Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 17 Luns, 27 de xaneiro de 2003 Páx. 989

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 4 de decembro de 2002, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se autoriza administrativamente, se aproba o proxecto de execución e se declara de utilidade pública, en concreto, a subestación eléctrica de Faro, no termo municipal de Chantada, provincia de Lugo. (Expediente 13/2002 A.T.).

Examinado o expediente instruído por instancia de Guillermo Planas Roca en nome e representación

da empresa Enerfín, S.A.-Grupo Elecnor, con NIF nº A48-904.916 e con domicilio para efectos desta solicitude na praza Manuel Gómez Moreno s/n, edificio bronce 6ª planta, 28020 de Madrid, resultan os seguintes antecedentes de feito:

Primeiro.-Con data 24 de maio de 2002 Enerfín, S.A.-Grupo Elecnor solicita a autorización administrativa, a aprobación do proxecto de execución e a declaración de utilidade pública da citada instalación, achegando a documentación establecida para o efecto polo Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Segundo.-As características técnicas básicas da instalación segundo o proxecto de execución subscrito polo enxeñeiro industrial Guillermo Planas Roca e visado polo Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia co número 449/2002 son as seguintes:

Subestación transformadora 132/30 kV para a evacuación da enerxía xerada polos parques eólicos de Chantada, Farelo, Monte Cabeza e Penas Grandes, composta por unha posición de barras de 132 kV, dous posicións de liña de 132 kV, tres transformadores principais 132/30 kV de 50, 40 e 15 MVA ONAF de potencia nominal unitaria e dous transformadores para servicios auxiliares 30/0,4 kV de 125 kVA ONAN de potencia nominal unitaria, todo cos correspondentes equipamentos de control, seccionamento, manobra, medida e protección. O custo da instalación será de 3.862.081,69 euros.

Terceiro.-O proxecto someteuse a información pública para os efectos previstos no Real decreto 1955/2000, de 1 de decembro, xa dito, mediante resolución da Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio de Lugo do 10 de setembro de 2002, publicada no DOG do 30 de setembro, no BOP de Lugo do 30 de setembro, no xornal El Progreso do 25 de setembro e no taboleiro de anuncios do Concello de Chantada. Así mesmo, comunicouse individualmente esta solicitude ós interesados incluídos na relación de bens e dereitos afectados.

Cuarto.-Durante o período en que se someteu a trámite de información pública, María Novoa Otero, domiciliada en Eira da Concha 9, 15173-Santa Cruz, Oleiros (A Coruña) presentou a seguinte alegación:

Que ó ser unha das afectadas no presente expediente, e considerando que non hai nada na contorna

que xustifique a urxente ocupación do predio en cuestión, solicita que non se leve a cabo a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados e se leve a cabo unha expropiación ordinaria, chegando primeiro a un acordo no prezo e producíndose, posteriormente, a ocupación daqueles.

Quinto.-A solicitude obxecto deste expediente recibiu informe favorable da Delegación Provincial de Lugo.

Fundamentos de dereito.

Primeiro.-A Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas é competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia, Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, o Decreto 132/1982, do 4 de novembro, o Decreto 15/2002, do 24 de xaneiro, polo que se establece la estructura orgánica da Consellería de Industria e Comercio, en relación co Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, e a Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico.

Segundo.-Á vista da alegación presentada por María Novoa Otero, da contestación dada á mesma por parte da empresa promotora e do resto de documentación do expediente queda de manifesto que:

-Segundo o artigo 52 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, decláranse de utilidade pública as instalacións eléctricas de xeración, transporte e distribución de enerxía eléctrica, para efectos de expropiación forzosa dos bens e dereitos necesarios para o seu establecemento e da imposición e exercicio da servidume de paso. A devandita declaración, segundo o artigo 54 da mesma lei, leva implícita a necesidade de ocupación dos bens ou adquisición dos dereitos afectados e implicará a urxente ocupación.

-O terreo afectado queda definido no proxecto da dita instalación.

-A valoración da afección das parcelas corresponde á fase de prezo xusto, a cal será posterior á da declaración de utilidade pública que nos afecta.

Por outra parte, hai que facer constatar que a empresa promotora, Enerfín, S.A.-Grupo Elecnor, alcanzou acordo amigable con Josefina Saa Vázquez, propietaria afectada posta de manifesto na información pública do proxecto que nos afecta.

Terceiro.-No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites regulamentarios.

Esta dirección xeral, de acordo co que antecede e no exercicio das competencias que ten atribuídas,

RESOLVE:

-Autoriza-la subestación eléctrica de Faro no termo municipal de Chantada (Lugo).

-Aproba-lo proxecto de execución da instalación anteriormente autorizada.

-Declarar de utilidade pública, en concreto, a instalación eléctrica da subestación eléctrica de Faro.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, cabe interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Industria e Comercio no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da notificación desta resolución, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que coiden pertinente.

Santiago de Compostela, 4 de decembro de 2002.

Ramón Ordás Badía

Director xeral de Industria, Enerxía e Minas

CONSELLERÍA DE POLÍTICA AGROALIMENTARIA E

DESENVOLVEMENTO RURAL