eléctrico.

D) Dous exemplares, subscritos por técnico competente, coa certificación da conformidade do mode

lo de máquina que se vaia homologar coas directivas europeas vixentes na materia.

E) Certificación expedida por organismo público ou entidade recoñecida pola Administración do Estado, autonómica ou de calquera Estado membro da Unión Europea e países asinantes do espacio económico europeo, acreditativa de que o modelo de máquina reúne as características técnicas especificadas no artigo seguinte.

Artigo 3º.-Requisitos xerais de homologación das máquinas tipo A especial.

Para ser homologadas e inscritas no rexistro de modelos terán que cumprir todos e cada un dos seguintes requisitos:

1. Teñen que ofrecer un tempo de xogo ou recreo non inferior a cinco segundos.

2. O prezo máximo da partida será de 0,20 euros.

3. O premio en especie que se pode obter non será de valor de mercado superior a dez euros.

4. Non poderá producirse ningún tipo de encadeamento ou secuencia de premios que teña como resultado a obtención de productos distintos ós expostos.

5. Os productos que entrege a máquina serán necesariamente os expostos nela, os cales deberán ser identificables desde o exterior e cumprirán os requisitos esixidos pola lexislación vixente para a súa comercialización e en ningún caso poderán ser alterados.

6. A máquina non permitirá a acumulación de partidas e só admitirá a introdución de moedas que teñan o mesmo valor co da partida.

7. Dentro de cada ciclo de 250 partidas a máquina deberá entregar polo menos un dos productos nela ofertados.

8. No taboleiro frontal deberán constar con claridade as regras do xogo e a prohibición para os menores de 18 anos, así como a advertencia de que o xogo pode producir adicción.

9. No suposto de máquinas con memoria electrónica, esta deberá ser imposible de alterar ou manipular.

10. As máquinas deberán incorporar todos aqueles dispositivos necesarios esixidos pola normativa vixente para garanti-la seguridade e a integridade física do usuario, así como a imposibilidade da manipulación dos seus mecanismos.

11. As máquinas non poderán ter instalado ningún dispositivo sonoro de reclamo mentres non se encontren en uso.

12. As máquinas nas que poidan intervir simultaneamente dous ou máis usuarios serán consideradas tantas máquinas como usuarios poidan xogar.

13. Deberán contar cun mecanismo de bloqueo que impida a introducción de moedas cando non dispoñan de productos para entregar.

14. As máquinas deberán incorporar contadores cerrados e protexidos contra calquera tipo de manipulación e han de posibilita-la súa lectura pola Administración. Así mesmo, os contadores deberán indicar:

a) Número de partidas xogadas.

b) Número de productos entregados.

Artigo 4º.-Guía de circulación.

Para solicita-la guía de circulación que ampare a titularidade e a legalidade da máquina concreta en canto á súa correspondencia cun modelo inscrito, empregarase o modelo normalizado que figura como anexo III da presente orde acompañado dos oportunos certificados do fabricante e facendo consta-los seguintes datos:

a) Nome do modelo.

b) Número da inscrición do modelo no rexistro.

c) Serie, data, e número da fabricación da máquina.

d) Nome e localidade da empresa fabricante ou importadora, número de inscrición da empresa no rexistro e NIF.

e) Titularidade da máquina e transferencias desta.

Artigo 5º.-Autorización de explotación e outros documentos.

A autorización para explotar este tipo de máquinas, de acordo co establecido na disposición transitoria terceira da Lei 3/2002, do 29 de abril, axustarase ó réxime de explotación previsto para as máquinas de tipo A no capítulo VI, sección 1ª do Regulamento de máquinas recreativas de azar de Galicia (artigos 51 ó 55 ) séndolles aplicable o disposto no artigo 53.3º do devandito regulamento no que toca á xustificación do pagamento da taxa fiscal e demais preceptos concordantes.

Para as restantes autorizacións será de aplicación a Orde do 27 de maio de 1998 pola que se aproban os modelos normalizados de solicitudes e de autorizacións previstas no Regulamento de máquinas, recreativas e de azar, en concreto, os modelos dos anexos XVI, XVII, XX, XXI e XXII que se refiren ás solicitudes de boletíns de instalación, emisión de boletín de instalación, comunicación de instalación, solicitude de autorización de explotación de máquinas e emisión da autorización de explotación de máquinas.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 31 de xaneiro de 2003.

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior e Administración

Local