Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 21 Venres, 31 de xaneiro de 2003 Páx. 1.123

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA E ASUNTOS MARÍTIMOS

ORDE do 30 de xaneiro de 2003 pola que se establecen novas medidas transitorias para facer fronte ás consecuencias do accidente do buque Prestige.

A prohibición da actividade pesqueira e marisqueira regulada, nun primeiro momento, pola resolución do conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos do 16 de novembro de 2002 fixo preciso adoptar de xeito inmediato medidas que compensasen ós armadores, ós tripulantes e ós mariscadores, así como ós redeiros e colaboradores familiares de embarcacións, ó persoal laboral das confrarías, ós operarios das lonxas e fábricas de xeo, e os comercializadores de primeiro nivel que puidesen demostra-la súa dependencia do recurso afectado, pola perda dos ingresos previstos.

Para os efectos, a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos publicou as ordes do 18 de novembro e do 11 de decembro de 2002, polas que se establecen medidas transitorias e urxentes para facer fronte ás consecuencias do accidente do buque Prestige. Así, desde o día 18 de novembro, estase a aboar a aqueles afectados mencionados no parágrafo anterior unha cantidade determinada por día de inactividade.

De acordo coa disposición transitoria segunda da Orde do 18 de novembro e tendo en conta a aparición de novos vertidos producidos polo accidente, emitíronse as sucesivas resolucións do 18, 20, 21, 22 e 24 de novembro, e 1, 2 e 4 de decembro de 2002 do conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos, ampliando a zona afectada pola prohibición da actividade pesqueira e marisqueira.

Desde a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos estanse a manter xuntanzas co sector afectado, coa finalidade de programa-las aperturas das zonas, dun

xeito gradual, e así non satura-los mercados nin baixa-los prezos a uns niveis que non fagan competitiva a explotación. Así mesmo, débese deixa-la posibilidade de volver á situación de peche se a situación empeora.

A favorable evolución da situación en determinadas zonas e para determinadas modalidades de traballo, segundo demostran as mostraxes e analíticas efectuadas polos técnicos correspondentes, fai necesario articula-las medidas que se aplicarán no reinicio paulatino das operacións normais de traballo de tal xeito que tampouco se produzan baixas excesivas de prezos no mercado destes productos tendo en conta que os primeiros meses do ano son de baixa demanda. A apertura de zonas permitirá volver á normalidade da actividade das lonxas pesqueiras situadas nas zonas que nalgún momento estiveron afectadas.

A resolución do conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos, do 30 de xaneiro de 2003, levantou a prohibición da actividade marisqueira en distintas zonas afectadas polo accidente do buque Prestige.

É polo que,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Establécese un programa de reinicio da actividade, para favorecer unha incorporación paulatina á actividade profesional pesqueira e marisqueira en determinadas zonas das augas competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, e compensar parcialmente os ingresos previstos no caso de non acontece-lo sinistro do buque Prestige.

Este programa, de carácter excepcional, establece que durante o mes de febreiro, se aboará unha axuda para armadores enrolados, tripulantes e mariscadores de 600 euros.

Así mesmo, os armadores propietarios de buques poderanse beneficiar durante o mes de febreiro dunha axuda calculada de acordo coa seguinte fórmula:

Axuda = (21 euros+4,75 eurosxTRB de arqueo)x15.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

Incluiranse como beneficiarios no programa de reinicio da actividade, aqueles profesionais afectados que xa teñan recoñecido o dereito a percibi-las axudas ó amparo da Orde do 18 de novembro de 2002, pola que se establecen medidas transitorias e urxentes para facer fronte ás consecuencias do accidente do buque Prestige, e que reinicien a actividade pesqueira e marisqueira, e teñan o porto base nunha das zonas incluídas na resolución do conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos, do 30 de xaneiro de 2003, pola que se levanta a prohibición da actividade marisqueira en distintas zonas afectadas polo accidente do buque Prestige.

Artigo 3º.-Solicitudes.

A efectos de solicitudes desta liña de axudas, considerarase a presentada ó amparo da Orde do 18 de novembro de 2002, pola que se establecen medidas transitorias e urxentes para facer fronte ás consecuencias do accidente do buque Prestige.

A aquelas embarcacións que, de acordo coa resolución do conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos, do 30 de xaneiro de 2003, reiniciasen a súa actividade profesional, eximiráselles da obriga de manter depositado o rol da embarcación na Capitanía Marítima.

Artigo 4º.-Compatibilidade das axudas.

Estas axudas, que serán compatibles cos ingresos que se produzan polo desenvolvemento da actividade profesional, son incompatibles co recoñecemento do dereito á protección por desemprego e co resto das prestacións do sistema da Seguridade Social non compatibles co traballo do beneficiario.

Artigo 5º.-Remate das axudas establecidas na Orde do 18 de novembro.

Tendo en conta a posibilidade do levantamento da prohibición da actividade pesqueira de arrastre na franxa das 12 millas contadas desde as liñas de base rectas, desde a fronteira marítima con Portugal, na desembocadura do Miño, ata o meridiano 08º 02' 5W (Punta Candelaria), a flota de arrastre con porto base en Galicia, tanto armadores como tripulantes, deixarán de percibi-las axudas establecidas na Orde do 18 de novembro, modificada pola Orde do 3 de decembro de 2002, pola que se establecen medidas transitorias e urxentes para facer fronte ás consecuencias do accidente do buque Prestige, no momento da entrada en vigor da orde do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación que levante a prohibición.

Artigo 6º.-Remate das axudas establecidas na Orde do 11 de decembro.

A apertura das zonas, establecidas pola resolución do conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos, do 30 de xaneiro de 2003, pola que se levanta a prohibición da actividade marisqueira en distintas zonas afectadas polo accidente do buque Prestige, permitirá volver á normalidade das lonxas pesqueiras situadas nas zonas nas que se levanta a prohibición da actividade pesqueira e marisqueira, polo que deixarán de ser beneficiarios das axudas, aqueles que o foran ó amparo da Orde do 11 de decembro de 2002, modificada pola Orde do 19 de decembro, pola que se establecen medidas que complementan as axudas establecidas na Orde do 18 de novembro, modificada pola Orde do 3 de decembro de 2002, pola que se establecen medidas transitorias e urxentes para facer fronte ás consecuencias do accidente do buque Prestige.

Disposición transitoria

Estas axudas poderán ser modificadas, ampliadas ou prorrogadas por resolución expresa do conselleiro

de Pesca e Asuntos Marítimos, caso de manterse ou variarse as circunstancias que o orixinaron.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de xaneiro de 2003.

Enrique César López Veiga

Conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos