Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 31 Xoves, 13 de febreiro de 2003 Páx. 1.622

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E ADMINISTRACIÓN LOCAL

ORDE do 12 de febreiro de 2003 de delegación de competencias en órganos centrais e periféricos da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local.

O Decreto 8/2003, do 18 de xaneiro, polo que se modifica a estructura orgánica da Xunta de Galicia, estableceu unha nova repartición de competencias entre as consellerías, que foi completado co Decreto 23/2003, do 20 de xaneiro, polo que se fixa a estructura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia. Na actividade da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local concéntranse diversas funcións arredor do seu titular que aconsellan adecua-las delegacións de competencias á nova estructura, coa finalidade de axiliza-la resolución dos asuntos en beneficio dunha xestión máis eficaz.

Facendo uso das facultades que me confire o artigo 43 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, e o artigo 72.4º do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado por Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro; e tendo en conta o disposto no artigo 13 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Delegación no secretario xeral.

1. Deléganse no secretario xeral as competencias que se relacionan a seguir, sen prexuízo das que son obxecto de delegación nos artigos 2 e 3 desta orde:

a) O despacho e resolución daqueles expedientes e asuntos de carácter administrativo que lle estean atribuídos ó titular da consellería.

b) Autorizar e dispoñe-los gastos xerais dos servicios da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local, así como o seu compromiso e liquidación, ata o límite dos créditos autorizados e non reservados á aprobación do Consello da Xunta de Galicia, solicitando da Consellería de Economía e Facenda a ordenación dos pagamentos.

c) As competencias que a lexislación vixente lle atribúe ó conselleiro como órgano de contratación.

d) A designación das comisións de servicio, con dereito a indemnización, previstas no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, do persoal dependente da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local.

e) As competencias que lle corresponden ó conselleiro en materia de persoal, agás as reservadas legalmente á competencia exclusiva daquel.

f) Dispoñer canto atinxe ó réxime interno da consellería cando non sexa competencia doutra dirección xeral.

g) A resolución dos recursos administrativos que lle correspondan ó conselleiro nos casos en que a delegación non estea prohibida expresamente.

h) As competencias que lle correspondan ó conselleiro en materia de funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional.

i) A designación de representantes da Comunidade Autónoma nos tribunais cualificadores de procesos selectivos de persoal para as entidades locais.

2. En caso de ausencia, vacante ou enfermidade do secretario xeral, as atribucións contidas nesta orde quedarán delegadas nos directores, seguindo a orde de prelación establecida no decreto que, en cada momento, regule a estructura orgánica da consellería, durante o tempo que persistan as devanditas causas.

Artigo 2º.-Delegación no director xeral de Interior e Protección Civil.

Deléganse no director xeral de Interior e Protección Civil as seguintes competencias:

a) A resolución dos expedientes que lle correspondan ó conselleiro en materia de casinos, xogos e apostas.

b) A resolución dos recursos administrativos interpostos contra resolucións dictadas polos delegados provinciais nas materias de asociacións, casinos, xogos e apostas.

Artigo 3º.-Delegación nos delegados provinciais da consellería.

Deléganse nos delegados provinciais da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local, no seu respectivo ámbito territorial:

a) As autorizacións das comisións de servicios con dereito a indemnización no ámbito provincial a todo o persoal adscrito ás delegacións.

b) A contratación das subministracións de bens funxibles con cargo ó capítulo II do orzamento, necesarios para o funcionamento diario dos centros e servicios xestionados polos órganos periféricos.

Artigo 4º.-Réxime xurídico.

1. O exercicio destas competencias delegadas axustarase ó disposto nos artigos 13 e 14 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e na Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, reformada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro.

2. As resolucións administrativas que se adopten facendo uso das delegacións efectuadas por esta orde farán constar expresamente esta circunstancia e consideraranse dictadas pola autoridade que as conferiu.

3. En calquera momento o conselleiro poderá avoca-lo exercicio das competencias que se delegan por esta orde.

4. Quedan excluídos, en todo caso, das delegacións contidas nesta orde, os supostos previstos no artigo 13.2º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e no artigo 44.2º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da

Xunta e do seu presidente, reformada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro.

Disposicións derrogatorias

1. Quedan derrogadas as seguintes disposicións:

Orde do 15 de setembro de 1999 sobre delegación de competencias en órganos centrais e periféricos da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais.

Orde do 29 de maio de 2002 sobre delegación de competencias no director xeral de Administración Local.

Orde do 8 de outubro de 2002 pola que se modifica a Orde do 15 de setembro de 1999 sobre delegación de competencias en órganos centrais e periféricos da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais.

2. Así mesmo, quedan derrogadas todas aquelas disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ó previsto nesta orde.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de febreiro de 2003.

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior

e Administración Local