Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 19 Mércores, 29 de xaneiro de 2003 Páx. 1.051

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 5 de decembro de 2002, da Dirección Xeral de Relacións Laborais, pola que se dispón a inscrición no rexistro e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo da empresa Nea Acsagal, S.L.U.

Visto o texto do convenio colectivo de ámbito interprovincial da empresa Nea Acsagal, S.L.U. (código de convenio nº 8200722), que se subscribiu coa data do 18 de setembro de 2002, entre a representación da empresa e os representantes dos traballadores, e de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, e no Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo.

Esta dirección xeral

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la inscrición do devandito convenio colectivo no rexistro xeral de convenios desta dirección xeral.

Segundo.-Remiti-lo texto orixinal ó correspondente servicio deste centro directivo.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de decembro de 2002.

Pilar Cancela Rodríguez

Directora xeral de Relacións Laborais

Convenio colectivo sindical de ámbito

interprovincial para la empresa

Nea Acsagal, S.L.U.

Artigo 1º.-Ámbito.

O presente convenio colectivo regulará a partir da súa entrada en vigor as relacións laborais de todo o persoal da empresa Nea Acsagal, S.L.U., e de tódalas súas filiais e matrices, na totalidade de sus centros de traballo da Coruña e Lugo e das que no futuro poidan abrirse.

Artigo 2º.-Vixencia e duración.

Este convenio entrará en vigor o 1 de xaneiro de 2001, con independencia da data de publicación no boletín oficial correspondente, manterase en vigor o 31 de decembro de 2002 e tódalas melloras entenderanse desde o 1 de xaneiro de 2001.

O convenio poderá denunciarse cun mes de antelación á data de expiración. Denunciado o convenio e ata que se chegue a un novo acordo manterase o texto del. De non mediar denuncia por calquera das partes contratantes o convenio prorrogarase pola tácita de ano en ano e tódolos conceptos económicos incrementaranse co IPC previsto, revisándose en caso de que o IPC real dese ano supere o previsto na Lei de orzamentos e pola cuantía do dito exceso; esta revisión terá efecto desde o 1 de xaneiro do ano de aplicación.

Artigo 3º.-Garantía ad personam.

Entenderanse as condicións persoais en concepto de retribucións de calquera clase que, estimadas no seu

conxunto e cómputo anual, sexan máis beneficiosas que as tipificadas no presente convenio colectivo, manténdose estrictamente ad personan.

Artigo 4º.-Período de proba.

Sempre que así se faga constar no contrato de traballo, a admisión de novo persoal será a título de proba, que comprenderá os seguintes períodos referidos ós distintos grupos de persoal:

Servicio posvenda: 30 días.

Administrativos: 30 días.

Técnicos comerciais: 90 días.

Software: 90 días.

Non cualificados: 10 días.

Durante o período de proba calquera das partes poderá resolve-lo contrato sen prazo de aviso previo nin indemnización ningunha.

Artigo 5º.-Horas extraordinarias.

Como norma prohíbense as horas extraordinarias ou estructurais. En calquera caso e por aglomeración de traballo e urxencia de terminación del, poderanse pactar estas de forma individual así como a súa compensación económica ou mediante o desfrute de tempo libre. En ningún caso se poderán efectuar máis horas extras cás permitidas pola lexislación vixente.

Artigo 6º.-Axudas de custo.

A axuda de custo ou pensión alimenticia queda establecida da seguinte forma:

Media axuda de custo (xantar):

* 1.500 pesetas (9,02 euros).

Media axuda de custo (cea):

* 1.500 pesetas (9,02 euros).

Para pernoitar poderase utilizar un hotel ou residencia de ata tres estrelas, a xustificar. Se non houbese posibilidade de encontrar aloxamento da dita categoría, ou non dispuxese esta de habitación libre, poderase utilizar hotel ou residencia de categoría superior e baixo as mesmas condicións de xustificación.

Artigo 7º.-Condicións específicas do persoal comercial.

Existirá un sistema de incentivos para o persoal comercial da empresa. Este sistema negociarase coa representación legal dos traballadores antes de que termine o ano 2002. Ata que non se estableza o dito sistema manterase o sistema actual.

Artigo 8º.-Incapacidade laboral transitoria.

A todo o persoal que se encontre en situación de ILT, derivada de enfermidade común ou profesional, accidente laboral extralaboral, a empresa completaralle as percepcións que por estes conceptos perciba ata o límite en todo caso do 100% do salario real medio dos últimos doce meses.

En ningún caso o total da percepción neta en situación de ILT será superior ó percibido en situación de alta.

A empresa resérvase o dereito de confirmar a través dos servicios inspectores da Seguridade Social as baixas emitidas.

Artigo 9º.-Quilometraxe.

Compensarase segundo as normas vixentes ós empregados que, de acordo coa empresa, utilicen o coche

como instrumento de traballo ó servicio dela, aboando o prezo por quilometraxe recorrido a:

Vintecinco pesetas (25) pesetas (0,15 euros). En caso de suba do combustible estudiaríase a porcentaxe dela por quilómetro.

Artigo 10º.-Garantía do posto de traballo.

O persoal en postos de traballo a extinguir deberá ser formado noutros similares, coas garantías necesarias para acceder a estes, e de acordo co comité de empresa ou delegado de persoal, nestas formacións.

Como medida de protección ó posto de traballo, non poderán realizarse traballos fóra do ámbito da empresa se esta dispuxese de persoal especializado para a realización deles. En todo caso e se, por circunstancias especiais, a empresa considerara necesario realizar traballos fóra dela requirirase o informe previo ó comité de empresa ou delegado de persoal.

Como medida de reducción do paro e a partir da entrada en vigor do presente convenio, non poderá contratarse persoal que estea dado de alta na Seguridade Social noutra empresa.

Nos supostos en que a maxistratura de traballo declare improcedente un despedimento e inmediatamente que a sentencia se asine, a empresa obrígase, salvo acordo co traballador, á readmisión naqueles casos nos que o despedimento se basease na afiliación ou actuación política ou sindical do traballador sancionado.

Artigo 11º.-Cursos nacionais de formación.

Nos cursos de formación profesional e reciclaxe que a empresa organice en territorio nacional rexerá a seguinte normativa:

a) Os gastos de desprazamento serán por conta da empresa.

b) O traballador poderá elixi-lo medio de transporte, sempre que estea á hora de comezo do curso no lugar sinalado e que o saído pola empresa para o seu desprazamento non supoña un custo maior que o dos medios públicos de transporte existentes para efectuar tal desprazamento (avión, tren, etc.).

c) Por cada mes de curso, o traballador desfrutará dunha fin de semana no seu domicilio, correndo por conta da empresa os gastos de desprazamento.

d) Se a duración do curso nacional fose superior a tres meses, o traballador poderá retornar ó seu centro e posto de traballo, permanecendo nel durante unha semana.

Artigo 12º.-Pagas extraordinarias.

As datas de aboamento das pagas extraordinarias serán:

31 de marzo.

30 de xuño.

15 de outubro.

15 de decembro.

Artigo 13º.-Vacacións.

O persoal afectado polo presente convenio desfrutará de vintitrés días laborables de vacacións anuais, a partir dun ano de antigüidade; para efectos de cálculo dos días laborables, o sábado será considerado como festivo. As vacacións poderán ser desfrutadas en forma interrompida ou fraccionada a petición do traballador e de acordo coa empresa.

Se por solicitude da compañía se interrompen as vacacións e con iso se causa un prexuízo económico ó traballador, este será reintegrado de tal prexuízo, sempre que haxa pola súa parte advertencia previa e posterior xustificación deste.

Por outra parte, o traballador desfrutará dun día máis de vacacións cando tal interrupción, pedida pola empresa, sexa inferior ou igual a cinco días, e de dous días máis se excede de cinco días, en ámbolos casos laborables.

Nos casos de liquidación por finiquito, ó importe da cantidade devengada en concepto de vacacións agregaráselle a parte proporcional dos festivos comprendidos no dito aboamento.

A empresa obrígase a notificar, de acordo cos representantes dos traballadores, as datas de vacacións con dous meses de antelación.

Artigo 14º.-Permisos.

Seguirase neste punto o establecido na lexislación vixente, coa salvidade de que o traballador que o solicite terá dereito a un número de días de permiso non retribuídos ou á conta das súas vacacións anuais (a opción do traballador), para asuntos propios e non superior a seis días ó ano. Estes días non serán consecutivos, salvo acordo coa dirección e para o seu desfrute será preciso que a coincidencia do número de persoas que utilicen este dereito simultaneamente no centro de traballo non prexudique en forma apreciable o normal funcionamento del.

O traballador, logo de aviso e xustificación, poderá ausentarse do traballo, con dereito a remuneración, por algún dos motivos e polo tempo seguinte:

a) Quince días naturais en caso de matrimonio.

b) Tres días nos casos de nacemento dun fillo ou enfermidade grave ou falecemento de parentes ata segundo grao de consanguinidade ou afinidade. Cuando con tal motivo o traballador necesite facer un desprazamento fóra da provincia, para tal efecto, o prazo será de cinco días.

Artigo 15º.-Maternidade.

O persoal que por razón de maternidade necesite imprescindiblemente supera-los prazos de descanso legalmente establecidos, poderá solicitar unha excedencia na forma e condicións establecidas na lexislación vixente, coa única salvidade de que o seu reingreso se producirá na data en que o solicite, con aviso previo mínimo de dous meses, esta reincorporación producirase nun posto de traballo adecuado á súa categoría profesional.

Se fose necesaria a contratación doutro persoal para tal período de descanso e excedencia, se é o caso, entenderase sempre que a persoa substituta se contratou co carácter de interina e cesará a súa relación laboral coa empresa ó producirse o retorno da substituída.

Artigo 16º.-Enfermidade dos fillos.

Os traballadores gozarán de permiso non superior a dez días anuais, interrompidos ou non, para atender enfermidades graves e xustificadas dos seus fillos; os días terán a seguinte remuneración:

* Primeiro e segundo día: aboables ó 100%.

* Terceiro e cuarto día: aboables ó 70%.

* Quinto, sexto, sétimo e oitavo día: aboables ó 40%.

* Noveno e décimo día: non retribuídos.

Artigo 17º.-Revisión médica.

A empresa seguirá ordenando pola súa conta a revisión médica anual para todo o persoal da organización.

Independentemente do anterior, tódalas traballadoras que o desexen terán dereito a unha revisión xinecolóxica anual, a cargo da empresa ata un máximo de 10.000 pesetas, (60,10 euros) logo de xustificante de pagamento.

Artigo 18º.-Visita médica.

O persoal que teña necesidade de asistir a consultas de especialistas alleos á Seguridade Social poderá acudir a elas, logo de autorización do seu xefe inmediato e sen perda de remuneración sempre que non sexa posible efectualo fóra das horas de traballo.

Para que estas consultas se entendan comprendidas no parágrafo anterior será indispensable a achega de xustificantes de terse realizada a visita médica.

Artigo 19º.-Xornada de traballo.

A xornada de traballo será de 40 horas semanais, salvo na denominada «xornada de verán» que será de 35 horas semanais. A distribución farase da seguinte maneira:

Horario de inverno: 8.30 horas a 14 horas/16 horas a 18.30 horas.

Horario de verán:

10 de xuño ó 13 de setembro de 2002: de 8 horas a 15 horas.

En tódolos casos de luns a venres.

Artigo 20º.-Incremento salarial.

O incremento de masa salarial aboada pola empresa durante o ano 2000, composta por: salario base, prima de producción, antigüidade e complemento de transporte crece para o 2001 nun 2%. Os salarios inferiores a 2.500.000 (excepto persoal de vendas) terán unha suba engadida de 16.000 pesetas brutas anuais. O importe resultante da suba dos complemento será incrementado ó salario base. Sen prexuízo do punto anterior, no caso de que o índice de prezos ó consumo IPC, establecido polo INE rexistrase ó 31 de decembro de 2001, unha suba superior ó 2%, actualizaranse os salarios con carácter retroactivo desde o 1-1-2001. Os atrasos do IPC unha vez coñecido cobraranse nunha soa paga.

Malia o anterior, esta cláusula queda sen efecto ata o 28-2-2003, data na que se decidirá segundo a situación económica da empresa referida única e exclusivamente ó exercicio do ano 2002.

Artigo 21º.-Antigüidade.

Mantense o valor de 2.300 pesetas por quinquenio.

Artigo 22º.-Dereitos sindicais.

Serán todos aqueles de elección e representación que estipule a lei en cada momento coas melloras adicionais que a continuación se detallan:

Dúas reunións anuais para tódolos traballadores dentro das horas de traballo.

Artigo 23º.-Transporte.

Os empregados de Nea Acsagal, S.L.U. dos departamentos de SPV, almacén e administración percibirán como compensación ó transporte a cantidade de 6.277 pesetas (37,73 euros), mensuais, é dicir, 12 veces no ano.

Artigo 24º.-Comisión paritaria de vixencia e aplicación.

A comisión paritaria para resolve-las cuestións que se deriven da aplicación deste convenio estará integrada por:

Manuel Porto, vocal empresa.

Víctor Molinos García, vocal traballadores.

Artigo 25º.-Absorción e compensación.

As disposicións legais que se dicten durante la vixencia do presente convenio e que supoñan tanto unha variación económica, como a xornada, vacacións ou calquera outra das materias reguladas neste convenio, ou con existencia xa de feito nas relacións de traballo da empresa, unicamente terán eficacia en tanto en canto, consideradas na súa totalidade, superasen no ámbito individual e en cómputo anual as preexistentes en Nea Acsagal, S.L.U. debendo entenderse en caso contrario absorbidas na súa totalidade polas melloras actuais ou pactadas neste convenio.

Este convenio representa unha unidade cerrada no seu conxunto, de tal forma que calquera situación individual que poida ser regulada dentro del, terá que interpretarse no seu contexto e en valoración anual, entendéndose que tódalas melloras ou situacións persoais que poidan alegarse como prexuízo individual terán que contemplarse xustamente cos beneficios que se obteñan da aplicación total deste convenio.