Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 15 Xoves, 23 de xaneiro de 2003 Páx. 882

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 26 de decembro de 2002 pola que se autorizan as instalacións electromecánicas, se declara a utilidade pública, en concreto, se aproba o proxecto de execución e se recoñece a condición de instalación acollida ó réxime especial do parque eólico denominado Álabe-Labrada e se declara a súa compatibilidade co permiso de investigación denominado Togiza 5531 e coa solicitude de concesión de explotación Togiza 5531.2. (Expediente 061/EOL).

Examinado o expediente instruído por pedimento de Acciona Eólica de Galicia, S.A. con enderezo para efectos de notificacións en parque empresarial La Moraleja, avda. de Europa nº 18, 28108 Alcobendas-Madrid, sobre autorización de instalacións e utilidade pública do parque eólico denominado Álabe-Labrada; resultan os seguintes antecedentes de feito:

Primeiro.-O 4 de outubro de 2000, Juan Antonio Alonso Comerma, en nome e representación de Acciona Eólica de Galicia, S.A., solicitou a autorización administrativa, aprobación de proxecto de execución, recoñecemento da condición de instalación acollida ó réxime especial de producción de enerxía eléctrica, declaración de utilidade pública en con

creto e aprobación do proxecto sectorial do parque eólico denominado Álabe-Labrada, de 18,75 MW, achegando a documentación establecida para o efecto polo Decreto 2617/1966, do 20 de outubro, sobre autorización de instalacións eléctricas, e 2619/1966, de 20 de outubro, sobre expropiación forzosa e sancións en materia de instalacións eléctricas, ambos de aplicación ó presente expediente en virtude do disposto na disposición transitoria décimo primeira do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, e o Decreto 205/1995, do 6 de xullo, polo que se regula o aproveitamento da enerxía eólica na Comunidade Autónoma de Galicia, de aplicación ó presente expediente en virtude do disposto na disposición transitoria terceira do Decreto 302/2001, do 25 de outubro, polo que se regula o aproveitamento da enerxía eólica na Comunidade

Autónoma de Galicia, e o Real decreto 2818/1998, do 23 de decembro, sobre producción de enerxía eléctrica por instalacións abastecidas por recursos ou fontes de enerxía renovables, residuos e coxeración.

Segundo.-O proxecto someteuse a información pública para os efectos previstos no Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación de impacto ambiental para Galicia, Decreto 327/1991, do 4 de outubro, de avaliación de efectos ambientais para Galicia, artigos 53 e 54 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico; decretos 2167 e 2619/1966, xa mencionados, artigo 25 da Lei 10/1995, de ordenación do territorio de Galicia, e o Decreto 205/1995, polo que se regula o aproveitamento da enerxía eólica en Galicia, mediante resolución da Delegación Provincial de Industria de Lugo do 23 de xaneiro de 2001, publicada no BOP de Lugo do 1 de febreiro, no DOG do 5 de febreiro, o diario El Progreso do 30 de xaneiro, diario La Voz de Galicia do 4 de febreiro, Boletín Oficial del Estado do 1 de febreiro e nos taboleiros de anuncios do Concello de Abadín e déuselles coñecemento ós afectados mediante a oportuna notificación individual.

Durante o período de información pública Manuel Fernández Blanco, en representación de Cubiertas de Pizarra Reunidas y Agrupadas de Exportación, S.A. (Cupire-Padesa), manifesta:

a) Oponse á autorización administrativa, declaración de utilidade pública, aprobación do proxecto de execución e proxecto sectorial das instalacións do parque que afecten o permiso de investigación Togiza 5531, do que é cotitular xunto coa empresa Revestimientos Naturales, S.L.

b) Indica que os organismos afectados e dependentes da consellería deben efectuar un estudio técnico que determine o risco que se podería ocasionar pola instalación do parque no lugar proposto se non respectasen as distancias áticas respecto á zona de investigación e posterior explotación mineira.

c) No caso de que se concedese a declaración de utilidade pública, se denegue a urxente ocupación para os efectos de expropiación forzosa, seguíndose o procedemento xeral da Lei de expropiación forzosa, así como a inclusión do permiso de investigación na relación de bens e titulares afectados.

Terceiro.-O 11 de outubro de 2001, a Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio de Lugo emitiu informe favorable sobre o citado proxecto, coas seguintes características básicas:

Localización e coordenadas poligonais:

NomeMunicipioVértices

XY
Álabe-LabradaAbadín0.623.729,004.809.786,00
0.623.870,004.809.705,00
0.623.585,004.809.210,00
0.625.105,004.808.835,00
0.625.305,004.808.500,00
0.622.415,004.808.715,00
0.621.365,004.809.385,00
0.621.055,004.809.285,00
0.620.570,004.810.370,00
0.620.951,004.810.338,00
0.621.215,004.809.760,00
0.622.015,004.809.940,00

Nº de aeroxeradores: 25.

Potencia unitaria por aeroxerador: 750 kW.

Xeradores: NEG-MICON NM750/44 e NM750/48

Potencia total instalada: 18,75 MW

Producción anual estimada: 43.755 MWh/ano.

Investimento previsto: 15.158.849,2 euros.

Características técnicas da infraestructura eléctrica de transformación e interconexión:

-25 centros de transformación de 1.000 kVA de potencia unitaria e relación de transformación 0,69/20 kV, instalados unitariamente en interior de torre de aeroxerador coa súa correspondente paramenta de seccionamento, manobra e protección.

-Liñas de media tensión subterráneas para evacuación de enerxía a 20 kV, de interconexión entre centros de transformación e centros de recollida de media tensión.

-3 centros de recollida de media tensión para optimización de transporte de enerxía dotados cada un de transformador para servicios auxiliares e da súa correspondente paramenta de seccionamento, manobra e protección.

-Liñas de media tensión subterráneas para evacuación de enerxía a 20 kV, de interconexión entre centros de transformación e centros de recollida de media tensión e subestación transformadora 20/132 kV.

-Subestación transformadora 20/132 kV para evacuación de enerxía producida no parque eólico Álabe-Labrada, composta por un transformador principal 20/132 kV de 25 MVA ONAF de potencia nominal e un transformador para servicios auxiliares 20/0,4 kV de 100 kVA de potencia nominal cos correspondentes equipos de control, seccionadores, manobra, medida e protección.

Cuarto.-O 23 de agosto de 2001, o promotor presentou escrito na Delegación Provincial de Industria e Comercio de Lugo no que solicitaba a modificación do proxecto do citado parque eólico, reformando o sistema de recollida de enerxía eléctrica de media tensión, eliminando os centros de media tensión e reducindo as afeccións ás propiedades nas que se asentaban.

Quinto.-O 15 de novembro de 2001, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental resolveu formula-la declaración de impacto ambiental do citado parque eólico, na cal se fixan as posicións de 22 aeroxeradores, quedando a posición dos aeroxeradores L-1101, L-1102 e L-1103 pendente de recolocación e posterior informe e quedando pendente a presentación e o posterior informe dunha solución alternativa para efectua-lo acceso ás vías de nova construcción LA-21 e LA-22.

Sexto.-Con data do 10 de xaneiro de 2002, ábrese por parte da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas dentro do expediente de declaración de utilidade pública, peza separada co obxecto de determina-la compatibilidade ou incompatibilidade da actividade de producción de enerxía eléctrica no parque eólico denominado Álabe-Labrada coa explotación dos recursos minerais existentes no ámbito territorial afectado. As partes presentaron durante o prazo establecido para o efecto as alegacións e xustificacións que estimaron pertinentes.

Sétimo.-O expediente incluíuse de forma automática dentro do conxunto de solicitudes presentadas á primeira convocatoria anual do artigo 15 do Decreto 302/2001. Por Resolución do 19 de abril de 2002 desta consellería acordouse que proseguise a tramitación administrativa de autorización deste parque eólico.

Oitavo.-O 15 de abril de 2002 o promotor presentou documento na Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas no que propoñía novas medidas correctoras, adaptadas ás esixencias da declaración de impacto ambiental e solicitaba o informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural para as obras de implantación dos aeroxeradores L-1101 a L-1103 e infraestructuras asociadas e as obras de adecuación do camiño principal de acceso ó parque eólico (acceso ás vías de nova construcción LA-21 e LA-22), así como a modificación da declaración de impacto ambiental no dito sentido.

Noveno.-O 14 de xuño de 2002, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural informou para permiti-la execución das obras de implantación dos aeroxeradores L-1101 a L-1103 cunha serie de condicionantes que se van incluír na declaración de impacto ambiental e permiti-las obras proxectadas na zona da Conca de Xestido (acceso ás vías de nova construcción LA-21 e LA-22), de acordo coa proposta presentada.

Décimo.-O 3 de xullo 2002, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental resolveu modifica-la declaración de impacto ambiental do proxecto de parque eólico Álabe-Labrada, permitindo executa-las obras proxectadas dos aeroxeradores L-1101 a L-1103 e as súas infraestructuras asociadas, así como o acondicionamento de pistas preexistentes para efectua-lo acceso ás vías de nova construcción LA-21 e LA-22, cunha serie de condicionantes.

Décimo primeiro.-O 24 de setembro de 2002, Acciona Eólica de Galicia, S.A. solicita que lle sexa de aplicación o procedemento establecido no Decreto 302/2001, do 25 de outubro, xa citado.

Décimo segundo.-Con data do 11 de decembro de 2002, a Subdirección Xeral de Enerxía e Recursos Minerais, examinado o citado expediente, emite informe favorable sobre a compatibilidade da actividade de producción de enerxía eléctrica no parque eólico denominado Álabe-Labrada co permiso de investigación denominado Ceramar 3 nº 5532 e o permiso de investigación denominado Ceramar 3-Fracción Segunda nº 5532.2 e a canteira Pena Cafuma e o permiso de investigación denominado Abadín nº 5870 e o permiso de investigación denominado Togiza nº 5531 e coa solicitude de concesión de explotación nº 5531.2.

O citado informe manifesta textualmente canto segue: informe sobre o expediente de compatibilidade entre o parque eólico de Álabe-Labrada e diversos dereitos mineiros da provincia de Lugo.

1. Antecedentes.

Durante a tramitación da declaración de utilidade pública do parque eólico de Álabe-Labrada, solicitado pola sociedade Acciona Eólica de Galicia, S.A., detectouse a posible interferencia das actuacións pretendidas neste proxecto coas previstas para outros dereitos mineiros solicitados e/ou existentes na zona, polo que por parte desta dirección xeral se abriu o 10 de xaneiro de 2002 un trámite de audiencia coas partes interesadas, para así proceder a determina-la compatibilidade ou incompatibilidade dos aproveitamentos públicos en xogo.

Para a realización deste informe examináronse, ademais das alegacións presentadas polas partes dentro do trámite de audiencia, os seguintes documentos:

* Expediente e proxectos do parque eólico de Álabe-Labrada.

* Expediente e proxectos da solicitude de concesión de explotación Togiza nº 5531.2.

* Expediente e proxectos do permiso de investigación Togiza nº 5531.

* Expediente e proxectos do permiso de investigación Abadín nº 5870.

Durante a tramitación do expediente produciuse a caducidade do permiso de investigación Abadín

nº 5870 por renuncia voluntaria do seu titular. Por tanto, este dereito mineiro non é recollido neste informe.

2. Resumo dos proxectos e alegacións presentadas.

Vanse resumir neste epígrafe os proxectos e alegacións de cada unha das sociedades implicadas.

a) Acciona Eólica de Galicia, S.A.

O proxecto de parque eólico de Álabe-Labrada ten as seguintes características:

Características técnicas do parque:

Nº de aeroxeradores: 25.

Potencia unitaria por aeroxerador: 750 kW.

Xeradores: NEG-MICON NM 750/44-48.

Potencia total instalada: 18,75 MW.

Producción neta anual prevista: 43.755 MWh/ano.

Investimento previsto: 2.522.220.290 ptas.

* 25 aeroxeradores tipo NEG-MICON NM 750/44-48, de 750 kW de potencia nominal unitaria.

* 25 centros de transformación de 1.000 kVA de potencia unitaria e relación de transformación 0,69/20 kV, instalados unitariamente en interior de torre de aeroxerador coa súa correspondente paramenta de seccionamento, manobra e protección.

* Liñas de media tensión subterráneas para evacuación de enerxía a 20 kV, de interconexión entre centros de transformación e subestación transformadora 20/132 kV.

* Subestación transformadora 20/132 kV para evacuación da enerxía producida no parque eólico Álabe-Labrada, composta por un transformador principal 20/132 kV de 25 MVA ONAF de potencia nominal e un transformador para servicios auxiliares 20/0,4 kV de 100 kVA de potencia nominal cos correspondentes equipos de control, seccionamento, manobra, medida e protección.

Alegacións:

En resumo son as seguintes:

-En referencia ó permiso de investigación Togiza nº 5531:

* Considera que os titulares do permiso tiveron un interese moi escaso en desenvolve-la investigación proxectada.

* Non terse realizado os labores de investigación aprobados coa actividade e intensidade aprobadas, polo que non debe aprobarse a prórroga do permiso solicitada.

* No suposto de prórroga do permiso entende que a mínima extensión de terreo ocupada polo parque eólico non produciría ningún tipo de colisión co parque eólico.

-Sobre a solicitude de concesión de explotación Togiza nº 5531.2:

* Non existirá ningunha interferencia entre os labores proxectados para esta concesión e a infraestructura eólica, sendo o único elemento común de ambas actuacións o uso dos accesos existentes que consideran compatible.

* Independentemente do exposto considera que, dado que o proxecto mineiro se desenvolve nunha zona proposta para a súa inclusión na Rede Natura 2000, son mínimas as posibilidades dos titulares do dereito mineiro de obter unha declaración ambiental positiva, polo que non podería ser autorizada a explotación mineira.

-Con respecto ó permiso de investigación Abadín nº 5870.

* Coida que non é previsible ningún tipo de interferencia presente nin futura entre as actividades mineiras e o parque eólico.

* Finalmente e como conclusión solicita se declare a compatibilidade do parque eólico cos dereitos mineiros existentes e que se denegue a prórroga do permiso de investigación Togiza nº 5531.

b) Cupire-Padesa, S.A. y Revestimientos Naturales, S.L.

Titulares do permiso de investigación Togiza nº 5531 e da solicitude de concesión de explotación Togiza nº 5531.2.

Permiso de investigación Togiza nº 5531.

* Outorgado o 11 de marzo de 1998, sobre 123 cuadrículas mineiras. O recurso obxecto da investigación é granito ornamental.

* Autorizouse unha prórroga parcial de dous anos con data do 22 de novembro de 2002.

Solicitude de concesión de explotación Togiza nº 5531.2

Características do proxecto:

* Pretende explotarse un xacemento de granito gris co fin de obter bloques de granito ornamental.

* As reservas definidas alcanzan os 119.900 m.

* Inclúense dous ocos de explotación e dúas entulleiras.

* Prevese unha duración da explotación de 30 anos, a un ritmo de 4.000 m anuais.

Alegacións:

Pódense resumir nos seguintes aspectos:

* Prioridade do permiso de investigación sobre o parque eólico por ter sido solicitado con anterioridade. En caso de non ser así solicitan que se inclúan como afectados no procedemento expropiatorio e se denegue a urxente ocupación dos terreos.

* Considera que a proposta de Rede Natura 2000 non pode afecta-los seus dereitos mineiros por seren estes moi anteriores á formulación desa proposta.

* Petición de responsabilidade patrimonial da Administración por funcionamento anormal dos servicios públicos da Administración mineira gallega en caso de ser autorizado o parque eólico.

3. Conclusións.

Ó se-lo parque eólico o punto común do expediente, imos examinar por separado a súa posible compatibilidade con cada un dos dereitos mineiros por separado.

a) Permiso de investigación Togiza nº 5531.

Aínda que o permiso de investigación, na superficie para a que foi prorrogado, afecta o aeroxerador, segundo designación de proxecto, L-1115, os labores previstos na zona non interfiren coa infraestructura eólica, polo que debe declararse a compatibilidade de ambas actuacións.

b) Solicitude de concesión de explotación Togiza nº 5531.2.

Dentro da superficie deste dereito non existe infraestructura eólica, con excepción dun acceso xa existente que se pretende usar no proxecto eólico. Polo tanto, ámbalas actividades son compatibles.

En resumo, considérase que debe declararse a compatibilidade do parque Álabe-Labrada cos labores previstos no permiso de investigación Togiza nº 5531 e na solicitude de concesión derivada deste permiso Togiza nº 5531.2.

Fundamentos de dereito.

Primeiro.-A Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas é competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia, Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, o Decreto 132/1982, do 4 de novembro, e o Decreto 15/2002, do 24 de xaneiro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Industria e Comercio, en relación co Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, Decreto 302/2001, do 25 de outubro, e o Real decreto 2818/1998, do 23 de decembro, xa citados.

Segundo.-Á vista das alegacións presentadas, da contestación dada a elas por parte da empresa promotora e do resto de documentación que consta no expediente, queda de manifesto que:

a) A declaración de utilidade pública faise en virtude dos artigos 52 e 54 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico.

b) En canto á resolución da peza separada dentro deste expediente no que se estudia a compatibilidade ou non dos distintos dereitos amparados pola utilidade pública que incide sobre un mesmo espacio, é procedente declarala con base nos argumentos establecidos no informe da Subdirección Xeral de Enerxía e Minas con data do 11 de decembro de 2002, que esta consellería acepta e que serve de motivación á presente resolución neste extremo, ó incorporarse ó seu texto, tal e como establece o artigo 89.5º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Terceiro.-No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites regulamentarios. Así mesmo, a instalación e o seu proxecto de execución reúnen tódolos requisitos técnicos esixibles.

Esta dirección xeral, de acordo co que antecede e no exercicio das competencias que ten atribuídas,

RESOLVE:

1. Autorizarlle a Acciona Eólica de Galicia, S.A. a instalación dos equipos electromecánicos do parque eólico denominado Álabe-Labrada, que se situará no concello de Abadín.

2. Aproba-lo proxecto de execución da dita instalación.

3. Recoñecerlle a esa instalación a condición de instalación acollida ó réxime especial do Real decreto 2818/1998 e incluíla no grupo b.2) do artigo 2 do dito real decreto.

4. Declara-la utilidade pública en concreto das instalacións do parque eólico Álabe-Labrada, o que leva implícita a necesidade de ocupación dos bens e dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

5. Declara-la compatibilidade da actividade de producción de enerxía eléctrica no parque eólico denominado Álabe-Labrada coa explotación dos recursos minerais existentes no ámbito territorial afectado polo permiso de investigación denominado Togiza nº 5531 e coa solicitude de concesión de explotación Togiza nº 5531.2 (expediente 061/EOL).

Todo iso de acordo coas condicións seguintes:

Primeira.-Acciona Eólica de Galicia, S.A., para os efectos de garanti-lo cumprimento das súas obrigas, deberá constituír, no prazo dun mes contado desde o outorgamento da presente autorización, unha fianza de 303.176,98 euros, importe do 2% do orzamento que figura no expediente, para garanti-lo cumprimento das súas obrigas, conforme o disposto no artigo 19 do citado Decreto 302/2001, do 25 de outubro.

A citada fianza constituirase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 1.1º, punto 39 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, e será devolta unha vez se formalice a acta de posta en marcha das instalacións.

Segunda.-As instalacións que se autorizan terán que realizarse de acordo coas especificacións e os planos que figuran no proxecto presentado pola empresa cun orzamento de 15.158.849,2 euros.

Terceira.-Para introducir modificacións nas instalacións que afecten datos básicos do proxecto será necesaria a previa autorización da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas. Así mesmo, a Delegación Provincial de Industria e Comercio de Lugo

poderá autoriza-las modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes, debéndolle comunicar a esta dirección xeral tódalas resolucións que dicte en aplicación da dita facultade. Queda condicionado o inicio das obras dos aeroxeradores L-1101, L-1102 e L-1103 á elaboración dun proxecto arqueolóxico que deberá ser autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

Cuarta.-O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de dezaoito meses, contados a partir da data de ocupación dos terreos.

Unha vez construídas as instalacións autorizadas, a Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio de Lugo inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuados e verificará o cumprimento dos compromisos contraídos por Acciona Eólica de Galicia, S.A. no seu plan eólico.

Quinta.-Como requisito necesario para a aplicación á citada instalación do réxime especial, o promotor deberá inscribila no Rexistro de Instalacións de Producción de Enerxía Eléctrica en Réxime Especial da Comunidade Autónoma de Galicia, creado pola orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG do 14 de xullo), para o que acreditará o cumprimento das condicións previstas no artigo 12 do Real decreto 2818/1998, presentando a documentación que figure nas instruccións que dicte esta dirección xeral en desenvolvemento da dita orde. O parque conectarase co sistema de captación e procesamento de datos de producción enerxética de Galicia regulado pola Orde do 29 de xullo de 2002 (DOG do 13 de agosto).

Sexta.-Con carácter previo á posta en marcha das instalacións, o órgano competente verificará o cumprimento dos condicionados impostos nesta resolución, na declaración de impacto ambiental do 15 de novembro de 2001 e na modificación da declaración de impacto ambiental do 3 de xullo de 2002, así como aquelas que no seu día se emitan conforme o disposto no artigo 7.1º do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación de impacto ambiental para Galicia.

Sétima.-A Administración resérvase o dereito de deixar sen efecto esta autorización por calquera das causas establecidas no artigo 34 do Decreto 1775/1967, de 22 de xullo, por incumprimento das condicións impostas ou por calquera outra causa excepcional que o xustifique.

Oitava.-Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licencias ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, cabe interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Industria e Comercio no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da noti

ficación desta resolución, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que xulguen pertinente.

Santiago de Compostela, 26 de decembro de 2002.

P.D. (Orde 20-12-2001, DOG nº 250, do 28 de decembro)

Jesús Vázquez San Luis

Secretario xeral da Consellería de Industria

e Comercio