Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 28 Luns, 10 de febreiro de 2003 Páx. 1.455

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 30 de xaneiro de 2003 pola que se regula o concurso público para a concesión de subvencións a asociacións e institucións privadas sen fin de lucro para fomenta-lo uso social da lingua galega.

De acordo co disposto na Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, a Xunta de Galicia promove o uso do galego, lingua propia de Galicia. Por isto, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, de acordo coa normativa vixente en materia de subvencións, fai pública a presente convocatoria, mediante a que pretende anima-las asociacións e institucións privadas sen fin de lucro a que realicen actividades encamiñadas a aumenta-lo uso social da lingua galega a partir do seu emprego no ámbito asociativo.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

A presente convocatoria ten por obxecto regular, para o exercicio do ano 2003, a concesión de subvencións en réxime de concorrencia competitiva a asociacións e institucións privadas sen fin de lucro para fomenta-lo uso social da lingua galega, a través da confección de documentación creativa, a realización de actividades directamente relacionadas co fomento do uso da lingua galega e a realización de actividades publicitarias, de acordo coas correspondentes bases específicas.

As actividades realizaranse desde a data de entrada en vigor da presente orde ata o 31 de outubro do ano 2003.

Artigo 2º.-Suxeitos.

Poderán solicita-la subvencións reguladas na presente orde tódalas institucións privadas sen fin de lucro legalmente constituídas e mailas entidades análogas.

Quedan excluídas as seguintes entidades:

a) As dependentes de entidades locais. Para os efectos da presente orde terán a condición de enti

dades locais as que gocen de tal carácter no artigo 3 da Lei 7/1985, do 2 de abril, de bases do réxime local.

b) As asociacións de pais de alumnos.

c) Os movementos de renovación pedagóxica que posúan tal cualificación.

d) As diferentes agrupacións das entidades citadas nos puntos anteriores.

Cada entidade solicitante poderá presentar un máximo de dous proxectos ó abeiro desta convocatoria, distribuídos preferentemente a razón dunha solicitude por base específica.

Artigo 3º.-Orzamento.

As subvencións concederanse con cargo á partida orzamentaria 07.06.353E.480.0, por unha contía total máxima de 601.012 euros, de acordo coas bases específicas.

Artigo 4º.-Órgano competente para a xestión das axudas.

Corresponderalle á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a través da Dirección Xeral de Política Lingüística, a realización das tarefas de xestión da presente convocatoria, sempre de acordo coa existencia de dispoñibilidades orzamentarias. Para isto crearase unha comisión de avaliación presidida polo director xeral de Política Lingüística, ou persoa en quen delegue, e composta polos seguintes membros:

-O subdirector xeral de Promoción e Ensino da Lingua Galega.

-A xefa do Servicio de Xestión e Promoción Lingüística.

-Un xefe de negociado ou de grupo.

-Un funcionario da Dirección Xeral de Política Lingüística, que actuará como secretario con voz e sen voto.

Artigo 5º.-Requisitos.

Os proxectos beneficiarios das subvencións outorgadas ó abeiro da presente orde deberán cumpri-los requisitos especificados nas correspondentes bases específicas e, así mesmo:

-Só se subvencionarán proxectos que estean correctamente realizados en galego, segundo o disposto na lexislación vixente (disposición adicional da Lei 3/1983, do 15 de xuño, e Decreto 173/1982, do 17 de novembro), e non poderán coincidir literalmente con outra lingua. En todo caso, e para estes efectos, a Dirección Xeral de Política Lingüística pon ó dispor dos adxudicatarios os seus servicios técnicos.

-Non se subvencionarán as accións que recibisen subvención nalgún dos tres exercicios anteriores ó de 2003 (2000-2002), agás no que se refire ás actividades de dinamización ou ás publicacións periódicas das entidades. Esta circunstancia deberá acreditarse inescusablemente no anexo da solicitude.

-Os proxectos achegados deberán ter un investimento mínimo de 900 euros por solicitude e, polo tanto, esta cifra deberá respectarse en cada unha das bases na que se encadren. Desestimaranse automaticamente os que non acaden o mínimo citado.

Artigo 6º.-Criterios de concesión.

Os criterios preferentes de concesión serán:

a) O carácter permanente da acción.

b) O ámbito de actuación da actividade que se pretende realizar, entendéndose coma tal tanto o sector xeográfico ó que afecta coma a súa incidencia no entramado socioeconómico. Isto será directamente proporcional á contía da subvención que se conceda (a maior raio de acción e importancia socioeconómica corresponderalle unha axuda máis elevada), sempre dentro das dispoñibilidades orzamentarias.

c) O grao de elaboración, a creatividade e a anovación da actividade susceptible de percibir unha axuda.

d) A utilización das novas tecnoloxías e os recursos achegados pola propia entidade para a realización da actuación prevista.

e) A adecuación do orzamento previsto ós valores medios reais de mercado (a veracidade do custo declarado).

Artigo 7º.-Valoración.

As propostas valoraranse de acordo coas correspondentes bases específicas e a seguinte táboa, con suxeición estricta ás dispoñibilidades orzamentarias da presente convocatoria:

Incidencia

grande

ATA...

Incidencia

media

ATA...

Incidencia

pequena

ATA...

Subvencións de ata 1.505 A1.505 A905 A605 A

Subvencións de ata 3.010 A3.010 A2.410 A1.810 A

Incidencia pequena: ámbito local ou grupal.

Incidencia media: ámbito comarcal ou provincial.

Incidencia grande: ámbito que abrangue a Comunidade Autónoma e/ou fóra desta.

Non obstante, por proposta motivada da comisión de avaliación, poderán concederse subvencións de ata 6.010 euros para aqueles proxectos de especial relevancia e interese, dificultade de realización, anovación, difusión social ou perdurabilidade temporal.

Artigo 8º.-Documentación.

As solicitudes, no modelo oficial, xunto coa documentación citada a seguir, presentaranse no rexistro xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria (edificio administrativo de San Caetano, Santiago de Compostela), no prazo de 40 días hábiles contados desde o día seguinte á publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia, ou por cal

quera dos procedementos establecidos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Os interesados presentarán a seguinte documentación e na orde que se cita:

1. Solicitude debidamente cuberta e asinada, utilizando o anexo I da presente convocatoria. A solicitude deberá especificar claramente as características dos proxectos, sendo estrictamente obrigatorio que tódolos puntos aparezan cubertos, coa finalidade de poder ser valorada pola comisión que se recolle no artigo 4º.

2. Acreditación da personalidade do solicitante e da súa representación, mediante fotocopia compulsada dos correspondentes estatutos e, se fose o caso, da resolución do órgano competente no que se lle concede a representación da entidade.

3. Fotocopia do CIF da entidade.

4. Certificado orixinal no que consten os datos bancarios completos, selado e asinado pola entidade financeira.

5. Memoria explicativa na que se detallen as actividades que integran os proxectos para os que se solicita a subvención, achegando a temporalización e a cuantificación das accións que se pretende desenvolver.

6. No caso da rotulación permanente e da rotulación ou impresión que teñan fins publicitarios deberá acompañarse o texto en galego que se pretende imprimir. O citado texto deberá vir corrixido por algún especialista en lingua galega, para isto a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria pon ó dispor de calquera entidade os seus servicios técnicos e o persoal dos gabinetes de normalización lingüística situados nas delegacións provinciais da consellería.

7. Declaración de conxunto de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas, para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes.

Artigo 9º.-Procedemento.

Recibida cada solicitude de subvención e a súa documentación, será analizada e, se é o caso, se requirirá ós solicitantes para que nun prazo de dez días hábiles emenden os posibles erros ou ausencias de documentación. Se transcorrido este prazo non se eliminaran as deficiencias observadas, as solicitudes arquivaranse sen máis trámite. Aquelas solicitudes que cumpran cos requisitos da orde de convocatoria serán valoradas pola comisión, segundo os criterios de valoración establecidos nos artigos 6 e 7, e os expresados nas bases específicas. O director xeral de Política Lingüística elevaralle a correspondente proposta correspondente ó conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, quen resolverá dentro das dispoñibilidades orzamentarias. A resolución comunicaráselle ós solicitantes e poralle fin á vía administrativa.

Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes, a partir do día seguinte ó da recepción da resolución polo solicitante, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 4/1999 (BOE do 14 de xaneiro), de modificación da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente o recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Entenderanse desestimadas as solicitudes, de non resolverse expresamente esta convocatoria no prazo de cinco meses contados a partir do día seguinte á súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 10º.-Aceptación da subvención e compromisos.

No prazo máximo de dez días contados a partir da notificación de cada resolución, as entidades seleccionadas terán que lle comunicar por escrito a súa aceptación da subvención concedida, e os compromisos que isto supón, á Dirección Xeral de Política Lingüística. A omisión desta comunicación dará lugar ó arquivo do expediente sen máis trámite.

Tamén por escrito e no mesmo prazo de dez días, deberán comunicarse á Dirección Xeral de Política Lingüística as renuncias ás subvencións concedidas, expresando as circunstancias polas que se producen.

Os beneficiarios das subvencións, unha vez aceptadas estas, quedarán obrigados a destina-los fondos percibidos para o obxecto concreto para o que foron concedidos e non poderán solicita-lo cambio para outro proxecto. Tamén teñen a obriga de lles facilitar ós servicios competentes da Dirección Xeral de Política Lingüística toda a información requirida. A Dirección Xeral de Política Lingüística poderá comprobar, cando o considere conveniente, a execución dos proxectos subvencionados.

Nas publicacións en soporte papel, audiovisual ou na rede, e unicamente nestes casos, constará, coa mesma técnica que os créditos da entidade promotora, o patrocinio da Xunta de Galicia, empregando para iso os logotipos aprobados pola imaxe corporativa. O texto deberá ser: «Subvencionado pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. Dirección Xeral de Política Lingüística». A utilización indebida e/ou incorrecta deste texto será motivo de perda da subvención.

Artigo 11º.-Xustificación.

O prazo improrrogable de xustificación e entrega da totalidade da documentación que a seguir se cita, nas condicións recollidas na presente orde, rematará o día 31 de outubro do ano 2003.

Ata esa data as entidades deberán remiti-la seguinte documentación á Dirección Xeral de Política Lingüística, xunto cun escrito no que se cite o número de expediente e os documentos remitidos:

1. Os xustificantes de gasto que se prevexan nas correspondentes bases específicas.

2. Xustificantes orixinais, ou fotocopia compulsada, dos gastos realizados, de acordo coa resolución de concesión e nos termos expresados no proxecto presentado, por un valor mínimo equivalente ó da axuda outorgada, excluído o IVE e, en calquera caso, a xustificación non poderá ser menor que o investimento mínimo esixido para a obtención das axudas. Unicamente se cursarán requirimentos no caso da existencia de facturas que presenten defectos de forma.

3. Só se admitirán xustificantes relativos a gastos de material e servicios necesarios para a realización da actividade subvencionada, consonte o expresado na memoria descritiva e no orzamento presentados xunto coa solicitude. Non terán a consideración de subvencionables, para cada unha das accións realizadas, os conceptos que a seguir se relacionan:

a) Adquisición de material inventariable (ordenadores, cámaras, etc.); consumibles (cartuchos de tinta, disquettes, carretes de fotografías, cintas, etc.); material de oficina (bolígrafos, sobres, papel, arquivadores, etc.).

b) Compra de libros, material didáctico ou vestiario, con distintos fins dentro das actividades que se propoñan.

c) Gastos de desprazamento, manutención e aloxamento, axudas de custo e quilometraxe.

d) Alugueres de locais e gastos correntes de funcionamento.

e) Gastos relativos á realización de cocktails e actos análogos.

f) O imposto sobre o valor engadido (IVE). Si será subvencionable cando a entidade acredite que non está dada de alta no imposto sobre o valor engadido, mediante certificación expedida pola correspondente axencia tributaria ou delegación do Ministerio de Economía e Facenda.

Admitiranse as nóminas de persoal, sempre que se xunte unha certificación na que se especifique a parte proporcional dedicada á elaboración das accións subvencionadas.

Na elaboración de revistas, voceiros, boletíns, folletos e similares, o gasto xustificarase con facturas expedidas por imprentas e coas relativas á súa distribución, se é o caso.

Para os efectos da distribución non serán válidas as facturas expedidas polo organismo oficial de Correos y Telégrafos, unicamente se aceptará a facturación emitida por outras empresas dedicadas á distribución.

As datas dos xustificantes estarán comprendidas entre a data de entrada en vigor da presente orde e o 31 de outubro do ano 2003.

4. Relación numerada dos xustificantes mencionados no punto anterior, que incluirá o número de factura, o emisor, a suma parcial folla por folla e a suma do total da relación.

5. Mostras materiais da realización do proxecto subvencionado (dossier de prensa, disquetes, publicacións, fotografías lexibles, vídeos, gravacións magnetofónicas, etc.) e do correcto emprego do galego nos termos do artigo 5 da presente orde.

6. Declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades. En caso afirmativo deberá expresa-los importes e a súa procedencia.

O incumprimento destas obrigas por parte do interesado dará lugar ó arquivo do expediente sen máis trámite.

Artigo 12º.-Libramento dos fondos.

Cumpridas correctamente as obrigas recollidas no artigo 11º, a Dirección Xeral de Política Lingüística proporá o libramento dos fondos de acordo coa normativa orzamentaria vixente.

Artigo 13º.-Perda da subvención.

Calquera alteración da actividade verbo dos datos que figuran no impreso de solicitude e calquera outro incumprimento das normas contidas na presente orde, terá como consecuencia a revogación da axuda. A entidade interesada terá que reintegra-las cantidades percibidas, se as houber, e mailos xuros de demora devengados desde o momento do seu pagamento.

No caso de que se lle conceda á entidade outra subvención por esta mesma finalidade no prazo de vigor da presente orde, a entidade terá que llo comunicar á Administración. A este respecto, é de aplicación o disposto no artigo 78.3º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, modificado pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa, segundo a cal o importe da subvención se minorará na contía das outras subvencións co límite do 100% do investimento subvencionado.

Bases específicas.

a) Confección de documentación creativa.

-O obxecto das subvencións é a elaboración de documentación creativa da entidade como programas informáticos para a xestión realizados integramente en galego, publicacións formato libro, bandas deseñadas, voceiros, folletos informativos, revistas e boletíns non publicitarios, actividades de creación audiovisual, realización de programas de radio e TV non publicitarios, etc.

b) Realización de actividades directamente relacionadas co fomento do uso da lingua galega.

-O obxecto das subvencións é a realización de todo tipo de actividades directamente relacionadas co fomento do uso da lingua galega, como actividades de animación sociocultural, elaboración de material lúdico, realización de certames, congresos, xornadas, premios, cursos (agás os de galego, que son obxecto doutra convocatoria), campañas divulgativas, etc. Se ben só percibirán subvencións aquelas accións cunha compoñente escrita significativa.

-Priorizaranse as accións que teñan por obxecto temas sociolingüísticos, educativos e literarios.

-As actividades que teñan idéntico desenvolvemento terán que se presentar englobadas nun único proxecto.

c) Realización de actividades publicitarias.

-O obxecto das subvencións é a publicidade da entidade en calquera soporte ou medio (mass media, folletos, cartelería, boletíns publicitarios, guías, calendarios, etc.), e, en especial, a realización de actividades audiovisuais total ou parcialmente publicitarias (por exemplo, a través da radio, a televisión, Internet, vídeos, etc.). Dentro desta base inclúense as actividades de rotulación, interior e/ou exterior de locais, vehículos, etc., se ben só se considerarán subvencionables as rotulacións que conteñan un texto significativo en galego normativo correcto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Política Lingüística para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de xaneiro de 2003.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria