Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 27 Venres, 07 de febreiro de 2003 Páx. 1.396

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 29 de xaneiro de 2003 pola que se clasifica como de interese sanitario a Fundación Mejor Sin Tabaco.

Visto o expediente de clasificación da Fundación Mejor Sin Tabaco, con domicilio na Coruña.

Supostos de feito.

1. A fundación formulou solicitude de clasificación para os efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A fundación foi constituída en escritura pública outorgada en Betanzos o día 28 de xaneiro de 2003, ante o notario León Miguel López Rodríguez, co número tres mil cento corenta e seis do seu protocolo, por José María Borro Mate, que intervén no seu propio nome e dereito.

3. Segundo consta no artigo 6 dos seus estatutos, o obxecto da fundación é abordar tódolos aspectos, principalmente os sanitarios e os sociais, relacionados co hábito tabáquico, aínda que nunha primeira fase o maior esforzo se destinará a consegui-la deshabituación do fumador.

4. O padroado da fundación estará integrado por José María Borro Mate como presidente, Antonio Insua Rodríguez como secretario, e Rafael Hervada Sandeliz como vocal.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de tódalas consellerías eleva ó conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, proposta de clasificación como de interese sanitario da Fundación Mejor Sin Tabaco, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, véndose cumpridos os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como interese sanitario e á súa adscrición á Consellería de Sanidade.

Fundamentos de dereito.

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. De acordo co disposto no artigo 32.2º c) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, correspóndelle a esta consellería a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

3. Á vista do que antecede, pódense considerar cumpridas as finalidades tanto legais como regulamentarias establecidas para o caso, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 28 de xaneiro de 2003.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril); a Lei 7/1983, do 22 de xuño e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da anterior, de réxime das fundacións de interese galego, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Clasificar como de interese sanitario a Fundación Mejor Sin Tabaco adscribíndoa á Consellería de Sanidade, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Santiago de Compostela, 29 de xaneiro de 2003.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia, Relacións

Institucionais e Administración Pública